Un bosque para o Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo en reclamar un plan integral de protección natural e patrimonial para o monte do Castro:

Nos paseos dos seráns de confinamento son moitas as persoas que suben polas escalinatas do Castro procurando a frescura das pegadas nos carreiros e o espectáculo do solpor dende os miradoiros do adarve. E madía leva que ben afortunada é a veciñanza viguesa de contar para o seu goce con este extraordinario parque urbano de recreo (de propiedade municipal dende o 14 de abril de 1934) que dende hai pouco máis dun século foi cubrindo con árbores e vieiros o monte do Castro, un outeiro rapado, coroado a 147 metros por un castelo abaluartado do século XVII, o bastión da defensa viguesa antes os exércitos portugués, inglés e francés que nos visitaron. Corazón e celme vigués por excelencia, onde se asentou a primitiva poboación castrexa, unha das orixes da cidade, investigado polo arqueólogo Xosé María Álvarez Blázquez e o arquitecto Xaime Garrido, o monte do Castro constitúe tamén unha das súas alfaias verdes, xunto ás Cíes, a coroa vexetal do periurbano, o xardín da Alameda e o bosque da finca da marquesa en Castrelos.

Protagonista da primeira fotografía da cidade, tirada en 1867 por un viaxeiro inglés, identificada apenas coa lenda «Fort near Vigo, Spain», o parque do Castro é froito da ansia colectiva da cidade de contar cun bosque urbano para o seu lecer en situacións e condicións excepcionais. Así o considerou Jenaro de la Fuente autor en 1903 do primeiro proxecto de axardinamento que respectaba os dous recintos superiores do castelo e cadanseus paseos que o circundaban, o primeiro que coincidía máis ou menos co actual paseo de Rosalía de Castro, e o segundo, máis exterior, polo camiño que subía dende o Campo de Granada ao Couto curvándose alí para baixar polo que hoxe é o paseo do cronista Álvarez Blázquez. Entre ambas as dúas avenidas concibía o arquitecto municipal a plantación de xardíns e arborado, que non terían problemas de rego pola situación do depósito de augas en construción, que comezaría a prestar servizo un ano despois a máis de catro mil abonados. Aquela proposta de Jenaro de la Fuente quedou apenas na arquitectura de papel. Como aqueloutra grandiosa de monumentalismo utópico de  Antonio Palacios no seu «Plan de Extensión e Reforma Interior de Vigo» (1932), que concibía o Castro como o espazo verde do centro da futura cidade, colocando no seu cume o Pazo Rexional de Exposicións e Asembleas (na cota de 136 metros).

Xaora, o proxecto de axardinamento e urbanización que iría por fin adiante foi o deseñado polo enxeñeiro Manuel Cominges (1943), que conservaba os dous recintos defensivos pétreos e o seu paseo circundante, abría unha escalinata central dende o Campo baixo de Granada (onde se chantou a tan desafortunada cruz dos caídos) e unha avenida lateral no Camiño Alto do Couto. Dende entón a plantación un tanto indiscriminada e ás veces desafortunada de diversos tipos de arborado foi responsabilidade dos servizos municipais de parques e xardíns. Dende entón, o devir do noso primeiro parque urbano estivo determinado pola conservación das edificacións históricas, o que se conseguiu só hai pouco co derrube de «El Castillo», nefasta construción acaroada durante décadas á muralla, a musealización das escavacións castrexas (hoxe case abandonada), como pola conversión dos seus principais viarios interiores en aparcamento gratuíto para o centro urbano. Problemas aos que se unen as afeccións medioambientais en diversas zonas, sobre todo no entorno da muralla da fortaleza, que supuxeron talas de árbores adultas e podas abusivas denunciadas por diversos colectivos cidadáns e ecoloxistas.

Ademais da conservación e iluminación da muralla, proxecto en marcha, froito do acordo entre o ministerio de Fomento e o concello, o monte do Castro precisa dun plan integral de protección do patrimonio natural, arquitectónico e histórico que o converta nun espazo completamente verde destinado aos peóns e ciclistas, libre da circulación interior de vehículos a motor. Un documento que deseñe o Castro do século XXI, elaborado por servizos técnicos de arquitectura e urbanismo, sometido tanto ás suxestións e críticas da cidadanía como a aprobación da corporación, que estableza as medidas de protección da flora e fauna e os usos especializados dos diversos espazos do parque (lecer, deportivos, culturais, medioambientais, entre outros). Un proxecto estratéxico, inserido nas actuacións da estratexia europea da axenda 2050, que, como propón o grupo vigués de Ecoloxistas en acción, obrigaría a unha reforestación planificada do monte con árbores autóctonas para convertelo no horizonte das vindeiras décadas nun bosque urbano de referencia internacional dende o punto de vista medioambiental e cultural, á altura do Parque da cidade de Porto ou o Calton Hill de Edimburgo. Un novo Castro é posible.

Peonalización sen túnel

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño a peonalización da Porta do Sol, Paseo de Afonso e rúa Elduayen para as que entendo é innecesario o túnel previsto

É unha excelente noticia a peonalización da Porta do Sol, á que se debería engadir a do Paseo de Afonso, o noso espazo máis fermoso, o miradoiro de solpores incribles que en palabras de Valentín Paz Andrade abren as rotas do mar de Galicia. Peonalizacións que deberían incluír, ademais, a da rúa Elduayen, coa que se pecharía a ferida aberta no Vigo vello entre o barrio Alto e o barrio do Berbés desde que se trazou en 1879 unha nova rúa, chamada inicialmente Travesía, que unía a recén aberta Porta do Sol co barrio da Falperra e coa estrada de Camposancos. Peonalizacións que suporían un fito na historia da cidade xa que se gañaría para o paseo o espazo existente entre a Farola de Urzaiz e o comezo da rúa Pi e Margall, alongando tamén o eixo comercial de Príncipe até a Oliveira.

Unha peonalización que se converte nunha oportunidade para abordar cos criterios da Axenda 2030 das Nacións Unidas de desenvolvemento sostible un modelo de mobilidade para Vigo orientado a reducir as emisións de CO2 e o consumo de enerxía, o que obriga a limitar a entrada de vehículos no espazo concibido como «Vigo central». Un plan de mobilidade no horizonte de 2050 para unha cidade metropolitana intercomunicada, inclusiva e accesible para todas as persoas, baseado no funcionamento dunha rede de transporte público funcional, intermodal e non contaminante (coincidindo coa finalización do contrato de Vitrasa) e unha nova planificación urbana, recollida no Plan Xeral de Urbanismo, na actualidade en proceso de elaboración, que contemple a apertura de viais horizontais e verticais, de carrís bici, vieiros peonís escolares… Senllas oportunidades para poñer en marcha en Vigo neste mandato tamén as recomendacións do obxectivo 11 da Axenda 2030 da ONU no que atinxe ao pulo da participación activa da cidadanía na gobernanza e xestión da cidade.

Unha peonalización entre o Paseo de Afonso e a Porta do Sol que apenas precisaría para poñela en marcha dun corte do trafico semellante ao que se ven realizando en Nadal ou Entroido. Peche que, porén, debería estar contemplado no novo modelo de mobilidade e no seu correspondente plan de tráfico da cidade. O que obrigaría a implementalo de forma gradual, afectando primeiro aos vehículos privados, permitindo a circulación aos vehículos públicos e de reparto en función do calendario de posta en marcha do novo modelo de transporte urbano e da finalización das actuacións urbanísticas pendentes na zona (Panificadora, Barrio do Cura…).

Unha peonalización gradual que facilitaría a recuperación progresiva da rúa de Elduayen co seu estilo histórico de finais do dezanove. Mais sería unha medida incompatible coa construción do túnel previsto e a súa insólita sucesión de muros, ramplas de pendente ascendente do 14 % e bocas que pola súas dimensións obrigarían ao estreitamento das beirarrúas con dimensións inferiores ás existentes, o que impediría o paseo dos peóns. Obras cunha profundidade equivalente a dúas plantas dun edificio, o que podería afectar ás estruturas de edificios históricos protexidos. Un túnel que probablemente incrementaría a circulación do número de vehículos polo Vigo central, o consumo enerxético e as emisións, o que é incompatible tanto co fixado na Axenda 2030 para a mobilidade en cidades sostibles como cos eixes de Transición Ecolóxica nos espazos urbanos para evitar gases de efecto invernadoiro e as consecuencias do cambio climático.

Aínda é posible reconsiderar a execución dunha obra que ameaza constituír un erro histórico que condicionaría de forma irreversible o futuro do Vigo central nas vindeiras tres ou catro décadas, como no seu día sucedeu coa instalación no Areal da emerxente industria conserveira, o que pechou para sempre o Vigo pétreo ao mar, ou coa destrución do patrimonio pétreo durante os mandatos de Portanet e Ramilo, ou o que puido suceder co Scaletrick de Lepanto, por ventura reconsiderado in extremis polo alcalde Manuel Soto. Aínda é posible un trasacordo cando tan relevante actuación non aparece contemplada en ningún dos plans xerais nin sequera pode ser considerada unha obra prioritaria, cando existen puntos negros na mobilidade da cidade, que precisarían unha actuación semellante máis urxente, como a conexión entre as avenidas Antonio Palacios e Castrelos, por poñer un caso dun atoamento estrutural.

Hai marxe para reconsiderar a construción do túnel de Elduayen e ao mesmo tempo continuar coa peonalización e co arranxo previsto para a Porta do Sol e agardemos que tamén para o Paseo Afonso así como para dotar á cidade metropolitana dun novo plan de mobilidade. Un proxecto ilusionante para a toda a cidade que polo seu carácter estratéxico debería contar co apoio unánime dos grupos políticos e colectivos veciñais. A alcaldía debería valoralo.

 

Vigo con raíces

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a necesidade que ten o concello de Vigo de contar cun plan estratéxico de arborado:

 

«A árbore é o poeta». Federico García Lorca

Lembraremos este verán do 19 por ser no que o Concello de Vigo ordenou talar todas as árbores das beirarrúas da Gran Vía, entre as rúas María Berdiales e Venezuela. Coincidindo coas obras de humanización no mesmo treito, a decisión do goberno local foi avalada polos informes dos técnicos municipais que determinaron o mal estado de saúde e o perigo que supoñían para os peóns. Dúas mañás abondaron para que unha desapiadada motoserra rematase con esta ducia e media de tileiros e castiñeiras de indias, que ao longo de sete décadas formaron parte das características ringleiras vexetais laterais da primeira avenida con bulevar central das existentes no país noso.

Unha actuación irreversible que provocou a indignación da veciñanza deste parte da Gran Vía, máis aínda cando puidemos comprobar in situ ou polas fotos que cidadáns e fotoxornalistas sacaron durante unha actuación realizada con inusual rapidez, que unha moi boa parte das árbores gozaban de aceptable saúde e que máis alá do inevitable deterioro provocado polo seu teimoso combate contra a polución atmosférica, nun dos puntos de maior contaminación da cidade, as follas, o tronco e as pólas non tiñas marcas aparentes de pragas ou doenzas. A que obedeceu entón esta tala masiva, onde non se indultou a árbore ningunha, unha das máis agresivas que lembramos na cidade, cando estas árbores plantadas cando se abriu a avenida poderían ser conservadas na actuación proxectada no bulevar? Que se fixo nas últimas décadas para evitar semellante deterioración que levou á perda de parte tan significativa do patrimonio natural da cidade?

Mais nesta cuestión da conservación e coidado do arborado no núcleo urbano vigués chove sobre mollado, xa que nas obras de «humanización» (eu prefiro substituír ese termo propio da mercadotecnia política polo de «renovación do viario») as árbores foron consideradas máis como unha parte do «mobiliario urbano» que como integrantes do patrimonio natural. Valoración que levou a substituír as árbores existentes e as súas incómodas raíces para o pavimento por maceteiros ornamentais onde colocar arbustos e flores, dos que as oliveiras bonsais de Rosalía e a dinosebe son dúas boas mostras. Substitución ornamental que semella será tamén a que se produza nas beirarrúas desa Gran Vía liberada de raíces, na que se anuncia a colocación en espazo preferente dun bautizado como «peixesebe» (no proxecto, «un topiario en forma de peixe», cun valor de 40.000 euros).

As árbores son seres vivos sensibles, fonte de vida e de luz, mananciais de osíxeno e recendos, razón pola que a súa presenza nos espazos urbanos máis saturados é indispensable, sen menoscabo da beleza que engaden á paisaxe. As sufridas árbores urbanas viguesas, como as camelias, laranxeiras, sempreverdes, chopos ou tileiros das nosas principais avenidas, melloran a calidade do aire e foron até agora os únicos amortecedores da contaminación acústica e atmosférica. O arborado urbano, ademais de facilitar o dereito cidadán a gozar dos espazos de sombra en rúas, paseos e espazos infantís de xogo (algo que de forma incomprensible non se contemplou nos macroparques infantís como o da rúa Venezuela), no verán axuda a arrefriar o ambiente e no inverno a reducir a velocidade do vento, o que contribúe a baixar a temperatura e a incrementar o aforro enerxético. Favorece a retención da auga de choiva, ademais de constituír os hábitats principais dos paxariños, os principais animais vertebrados da cidade, poboación en Vigo hoxe moi minguada. Sen esquecer tanto o seu valor educativo, xa que as árbores caducifolias son os principais testemuños de paso das estacións, como a súa contribución á saúde das persoas e a súa capacidade para estruturar espazos de encontro.

O concello de Barcelona aprobou un modélico plan director do arborado para desenvolver de 2017 a 2037 (pode lerse en Internet), orzamentado con case dez millóns anuais, que debería terse en conta na nosa Barcelona atlántica para reorientar a actual política municipal sobre o arborado. Un plan estratéxico que, asumindo os efectos do cambio climático, considera o arborado urbano como elemento fundamental do patrimonio natural da cidade. Un plan concibido cunha visión global e transversal que, entre outras liñas de actuación, pretende preservar o valor patrimonial, a protección, a saúde do arborado e a súa biodiversidade, velando polo benestar da cidadanía.

Continuamos insistindo en que o Vigo do século XXI precisa para facerlle fronte os retos do cambio climático substituír o actual modelo de cidade ornamental polo dunha cidade máis orientada á preservación do seu patrimonio arquitectónico e natural. Evitar arboricidios como os recentes da Gran Vía sería o comezo dun Vigo con raíces.

Vigo cidade vagalume

A revista A Movida convidoume a colaborar na edición impresa deste mes de decembro, onde publiquei unha versión reducida deste texto:

A imaxe que proxecta unha cidade é un compoñente esencial da súa identidade e un referente para a súa cidadanía. Unha imaxe que no caso de Vigo, durante tantos anos a cidade da oliveira, foi mudando ao longo das últimas décadas ao compás das mudanzas que se foron producindo na alcaldía do Campo de Granada. Daquel Vigo obreiro das décadas dos setenta e dos oitenta, da reconversión naval e dos luns ao sol, a cidade estrépito de X.L. Méndez Ferrín, o Vigo da movida de Siniestro Total e Golpes Bajos, de Aerolíneas Federales e Trenvigo, pasamos ao actual Vigo charramangueiro, sobreiluminado da dinosebe e do Alfageme na rotonda, unha cidade vagalume, excéntrica, un novo Lepe, como o definiron os membros de Cain, o Colectivo de Admiradorxs da Iluminación Navideña.

Certo é que cada alcaldía democrática quixo deixar a súa impronta nesta imaxe. Manuel Soto, o primeiro e valente alcalde democrático e galeguista fixo daquel Vigo revolcado que cantaba Xela Arias en Denuncia do equilibrio, o Vigo de Ascón e dos conflitos do estudantado con Vitrasa, unha cidade das esculturas, colocando no mesmo ano (1991) catro pezas extraordinarias noutros tantos espazos emblemáticos: o Sireno de Francisco Leiro na Porta do Sol, os Cabalos de Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Silverio Rivas en Travesas e o Monumento ao traballo, os bautizados como Redeiros, de Ramón Conde entre Urzaiz e Gran Vía. Catro pezas de arte contemporánea galega, de moi diferente fasquía, cuxa instalación non estivo exenta de polémica, mais que foron capaces de mudar o espazo urbano e co tempo de converterse en iconas queridas polas diversas xeracións viguesas de entre séculos.

Carlos Príncipe quixo facer do Vigo unha cidade dos museos capaz de competir cos doutras cidades euroatlánticas, como Porto, Compostela e A Coruña, que no mesmo período desenvolvían cadanseu proxecto de infraestruturas culturais. Durante o seu mandato xestáronse os proxectos arquitectónicos de Abrir Vigo ao Mar e do primeiro Plan Urban para o Vigo Vello, ademais do deseño de tres museos, construídos con fondos europeos: o Marco. Museo de Arte Contemporánea de Vigo na rúa do Príncipe, recuperando o vello Pazo de Xustiza e Cárcere; o Museo do Mar de Galicia, instalado no antigo matadoiro municipal de Alcabre e o Verbum. Casa das Palabras na praia de Samil. Tres pezas arquitectónicas moi valiosas que despois dunha década de ser abertas ou ben non consolidaron os seus proxectos museísticos ou mesmo son abertamente cuestionadas.

Durante a alcaldía de Lois Pérez Castrillo desenvolvéronse os proxectos da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e do Centro Galego de Fotografía no Casco Vello, para contribuír a rexeneración do Casco Vello, e comezouse o de Auditorio Mar de Vigo en Beiramar, coa intención de situar a Vigo á altura das cidades atlánticas da música, singularmente Porto, Santiago e A Coruña. Angueira que polo momento quedou en auga de castañas, xa que os resultados artísticos, polo momento, foron discretos e os económicos ruinosos, tras a quebra da concesionaria.

Vigo nunca contou neste período con políticas culturais públicas, esas capaces de enxergar dúas décadas, capaces de solucionar lacras como o seu déficit bibliotecario endémico ou proporcionar continuidade á programación de festivais e exposicións das diversas artes, algunhas tan relevantes como a Fotobienal, as Xornadas de Música Contemporánea, promovidas por Enrique X. Macías, ou o propio Marisquiño, hoxe sumido na incerteza. Cando se anuncia unha gran Biblioteca do Estado en Travesas ou unha factoría cultural na Panificadora, cómpre lembrar que o que Vigo precisa é un proxecto cultural estratéxico, deseñado coa participación dos diversos sectores e colectivos culturais e xestionado con criterios estritamente profesionais. É tempo xa de superar a política cultural das ocorrencias de alcaldes e concelleiros, como a daquel Agustín Arca que chantaba volcáns nos paseos de Coia e canastras de baloncesto en canto curruncho atopaba. A pesar da sobreiluminación de nadal e da súa contaminación luminosa, outro Vigo das artes e das letras, continúa sendo posible.

Participar no deseño da cidade

No artigo da semana en Faro de Vigo reclamo a participación cidadán no deseño da cidade:

No debate sobre o proxecto de rexeneración urbana do Casco Vello, celebrado a pasada semana polo Consello da Cultura Galega en Vigo, tanto os ponentes como os participantes, que encheron o salonciño da Casa Galega da Cultura, insistiron na importancia da participación cidadá neste proceso histórico de mudanza urbana. Fixérono moi ao fío dalgún dos fracasos que os proxectos de recuperación do Casco Vello  tiveron na súa relación coa intervención Abrir Vigo ao Mar das Avenidas como polos temores que hoxe suscitan as actuacións públicas anunciadas para os bordos do Casco Vello, sexa a peonalización da Porta do Sol e a construción dun túnel baixo a rúa Elduayen, como a salvación da Panificadora como contedor cultural, social e de lecer, sen esquecer a intervención privada no Barrio do Cura.

Actuacións urbanísticas de enorme transcendencia en espazos urbanos de privilexio, chamadas a modificar o que hoxe son iconas do Vigo Vello (e da propia cidade), mudanzas profundas das que pouco máis se coñece que algunhas infografías espectaculares presentadas polo alcalde aos medios, que máis alá de enxergar expectativas, moi pouco aclaran sobre cal vai ser o futuro de cada unha delas. Anuncios que poden ser máis ou menos cribles, como sucede coa da Porta do Sol, xa que depende en boa medida da dispoñibilidade orzamentaria do concello e cuxa aprobación, superados os trámites de Patrimonio, estaría asegurada pola ampla maioría coa que conta o equipo de goberno. Circunstancias facilitadoras, porén, que nin aseguran a posta en marcha do proxecto nos prazos anunciados nin a súa acollida favorable pola maioría cidadá, mais aínda cando descoñece o seu alcance e os efectos que provocará na mobilidade da cidade.

Sucede algo semellante co proxecto de recuperación da Panificadora. Cóntase coa participación da Zona Franca e aseguráronse os seus usos públicos (o que constitúe, sen dúbida, un feito que merece ser aplaudido), mais o feito de que fosen variando ao longo de diversos anuncios do alcalde provoca unha desconfianza inevitable sobre a credibilidade da actuación. Moito máis aínda cando sempre se asegurou que a Panificadora mantería a súa fasquía arquitectónica e contaría como cerna dos seus contidos como factoría cultural coa Biblioteca do Estado –que para vergonza da cidade leva xa once anos procurando un espazo onde instalarse (contando con previsión nos Orzamentos do Estado)–, mais que agora noutra reviravolta (anunciouse con anterioridade na Escola de Artes e no Auditorio Beiramar) se presenta tamén como peza central da actuación prevista pola alcaldía na rúa Lalín, onde se pretende ubicar nun edificio singular e aproveitar os xulgados actuais para trasladar as instalacións do CEIP Altamar e as sedes de colectivos diversos. Un «ágora cultural e educativa» que completaría a remodelación e peonalización parcial anunciada da praza de Travesas.

Sucede outro tanto co proxecto, resucitado no verán, do Barrio do Cura no que se anunciou se recuperaría o plan inicial do arquitecto Alfonso Penela que, ademais de amplas zonas de equipamento publico, contempla a construción de vivendas (das que o 30% serían para vivenda protexida), un aparcamento e unha ampla zona comercial. Intervención para o Barrio do Cura, anunciada en 2004 e paralizada dende hai máis dunha década, por dificultades financeiras da promotora, que mudou de propietario en varias ocasións, mais tamén polas trabas que supuxo a sentenza de 2016 ao recurso da Casa de Caridad del Hogar San José que anulaba o PEPRI da zona. Galimatías urbanístico e financeiro, que mantén nunha situación de degradación insoportable a edificación do que foi o vello asilo, como a unha parte das vivendas da rúa Llorente, agardando por unha modificación puntual do PXOUM (1993), hoxe vixente, o que abriría a xanela para o inicio da intervención.

Proxectos urbanísticos, algúns estratéxicos para o Vigo de 2050, como algún outro que aventuro será coñecido nas vindeiras semanas, cuxo anuncio podemos entender na dinámica propagandística aberta pola carreira das municipais da vindeira primavera. Mais proxectos, en todo caso, que tras a anulación do PXOM (2008), e a complexa situación urbanística que isto supuxo para a cidade, deberían ser expostos ao público e sometidos a un amplo debate cidadán no que puidesen participar entidades profesionais, veciñais e cidadáns a título individual. Un debate aberto coa intención de valorar a conveniencia e alcance destes proxectos, no que continúa sendo esencial o papel dos medios de comunicación locais, que coa súa información poderían ofrecer un contrapunto sereno e fiable. Ademais de administrar o seu voto, os cidadáns e as cidadás teñen o dereito de participar no deseño do futuro da súa cidade.

Onte 1987: A miña memoria do Vigo Vello

O Consello da Cultura Galega convidoume a participar no debate que onte se celebrou na Casa Galega da Cultura sobre o «Casco Vello de Vigo. A memoria, a relación coa cidade e as políticas de rexeneración urbana».

Lin un texto de vontade memorialística e intencionalidade política que comparto en pdf (8 folios, apenas quince minutos de lectura).

Comparto tamén unhas fotos que escollín do meu cartafol de Vigo de Pinterest como fondo visual que non cheguei a proxectar, xa que esquecín as lentes na mochila. Agardo que a lectura sexa de interese e promova debate sobre o futuro das intervencións públicas e a participación cidadá sobre o Vigo Vello.

A rexeneración do Vigo Vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao proceso de rexeneración urbana do Vigo Vello:

O debate sobre a memoria na cidade e o papel das intervencións públicas na rexeneración urbana do Casco Vello de Vigo, que se celebra esta tarde na Casa Galega da Cultura, organizado polo Consello da Cultura Galega, é unha oportunidade magnífica para reflexionar sobre o que se leva facendo no Vigo Vello desde que en 1981, sendo alcalde Manuel Soto, se aprobou o Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello. Un documento urbanístico que no marco dun barrio daquela en decadencia total, deixado polos poderes públicos na marxinalidade e abandonado a súa sorte, expresaba por vez primeira unha intención de rehabilitación física e de modernización dos seus espazos públicos. Iniciativa que coincidiu coa constitución da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, nacida cos obxectivos de loitar pola mellora da calidade de vida da veciñanza.

PERI do Casco Vello que coa posta en marcha do Plan Urban, xestionado polo concello de Vigo dende 1994 a 2001, nos mandatos dos alcaldes Carlos Príncipe e Lois Castrillo, comezou ensaiar unha novidosa estratexia de xestión integrada das políticas públicas, peonalizou espazos, apoiou a celebración dalgunhas festas e asumiu a rehabilitación dalgúns edificios insignia como a Casa Galega da Cultura, a Casa-Torre de Pazos-Figueroa e de Ceta (hoxe Instituto Camoens) ou a Casa Goda (hoxe centro de saúde do Sergas). Abandonado polo concello o Urban (por razóns de conxuntura política), as actuacións públicas no Vigo Vello se reiniciaron en 2005 da man da constitución do Consorcio Casco Vello entidade nacida co obxectivo de desenvolver un proxecto integral de rexeneración urbana asumido de forma compartida por tres administracións: o concello de Vigo (alcaldesa Corina Porro, PP), que achegaba un 10% do orzamento; a Xunta de Galicia (presidente Emilio Pérez Touriño, PSdeG-PSOE), que asumía o 50%, contando coa colaboración da Zona Franca (presidente Francisco López Peña, PSdeG-PSOE), que proporcionaba o 40%, porcentaxe que sería adquirida en 2007 pola Consellaría de Vivenda e o Solo (da conselleira Teresa Táboas, BNG).

Creación do Consorcio Casco Vello de Vigo (hoxe nun 90% en mans da Xunta de Galicia), que xunto coa declaración en 2006 do Casco Vello como Ben de Interese Cultural como Conxunto Histórico Artístico e a aprobación en 2007 do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI), permitiu que nesta última década se deran pasos significativos nun proceso de rexeneración en marcha, ao que moito lle queda aínda por facer. Recuperáronse edificios, construíronse vivendas de promoción pública e creáronse novos espazos comerciais e administrativos (como a sede dos rexistros mercantís na casa de López Araújo na rúa Real). Mesmo no Barrio Alto, o máis degradado e descoñecido, comezou a ser ocupado por unha nova veciñanza, toda unha volta ao carpín. Como tamén o foi que visitar o Casco Vello está de moda coma nunca, feito ao que non foron alleos nin a apertura de novos e atractivos locais de hostelaría nin o éxito rotundo das festas como a Reconquista nin o pulo que lle deron rotas literarias como as deseñadas polo escritor Pedro Feijoo no seu libro «Camiñar o Vigo Vello» (Xerais, 2018). Xaora, que as prazas da Constitución, da Princesa, da Colexiata ou as rúas da Oliva e do Triunfo estean ocupadas cada serán como espazo de lecer e encontro por centos de persoas é unha excelente noticia, mais tamén afonda nos inevitables perigos da terciarización e turistización do barrio histórico, problemas moi complexos presentes xa noutras cidades próximas coma Porto ou Compostela.

Nesta altura decisiva, o éxito do proceso de rexeneración urbana do Vigo Vello depende en boa medida de recibir un novo pulo político, que só pode vir da man dunha maior implicación por parte do concello de Vigo e dunha estreita colaboración co resto das administracións públicas. O Concello debe integrar o proxecto de revitalización do Vigo Vello nas actuacións urbanísticas na contorna do que foi a cidade amurallada, a Panificadora e o Barrio do Cura. O Concello debe apostar pola creación dalgún novo espazo verde e pola presenza de arborado e vexetación en todo o barrio. Como debe arriscar nas peonalizacións das súas travesías, a da Porta do Sol, a da rúa Elduayen e a da avenida Beiramar, á altura da actual praza do Berbés, o que obrigaría ao alongamento dos actuais túneles. Como é imprescindible continuar desenvolvendo a política de equipamentos socio-comunitarios, nun barrio que precisa dun centro de día público para maiores, un centro público de Educación Infantil de 0-6 anos, un espazo de xogo para os picariños e un centro cívico e veciñal no que instalar, entre outras actividades, unha Oficina da Memoria do Vigo Vello, celme sobre o que construír un sentimento de pertenza e orgullo no Vigo do futuro.

A caixa da AP-9

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a reclamar a recuperacion da titularidade pública da AP-9:

Poucas situacións provocan en Galicia enfado da cidadanía máis unánime e continuado que a xestión privatizada da autoestrada do Atlántico caracterizada polas deficiencias do seu mantemento e polas continuas subas das tarifas das súas peaxes, entre as máis elevadas da península. Unha problemática na que chove sobre mollado, como comprobamos hai pouco cando se coñeceu que o Ministerio de Fomento e Audasa, a concesionaria da AP-9, preparan para fin de ano unha nova suba do 2 % como compensación polas obras de ampliación de Rande e da circunvalación de Santiago Compostela. Un incremento que se engade ao do pasado primeiro de xaneiro, cando as tarifas subiron un 1,9% (aducindo idénticas razóns), a pesar de que as obras na Ponte de Rande (a que reiteramos a proposta de rebautizar como «Ponte do capitán Nemo» ou «Ponte Jules Verne») non finalizaron e as retencións e o peche nocturno dos carrís centrais foron constantes ao longo de todo o verán. Outro abuso da concesionaria dunha infraestrutura para a que non existe aínda alternativa gratuíta, que (non o esquezamos) na última década incrementou as súas tarifas en máis do 30 % e cuxos beneficios netos superaron o pasado ano os corenta millóns de euros.

Abusos de Audasa que neste verán foron criticados polas alcaldías do Morrazo, sobre todo por parte de Xoán Manuel Pazos, alcalde de Cangas, a quen temos escoitado na radio denunciar a ocupación por parte da propia concesionaria dos «aliviadeiros» deseñados na ponte de Rande para evitar que en caso de accidente ou avaría dalgún vehículo nos carrís exteriores, o resto dos vehículos quedasen alí atrapados, o que provocaría o conseguinte atasco no corredor do Morrazo ou na saída de Vigo. A ocupación destas «saídas de emerxencia» con contedores, guindastres e vehículos, ademais dos trastornos ao tráfico e a súa seguridade que puidesen ocasionar, xustificados pola concesionaria cun servizo de guindastre a ambas as dúas bandas da ponte, constitúe cada día que pasa a testemuña de que a inauguración da ampliación de Rande do último 30 de decembro, coa presenza protocolaria de Rajoy, Pastor, De la Serna, Feijoo e Caballero, entre outros membros do PP e do PSdeG-PSOE, se fixo cando as obras non estaban finalizadas e coa intención de permitir a inminente suba de tarifas. Nove meses despois daquela «inauguración» as obras de renovación nos taboleiros centrais continúan e as promesas do Ministerio de Fomento (agora en mans do PSOE), como a eliminación da peaxe de Redondela, quedaron en augas de bacallao.

Trastornos para as persoas usuarias da AP-9, que tampouco contamos coa posibilidade de aproveitar o tren do Eixo Atlántico en horario nocturno, que porén non afecta á concesionaria cuxo estado de caixa mellora cada ano (xa anuncia 21 millóns de beneficios no primeiro semestre de 2018). E se isto non abondase para quedarnos con cara de parvos, tamén durante estes días asistimos á batalla polo control da propiedade de Itínere, a propietaria de Audasa, que explota tamén outras dúas autoestradas galegas, a AG-57 do Val Miñor e a AG-55 da Coruña a Carballo. Unha durísima loita financeira, aínda non concluída, entre dous grupos de fondos de pensións internacionais, a sociedade Globalvía, trasnacional formada por tres fondos, OPtrust (canadiano), PGGM (holándés) e USS (británico), e a artellada por APG (holandés) e Corsair (estadounidense), que parece hoxe probable gañadora, tras presentar unha oferta de compra alternativa. En todo caso, unha mudanza de propiedade dunha concesión moi atractiva desde que no ano 2000 foi alongada polo goberno de Aznar até o 18 de agosto de 2048, e que para maior «cabreo» cidadán coincide no ano no que Fomento (en mans do PP) comezou o rescate das «autoestradas quebradas» da Comunidade de Madrid (cun custe de mil millóns de euros), e máis recentemente o novo ministro (socialista) anunciou a decisión de non prolongar as concesións a piques de rematar este ano ou o vindeiro, como a da AP-1 entre Burgos e Armiñón, a AP-7 entre Alacante e Tarragona ou a AP-4 entre Sevilla e Cádiz.

Que fixemos os galegos e as galegas para merecer isto? É xusto que continuemos sendo reféns da concesionaria da infraestrutura que artella a nosa mobilidade interior? Abonda para rematar cos abusos da concesionaria con reclamar que as competencias sobre a AP-9 sexan transferidas polo Goberno de España a Xunta de Galicia, como acordaron (xa por terceira vez) os grupos do Parlamento de Galicia aprobando unha proposición non de lei inicialmente presentada polo BNG? Non sería xa o momento de que Galicia se plantase, dende o seu Goberno até o seu Parlamento, co apoio inequívoco da cidadanía, e reclamase a titularidade da AP-9, que é o mesmo que asumir o seu rescate das mans destes fondos de pensións que esgotan os nosos petos?

Recuperar Samil

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo as dificultades de recuperación dos areais de Samil:

Pertenzo a xeración de rapaces e rapazas vigueses que gozamos dos areais de Samil en todo seu esplendor, esa liña de dous quilómetros de costa que vai dende o Laxón até a Foz do Lagares, que é o mesmo ca dicir dende o Cabo do Mar até o Cabo da Vella. Mociños que gozamos das marabillas das súas praias, dende a do Cocho das Dornas, pasando pola da Argazada, até a do Tiro das Artes, até que os últimos alcaldes franquistas as urbanizasen coa construción dun paseo de formigón, varios restaurantes e aparcamentos que en apenas catro décadas arrasaron a metade da superficie deste espazo intermareal, o que fora un dos monumentos naturais da nosa cidade de sal.

Mais é de xustiza lembrar que xa entón, cando o inefable Rafael J. Portanet xustificaba a construción do muro para «rematar coa anarquía» provocada polos restaurantes, polo cámping ou o estacionamento indiscriminado nos areais, na cidade erguéronse voces cidadáns afoutas, como as dos escritores Valentín Paz-Andrade ou a do propio Eduardo Blanco Amor, denunciando que esta actuación estragaría a praia, como sucedería en apenas dúas décadas.

Foi o de Samil outro erro urbanístico colosal de Portanet, como tantos outros daquela nefasta década «desarrollista» na que Vigo medraba ás toas, cometido tamén na praia do Vao co proxecto de urbanización «Playas blancas», ao que se opuxo con teimosía Antonio Nieto Figueroa «Leri», o valedor do «Vigo playas». Política sobre as praias que comezaría ser emendada décadas despois polas corporacións democráticas, sobre todo nas dos noventa, polas alcaldías de Carlos Príncipe e Lois Castrillo que asumiron os proxectos de rexeneración integral da praia do Vao e a audacia de propoñer a demolición do paseo de Samil como única saída para salvar o noso primeiro areal.

Solución que, unha década despois, sería recollida no Plan Xeral de 2008, o plan anulado en 2015, que no marco dunha reordenación xeral de toda a zona de Samil prevía a desaparición do actual paseo, así como a dos catro restaurantes e instalacións deportivas alí situadas, como a redución da actual avenida de Samil a un camiño de servizo de oito metros e o seu desprazamento detrás do hotel. Unha actuación moi ambiciosa que permitiría o retranqueo do paseo urbano até o que hoxe é avenida e que facilitaría nuns anos a rexeneración da duna e a recuperación da flora intermareal autóctona. Actuación rexeneradora que pretendía que o ancho do areal acadase os sesenta e cinco metros, ademais, enmarcada dentro das actuacións do Ministerio de Medio Ambiente de recuperación das marxes da beiramar, cando era secretario xeral do Mar o vigués Juan Carlos Martín Fragueiro que no verán de 2009, sendo xa alcalde Abel Caballero, anunciou o comezo do derrubamento do paseo unha vez que se contase cos estudos de impacto ambiental. E dende entón, coa excepción do derrubamento do restaurante As Dornas, tras o remate da súa concesión, pouco mais soubemos do futuro daquela actuación salvadora de Samil, coa excepción en 2015 da sorprendente e polémica nova concesión por trinta anos do que fora o restaurante Jonathan, agora como Marina Cíes Beach, o que só pode dificultala ou adiala outro par de xeracións.

Coñecemos agora que Abel Caballero a pasada semana lembroulle a Teresa Ribera, ministra de Transición Ecolóxica, a necesidade de recuperar o proxecto de rexeneración de Samil, o que en si mesmo debería constituír unha boa nova. Porén, non sabemos se este anuncio constitúe apenas outra serpe de verán, no marco das promesas preelectorais do derradeiro ano de mandato, xa que non despexa dúbidas principais: tras a anulación do plan xeral de 2008, como queda o ordenamento para Samil previsto naquel documento urbanístico?; sería posible comezar algunha daquelas actuacións, como o derrubamento do paseo?; en que medida sería compatible co calendario das concesións dos tres restaurantes abertos, alongadas a última até 2045?

O futuro de Samil debátese entre continuar afondando nun modelo de praia urbana, cada vez máis reducida e saturada de formigón e instalacións terciarias, ou mudar de vez e apostar estratexicamente, a longo prazo de forma decidida e paciente, pola recuperación do espazo intermareal, o que obrigará a importantes renuncias e a unha grande colaboración cidadán. A extraordinaria evolución da praia do Vao, cada ano máis ampla e cunha vexetación intermareal máis vizosa, na que a area remonta e a duna conseguiu colonizar un paseo de formigón e as instalacións deportivas, demostra que con vontade política e apoio cidadán esta rexeneración é posible. É imprescindible abrir un debate na cidade sobre cal debe ser o futuro do sistema dunar de Samil nos vindeiros cincuenta anos. É unha cuestión principal, xa que está en xogo a supervivencia dunha das iconas e alfaias viguesas.

Torrecedeira blues

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a problemática do barrio de Torrecedeira:

A rúa Torrecedeira é unha das expresións máis fidedignas do «urbanismo desarrollista» vigués de hai corenta anos. Aprobada a súa apertura pola corporación en 1943, como enlace entre a nova avenida da Coruña e o paseo de Alfonso, tardou en completar até a década de 1970 a súa fasquía actual de espazo urbano de dura construción pechada sen unha saída natural ao centro e escasas dotacións para a súa veciñanza de aluvión. Por ventura, fora iniciada coas excelentes instalacións educativas das escolas de Peritos e Comercio (xerme da Universidade de Vigo) e do Instituto Politécnico (a punto de celebrar o seu 50 aniversario), onde o alumnado podía sentir a euforia do arrecendo a salitre e ferro dos estaleiros e conserveiras instalados ao seu carón, máis tamén admirar os chalés de Peniche, alfaias desaparecidas daquela pretendida cidade xardín, soñada polos arquitectos Jenaro de la Fuente e Manuel Gómez Román. Rúa de Torrecedeira cuxo trazado continuou dende Peniche a Picacho, seguindo en paralelo as liñas das praias de San Sebastián e San Francisco, engulidas pola avenida de Beiramar, dende o baile das Cabañas, instalado á altura da rúa Severo Ochoa, pasando polo Colexio Alemán, até o Barrio do Pescador, primeiras vivendas sociais do barrio, fronte ao Campo do Gas e ao que foi cemiterio de Picacho.

Xaora, chegados os setenta das alcaldías franquistas de Portanet e Ramilo, a rúa Torrecedeira emerxeu de súbito como un dos celmes do novo Vigo popular, desa entusiasta cidade de acollida e de fortuna onde retornou unha parte da nosa emigración europea, novos vigueses e viguesas procedentes de Alemaña, Francia ou Suíza, sen outra memoria anterior que a aldea (probablemente) ourensá da que partiron nos sesenta e a de concibir Vigo como o seu espazo de esperanza onde chantar raíces. Torrecedeira como expresión do Vigo revolcado, que resistiu as reconversións do naval, as crises de Citroën, da conserva e das frotas do Berbés, mais tamén como espazo urbano que gozou das estudantadas do «Destornillo» de Peritos e do pulo que supuxo a creación da Universidade de Vigo, enchendo moitos dos pisos da rúa con centos de estudantes. Torrecedeira como expresión do endemoñado tráfico vigués nunha rúa embude, onde a ausencia endémica de prazas de aparcamento incrementa o tránsito, e que non contou con vitrasa até que hai máis dunha década se abriu a primeira liña circular.

Abandonada a súa sorte, a comezos dos anos noventa o arranxo do Parque Camilo José Cela supuxo a primeira solución urbanística destinada a facilitar a mobilidade dos peóns entre Torrecedeira e Pi e Margall, actuación que xa anticipara Jenaro de la Fuente nun seu proxecto en 1927, bautizado como «Parque de Picacho», que deseñaba unha escalinata pétrea, entre pérgolas e fontes. Unha actuación, inaugurada no derradeiro mandato do alcalde Manuel Soto (1991), nun entorno preelectoral polémico, que ademais pretendeu humanizar por medio dunha intervención paisaxística un espazo urbano xa daquela degradado. Unha solución que co paso do tempo non resultou totalmente satisfactoria na medida en que os seus usos como parque infantil e de lecer interxeracional se foron degradando até ser colonizado por uns poucos veciños, como por desgraza tamén sucedeu no parque de Peritos, como espazo para o trapicheo, para ceibar cans ou para estrondosas celebracións nocturnas. Marxinalización do Camilo José Cela, que tamén se produciu arredor do Barrio do Pescador, á que, sen dúbida, non foron alleas nin a degradación inducida polo abandono do Barrio do Cura e de naves industriais de Jacinto Benavente nin a concentración nese entorno dos servizos públicos para persoas en perigo de exclusión existentes na cidade.

Son comprensibles as protestas destes días da veciñanza e dos comerciantes de Torrecedeira polos problemas de seguridade que sofren, dos que nós tamén fomos vítimas en diversas ocasións, mais que sería improcedente detallar aquí. En todo caso son síntomas que expresan a profunda desigualdade existente na sociedade viguesa actual e a ausencia de políticas sociais e educativas integrais para abordar as causas da exclusión, as dificultades da integración de comunidades diferentes, a difícil loita contra o trapicheo de drogas ou a axuda que se pode achegar ás persoas con adiccións severas. O que sucede cada día na rúa Torrecedeira obriga a todas as administracións, dende o goberno municipal á subdelegación do Goberno e a propia Xunta de Galicia, a non ollar para outro lado e a encaralo como un problema sociocomunitario. A ninguén se lle pode ocultar que  unha problemática tan complexa non se vai solucionar da noite para a mañán incrementando o cadro dos coidadores de barrio e a vixiancia policial, por imprescindibles e urxentes que sexan estas medidas.