"A casa dos Lucarios" de Teresa Moure

Hoxe entrou no almacén A casa dos Lucarios, a primeira obra de Teresa Moure dentro da colección Fóra de Xogo. Estará nas librarías a vindeira semana. Recupero o texto que redactamos de presentación promocional:

Rosa e Chicho, cando perderon a súa terceira filla, María Celeste, aparecida morta no seu berce na segunda semana de vida, decidiron instalarse en Ferreira. Alí levantaron unha casa de dúas plantas, coa cociña grande daqueles tempos, pegada á corte, e dous cuartos máis para acubillar á xente miúda, ademais dun faiado fermoso onde gardaren mazas e millo e soños dos que escorregan polas fendas de madeira. Despois, Chicho tiraría coa corte e construiría a taberna, onde cada noite apertaba o fol da súa gaita grileira, e onde tamén Rosa acrecentaba, contra vento e marea, as súas industrias de vendedora de pezas do enxoval. A vida ía manando paseniño, coa correspondente ración de dores e alegrías, como mudaba a casa dos Lucarios.
Teresa Moure ofrece nesta novela curta, escrita nunha prosa engaiolante, enchida de humor e sensualidade, a historia dunha familia a través das mudanzas e transformacións realizadas na súa vivenda ao longo de varias décadas. Un texto memorable dunha das nosas grandes escritoras contemporáneas.

Etiquetas:

Volve Luís Rei Núñez

Entrou en impresión a nova obra de Luís Rei Núñez, un dos nosos mellores novelistas actuais. Eis o texto de contracuberta que preparamos para presentala:

Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos tarambainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso “branco” ou os candorosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.

O señor Lugrís e a negra sombra estará nas librarías na terceira semana do mes de setembro. A edición en castelán será publicada por Ediciones del Viento.

Etiquetas:

"L' affiche rouge"



Onte presentamos L’affiche rouge, a primeira novela de Mario Regueira na terceira xornada da Feira do libro da Coruña. A intervención da profesora María do Cebreiro e o miniconcerto de Leo de Matamá (algó insólito na Feira) centraron un acto onde o autor ártabro foi moi arroupado polos seus compañeiros de xeración. Na miña intervención non puiden evitar recordar que a lectura desta cousa bonita produciume un estremecemento semellante ao que sufrín hai vinte e cinco anos cando o fixen con Dos anxos e dos mortos (conmemoramos o trinta aniversario da súa edición en Castrelos) de Anxo Rei Ballesteros.
A novela de Mario, como sucedeu coa de Anxo, está chamada a abrir un tempo literario novo na narrativa galega. “O que soñamos hai que conquistalo, hai que loitalo”, comenta Xulio, un dos protagonistas da novela, no seu derradeiro diálogo, para deitar unha fenda de esperanza para unha novela que propón un diálogo interxeracional arredor dos mitos que constrúen a nación.
Unha novela que recomendo moi vivamente e da que agardamos impacientes a aparición das primeiras reseñas e valoracións.

O vídeo recolle a interpretación de Leo Ferré da canción homónima á novela, sobre texto de Louis Aragon.

Actualización (15-08-2007): Recomendo a visita a diversos blogs que fixeron crónicas sobre a presentación:

  • Ghanito (grande reportaxe fotográfica).
  • Zerovacas (propón un interesante debate sobre a “cuestión xeracional”)
  • Mario (as reflexións do propio autor).

"Terrorista", unha literatura atrevida

Agradécense moito críticas como as que Mar Pichel publica en Galicia hoxe sobre Terrorista, a novela que traducimos de John Updike. Sempre crin que a novela é importante e a tradución de Lara Domínguez para o galego excelente. Agardo que comece a ir desvelándose devagariño entre o público que procura textos de altura.

