Presentación "De provincia a nación"


Foi moi brillante a presentación celebrada hoxe do monumental libro de Justo Beramendi. O Vicepresidente da Xunta, que presidiu o acto, soubo contextualizar moi acaidamente a aparición de tan importante obra na situación actual do nacionalismo. A presentación xirou, ademais, arredor da intervención do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández que gabou a harmoniosa arquitectura conceptual dunha obra que definiu como “magna”. Especialmente importantes foron dúas das súas afirmacións: “Xa temos escrita a biblia da historiografía nacionalista”. “Nesa ducia de libros imprescindible que ten unha biliografía dun país, en Galicia sempre estarán dúas obras: O atraso económico de Galicia de Xosé Manuel Beiras e De provincia a nación de Justo Beramendi”.
Entre o numeroso público estaban figuras do galeguismo e da política galega como Isaac Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Ramón Villares, Francisco Jorquera, Lorenzo Fernández Prieto, Xosé Antón Segade, Xerardo Estévez, Mercedes Rosón e moitas outras. Unha presentación importante para o que entendo será o noso libro do ano e unha das obras que marcarán como referentes o noso catálogo durante un longo período.

Actualización (27-10-2007)
: a crónica da Voz de Galicia.

Etiquetas:

"Limpeza de sangue", Premio Nacional 2007

Beizóns, beizóns, beizóns, beizóns, Rubén! Acabamos de coñecer que Limpeza de sangue obtivo o Premio Nacional de Literatura Dramática 2007. Poucos premios tan merecidos coma este. Estamos entusiasmados.

(Actualización: 20:30 horas): A breve anotación anterior está realizada, ás 12:40, tras a chamada de Rubén para dar a boa nova. Axiña publicamos unha nota de prensa. As referencias e entrevistas con Ruibal, que atopamos até agora na rede, son as seguintes: Terra: “Ruben Ruibal: ‘Non concibo o feito de escribir sen dar avisos sobre os problemas do mundo'”. La Voz de Galicia Gznación e Xornal.com.
Esta é a segunda ocasión na que un texto dramático galego obtén o Premio nacional, xa que, con anterioridade Manuel Lourenzo o obtivera en 1997 por Veladas indecentes. Rubén Ruibal engádese á nómina de premios nacionais obtidos pola literatura galega nas dúas últimas décadas: Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Manuel Rivas e Suso de Toro. Do interese e da calidade da obra gañadora, así como da súa magnífica recepción entre os lectores, temos falado dabondo no blog. Agardo que este premio axude a visibilizar o texto entre un maior número de lectores e a poder chegar a representar a obra (algo que, incomprensiblemente, aínda non está en marcha).

Coincindindo coa nova de Rubén, tamén recibimos a noticia dos premios do IGAEM deste ano 2007: Historia da chuvia que cae todos os días de Roberto Salgueiro (Premio Álvaro Cunqueiro) e Game over de Carlos Losada (Premio Manuel María de literatura dramática infantil). Publicaremos os dous textos dentro da Biblioteca Dramática Galega, iniciada co libro de Rubén.

Etiquetas:

"As pontes no ceo" de Ramiro Fonte

Con As pontes no ceo péchase a monumental triloxía «Vidas de infancia» que Ramiro Fonte decidiu emprender para reconstruír os ecos dunha vila galega, o Pontedeume da súa infancia, contrastándoos co rumor dun tempo histórico. Se nos dous primeiros volumes o relato primaba a vida familiar e o ámbito da escola, nesta terceira e derradeira entrega o foco argumental alumea as voces da colectividade. Velaí o límpido engado desta serie: un espazo local sen lindeiros, un tempo gris e un cento de figuras inesquecibles, merecedoras de pasar á historia literaria e asumir a representatividade da raza humana. Coma un retratista desas cousas coas que se asaña o esquecemento, Ramiro Fonte arma, cunha prosa garrida, xenerosa en formas e susceptible de perdurar, unha novela de vivos mortos e de mortos vivos. Unha obra que mestura lirismo, oralidade, técnica teatral, erudición e filosofías de rueiro e que, baixo os presupostos da narrativa clásica, tamén indaga nas raíces da vocación literaria. Teño a convicción que esta triloxía constitúe un dos cumes da narrativa galega de sempre. As pontes no ceo estará nas librarías na primeira semana do mes de novembro.

