Onte 261: En Muxía con López Abente

Viaxei a Muxía con Ramón Nicolás para participarmos na presentación d’ A narrativa mariña de Gonzalo López Abente que preparou Suso Sambade. O acto celebrouse nas instalacións da magnífica Biblioteca Municipal, un edificio cedido por Santiago Rey Fernández Latorre. É modélico o traballo dos membros da Fundación Gonzalo López Abente para poñer en valor e redimensionar a obra do primeiro escritor muxián, sempre fiel ao espírito das Irmandades da Fala. Rivadulla Corcón anunciou na súa intervención os proxectos da Fundación para celebrar en 2013 o 50 aniversario do pasamento do autor de Buserana, entre os que destacan a edición dunha unidade didáctica e a publicación da Poesía Completa por parte de Edicións Espiral Maior. Pola súa banda Sambade salientou a importancia da prosa de López Abente escrita para dignificar a lingua, as xentes e a paisaxe. Excelente serán literario.

Onte 253: Novela popular

Nunha presentación memorable, extraordinaria, diante de máis de 150 persoas que ateigaron o auditorio da Casa da Cultura de Negreira, Suso de Toro definiu As rapazas de Xan como «unha novela popular en todos os sentidos, xa que ten emoción, ten intriga, ten enredo, ten  un estilo marabilloso transformando a fala popular en lingua literaria». Remataba así unha intervención na que o autor de Sete palabras iniciara a glosa da primeira obra de Manuel Iglesias Turnes relatando o mito de Palas Atenea que nacera enteira, adulta e armada, da cabeza de Zeus para situar «unha novela que naceu enteira, cabalmente do mundo da infancia, esa fonte das persoas que mana dentro de nós». Referiuse logo Suso ao mundo retratado n’ As rapazas de Xan «é o que Manolo Turnes sinte que pertence, o que coñeceu na súa infancia, o que preexistía antes do seu nacemento, un mundo situado nun momento histórico moi concreto cando os pobres de Europa emigraban cara América»: «Esta novela fala, ademais, do franquismo, de como as aldeas vivían baixo o xugo da parroquia, das humillaciónse e do temor, dun pobo amedrentado polo crego ou pola parella da Garda Civil, fala dun pobo que quería vivir doutra maneira. Fala sen mixiricadas nin idealizacións da aldea, dun campo cheo de xente, moita xente de todas as xeracións. Nesta novela esta cabalmente todo o mundo que foi», rematou.

Onte 252: En Lugo con Waldemar

Tras asistir aos actos da mañá en Vigo, viaxei con Pedro Feijoo a Lugo para participar no serán da Feira do Libro. Utilizamos de novo o sistema de dobre sesión, primeiro presentamos Os fillos do mar e logo O misterioso Doutor Saa, a biografía sobre o ilusionista e prestidixitador de Portotmarín Conde de Waldemar preparada por Xosé Díaz e Belén Fernández. O serán constituíu unha reivindicación do papel da memoria nun país esquecedeiro, con especial atención aos vínculos de Waldemar coa cidade de Lugo, o lugar de regreso despois de calquera dos longos periplos polo mundo do mago. Xosé Díaz, despois de contar a anécdota deliciosa da galiña dos ovos de ouro, protagonizado polo doutor Saa e rescatada por Trapero Pardo, reclamou un lugar para o mago no rueiro da cidade. Belén Fernández abordou a figura de Waldemar como emigrante e aventureiro lembrando a súa aprendizaxe en París e o seu debú en Arxentina. Rematou adiantando a hipótese da súa probable influencia no fenómeno literario latinoamericano do realismo máxico. Un magnífico serán das letras.

Onte 242: As rapazas de Xan

Pablo Vaamonde publicou no seu blog o prólogo d’ As rapazas de Xan, a novela de Manuel Iglesias Turnes. Iníciase así a socialización dunha obra de fasquía clásica que relata a vida nunha aldea da Barcala de malla a malla, nun ano da metade dos cincuenta. A violencia sobre as mulleres e sobre os humildes, a emigración americana como case único horizonte para os novos, a forte presenza represora da Igrexa, as relacións desiguais entre as casas e as familias son algúns dos temas dun relato moi emocionante de inequívoco sabor etnográfico. Turnes actualiza con acerto, ofrecendo as doses precisas de sentimentalidade, mais fuxindo da grandilocuencia, un relato moi fiel sobre a vida e os traballos na aldea, cerne da memoria viva de milleiros das familias humildes galegas. Suso de Toro, Che Turnes e Pablo Vaamonde acompañarán ao autor o venres 18 de maio na presentación da novela en Negreira.