Etiquetas:

Novos abismos

Unha das responsabilidades principais dos editores literarios é contribuír á aparición de textos de novos autores e autoras. Este é o sentido da serie Abismos que vimos publicando dende hai varios anos, onde debutaron, entre outros, narradores como Xesús Fraga, Samuel Solleiro, Mario Regueira ou Begoña Paz. Nestes días estamos a piques de recibir no almacén dúas novas entregas de Abismos: a primeira novela de Antía Nara (1974) Aquel lugar e o libro de microrrelatos Vidas post-it cos que debuta Iolanda Zúñiga (1975).
En Aquel lugar, unha muller emprende unha viaxe a Lahore, Paquistán, unha cidade de encontro convertida agora nun lugar inseguro porque se pensa que alí se agachan destacados terroristas. En certa medida, Paquistán é un país á deriva, perdido na procura da súa identidade; un país de terras profundas onde a vida, para unha moza como Talat, non é doada. Pero, lonxe, en Galicia, hai outra terra profunda semellante á de al-Luaira. É o punto de procedencia dunha moza que decide a viaxe como un xeito de liberación, pero que atopa o mesmo. Nesta novela, o debut literario de Antía Nara, mestúrase a violencia xeral coa particular, a tradición coa modernidade, o profundo coa superficialidade, a simplificación coa complexidade de dous mundos deixados á marxe. Polo momento, a viaxe queda como a única saída.
Contemporáneos e fragmentarios, os de Vidas post-it son microrrelatos ou relatos curtos, concisos e veloces, que alimentan un recetario de tropezos na vida. Unha tras outra, predominan as situacións cotiás guiadas por condimentos universais: incomunicación, soidade, desamor, abismo, sexo, rutina, violencia, melancolía, drogas, medo e outras miserias que murchan, afogan e desesperan; todo adobado coa fugacidade, precisión e brutalidade da vida sen decorados. Os post-it deste libro de Iolanda Zúñiga, escrito cunha prosa directa e rotunda, atractiva e imantada, son deseños veloces coma tráilers de películas que debuxan vidas marcadas polo naufraxio persoal ou colectivo, afondando no recuncho máis escuro e brutal da propia vida.

Aquel lugar e Vidas post-it estarán nas librarías na primeira semana de setembro.

Etiquetas:

De provincia a nación

Hoxe, coincidindo co Día da patria galega 2007, entrou no prelo De Provincia a nación. Historia do galeguismo político, a magna obra que durante unha década preparou Justo Beramendi. Este groso volume de 1248 páxinas, encadernado en cartone e en formato 17 x 24, é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade.
O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións –a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral– e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo. As maiores novidades neste sentido son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República. Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español. Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego. Xa que logo, este libro é unha contribución decisiva para coñecer e entender, por que Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente diferenciada. Estará nos andeis das librarías na primeira semana de setembro.

Etiquetas:

Como se fai un libro?

Este vídeo brasileiro recolle unha vella idea, que nos puxemos en marcha en 1994 por medio dun diaporama, de presentar o proceso de creación editorial e fabricación dun libro. Útil a nivel didáctico, a pesar de que está algo retrasado a nivel tecnolóxico (aquí empregamos cada vez menos os fotolitos, substituídos hoxe polo proceso do “directo á prancha”). Recoméndoo, sobre todo, para as aulas.
Vía Alessandro Martins.

Etiquetas:

