"As pontes no ceo" de Ramiro Fonte

Con As pontes no ceo péchase a monumental triloxía «Vidas de infancia» que Ramiro Fonte decidiu emprender para reconstruír os ecos dunha vila galega, o Pontedeume da súa infancia, contrastándoos co rumor dun tempo histórico. Se nos dous primeiros volumes o relato primaba a vida familiar e o ámbito da escola, nesta terceira e derradeira entrega o foco argumental alumea as voces da colectividade. Velaí o límpido engado desta serie: un espazo local sen lindeiros, un tempo gris e un cento de figuras inesquecibles, merecedoras de pasar á historia literaria e asumir a representatividade da raza humana. Coma un retratista desas cousas coas que se asaña o esquecemento, Ramiro Fonte arma, cunha prosa garrida, xenerosa en formas e susceptible de perdurar, unha novela de vivos mortos e de mortos vivos. Unha obra que mestura lirismo, oralidade, técnica teatral, erudición e filosofías de rueiro e que, baixo os presupostos da narrativa clásica, tamén indaga nas raíces da vocación literaria. Teño a convicción que esta triloxía constitúe un dos cumes da narrativa galega de sempre. As pontes no ceo estará nas librarías na primeira semana do mes de novembro.

Etiquetas:

Fidel Castro e Galicia

No suplemento Estela de Faro de Vigo publícanse hoxe tres páxinas de adianto sobre as relacións de Fidel castro con Galicia extraídas do libro de Ignacio Ramonet (Fidel Castro. A miña vida) que publicaremos a comezos do mes de decembro.

Entrevista a Agustín Fernández Paz

O levantador de minas publica unha entrevista audiovisual con Agustín Fernández Paz e un adianto lido dun dos contos (“Amor do agosto”) que forma parte do seu vindeiro libro (no prelo) O único que queda é o amor. Moi recomendables os dous documentos audiovisuais. Beizóns para Alfredo e Tati!

"Fidel Castro. Conversas con Ignacio Ramonet"

Tras a anotación de hai tres días, onde anunciaba algunhas das nosas próximas novidades, foron varias as chamadas interesándose pola edición de Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet. O libro que preparamos é a tradución para o galego, realizada por Xosé García Crego, do publicado en Cuba co título Cien horas con Fidel, e ven sendo un repaso demorado pola vida, a obra e o pensamento do líder cubano.
A galega será a edición completa do libro. Como ben recordamos, no verán de 2006, Fidel Castro foi sometido a unha intervención cirúrxica por causa dunha crise intestinal aguda; meses despois a televisión tróuxonos as imaxes dun Fidel convalecente, cun bolígrafo na man: revisaba e completaba a primeira versión desta obra con novas revelacións inéditas sobre a súa infancia, a súa familia e a historia de Cuba, as relacións co Che, con Hugo Chávez e con Evo Morales, a política internacional e o futuro do socialismo.
Como eran os seus pais? Onde e cando se forxou o rebelde? Estivo o mundo no límite dunha guerra nuclear durante a “crise dos mísiles”? Que significou a presenza do papa Xoan Paulo II na illa en 1998? Que pensa da globalización neoliberal, da guerra de Iraq e do presidente Bush? Por que as autoridades cubanas aplican unha política de arrestos contra opositores ao réxime? Por que permanece na lexislación cubana a pena de morte? Que fan centos de médicos cubanos en países diferentes de medio mundo? Existe corrupción no Estado? Que futuro para a revolución despois de Fidel Castro? As orixes galegas; os galegos no asalto ao cuartel Moncada e no proceso revolucionario. Opinións sobre Fraga Iribarne; e un capítulo especial para as relacións co Estado español, personificadas en Felipe González e José Mª Aznar son algúns dos temas abordados neste groso volume (máis de cincocentas páxinas), que constitúe un amplo percorrido pola controvertida figura de Fidel Castro, ao tempo que un apaixonante relato sobre o pasado, o presente e o futuro da Revolución cubana.
O libro, que constitúe ademais a primeira obra do redondelán Ignacio Ramonet no noso catálogo, aparecerá a comezos de decembro e pretendemos sexa presentado a comezos do mes de febreiro, con motivo da Feira do Libro da Habana 2008, onde Galicia será culta convidada de honra.

Entrevista a Iolanda Zúñiga

Faro de Vigo publica hoxe unha entrevista a Iolanda Zúñiga, a autora de Vidas post-it, o libro de relatos revelación deste ano.

Etiquetas:

Novidades de Xerais para outono

Comezan a chegar as novidades do noso outono literario. Xa temos no almacén A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos (o Premio Terra de Melide 2007) e hoxe entra Cardume de Rexina Vega (o Premio Xerais 2007), as dúas novelas con portadas do fotógrafo Fran Herbello. Esta semana tamén entrarán Illa Soidade de An Alfaya (premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil) e O ceo dos afogados de Francisco Castro (finalista do mesmo premio). Imprimíndose están Minimaladas de Carlos López (Premio Merlín de literatura infantil 2007), O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, A noite do Risón de Gonzalo Moure (as dúas primeiras entregas da nova colección de narrativa ilustrada), Consultorio dos nomes e apelidos galegos de Méndez Ferrín, Dicionario Xerais Castelán Galego e Chispas de Quesada. Estamos finalizando a edición d’ As pontes no ceo (a derradeira entrega da triloxía Vidas de infancia de Ramiro Fonte), Ao pé do abismo (primeira colectánea de artigos de Rosa Aneiros), Madeira de Zapatero de Suso de Toro e Fidel Castro. A miña vida de Ignacio Ramonet. Iremos dando noticia da aparición destas novidades e dos adiantos dalgún dos seus capítulos.