Onte 240: «transmuta» e «Iria»

Pechamos a participación de Xerais na Feira do Libro de Compostela cunha sesión continúa na que presentamos senllas obras extraordinarias, transmuta, o libro de poemas de poemas de Xabier Cordal e Iria a novela de Anxo Angueira. Un excelente serán, dúas intensas horas de grandes discursos literarios sobre dous libros definidos polos presentadores como «extraordinarios». Comezou a sesión Oriana Méndez cunha boísima intervención sobre transmuta, libro que para ela «escapa da duración», definíndo como «un acontecemento, verdadeira vida», «un bloque de palabras, resistencia», «unha porta azul que se abre, manifesto de palabras contra a morte», «o íntimo e o público sen fronteiras, asumindo o amor como unha posición política». Logo interveu Arturo Casas que, primeiro, repasou a traxectoria de poética de Xabier Cordal, para despois glosar transmuta: «un libro que remite a idea de cambio, de dinamismo, de dialéctica», »unha obra que pretende se runha reflexión sobre a historia, sobre os discursos da historia do noso tempo». Salientou Casas unha idea do libro que lle pareceu fulcral: «a memoria ten como misión fundamental entender, non tanto lembrar», «a historia debería ocuparse da continxencia, como momento copresencial; cada continxencia é unha encrucillada onde temos dereito a elixir sobre o futuro inmediato». Reclamou aos numerosos académicos presentes no acto que incorporasen ao dicionario da RAG a palabra «ferranchina» utilizada no barrio de Monte Alto do que proceden tanto el coma Cordal, «que nin sequera atopei no Gran Xerais e caracteriza moi ben este libro de Xabier». Rematou a primeira sesión coa intervención de Cordal, expresando a súa gratitude («O único sentido do poema é a vida»), e a lectura dunha escolma de textos de trasnmuta por parte da actriz Mónica Camaño.

A segunda sesión protagonizouna Iria, a obra coa que Anxo Angueira continuou o ronsel iniciado en 1999 por Pensa nao. Iniciou unha intervención excepcional, Méndez Ferrín parabenizando a autor por publicar esta novela, xa que «Pensa nao pedía a súa continuación noutro texto e Iria xa pide unha terceira, até entón non nos sentiremos plenamente satisfeitos». Debullou logo os temas principais dunha obra que considerou «o noso Don apacible»: «Aquí está o regadío, unha construción inútil, que representaba os proxectos de colonización do franquismo. Aquí está o galeón, as últimas embarcacións de cabotaxe nas Rías Baixas que atracaron cos seus fretes nas docas de Pontevedra e nos peiraos de Vigo. Aquí está incorporada a historia negada da UPG, o acontecemento que supuxo a colocación o 25 de xullo de 1968, aquí na Alameda de Compostela, dunha pancarta que rezaba ‘Galicia ceibe e socialista’». Ferrín gabou o carácter musical da novela, «unha auténtica suite, con repeticións, anáforas, cadencias, con personaxes que se esvaen nunha permanente variación musical. Anxo Angueira compón como faría Antonio Lobo Antunes, o mellor narrador portugués contemporáneo». Rematou Ferrín o discurso abordando a vivencia da paisaxe das Terras de Iria e o carácter da novela como «mosaico de textos» xa que «estamos diante dun autor sumamente culto, que coñece moi ben a literatura galega, sen do o mellor coñecedor de Rosalía de Castro, a figura principal de Iria».

A loucura en «Dark butterfly»

«Narración intensa, doída, radical» Armando Requeixo.

««Dura, triste, abrumadora.» Rosa Enríquez.

«A loucura é a redución do mundo á metáfora, fai desaparecer o caos empregando a lingua na súa máxima literariedade, destruíndo a significativade. A linguaxe da loucura é iluminadora. Intentei achegarme a ese fulgar». Rexina Vega na presentación de Dark butterfly na Feira do Libro de Santiago.