Enderezo descoñecido

Cando Enderezo descoñecido se publicou por primeira vez en 1938 causou gran sensación pola crueza coa que expoñía diante da opinión pública norteamericana o veleno do nazismo dende os seus inicios. Axiña obtivo vendas espectaculares e foi editada en Inglaterra e traducida a outras linguas, sendo considerada como unha obra perfecta. En 1939, a tradución holandesa desapareceu das librerías e, coincidindo coa ocupación nazi, a única presencia da novela en Europa foi na lista de libros prohibidos do Reichskommisar. A historia permaneceu descoñecida no continente durante sesenta anos máis, malia o impacto e o gran éxito que acadara nos Estados Unidos e Inglaterra. Trala súa reedición en 1995, para conmemorar o cincuenta aniversario da liberación dos campos de concentración, chegou ás mans de Henri Dougier, o editor francés de Autrement, quen decidiu publicala convencido da súa importancia para as vítimas do nazismo e para toda a comunidade europea. A partir de entón, a novela foi traducida ao italiano, hebreo, alemán, grego, noruegués, sueco, danés, portugués, español e catalán. En 2002 Xerais ofreceuna en edición galega, traducida por Emma Lázare Rodríguez, pasando inicialmente case desapercibida para a crítica galega (non estaba valorada daquela a tradución de obras contemporáneas?); porén, foi converténdose nun libro de culto, agotando devagariño unha edición de 1.500 exemplares. Hai un par de meses sacamos unha segunda edición e agora Mario Regueira faise eco desta reedición. O grupo vasco Tantakka Teatroa preparou unha montaxe en esucaro e castelán sobre o relato, que foi realizada tamén en catalán por Teatre Batrina de Reus e o Teatre Borrás de Barcelona
Escrita en forma epistolar pola norteamericana Kressman Taylor, Enderezo descoñecido conta a sorprendente historia de dous amigos e socios propietarios dunha galería de arte en California, Max Eisenstein, xudeu estadounidense, e Martin Schulse, alemán, que retorna ao seu país en 1932, coincidindo co ascenso do partido nazi. Esta obra, breve e intensa, representa un dos máis estarrecedores alegatos contra o nazismo, cuxo rostro perverso se nos fai patente ao longo da correspondencia entre os dous personaxes. Aclamada pola crítica de todo o mundo, foi considerada polo The New York Times Books Review como “a denuncia máis efectiva que se pode facer contra o nazismo en literatura de ficción. É a perfección mesma”.

Etiquetas:

O vindeiro Outono literario de Xerais

A punto de collermos as nosas tres semanas de vacacións, ultimamos estes días a primeira fornada de novidades do que será o noso outono literario. Aí vai un primeiro adianto dos seus títulos.
  • En XERAIS NARRATIVA publicaremos ademais de Cardume de Rexina Vega (premio Xerais de novela) e A lúa dos everglades de Xesús Manuel Marcos (premio Terra de Melide), as novelas O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei Núñez e As pontes do ceo, terceira e derradeira entrega do monumental friso Vidas de infancia de Ramiro Fonte.
  • En XERAIS CRÓNICA publicaremos os libros de conversas con Darío Xohán Cabana e Carlos G. Reigosa, ademais dos novos libros de Xosé Neira Vilas (Arredor do mundo) e Rosa Aneiros (Ao pé do abismo).
  • En XERAIS ABISMOS, colección narrativa dedicada a primeiras obras, aparecerán Vidas pos-it de Iolanda Zúñiga e Aquel lugar de Antía Nara.
  • En XERAIS POESÍA aparecerán novos poemarios de Xosé Rivadulla Corcón (Adeus do vello mariñeiro) e de Leonardo Fernández (Hai cu).
  • En XERAIS FÓRA DE XOGO publicaremos ademais de Illa Soidade de An Alfaya (premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil) e da novela finalista, O ceo dos afogados de Francisco Castro, o relato de Teresa Moure A Casa dos Lucarios e a terceira entrega da serie de novelas de Herbie Brennan, iniciada con O portal dos elfos, titulada O Reino en perigo.
  • En XERAIS MERLÍN aparecerá Minimaladas de Carlos González (premio Merlín de literatura infantil), ilustrado por David Pintor e A mañá do monstro de Miguel Vázquez Freire.
  • Aparecerá tamén, e despois de dez anos de traballo, De provincia a nación. Historia do Galeguismo político de Justo Beramendi, obra de 1.200 páxinas na que levamos traballando máis de ano e medio.
Etiquetas:

A presentación d’ A lingua galega na cidade no século XX de Gabriel Rei-Doval, celebrada onte no Consello da Cultura Galega, supuxo unha reflexión sobre o futuro social da lingua nos medios urbanos, as posibles consecuencias da ruptura do consenso arredor do decreto de uso do galego no ensino e as medidas máis axeitadas para a planificación lingüística.

Etiquetas: