Carrilanos, novo premio

Carrilanos, o documental de Rafael Cid sobre a epopea dos traballadores da vía, acaba de recibir un novo premio: á mellor obra de documentais longas do Extrema ´doc Festival de Cine Documental de Extremadura. Este galardón, que mañá recollerá en Cáceres o autor verinés, únese á longa relación de recoñecementos da obra: Mención Especial do Xurado do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, o Primeiro Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, o Premio de Comunicación Francisco de Cossío de Castela e León e o Premio Galicia de Comunicación 2004 ao mellor labor de comunicación en televisión. Recoñecemento, tamén dos lectores e espectadores que nos obrigaron a facer unha segunda edición do libro e DVD e a continuar a súa xeira de presentacións polo país: o 14 de decembro na Coruña (da man do Ateneo Republicano de Galicia) e o 15 na Galería Sargadelos de Monforte.

Blúmsdei: quitar o corsé

Un bo amigo, ao fío da miña anotación de hai dous días, recórdame por correo electrónico a primeira crítica aparecida de Blúmsdei, preparada por Camilo Franco e aparecida no suplemento Culturas de La Voz (é unha mágoa que só se poida consultar en PDF) o 24 de xuño deste ano. Trátase dun texto crítico moi lúcido que amosa a relevancia da máis recente novela do noso Salinger. Reprodúzoo na súa totalidade polo que entendo gran interese:

“Sería moi cómodo interpretar Blúmsdei pola súa superficie, dialéctica. Polo seu carácter discursivo ou pola aparente eliminación de convencións que implican por igual aos métodos narrativos e ao sucederse das ideas. Sería rebuscado interpretalo estudando profundidades para levarlle a contraria ao autor porque de superficie e de fondo o último libro de Cid Cabido é un exercicio de literatura que disimula a exposición pero non a súa profundidade.
En moitos sentidos este libro é o da construción dunha narratividade que elimine as imposturas, as propias da literatura máis próxima e aquelas que proceden dos seus entornos socializantes. En certo sentido, de tanto esquivar modelos estetizantes, de construción politicamente correcta ou mesmo de acabado académico, Cid Cabido, afonda no coloquial como forma de prevención de calquera modo de esclerose formal.
As árbores que constante move o escritor diante dos ollos lectores chaman polo bosque das circunstancias: as do escritor seriamente apeado do pedestal da autoridade moral, a da memoria inevitablemente ameazada polas lagoas, a da perversión histórica das relacións entre o narrador e mais o lector e algunhas outras circunstancias que imos chamar menores para que ninguén pense que confundimos vida con obra e que Cid Cabido decide descolocar polo método de colocalas xusto no lugar que lle corresponde.
Xoga coa lingua e coa linguaxe e mesmo xoga coa idea dunha cultura excesivamente dependente da súa capacidade memorística. Por baixo da aparentemente inmediata organización coloquial do texto, por entre a aparencia anárquica da relación co lector, van aparecendo argumentos pouco dados á frivolización. E pode parecer que Cabido frivoliza coas formas, pero en absoluto cos argumentos. Sobre a dobre vía o autor de Días contados, vai sinalando sen demasiadas concesións algúns dos paradoxos aos que estamos sometidos desde o aquí e desde o agora. Desde a asunción da condición de escritores que escriben para entre eles ata a relativización da importancia do feito artístico. Son argumentos non chegan ao lector pola vía do apostolado intelectual, do enunciado filosófico senón desde a operatividade narrativa. En fin hai moitos anos que deberiamos ter obviado o debate entre acción e narración e non deixarse seducir por cousas tan peregrinas.
No texto de Cid Cabido pasan cousas, todas elas desde unha rememoración case automática, como se a memoria fose unha extremidade orgánica que colga de nós pero con certa autonomía. Pasan cousas que un lector pode calcular que forman parte do cotián e quizais non se equivoque, pero a intención é ir do particular ao xeral. Todo está ligado. Mesmo ese permanente xogo de ir adiando o suposto motivo literario do texto é outra indicación de que a literatura é algo residual fronte as dimensións da vida. Pero se a explicación queda excesiva quizais chegue con dicir que Cid Cabido non parece moi decidido a afortalar aquelas actitudes nas que, en sentidos diversos, se acaba por sacralizar o papel do escritor. Por iso o libro é, en realidade, unha narración dunha exactitude vital: como un humano mirado desde a lente do microscopio”. Camilo Franco