Onte 237: «O silencio» de Mario Regueira

Comezamos a xeira de presentacións da Feira do Libro de Compostela co libro de Mario Regueira O silencio. Foi o profesor Arturo Casas quen nunha intervención moi ben enfiada debullou un libro que cualificou de «extraordinario». Unha achega que culmina unha maneira de entender a escrita deixando todas as posibilidades abertas e pechando o conxunto de tres volumes de base poética común que o autor iniciou con Tanxerina (2006), continuou en Blues da crecente (2009) e pechou con este O silencio (2012). Para Casas, «Regueira, como outros poetas nosos, hoxe á vangarda do que é a poesía no mundo, conciben que a poesía ten que ser a do seu tempo presente». E como tal, «a poesía de Mario é política, observa a realidade e intenta modificala.» «Mario é de Ferrol. É, quizais por iso, un poeta moi racional. Non hai nada na súa obra que non estea reflexionado.» Continuou Casas salientando que a poesía do noso tempo deixou de ter o labor de encomio: «A mellor poesía actual é a que pensa e ensina a pensar,  é a que entrou no xénero deliberativo, a que pensa sobre o noso presente, sobre que futuro queremos construír, que patria, que idea de nación.» A pesar disto, na obra de Regueira non hai mención ningunha dese territorio chamado Galicia: «é un poeta de cartografías moi amplas, de extensións bastas. En Tanxerina visitou o Norte de África, no segundo libro visitou Luisiana e algunhas illas do Caribe, no Silencio fala de Europa, fala da guerra, máis sen pasar de Occitania para abaixo.» Logo, o profesor Casas abordou a relación entre identidade e alteridade na obra de Regueira: «Mario fai unha poesía apostrófica dirixida diante do que fala. Non aposta por unha poética do eu ou do ti. Aposta por unha poética, en termos deleuzianos ou de Bowles, que poderiamos chamar ‘nómade’, unha identidade que se vai constituíndo en base a encontros e desencontros.» Para pechar o seu parlamento, Casas referíuse O silencio: «Este é un libro sobre a guerra, sobre os seus efectos, sobre os seus relatos, sobre guerras presentes nos libros de historia e sobre outras ocultas, sobre todas as formas de violencia.» «Regueira non pretende constituír heroes senón reflexionar sobre os efectos da guerra, sobre momentos de ruído enxordecedor e de silencio, os máis difíciles de informar de todas batallas. Este é un libro que vixía a retagarda. Aquí está o esquecemento, a intelixencia que intenta descifrar os códigos do inimigo, a destrución, as pontes, están Alan Turing e Coltrane, a música deste libro, está a transición do bebop ao modern jazz…» Arturo Casas pechou o seu discurso definindo «a guerra como a continuación das transaccións por outras vías» e reiterando o carácter de «extraordinario» para O silencio. Pola súa banda, Mario Regueira comezou as súas palabras comparando a escritura coa pesca da rocha, «a pesar de que custa, gustános facela.» «Este é un libro sobre as guerras como símbolo global. Tenta aludir as batallas históricas, mais tamén as guerras invisibilizadas. Vivimos tempos de guerra, de agresións, non fai falta que o noso tempo sexa outro Guernika», rematou.

Onte 232: Dark butterfly

Librouro quedou moi pequena para acoller a performance de presentación de Dark butterfly, a novela de Rexina Vega. Unha intervención artística magnífica de seis mulleres (Begoña Outeiro, Paz Raña, Lucía Riveiros Vázquez, Iolanda Zúñiga, Rosa Enríquez e a propia narradora), que conforman comunidade no Facebook galego, para visibilizar unha obra tan pavorosa como heroica. O documental de Manuel Forcadela achegounos a ese territorio da fraxilidade, unha experiencia humana dolorosa, onde as palabras teñen un papel curativo. Dark butterfly mestura fíos de vida con referencias literarias nun exercicio de escrita catártico, case terapéutico. Unha expresión das posibilidades da literatura como forma de coñecemento, mais tamén como denuncia da estigmatización que a sociedade actual realiza desta enfermidade, a esquizofrenia, sexa nas institucións psiquiátricas ou nas terapias farmacolóxicas. Unha novela que supón a confirmación literaria dunha autora afouta capaz de explorar as caras agochdas da condición humana.