Etiquetas:

"Os libros arden mal" no cárcere

Onte Manuel Rivas e os seus músicos inseparables (Marcos Meléndez, Gastón Rodríguez e Pulpiño Viascón) presentaron Os libros arden mal diante de cento cincuenta reclusos do cárcere de Teixeiro. A reportaxe de Paola Obelleiro no País-Galicia sobre o desenvolvemento do acto é moi interesante. O funcionamento dun taller literario permanente, animado por Luís Gónzález Tosar, ábrese como unha experiencia novidosa para a reeducación penitenciaria. Eis outra das posibilidades da lectura nas circunstancias máis adversas.

Etiquetas:

"Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario"

Rotundo éxito da homenaxe de tres días rendida no Morrazo a Bernardino Graña con motivo do seu setenta e cinco aniversario. A cea de homenaxe, os concertos e recitais, como a presentación do libro foron todos actos moi concorridos e agarimeiros co noso mariñeiro das palabras.
A presentación do libro colectivo, coordinado por Héitor Mera, –fóra dun malentendido que me deixou desolado (por causas incomprensibles non se publicou o traballo enviado por Xosé Vázquez Pintor, dende aquí expresamos as nosas maiores desculpas para el)–, foi outra oportunidade para escoitar a Bernardino expresando con absoluta liberdade o horizonte dos seus soños.

O de Tirán comezou a súa intervención lamentando algunhas grallas que detectara na edición do libro (“areíñas que se meten nos zapatos”), froito do apresuramento na realización dos traballos. Referiuse despois a satisfacción que lle producía o proxecto de Xerais de editar Catro de Sinfarainín, a tetraloxía de pezas dramáticas infantís que publicaremos na vindeira primavera. A primeira, O lobo do saco é unha referencia explícita a Franco que non puido ser publicada por mor da censura e que se distribuíu a ciclostil. A segunda, A larpadela gustosa do lobo e a raposa, como a terceira, Sinfarainín contra don Perfeuto (publicada como separata do número 48 da revista Grial) están protagonizadas por ese sínfano, un mosquitín que se mete por todas as partes, inventado vendo unha representación dunha obra de Lorca, que representa a conciencia das cousas. A última, Os burros que comen ouro, será publicada con arranxo á primeira versión para nenos, a pesar de que foi representada nunha versión para persoas adultas.
Continuou Bernardino expresando que “teño moi boa sorte con esta homenaxe, mais teño mala sorte co teatro. Sería bo facer unha representación de Vinte mil pesos crime“, ademais de desvelar que ten gardada na gaveta outro texto de teatro para adultos, Unha vella en auto-stop, peza a que logo mudou o título por Nun caseto que vai ser un banco, que quizais algún día poida ser publicada e representada. Rematou as súas palabras facendo unha defensa vibrante do libro e da lectura: “Os libros son para tomar conciencia. Espero, son utópico, que neste século XXI vexamos todo o que nos prometeron na metade do século XX, menos traballo e máis tempo para ler e asistir a representacións teatrais. Aspiro á semana de catro días de traballo. Así poderemos estar lendo e as máquinas e robots traballando para nós. Así nos homenaxeremos todos”.

Actualización (01-10-2007): “Eu tamén utópico“, comentario de Náufrago.

Retrato de Urbano Lugrís

Despois das dúas presentacións, onte en Vigo e anteonte na Coruña, da novela de Luís Rei Núñez e das primeiras recepcións de lectores (todas moi entusiastas e coincidentes en que a lectura destas catrocentas páxinas faise dun tirón), teño a impresión que esta será unha das novelas mellor valoradas e máis lidas dos últimos anos.
As intervencións memorables dos presentadores, os poetas Manuel Álvarez Torneiro e Ramiro Fonte, foron en idéntica liña e coincidiron na estirpe cervantina deste retrato da aventura humana do pintor de Lugrís coas luces da bohemia coruñesa dos anos cincuenta como teón de fondo. “Unha novela que ensancha con humildade e traballo os límites da nosa narrativa contemporánea”; “unha prosa para endereitar o rumbo zozobrante da narrativa galega” (dixo Fonte). “Unha aventura humana, un drama, un destino de Urbano Lugrís que non está nos museos, mais que está na novela de Luís Rei” (dixo Torneiro). A amizade do pintor co poeta de Taramancos (na liña das grandes parellas literarias e cinematográficas Quixote e Sancho, Laurel e Hardy, Martin Pawley e Ethan Edwards) os límites tan tenues entre a realidade e a ficción (con precedentes en Max Aub, Valle, Cansinos Assens ou Vázquez Montalban), o procedemento arriscado dos diarios apócrifos, o xogo das dúas voces (a do narrador e a apócrifa do pintor), a importancia da literatura biográfica para os narradores (“Unha tarefa que debían acometer todos os narradores é escribir unha biografía doutro escritor”, dixo Fonte), as relacións entre a pintura e a literatura (e mesmo a vocación dormida de pintor de Rei Núñez) ou o carácter poliédrico e contraditorio do protagonista foron outras reflexións expresadas nas dúas presentacións. Unha novela importante, moi recomendable.

Nota: a próxima presentación realizarase o 25 de outubro, organizada polo Ateneo de Pontevedra.

Actualización (01-10-2007)
: Folerpa recolle outras frases de Ramiro Fonte da presentación.