Etiquetas: , ,

Blúmsdei, gañador do Táboa Redonda 2006

Blúmsdei de Cid Cabido foi a obra gañadora do Premio Táboa Redonda ao mellor Libro Galego do ano 2006, outorgado entre os seus lectores polo Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo. A pesar de que esta novela non foi nin presentada en actos públicos nin apareceron entrevistas ningunhas nos medios, por desexo do seu autor, semella que, aínda así, puido abrirse unha fenda no interese e no apoio dos lectores. Ata agora foron escasas as referencias críticas aparecidas, coa excepción, que coñezamos nós, dos textos de Syldabija e Manuel Rodríguez Alonso. Agardamos que este recoñecemento axude a visibilizar unha obra que, afastándose das convencións da narrativa de ficción clásica, empregando a adxetivación especular ou simétrica e os constantes cambios de rexistro idiomático, aposta por liñas de literatura de investigación. Beizóns para Cid Cabido.

Para ler dúas veces

Hoxe apareceu en Babelia unha crítica sobresaliente da edición en castelán da novela de Rivas. Aledámonos desta recepción tan positiva que coincide coa expresada nos blogs galegos por Martin Pawley, Folerpa, Cesare, O levantador de minas, R.R., ou por críticos como Fernán Vello, Sandra Faginas, Xosé Manuel Eyré, Xulio Valcárcel (mágoa que estas tres últimas non poidamos lelas na rede) e Manuel R. Alonso.
Penso que é moi significativo que no paratexto da edición de Alfaguara se inclúan algunhas frases destas críticas publicadas nos nosos blogs. Quén pode dubidar do recoñecemento que isto supón para estes traballos críticos e para os seus autores. Beizóns para eles.

Arquitectura popular en Galicia

As intervencións de Manuel Rivas e Pedro de Llano na presentación de onte do libro de Arquitectura popular en Galicia foron memorables.
Rivas iniciou o seu parlamento afirmando que “este é un dos libros esenciais de Galicia” para sinalar a continuación que “nas arcas da casa tradicional galega gardábanse os documentos da casa, as alfaias e as sacas coa mellor semente. Este libro de Pedro de Llano é unha sorte de documentación notarial das casas de Galicia mais tamén é unha saca de semente coa información esencial da nosa cultura. Contén o noso xenoma, mais é ideal para compartilo con calquera outras persoas do mundo. É o primeiro libro que habería que agasallar a quen quere comezar a conversar con nós”.
Rivas fixo referencia despois á casa como algo universal, como o é para a humanidade crear lugares. “O primeiro fogar construído en Galicia foi circular, a primeira verba dunha socioloxía comunitaria é ‘lugar’. Esta palabra ten un significado toponímico rotundo: ‘vivimos no lugar de tal’, este é o comezo da nosa árbore topográfica”.
Rivas referiuse logo a Pedro de Llano como unha das persoas nas que está tan mesturado o que se fai, como vive e a súa ollada. “Yoyo está todo o tempo co interruptor aberto, facendo arquitectura cos ollos, vendo as fendas que deixa o capitalismo impaciente e algúns políticos deixan facer”. Engadiu que “este seu libro ten a condición do caderno que rexistra o diálogo da terra co territorio. Aquí hai traballo de campo, cultura como fogar nómade dun xove arquitecto guiado polo mestre Xocas; aquí temos o home que anda levantando plantas”. Rivas fixo, entón, unha digresión sobre a palabra ‘levantar’: “Levantar é reproducir o que os ollos ven. Os ollos de Yoyo ven máis aló da área cega. Aquí estamos falando dun arquitecto que concibe ao ser humano como un copiloto da natureza. Mais levantar é, tamén, erguer o que está caído, valorar o que non está prezado, en definitiva, levantar é descubrir a terra. O que fixo Yoyo na arquitectura, sen esaxerar, pode equipararse ao que fixo Rosalía, levantar as palabras caídas que estaban no chan”.
Rivas recordou a Rafael Dieste quen estudara a vontade de estilo da fala popular. “Yoyo estudou a vontade de estilo da arquitectura popular. O estilo na fala ven dado pola precisión, xa que todo o que é útil de verdade ten, como dícía Walter Benjamin, o engado do que non precisa demostrar a súa utilidade. Esta é a razón pola que toda obra de arte é útil. O mesmo sucede coa arquitectura popular. A casa galega constrúese como un obradoiro, coma unha fogar de vida para a natureza humana e animal, un obradoiro que canta e bole. A vida non é máis cunha enorme forza creadora de formas”.
Rivas, chegado a esta altura da súa intervención, abordou o carácter interpelante do libro. “Yoyo no seu andar polo país non só levantaba o debuxo do chan, tamén estaba facendo xeocrítica, a actividade dos que desvelaban fronte o ocultamento que practicaban os xeógrafos do poder. Este libro é un manifesto denuncia sobre o que se está a escribir sobre o territorio en Galicia e en moitas outras partes. Este libro é unha verdade inconveniente. Yoyo é incómodo por que di verdades incómodas, inconvenientes. Ten empeñado, mesmo o corpo, pola causa da liberdade, a de non deixarse levar pola corda do poder político. É un bo signo que este libro esencial se reedite e sexa unha referencia moral na nosa sociedade. A esperanza ou é arquitectura ou non é”, concluíu.
Pola súa banda, Pedro de Llano organizou a súa intervención a partir de dúas citas de senllos grandes arquitectos. A primeira de Le Corbusier: “A arquitectura popular permite facer brillar a harmonía, descubrir o futuro nun pasado marabilloso”. A segunda de Alejandro de la Sota: “A arquitectura é intelectual ou é popular, o resto é negocio”. Despois de reivindicar unha arquitectura como continuidade na paisaxe e de explicar o proceso de actualización do seu traballo nas tres últimas décadas, de Llano propuxo para o século XXI unha nova arquitectura humilde, racional e vencellada ao home.