Etiquetas:

Fidel Castro e Galicia

No suplemento Estela de Faro de Vigo publícanse hoxe tres páxinas de adianto sobre as relacións de Fidel castro con Galicia extraídas do libro de Ignacio Ramonet (Fidel Castro. A miña vida) que publicaremos a comezos do mes de decembro.

Entrevista a Agustín Fernández Paz

O levantador de minas publica unha entrevista audiovisual con Agustín Fernández Paz e un adianto lido dun dos contos (“Amor do agosto”) que forma parte do seu vindeiro libro (no prelo) O único que queda é o amor. Moi recomendables os dous documentos audiovisuais. Beizóns para Alfredo e Tati!

"Fidel Castro. Conversas con Ignacio Ramonet"

Tras a anotación de hai tres días, onde anunciaba algunhas das nosas próximas novidades, foron varias as chamadas interesándose pola edición de Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet. O libro que preparamos é a tradución para o galego, realizada por Xosé García Crego, do publicado en Cuba co título Cien horas con Fidel, e ven sendo un repaso demorado pola vida, a obra e o pensamento do líder cubano.
A galega será a edición completa do libro. Como ben recordamos, no verán de 2006, Fidel Castro foi sometido a unha intervención cirúrxica por causa dunha crise intestinal aguda; meses despois a televisión tróuxonos as imaxes dun Fidel convalecente, cun bolígrafo na man: revisaba e completaba a primeira versión desta obra con novas revelacións inéditas sobre a súa infancia, a súa familia e a historia de Cuba, as relacións co Che, con Hugo Chávez e con Evo Morales, a política internacional e o futuro do socialismo.
Como eran os seus pais? Onde e cando se forxou o rebelde? Estivo o mundo no límite dunha guerra nuclear durante a “crise dos mísiles”? Que significou a presenza do papa Xoan Paulo II na illa en 1998? Que pensa da globalización neoliberal, da guerra de Iraq e do presidente Bush? Por que as autoridades cubanas aplican unha política de arrestos contra opositores ao réxime? Por que permanece na lexislación cubana a pena de morte? Que fan centos de médicos cubanos en países diferentes de medio mundo? Existe corrupción no Estado? Que futuro para a revolución despois de Fidel Castro? As orixes galegas; os galegos no asalto ao cuartel Moncada e no proceso revolucionario. Opinións sobre Fraga Iribarne; e un capítulo especial para as relacións co Estado español, personificadas en Felipe González e José Mª Aznar son algúns dos temas abordados neste groso volume (máis de cincocentas páxinas), que constitúe un amplo percorrido pola controvertida figura de Fidel Castro, ao tempo que un apaixonante relato sobre o pasado, o presente e o futuro da Revolución cubana.
O libro, que constitúe ademais a primeira obra do redondelán Ignacio Ramonet no noso catálogo, aparecerá a comezos de decembro e pretendemos sexa presentado a comezos do mes de febreiro, con motivo da Feira do Libro da Habana 2008, onde Galicia será culta convidada de honra.

Entrevista a Iolanda Zúñiga

Faro de Vigo publica hoxe unha entrevista a Iolanda Zúñiga, a autora de Vidas post-it, o libro de relatos revelación deste ano.

Etiquetas:

Novidades de Xerais para outono

Comezan a chegar as novidades do noso outono literario. Xa temos no almacén A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos (o Premio Terra de Melide 2007) e hoxe entra Cardume de Rexina Vega (o Premio Xerais 2007), as dúas novelas con portadas do fotógrafo Fran Herbello. Esta semana tamén entrarán Illa Soidade de An Alfaya (premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil) e O ceo dos afogados de Francisco Castro (finalista do mesmo premio). Imprimíndose están Minimaladas de Carlos López (Premio Merlín de literatura infantil 2007), O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, A noite do Risón de Gonzalo Moure (as dúas primeiras entregas da nova colección de narrativa ilustrada), Consultorio dos nomes e apelidos galegos de Méndez Ferrín, Dicionario Xerais Castelán Galego e Chispas de Quesada. Estamos finalizando a edición d’ As pontes no ceo (a derradeira entrega da triloxía Vidas de infancia de Ramiro Fonte), Ao pé do abismo (primeira colectánea de artigos de Rosa Aneiros), Madeira de Zapatero de Suso de Toro e Fidel Castro. A miña vida de Ignacio Ramonet. Iremos dando noticia da aparición destas novidades e dos adiantos dalgún dos seus capítulos.

Etiquetas:

"Os libros arden mal" no cárcere

Onte Manuel Rivas e os seus músicos inseparables (Marcos Meléndez, Gastón Rodríguez e Pulpiño Viascón) presentaron Os libros arden mal diante de cento cincuenta reclusos do cárcere de Teixeiro. A reportaxe de Paola Obelleiro no País-Galicia sobre o desenvolvemento do acto é moi interesante. O funcionamento dun taller literario permanente, animado por Luís Gónzález Tosar, ábrese como unha experiencia novidosa para a reeducación penitenciaria. Eis outra das posibilidades da lectura nas circunstancias máis adversas.

Etiquetas:

"Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario"

Rotundo éxito da homenaxe de tres días rendida no Morrazo a Bernardino Graña con motivo do seu setenta e cinco aniversario. A cea de homenaxe, os concertos e recitais, como a presentación do libro foron todos actos moi concorridos e agarimeiros co noso mariñeiro das palabras.
A presentación do libro colectivo, coordinado por Héitor Mera, –fóra dun malentendido que me deixou desolado (por causas incomprensibles non se publicou o traballo enviado por Xosé Vázquez Pintor, dende aquí expresamos as nosas maiores desculpas para el)–, foi outra oportunidade para escoitar a Bernardino expresando con absoluta liberdade o horizonte dos seus soños.

O de Tirán comezou a súa intervención lamentando algunhas grallas que detectara na edición do libro (“areíñas que se meten nos zapatos”), froito do apresuramento na realización dos traballos. Referiuse despois a satisfacción que lle producía o proxecto de Xerais de editar Catro de Sinfarainín, a tetraloxía de pezas dramáticas infantís que publicaremos na vindeira primavera. A primeira, O lobo do saco é unha referencia explícita a Franco que non puido ser publicada por mor da censura e que se distribuíu a ciclostil. A segunda, A larpadela gustosa do lobo e a raposa, como a terceira, Sinfarainín contra don Perfeuto (publicada como separata do número 48 da revista Grial) están protagonizadas por ese sínfano, un mosquitín que se mete por todas as partes, inventado vendo unha representación dunha obra de Lorca, que representa a conciencia das cousas. A última, Os burros que comen ouro, será publicada con arranxo á primeira versión para nenos, a pesar de que foi representada nunha versión para persoas adultas.
Continuou Bernardino expresando que “teño moi boa sorte con esta homenaxe, mais teño mala sorte co teatro. Sería bo facer unha representación de Vinte mil pesos crime“, ademais de desvelar que ten gardada na gaveta outro texto de teatro para adultos, Unha vella en auto-stop, peza a que logo mudou o título por Nun caseto que vai ser un banco, que quizais algún día poida ser publicada e representada. Rematou as súas palabras facendo unha defensa vibrante do libro e da lectura: “Os libros son para tomar conciencia. Espero, son utópico, que neste século XXI vexamos todo o que nos prometeron na metade do século XX, menos traballo e máis tempo para ler e asistir a representacións teatrais. Aspiro á semana de catro días de traballo. Así poderemos estar lendo e as máquinas e robots traballando para nós. Así nos homenaxeremos todos”.

Actualización (01-10-2007): “Eu tamén utópico“, comentario de Náufrago.