A cruzada de Galicia Bilingüe

Temos que agradecer a Bernal Rúa a completa crónica, que publica hoxe en Vieiros, sobre a conferencia de Galicia Bilingüe (GB) no Centro Cultural Caixanova de Vigo que congregou a medio milleiro de “galegófobos” ou “hispanófilos” –entre os que se atopaba a candidata ao Senado Corina Porro e outros militantes do PP de Vigo– chamados por esta asociación que pretende derogar a actual Lei de Normalización Lingüística.
A crónica de Bernal (recomendo vivamente a súa lectura) é moi clarificadora sobre as posicións políticas e os argumentos utilizados polos responsables desta asociación de profesores, situados na ultradereita de aboengo franquista, invocando unha “cruzada lingüística por todos los rincones de Galicia” para “atallar a “discriminación do castelán” en Galicia. Entre as máis variopintas falsidades, utilizadas polos oradores para atacar a legalidade lingüística instituída por consenso no ano 1983, non podo obviar a referencia que nos dedicaron: ” [Gloria Lago] Atacou duramente os contidos da materia de Lingua Galega, en especial o libro de texto de Xerais que acusa de ‘escoller imágenes violentas y poemas que hablan de la República Galega y otras barbaridades’ [sic]”.
Falsidades semellantes non merecen sequera intentar ser rebatidas, nin tampouco obsesionarse co axenda de actos e iniciativas excéntricas dunha asociación nacida para intentar rachar o consenso social xerado a partir da aprobación da Lei Normalización Lingüística. Non son as falsidades que utilizan os responsables desta asociación o máis grave da súa provocadora actuación (na que, na miña opinión, non se debería entrar, xa que só se lle proporciona publicidade gratuíta). No entanto, a gravidade do fenómeno de GB reside no apoio cada vez máis explícito que lle proporciona o Partido Popular de Galicia ao seu funcionamento e ás súas falsidades. Algún responsable autorizado deste partido debería chamar a sensatez aos seus militantes e simpatizantes, xa que, non o esquezamos, o PPG foi corresponsable do consensuado Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, peza da que sae tal cal o decreto de utilización do galego como lingua vehicular do 50% das materias do ensino non universitario, que agora tanto incomoda a GB e á candidata Corina Porro e os seus seguidores. Mágoa que voces dignas co galego e co país (como as expresadas nunha recente entrevista radiofónica por Xesús Pablo González Moreiras) sexan no actual PPG moi infrecuentes, o que supón un serio problema político para Galicia. Posicións como as de GB e o PPG agoiran un futuro moi negro para o galego e para a nosa convivencia democrática. E ben que o sentimos no día internacional da lingua materna.

"Fidel Castro. A miña vida", presentación na Habana

Mañá preséntase na Feira Internacional do Libro da Habana Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet. Xosé García Crego, o tradutor da obra e director de edicións de Xerais representará á editorial nun acto moi significativo para a historia da nosa editora.

Actualización (17:30 horas): Fran Alonso publica a súa crónica do que está pasando na Habana e do éxito de vendas dos libros galegos.

Etiquetas:

"A venus de cristal", presentación

Onte presentamos na Coruña A venus de cristal, a segunda novela de Chelo Suárez. O acto foi concurridísimo, máis dun centenar de persoas, e confirmou a miña intuición de que esta novela vai constituír unha das sorpresas deste ano literario recén comezado. Foi presentada pola escritora Begoña Paz (da que publicaremos proximamente As mellores intencións, premio de novela curta do concello de Riveira).
Chelo Suárez, como o seu protagonista, o vidreiro de Murano Pietro Puliani, procura nesta novela de espírito renacentista a beleza en cada unha das páxinas. Unha historia ambientada naquela Venecia opulenta e cosmopolita do século XV onde utilizando os recursos dunha novela de intriga (con crime incluído) se propón unha reflexión sobre o fuxidío da beleza. Empregando unha prosa minimalista, sinestésica e unha estrutura de capítulos moi breves, Chelo vai mesturando o onírico co real, o vivido co soñado, a alquimia coa sensualidade, para propoñernos un ensaio sobre a beleza perfecta, que identifica, como tamén fixeron os mestres renacentistas coa inmortalidade que só se adquire por medio do coñecemento. A novela é, ademais, unha homenaxe ao mestre Boticcelli e a dúas cidades (a Venecia, filla do mar e labirinto de paixóns; e a Firenze templo da beleza serena) que emerxen luminosas construídas por palabras-laxe. Un texto interesante e de lectura engaiolante. Agardamos as primeiras críticas e valoracións dos lectores e lectoras. O éxito de presentación tan exitosa encheunos de expectativas.

Etiquetas:

Gañadoras do Iº Premio de Micronovela de Soutomaior

Hoxe dimos a coñecer o fallo do Iº premio de Micronovela organizado polo concello de Soutomaior. Entre as corenta e oito noveliñas presentadas (máis de dous mil cincocentos folios), os tres membros do xurado escollemos como gañadora “Diario do efecto bolboreta” de Andrea Maceiras Lafuente, xove narradora de Cambre, estudante de 3º de Filoloxía da Universidade da Coruña. A obra gañadora do accesit foi a titulada “Virxinia” de Pilar Ortega Pereiro, profesora de Tecnoloxía no IES Pedra de Auga de Ponteareas.
A micronovela gañadora relata, seguindo a teoría de Lorenz, unha orixinal e divertida viaxe dun matemático galego e sentimental que persegue o bater de ás dunha bolboreta de Beijín a Nova York para comprobar a veracidade do chamado efecto bolboreta.
Ningunha das dúas gañadoras ten obra publicada ningunha, a pesar de xa ter acadados outros premios literarios anteriores. Unha auténtica sorpresa. As noveletas premiadas serán editadas a finais da vindeira primavera.
Actualización (16-02-2008): A noticia da entrega en Vigo Metropolitano e La Voz de Galicia.