Vidas exemplares

Hai tempo que tiña moitas ganas de anunciar a chegada aos andeis das librarías de Vidas exemplares, o libro de relatos de terror de Uxía Casal.
Ulises, un excursionista extraviado no bosque, sinte tres arrepíos, que lle impiden articular palabra, cando coñeceu a tres anciáns que padecen unha condena insoportable… Un estraño engado percorre o xardín do Pazo de Galdán desque alí apareceu o corpo de dona Arminda… Nai e filla deambulaban pola tenda baixo a atenta mirada da dependenta, que observaba sen disimulo os gustos tan dispares das dúas mulleres… Aquel condutor tiña un problema, freara o coche en seco e saltara correndo cara aos servizos do bar como se o perseguise unha fera rabiosa… A vida de Héctor e da súa compañeira mudou cando a iguana chegou á súa casa…
Este volume, singularísimo na nosa produción narrativa actual, reúne vinte e un intensos relatos de medo e intriga, protagonizados por seres tan extraordinarios como trastornados. Un libro, escrito na mellor tradición dos clásicos do xénero de terror, que deita a súa mirada con ironía sobre os espazos máis escuros de vidas exemplares.
Etiquetas: ,

A materia de Xabier Paz

Hoxe presentamos Materia de Lucrecio, o poemario máis recente de Xabier Paz. Creo que este poemario materialista sorprenderá xa que fose de a mantenta de calquera asombro íntimo para propoñer ao lector unha indagación sobre o sentido da vida no cosmos e no universo. Tanto pola súa temática, como pola súa expresión prosaica e a súa intención explícita de abordar a literatura (a poesía neste caso) como unha forma de coñecemento é un poemario moi pouco ao uso no actual panorama da poesía galega. Lucrecio, o poeta romano autor de rerum natura, pretendía afondar na natureza das cousas, representando o cosmos como un conxunto fortuíto de átomos que se moven no baleiro; el foi o primeiro materialista (“Se existen deuses, estes no interveñen nos asuntos dos mortais” deixou escrito), Eis sobre esa materia de Lucrecio, Xavier Paz ofrece un poemario que nos ensina e nos interroga como a Teoría das Cordas.

Na súa intervención Vitor Vaqueiro cualificou o libro como “un esforzo extraordinario, meritorio, extraordinariamente positivo”. Considerouno como “poesía materialista, didáctica, no sentido máis noble do termo”. Engadiu que “partindo de nocións abstractas, complexas, fainos reparar na existencia da conciencia, nesa inmesa traxectoria que vai do quark ao quásar“. Rematou sinalando que lle parecía moi interesante que ademais presentase os temas da morte e da eternidade da materia. “Un libro extremadamente lúcido e preciso”.

Xabier Paz comezou a súa intervención sinalando que entende o coñecemento como a base da hominización, “o coñecemento é o que nos construíu”. Sinalou que quixo facer unha homenaxe Lucrecio, discípulo de Epicuro, por que combatiu os medos á morte e ao futuro. “O meu proxecto foi intentar explicarme a min mesmo o sentido da vida. Creo que a vida é un efecto ventureiro do acontecer da materia”. Empregando a teoría da termodinámica e o concepto de entropía, reflexionou sobre as consecuencias de que na vida todo tende ao arrefecemento (unha das palabras claves do libro): “do que se trata na vida é de manter a orde, de aumentar a complexidade”. Continuou explicando que considera a creación artística como unha forma de aumentar o coñecemento, de aumentar a conciencia de nós mesmos e do mundo. “A arte debe engadir algo a esa tendencia á desorde”. Rematou a súa intervención, antes de ler unha escolma dos seus poemas, afirmando que “o progreso só se pode dar a través do coñecemento”.

A Cova das Vacas Mortas

Hoxe aparece a primeira crítica sobre a última novela de Jaureguizar, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2006 de literatura xuvenil. A crítica de Isabel Soto é moi boa, chamando á lectura:

“En definitiva, o conxunto conforma unha suxestiva historia que ha espertar a curiosidade do lector pola súa lograda construción e a intelixente dosificación de elementos reais, ao servizo das necesidades ficcionais (comunidades hippies e nazis en Galicia, inversión de papeis, o pasado do avó e a súa decisión de morrer canda as súas lembranzas, a funcionalidade da cineasta alemá, os presupostos nazis ante os que tomar partido, a actitude do sinistro profesor Robles…). Engadamos a axeitada combinación de ritmo e intriga, o acerto no ton narrativo, a prosa áxil e a naturalidade dos diálogos, e teremos como resultado unha narración á que lle auguramos éxito entre os lectores”.

A Cova das Vacas Mortas presentarase nas próximas semanas (anunciaremos data axiña), coincidindo coa apertura da nova Biblioteca da Fundación Caixa Galicia en Compostela. Logo, temos previsto unha presentación virtual da novela, con presenza de blogueiros en Vigo (quen queira apuntarse que mo faga saber), ademais da apertura dun sitio web específico da obra (quedou moi xeitoso).

Hoxe, tamén, pechamos o compromiso da edición de Salitre (xa vai na 4ª edición) en castelán, o que constitúe un feito moi a salientar.

O tesouro da lagoa de Reid 'Is

O pasado venres comezamos as presentacións dos Premios Xerais 2006. Fomos a Noia a acompañar a Agustín Agra, autor d’ O tesouro da Lagoa de Reid ‘Is, a novela gañadora do Premio Merlín 2006.
A presentación, organizada coa colaboración de Barbantia (unha asociación cultural inquedísima da que realizaremos un comentario do seu traballo en vindeiros días), constituíu un éxito rotundo de público. O libro foi glosado con moito pulo por Ramón Carredano, gañador da edición anterior e noiés, tamén, como Agra, que sinalou moi acertadamente o carácter fantástico e os moitos logros literarios do relato.
A intervención do autor tivo moita miga, tanto cando desvelou as razóns e o nome das persoas que o levaron a comezar a escrita hai uns anos, como cando expresou (coincidindo co que adiantara Carredano) a súa opinión de que a actual literatura infantil galega precisa de menos didactismo e menos “contidos transversais”. Os nosos lectores novos precisan “un pouco máis de sangue e de substancia ao xeito dos relatos clásicos que limos nós de pequenos” indicou cando rematou a súa fermosa intervención.
A obra gañadora do Merlín deste ano asume sen complexos esta perspectiva, xa que se trata dunha novela, moi ben traballada literariamente, que supón a volta do fantástico e da natureza para a nosa LIX. A oralidade encarnada na figura dun avó; os perigos e misterios dunha cidade asolagada; cofres repletos de ouro, alfaias e outras marabillas; feroces urcos sedentos de sangue que custodian o grandioso pazo do rei son algúns dos elementos temáticos dun relato de estrutura clásica escrito sobre a tea dun imaxinario popular e mítico, con influenzas da materia de Bretaña.
Agustín Agra, gañador do Pedrón de Ouro de hai dous anos e primeiro accésit do mesmo premio o pasado ano (textos que serán publicados nos vindeiros meses) estréase, pois, cunha obra de percorrido. Un novo autor que promete moito.

Etiquetas: ,

O club da calceta

Chegan máis novos títulos do prelo. A novela O club da calceta de María Reimóndez é o máis recente. Velaí o texto que contracuberta que preparamos para presentala:

“Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Ferananda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.

A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora do Club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina”.
A novela de Reimóndez estará nos anaqueis das librarías a vindeira semana, xunto co premio de Ameixeiras e o libro de relatos de Solleiro. Tres títulos doutros senllos narradores nacidos despois de 1975. Agardamos que teñan a visibilidade que merecen.