Onte 685: Lamentable espectáculo de Tele 5 e La Sexta

Tal como agoirabamos, as cadeas privadas estatais transformaron onte a desgraza de Angrois, que esqueceran o mércores, en lamentable espectáculo televisivo de fin de semana. Todo pola audiencia! Nin sequera as intervencións tan atinadas de Antón Losada e Xaime López no «Gran debate» evitaron o desacougo que me produciu o enfoque grandilocuente do programa de Tele 5, cadea á que desta volta La Sexta superou en oportunismo co seu «La Noche de La Sexta». Abafado, optei por apagar e coller o ipad para botarme a ler.

Non é pequena a lección aprendida nesta traxedia de Angrois sobre a importancia para a sociedade galega de contar cuns medios de comunicación públicos profesionais propios. Medios capaces de ofrecer unha información rigorosa e veraz, así como unha opinión independente e plural. Medios, ademais do papel que cumpren na promoción e fomento da lingua e cultura galegas, necesarios para manter a cohesión cívica e a dignidade que merecemos como país. Grazas de corazón aos profesionais da TVG e da Radio Galega por realizar unha cobertura informativa tan digna e intensa como a que manteñen desde o momento no que anunciaron o terrible accidente. A TVG, a Radio Galega e a súa canle de internet amosaron estes días que son medios de comunicación imprescindibles para Galicia. Convirá non esquecelo.

Onte 682: Angrois

Quedei mudo desque coñecín a noticia do accidente do Alvia na curva Grandeira de Angrois. Xa naquel anuncio agoiramos unha tremenda traxedia que nos magoa e enfronta ás limitacións dos medios de transporte, onde non existe o risco 0. Serán as investigacións xudicial e da comisión de accidentes ferroviarios do Ministerio de Fomento ás que diriman responsabilidades e expliquen as causas do descarrilamento nun treito de vía, considerado de trazado difícil, no que a condución do tren era manual. Será, probablemente, a análise do tacógrafo a que poida explicar o sucedido, pouco máis pode dicirse dunha traxedia hoxe inexplicable.

Será este 25 de xullo, un día da patria de exaltación silenciosa da solidariedade dun pobo tan xeneroso coma o noso cos brazos sempre dispostos para a aperta. Será tamén un día para agradecer a entrega aos heroes do 24X: traballadores públicos sanitarios, de seguridade e emerxencia, como da xenerosidade da veciñanza de Angrois, as primeiras persoas que entre o abraio acudiron polas vítimas. Mención á parte merece a gratitude que a cidadanía debe aos xornalistas e medios (sobre todo Radio Galicia, a SER de Santiago) que desque coñeceron a noticia informaron con rigor, dignidade e sobriedade, o que sei é moi difícil nesas circunstancias. Como sería inxusto non celebrar a cobertura en directo da TVG e da Radio Galega (a pesar das súas especulacións e imaxes sen editar iniciais), fronte ao pobrísimo papel da TVE e das cadeas privadas xeralistas estatais, que continuaron coa súa programación coma se nada sucedese. A traxedia de Angrois demostrou que é imprescindible contar con medios públicos e xornalistas independentes para facerlle fronte colectivamente a estas desgrazas colectivas. Porén, sei que hoxe xa están chegando de Madrid os que transformarán esta hemorrraxia de dor en horas interminables de lecer televisivo. Mágoa! Neste 25X: Xornalismo independente ou barbarie!, o demais é silencio.

Onte 671: Malala ou o valor da educación

Pareceume pobre a cobertura que os medios (impresos e dixitais) fixeron en España da extraordinaria intervención nas Nacións Unidas que a moza paquistaní de dezaseis anos Malala Yousafzai fixo en defensa do dereito á educación. Apenas un minuto e medio na televisión pública mereceu esta peza estremecedora na que se reivindica o profesorado, os lapis e os libros como as mellores armas coas que conta a humanidade para mudar o mundo. Paga moito a pena conservala no arquivo como un extraordinario recurso didáctico para as aulas de formación do profesorado e como un chamamento para as nosas conciencias acomodadas na rotina. A pesar do conformismo paralizante, como ben salienta Malala con afouteza e unha determinación impresionante, a educación é a única arma posible para combatir os fanatismos e procurar a igualdade entre todos os seres humanos.

Onte 652: Díaz Castro

Aledoume o serán coñecer o nomeamento do  poeta chairego Xosé María Díaz Castro como figura do 17 de maio de 2014. O autor de Nimbos e de poemas inesquecibles como «Penélope», «Monumento á ausencia», «Terra achaiada» ou «A cerna» ben merecía esta homenaxe, maís aínda no ano do seu centenario. Tempo haberá para continuar cernando sobre un poeta  esencial que escribiu algúns dos versos máis inesquecibles agromados na nosa lingua: «A lus do mundo é a que arde nunha bágoa». No cemiterio de Guitiriz, na súa lápida pódese ler a frase: «A beleza feriume para sempre». Beizóns a Alfonso Blanco Torrado, presidente de «Xermolos», primeiro biógrafo do poeta dos Vilares, á comunidade educativa do IES Díaz Castro de Guitiriz e a todas aquelas persoas que teimaron pacientemente da candidatura diazcastriana. Volveremos decote sobre  o poeta dos nimbos de luz.

Onte 647: Sés «co xenio destrozado»

Desque o venres merquei o disco en Andel estou enganchado Co xenio destrozado, o segundo cedé de Sés. Un disco xenial, marabilloso, memorable, potente. Unha voz engaiolante capaz de enluvarse en cada tipo de canción. A madurez dunha cantora e compositora en estado de graza. Unha ducia de temas imprescindibles, unha variedade musical espectacular, un catálogo dos ritmos máis clásicos do rock e da música popular hispanoamericana, dende a balada, a milonga, a rancheira, o blues, os ritmos doces do Caribe, mesmo o tango, até varias xeracións do rock and roll máis xenuíno. Un prodixioso catálogo musical no que aínda brillan máis unhas letras (todas elas rimadas por Sés) que avalan entre a denuncia da desiguldade, a reivindicación da esperanza e a proclamación do amor e o desamor máis arrebatado. Cancións inesquecibles como «Concordia de papel», «Milonga de aquí» (un auténtico manifesto dende a insurxencia dese este recuncho do mundo), «Rebelarse a conciencia», «Boto en falta unha ilusión», «Se non podo ir onde ti estás» ou «Unha mañá de setembro»… Este é un disco de denuncia do conformismo, un auténtico ciclón de entusiasmo do rock and blues. Cantando en galego, con letras significativas cen por cen, esta bluseira con alma de pandereteira, a Patti Smith de noso, aventuro vai abrir unha nova fronteira para a música en galego. Co xenio destrozado é un disco moi recomendable. Beizóns Sés!

Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida

Iago Nicolás fíxonos este agasallo para axudar a facer visible o libro de homenaxe a Manuel Lueiro Rey, no que participamos medio cento de persoas unidas pola admiración e a amizade co inesquecible escritor do Grove.

Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida será presentado por vez primeira o sábado 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Besada (Rúa Concepción Arenal 1 baixo) do Grove, acto no que participarán Ramón Nicolás, Luís Cochón, Xesús Alonso Montero e o editor. Despois, o martes 25 de xuño será presentado na Libraría Paz de Pontevedra (Peregrina 29) tamén as 8 da tarde, contando coa presenza de Nicolás, Cochón e o editor.

Onte 641: Preis Xerais Roman 2013

O luns despois dos Xerais adoitamos reunir na nosa web todos os materiais publicados nos medios impresos e dixitais durante a fin de semana, así como unha galería de fotos. Sempre levamos sorpresas agradables do alcance dos ditame dos premios, sobre todo desque as redes sociais axudan a socializar e a compartir o acontecido na illa. Con todo, nesta edición chamounos moito a atención unha anotación publicada no dixital alemán Nachrichten (Noticias). A pesar de que ne editorial aventuramos diversas hipóteses, non logramos aínda entender cal foi o camiño de ida e volta desta información. Quizais algún membro da comunidade galega residente en Alemaña quixo facernos este simpático agasallo? Sería extraordinario ver publicada algún día en alemán Cadeas, a prometedora novela sobre a dominación de Xabier López. Un bo comezo.

Onte 639: A irmandade de Xerais

Ala vai outro Xerais inesquecible! A irmandade dos lectores e lectoras (trescentas na illa e outras tantas conectadas por Internet), a comunidade de afectos, o soño compartido de tantos amigos e amigas de enxergar un futuro para o país e para a lingua de noso. Os Irmandiños de Vincios (bravo gaiteiros e gaiteiras!) puxeron no serán o timbre da ledicia e o rigor da voz popular. O mestre Xabier Docampo nun discurso sensacional e memorable (unha peza a ler e reler devagariño) pasou a testemuña de cargo á seguinte xeración que debe abrir unha páxina nova no libro da nación. Antonio Fraga deitou doas de tenrura e esperanza no seu primeiro discurso literario. Xabier López abriu outra xanela na súa sólida traxectoria de narrador na procura da excelencia. Tras trinta anos, aqueles Xerais ideados por Luís Mariño manteñen o seu pulo. Mais non son estes tempos para o conformismo rotineiro, os Xerais precisan mudanzas, imprescindibles para afrontar estes tempos difíciles (ruíns), caracterizados pola hibridación editorial e pola fraqueza (nalgúns casos ausencia) das políticas públicas de lectura. Mudanzas que, sen dúbida, comezaremos a implantar a partir da vindeira edición. Cando regresabamos a San Hadrián no Babuxa de Ángel (obrigado, patrón!!!) non puiden evitar un levísimo aceno de satisfacción emocionada pola fortuna de tras dúas décadas continuar dirixindo o equipo de traballadores e traballadoras de Xerais. Hoxe, a miña beizón para eles e elas polo seu talento e dedicación no desenvolvemento do noso proxecto!

Aquí toda a gravación da hora e un cuarto de cerimonia.

Onte 635: Con «Dona Carme» no Colexio Pombal

Doña Carme contada por infantil from inesanchez on Vimeo.

Ás nove da mañán fun contar Dona Carme ao alumnado de tres anos do Colexio Pombal do Calvario. Como acontece decote a experiencia foime gratificante, mais tamén saudosa. É unha marabilla comprobar que tras máis de vinte anos, Dona Carme continúa engaiolando aos picariños e picariñas pola eficacia do seu mecanismo acumulativo (roubado á tradición oral popular), que permite a conquista da súa memorización e promove a súa participación interpretando as voces de cada un dos animais. Nestas sesións con Dona Carme sempre atopo sorpresas. No Pombal descubríronme as posibilidades de aproveitamento matemático do texto, tanto para a aprendizaxe da numeración coma para sumar e restar. Quedei abraiado da facilidade coa que utilizaban este procedemento. Despois da proxección da peza que prepararon, a narración de Xoán e Hugo, despois de contarmos e cantarmos ben contados e cantados, asinei varias ducias de exemplares. Fíxeno coa atención e agarimo que merecía semellante oportunidade. Non podo evitar a emoción ao lembrala e agora ao escribilo. Para as crianzas do Pombal foi o seu primeiro libro, o seu primeiro tesouro atopado. Saín para a oficina máis feliz ca un cuco.

Onte 634: A BSO das meigas de Lupa

É unha marabilla o que está sucedendo coa banda sonora orixinal que David Alonso Garzón compuxo e gravou para As meigas de Lupa, a novela xuvenil de María Solar. Seleccionada primeiro e logo declarada finalista nos premios Jerry Goldsmith do Festival Internacional de Música de Cine de Córdoba, na categoría de mellor creación libre, onte coñecimos un vídeo de presentación deste orixinalísimo traballo audiovisual, no que colaboran de forma desinteresada un equipo de máis de 20 persoas entre técnicos e o grupo Achádego de teatro, unidos pola inspiración e o estímulo da lectura da novela de María Solar. Do que soubemos onte foi da peza de seis minutos na que se adianta o que será o booktrailer e a banda sonora, que acompañará a novela cando apareza a segunda edición, a comezos do vindeiro outono. É obrigado expresar a nosa gratitude a David Alonso Garzón por este incrible traballo que incita a mergullarse na lectura recuperando unha lenda do noso patrimonio de tradición oral. Paga a pena seguir este proceso creativo tan estimulante.