Bibliotecas de barrio

No artigo da semana expreso as miñas beizóns á consellaría de Cultura de Vigo pola súa aposta de creación de bibliotecas muncipais de barrio, que deben ir cubrindo a nefasta carencia bibliotecaria viguesa.

Vigo: primeira biblioteca pública de barrio

Este é o mellor anuncio cultural que limos en Vigo na última década. Apostar pola creación de bibliotecas públicas é a medida máis futurista e revolucionaria que poden acometer as administracións locais. Hoxe a biblioteca pública convertiuse na primeira institución cultural de cada comunidade local, de cada barrio, de cada comunidade; ademais do seu carácter de infraestrutura esencial dentro dos equipamentos socio educativos. Ata agora, Vigo foi en cuestión de bibliotecas públicas un auténtico desastre; un modelo, nos congresos de bibliotecarios, dunha situación carencial límite. Afortunadamente, semella que Xesús López Carreira, o concelleiro nacionalista vigués de Cultura, tomou boa nota do modelo da rede municipal coruñesa de bibliotecas e aproveitando o Plan Estatal de Investimento Local arrisca coa posta en marcha da primeira biblioteca de barrio. Non teño dúbida que situación viguesa comezará así a reconducirse, ao que debe axudar, tamén, a creación da prometida biblioteca do estado (para a que non hai aínda ubicación). Agora o importante é que en decembro se abrirá esta primeira biblioteca do Calvario, logo a de Navia, logo… Iníciase, pois, un camiño de esperanza para a política de lectura pública en Vigo. Beizóns para Xesús López Carreira.

Instalados na crise

No artigo da semana alerto sobre a importante dimensión da crise do sector da automoción en Vigo, con importantes efectos sobre o emprego.

Fernández del Riego denuncia

O xornalista Javier Mosquera publica onte no Faro unha entrevista de dúas páxinas con don Francisco Fernández del Riego. Co pretexto de comentar o recente noventa e seis aniversario (si 96!) do patriarca do galeguismo, Mosquera (un bo amigo de don Paco) tíralle da lingua sobre cuestións estritamentes persoais (o que fuma, o que bebe, o que come, as súas rotinas de traballo…). No entanto, ao remate, don Paco, sempre tan contido e discreto, dispárase e fai unha contundente denuncia pública sobre a situación da súa doazón (biblioteca e pinacoteca) á cidade de Vigo e o desinterese dos diferentes alcaldes por cumprir as condicións asinadas con el no ano 1995 (sendo alcalde Carlos G. Príncipe):

A situación da súa doazón á cidade?
– Bueno? Está paralizada totalmente. Non estou satisfeito. A biblioteca e o museo son valiosos? É un museo contemporáneo, da miña época, con obra de Colmeiro, Laxeiro, Maside, Torres, Minguillón? É una doazón en vida, feita en 1995 con dúas ou tres condicións que están por cumprir. Unha delas e o do persoal, e non ten persoal ningún. Tal como está sirve de complemento á Fundación Penzol?

Non se están cumplindo as cláusulas da doazón?
– Non. Especialmente no que afecta a persoal e condicións da sede. Está totalmente desprotexida. Vigo ten un gran pecado. É una potencia industrial, pero ten un desaproveitamento da vida cultural notable. Falta tradición.
Foron moitas as promesas de arranxar a situación?
– Moitas. Pasaron moitos alcaldes e nada? A biblioteca está morta e o museo debería ter personal idóneo e visitas guiadas. Hai moito material sin incorporar porque no hai onde metelo e mantense na caixa forte e outro o conservo na casa. En total non ocupa máis que un par de habitacións na Casa Galega da Cultura. Sinto unha decepción grande? Non estou arrepentido, porque teño unha identificación coa cidade moi grande, pero síntome triste. Xa desistín de decir nada. .. Alá eles. Estou moi decepcionado cos dirixentes, pero teño claro que una cousa son os administradores e outra a cidade?

Ten toda a razón don Paco denunciando unha situación que, coñecéndoa (como outras), non tivemos a coraxe de facer pública nunha cidade cada vez máis degradada no eido institucional. «Unha cousa son os administradores e outra a cidade» é unha frase clave e luminosa para explicarlles aos que aquí non viven o que ven acontecendo en Vigo dende hai varias décadas.
Imaxino que esta denuncia de don Paco servirá para que esta semana os responsables municipais (non sei a quen lle corresponde, se á concellaría de Cultura ou a de Patrimonio; se ao BNG ou ao PSdeG-PSOE) convoquen unha roda de prensa e prometan que esta cuestión do tan «querido e admirado don Paco xa está en vías de solucionarse» (isto é o que vimos escoitando na última década a diferentes alcaldes e concelleiros). E, como tantas outra veces, aquí acabou o conto e pasamos páxina. Moi triste o que está pasando no Campo de Granada.

Literatura Galega pola Paz

A verdade que foi moi emocionante e ao tempo sereno o acto conmemorativo do 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos no que presentamos en Vigo o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz e recordamos a Xesús R. Jares. Ademais da lectura do texto completo da declaración, por parte de dez estudantes de ESO e Bacharelato, foron magníficas as intervencións literarias e institucionais. A guinda foi o extraordinario o concerto da Agrupación de Mestres da Escola de Música Tradicional do concello de Vigo. Grazas a todos polo apoio solidario e pola lembranza saudosa da figura do noso benquerido Suso Jares.

Os murais do Faro

No artigo da semana recomendo visitar a exposición dos murais do Faro instalada na Estación Marítima de Vigo. Unha interesante lección de historia local.

A Panificadora emite un S.O.S.

No artigo da semana reclamo a coraxe das autoridades municipais para evitar que o edificio da Panificadora sexa derrubado tal como propón a iniciatica cidadá de Outro Vigo é Posible.

O futuro do transporte de ría

No artigo da semana reflexiono sobre o futuro do transporte de ría de Vigo. O anuncio unilateral por parte de Mar de Ons da supresión dos servizos das fins de semana e dos festivos de Moaña abre unha crise na que debe intervir a Consellaría de Política Territorial para asegurar o futuro dun servizo estratéxico para a mobilidade na área metropolitana de Vigo.