Sendeiro rural de Galicia

Paco Armada acaba de abrir un blog dedicado ao GR.94, o sendeiro rural de Galicia, homologado pola Federación Galega de Montañismo. Seguindo este vieiro para camiñantes, perfectamente sinalizado, pódese chegar de Vigo a Compostela sen pisar o asfalto. Recomendo a visita a este novo espazo web, onde Armada pretende ir informando sobre os contidos do libro de título homónimo que acabamos de poñer nas librarías. Armada acomete agora outro dos seus proxectos máis queridos: a rota do Miño, dende A Pastoriza á Guarda.

Etiquetas:

Contrapunto

O blog de Manolo Gago é unha fonte permanente de bo gusto e beleza. Ademais de moitos outros temas, comparto con Manolo o seu interese pola eficacia emotiva da “publicidade branca”. Hoxe pendurou estas dúas pezas do Metro de Madrid, que son sinxelamente preciosas. A veterana axencia Contrapunto, produtora da segunda das pezas, ten realizado moitos outros traballos magníficos. Velaí o anuncio que nos prepararon hai vinte anos para o lanzamento do noso dicionario e o seu tan famoso spot corporativo “Unha mala publicidade pode facerche perder consumidores”:

Vestio

Acabamos de recuperar para a colección “Fóra de Xogo” Vestio, a novela que Xosé Miranda publicara por vez primeira en 1995. Un libro que enlaza temática e formalmente, co moi exitoso volume de contos As mans no medo (publicado o pasado ano e xa reeditado) e co, tamén reeditado, volume de narracións do fantástico A biblioteca da iguana. Tres obras dun mesmo ciclo dun dos nosos maiores narradores contemporáneos.
Velaí o texto de contracuberta que preparamos:

“A doutora Eva García, destinada no remoto lugar de Viana das Veigas, atópase cun cadáver sen rostro e coas mans esmagadas. Xunto ao cadáver aparecen unha carta e un diario. Lendo o diario a doutora vai descubrir as claves de estraños comportamentos e estraños acontecementos que non só se refiren as habitantes da vila, senón a ela mesma, ao seu marido e á súa filla desaparecida hai anos. Eva descubre con abraio que o cadáver resulta ser un antropólogo inglés chegado co pretexto de estudar unha antiga seita priscilianista. Vestio condúcenos de sorpresa en abraio polos labirintos máis inextricables da alma humana e das crenzas máis insospeitadas e terribles. Nin das sombras nin dos homes (como con dor e espanto descubre a doutora) pode fiarse o lector. Unha novela de intriga, suspense, pánico e misterio. Unha narración claustrofóbica, labiríntica, aterradora.”

Recomendo encarecidamente a lectura para aqueles gosten das novelas de terror e do fantástico. A solidez narrativa de Miranda (xa corenta e oito títulos no noso catálogo) nunca defrauda.

Etiquetas:

Estreas narrativas: Salter e Chelo Suárez

Comezamos o ano con dúas estreas na colección Xerais Narrativa: a novela A venus de cristal da narradora coruñesa Chelo Suárez e o libro de relatos A idade da auga do escritor escocés (afincado en Galicia) James Salter.
A de Chelo, ambientada na Venecia de finais do século XIV constitúe unha proposta de narración moi singular, protagonizada por un vidreiro alquimista que frecuentando todos os bordeis dunha cidade en decadencia procura atopar rapaza que agoche no seu interior unha alma inmortal e bela. Unha narración sensual, de prosa moi elaborada, enchida de personaxes grotescos e fantásticos.
A de James, oito relatos ambientados todos eles en Vigo, unha cidade-barco case chea de gaivotas, na que se exploran os vieiros do imaxinario creativo e fantástico de Cunqueiro ou do pintor Urbano Lugrís. Dous novos autores para a narrativa galega que creo supoñerán toda unha sorpresa. Agardemos a recepción destes textos.
As dúas cubertas, como ven sendo adoito nas últimas entregas, son do fotógrafo Fran Herbello.

Etiquetas:

O Carnaval en Galicia

Coincidindo co inicio desta primeira semana do Entroido puxemos nas librarías unha nova edición, totalmente renovada, do Carnaval en Galicia, o libro de Federico Cocho, con magníficas fotografías de Manuel G. Vicente, que percorre as manifestacións e a xeografía do noso entroido tradicional, tanto rural como urbano: os Momos e Mecos, os Felos de Maceda, os míticos Cigarróns, os Troiteiros de Bande, os rechamantes Xenerais do Ulla, os Merdeiros de Vigo, Peliqueiros, Pantallas, Tamborradas de Viana do Bolo, Foleiros de Sande, Marfois, Choqueiros, Zarrampallos, Madamas e Galáns de Cobres… E tamén a rica tradición do carnaval nas vilas e cidades: o Urco e o Ravachol de Pontevedra, os apropósitos coruñeses… Un libro ben xeitoso para estes días de xoldra.

Etiquetas: