Onte 683: Desgraza

O sucedido en Angrois amosa que o horror forma parte das nosas vidas. A pesar de que cremos ser conscientes desta finitude, a desgraza das vítimas do tren colleunos a contrapé, instalados na aparente comodidade das nosas rotinas. Enfrontándonos a hemorraxia de dor, que intuimos en cada unha das familias rotas pola traxedia, non podemos máis que celebrar o seguirmos vivos, agarimados polas persoas queridas. Ven ao fío o que escribiu Suso de Toro no seu artigo luminoso de onte: «a morte é a única e verdadeira medida das cousas da vida, esmaga as trivialidades, anula as distancias, devólvenos o sabor atroz de vivir e devólvenos ao que é primeiro, o asombro de estar vivos aquí. E o agradecemento por estalo». A de Angrois foi, sen dúbida, unha desgraza moi grande provocada por un terrible accidente que debe ser explicado. Con todos os abrazos para as vítimas e as súas familias e amizades, a nosa gratitude para os heroes de Angrois que intentaron mitigar tanta dor.

Grazas a Toni Seijas pola fermosa ilustración de homenaxe ás vítimas e heroes de Angrois.

Onte 682: Angrois

Quedei mudo desque coñecín a noticia do accidente do Alvia na curva Grandeira de Angrois. Xa naquel anuncio agoiramos unha tremenda traxedia que nos magoa e enfronta ás limitacións dos medios de transporte, onde non existe o risco 0. Serán as investigacións xudicial e da comisión de accidentes ferroviarios do Ministerio de Fomento ás que diriman responsabilidades e expliquen as causas do descarrilamento nun treito de vía, considerado de trazado difícil, no que a condución do tren era manual. Será, probablemente, a análise do tacógrafo a que poida explicar o sucedido, pouco máis pode dicirse dunha traxedia hoxe inexplicable.

Será este 25 de xullo, un día da patria de exaltación silenciosa da solidariedade dun pobo tan xeneroso coma o noso cos brazos sempre dispostos para a aperta. Será tamén un día para agradecer a entrega aos heroes do 24X: traballadores públicos sanitarios, de seguridade e emerxencia, como da xenerosidade da veciñanza de Angrois, as primeiras persoas que entre o abraio acudiron polas vítimas. Mención á parte merece a gratitude que a cidadanía debe aos xornalistas e medios (sobre todo Radio Galicia, a SER de Santiago) que desque coñeceron a noticia informaron con rigor, dignidade e sobriedade, o que sei é moi difícil nesas circunstancias. Como sería inxusto non celebrar a cobertura en directo da TVG e da Radio Galega (a pesar das súas especulacións e imaxes sen editar iniciais), fronte ao pobrísimo papel da TVE e das cadeas privadas xeralistas estatais, que continuaron coa súa programación coma se nada sucedese. A traxedia de Angrois demostrou que é imprescindible contar con medios públicos e xornalistas independentes para facerlle fronte colectivamente a estas desgrazas colectivas. Porén, sei que hoxe xa están chegando de Madrid os que transformarán esta hemorrraxia de dor en horas interminables de lecer televisivo. Mágoa! Neste 25X: Xornalismo independente ou barbarie!, o demais é silencio.

Onte 681: Tecnoloxías emocionais

Leo en Comunicación cultural que coa universalización dos smartphones chegarán as chamadas «tecnoloxías emocionais». Semella que utilizaremos o móbil tanto para coñecer a predición meteorolóxica (graciñas 4 gotas!) como para saber do noso estado emocional. Esta é a información proporcionada xa por EmotionSense, un app que diagnostica o noso estado de felicidade ou frustración en base aos datos proporcionados polo uso do noso teléfono. O carácter terapéutico do móbil permitirá previr os nosos estados de ánimo e será tamén fonte de información para mellorar a nosa saúde. Non é ciencia ficción nin fantasía friki. Estamos ás portas da chamada «computación afectiva», a que será capaz de adiantarse ás nosas emocións. Pensemos nas consecuencias que isto pode supoñer. Outro chimpo dixital. Uff!

Onte 650: Messi

Tras a imputación de Messi por fraude fiscal, o seu xogo da serpe paréceme moito menos excitante e fermoso. A partir de agora, inevitablemente, cada vez que Lionel canee aos seus defensores a velocidade de vertixe, non só estarei vendo a un extraordinario futbolista, quizais o mellor do noso tempo, tamén a un cidadán que semella non respectou as súas obrigas colectivas. Todos os servidores públicos, tamén as persoas que gozan do aprezo social (como os artistas e deportistas de elite), teñen a obriga engadida de ser referentes sociais (e mesmo morais), xa que funcionan como «modelos» para a opinión pública. Non se pode diferenciar o deportivo do público e do político. Eis a cerna desta presunta fraude coa que Messi perdería a súa inocencia e candidez.

Onte 643: Matarte lentamente

Nesta crise magoante a realidade vai detrás da ficción, ou a literatura diante da vida, que ven sendo algo semellante. Penseino onte cando lin devagariño a noticia tremenda do suicidio de U.P.B., un xubilado de 82 anos afectado pola estafa das participacións subordinadas de NGB. Penseino cando lembrei unha das historias relatadas por Diego Ameixeiras en Matarte lentamente, a súa próxima novela (en novembro estará nas librarías), precisamente aquela na que se suicidan unha parella de preferentistas xubilados e na que o seu fillo irado artella unha terrible vinganza. Tras a lectura do manuscrito, cando chamei a Ameixeiras comentamos, o que é a vida, este caso dos preferentistas e agoiramos que algún día podería producirse. Agora, apenas un mes despois, a realidade fixo máis verosímil a primeira parte da ficción. Malditos especuladores!

Onte 572: Menela

Celebrouse onte o Día Internacional do Libro Infantil, mais tamén o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Unha efeméride destinada a contribuír á defensa da dignidade, dos dereitos e da mellora da calidade de vida daquelas persoas incluídas no que se denomina «Trastorno do Espectro do Autismo» (TEA), unha doenza que se estima no mundo afecta a 35 millóns de persoas, a 1 de cada 150 escolares. Superar os prexuízos e falsas crenzas existentes sobre as persoas con discapacidade ou con trastornos do espectro autista é un requisito imprescindible para conseguir a súa participación social e unha sociedade en real igualdade. Un labor inclusivo que dende 1989 leva realizando en Vigo e a súa comarca Menela, a institución educativa e asistencial, hoxe unha fundación, da que leva termando de forma incansable e xenerosa o psiquiatra Cipriano Jiménez Casas. Dende a creación do seu centro de formación e recursos da rúa Laxe, proxecto pioneiro na recuperación urbana do Casco Vello de Vigo, até a empresa Castro Navas de Priegue, na que traballan persoas maiores con TEA, hoxe sesenta profesionais de Menela atenden a 149 persoas nos seus diferentes proxectos. A inclusión educativa e laboral de persoas con TEA, asi como a atención temperá a nenos que padecen este trastorno constitúen os seus principais obxectivos. Unha actividade da iniciativa privada que sofre as penalidades dos recortes dos poderes públicos, capeando o mellor que pode semellante temporal. Como sinala Cipriano Jiménez Casas no artigo que publica hoxe en Faro de Vigo: «o mundo do autismo non esta feito de silencio nin de illamento; precisa concienciar e participar». O traballo da Fundación Menela merece o noso maior recoñecemento e apoio.

Onte 560: Días mundiais

O 21 de marzo, coincidindo co inicio da primavera e co equinocio, celébranse un cantos días mundiais. Consultando a miña cronoloxía de twitter, atopei onte numerosas referencias ao Día mundial da poesía e da creatividade, ao Día mundial da marioneta, ao Día mundial da sindrome de Down, ao Día forestal mundial, ao Día internacional contra a discriminación racial, ademais das do Día da felicidade (celebrado antes de onte) e as do Día mundial da auga, conmemorado hoxe 22 de marzo.

A celebración de tantas efemérides mundiais en apenas tres días é un síntoma inequívoco das moitas doenzas ocultas que padece a humanidade e o propio planeta, que a comunidade internacional pretende atallar. Como hai razóns tamén para considerar que este apretadísimo calendario laico das boas intencións e das causas da humanidade é apenas unha manifestación da mala conciencia (unha «tirita» sobre unha grande ferida) dos organismos internacionais que o promoven, a maior parte dependentes dunhas Nacións Unidas á deriva, cada vez máis irrelevantes na nova orde internacional. Con todo, é innegable que estas efemérides axudan a facer visibles estas causas dos dereitos da humanidade nos medios de comunicación, nas redes sociais e nos sistemas educativos, o que contribúe a manter a tensión da cidadanía no seu exercicio e defensa. Non é pouco.

Tras día tan sinalado recupero uns versos de Ramiro Fonte, tirados d’ A rocha dos proscritos, afirmando a condición poética de cada cidadán: «Cando chegue a primavera / Xunto á casa que foi súa / Deixarei este poema, / Coma unha flor ventureira / No libro da beirarrúa».

Onte 549: Amador e Daniel

Efemérides como a do 10 de marzo non poden pasar desapercibidas. Recordóunolo Agustín Fernández Paz  en «Era un inverno cruel de chumbo e morte», o título da valiosa anotación que publicou onte recollendo o primeiro verso dun emotivo poema escrito por Darío Xohán Cabana en lembranza daquel día nefasto de 1972. Nun tempo de abraiante precariedade laboral e social coma a que vivimos, é imprescindible facer un exercicio de memoria histórica lembrando o que sucedeu naquel Ferrol  de 1972, cando os obreiros de Bazán e Astano foron ametrallados pola policía. Como debemos facelo cos conflitos de Vigo naquel mesmo ano. Só así seremos conscientes do tremendo esforzo das xeracións que nos precederon, e mesmo das vidas que custaron as conquistas que agora pretenden arrebatarnos. Amador Niebla e Daniel Rei, sempre!!!

Onte 541: #QueSeLixeATroika

As grandes manifestacións de onte en Portugal amosan a indignación dunha maioría social farta da política de austeridade imposta pola Troika e polo goberno de Passo Coelho. Convocados apenas por internet –utilizando  un blog, Fb e Twitter, baixo o hastag #QueSeLixeATroika e os lemas «Queremos as nossas Vidas» e «O povo é quem máis ordena»–, o millón e medio de persoas que ocuparon as rúas das cidades portuguesas, probablemente nas máis importantes manifestacións da súa historia recente, aprobaron unha Moción de Censura Popular, un chamamento á romper coas políticas nefastas de devaluación interna que empobrecen aínda máis aos humildes e remata coa democracia. O que sucedeu onte en Portugal amosa, ademais, a crise da lexitimidade dos partidos de goberno que minten á cidadanía e incumpren sistematicamente o que prometeron. Neste triste proceso, Portugal vai un ano por diante nosa. Aconsello reparar nas fotos e nos vídeos, identificando os textos das pancartiñas, onde non aparecen (ou polo menos eu non os vin) emblemas e insignias dos partidos de esquerda tamén presentes na convocatoriaEmociona escoitar outra volta  «Grândola vila morena» no Terreiro do Paço. Dá moito que pensar, un pobo que non se resigna.