Onte 228: Isto é Vigo

«Agradezo a afluencia de público e personalidades neste acto mais tamén as voces iradas dos que protestan; isto é Vigo, o punto máis dinámico e máis tenso e creativo de Galicia. De aquí naceu todo. Naceron as grandes empresas industriais e as do espírito de renovación de Galicia. Aquí publicou Rosalía Cantares galegos. Aquí Valentín Paz Andrade acometeu a súa tarefa». Máis ou menos estas foron as palabras coas que Xosé Luís Méndez Ferrín iniciou a súa intervención na presentación institucional da reedición de Galicia como tarea preparada por Xerais na que estaban presentes o presidente da Xunta, o conselleiro de Educación e Cultura, o delegado do Goberno e outros cargos públicos, mentres á porta da delegación da Xunta de Galicia un grupo de traballadores asubiaban detrás dunha pancarta na que rezaba «Non máis despidos nas axencias da Consellaría de Traballo e Familia». Afouto e brillante parlamento do presidente da RAG que logo salientou como «en Galicia como tarea Valentín recolleu o grande programa político do nacionalismo galego durante o franquismo». Sinalou que «neste libro os lectores de hoxe atoparán o auténtico viguismo, o que denuncia que Vigo e o seu hinterland teñen as comunicacións por terra colapsadas, como tamén sucede agora», así como «está presente a reclamación dunha entidade financeira propia, con sede en Vigo, aínda que non sei que pensaría Valentín se fose testemuña de como hoxe van desaparecendo as caixas de aforros». Grande Ferrín, beizón, por unha intervención memorable!

Galicia como tarea

No artigo da semana en Faro de Vigo anuncio a reedición facsímile de Galicia como tarea, o emblemático ensaio de Valentín Paz Andrade.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro e co aniversario do nacemento de Valentín Paz Andrade este 23 de abril preséntase en Vigo a edición facsímile de Galicia como tarea, o libro alboral dos estudos socioeconómicos galegos, publicado en 1959, ao coidado de Luís Seoane, polas Ediciones Galicia do Centro Galego de Buenos Aires. Para Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, “é o grande manifesto político e económico do nacionalismo progresista”. Para Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, autor do brillante estudo introdutorio da nova edición de Xerais, “é un libro singular e pioneiro, que se adianta ao seu tempo, xa que combina a análise estatística precisa cunha concepción global e mesmo cultural de Galicia, entendida como ‘ser enterizo’ que precisa deseñar un destino. Esta é a ‘tarea’. […] Non hai lamentación nin doadas culpabilizacións, senón unha apelación clara á responsabilidade colectiva e á capacidade das elites para deseñar ese futuro como un destino” .

A orixe do texto de “Galicia como tarea” estivo nas conferencias que Paz Andrade pronunciou en Buenos Aires en 1957 sobre economía e cultura galega, cando fóra convidado polo Centro Galego con motivo das Xornadas Patrióticas do 25 de xullo. Intervencións que, en boa medida, compuxera na cadea da rúa do Príncipe durante os trinta días do mes de xuño que pasou preso por unha “leve falta de ligera irrespetuosidad a la autoridad de Marina”, pena que se lle aplicou por apenas catro liñas publicadas na revista Industrias Pesqueras, da que era director, en setembro de 1956 nas que se daba conta do cesamento dun comandante de Mariña. Non fora esa a primeira ocasión na que Valentín visitou as celas de Príncipe por problemas coa censura ou coas autoridades gobernativas. En 1924, xa pasara 15 días, tras negarse a pagar dúas multas de 250 pesetas por senllos artigos (“El tren del Pirineo” e “Justificando nuestro silencio”), que publicou no xornal “Galicia” opoñéndose ás ideas de reforzar as comunicacións só con Madrid e defendendo a construción dunha liña de ferrocarrril que unise Galicia coa fronteira francesa, o que permitiría converter o porto de Vigo en cabeceira de Europa.

Paz Andrade pretendía con Galicia como tarea presentar á comunidade galega en Arxentina unha nova interpretación de Galicia con fundamento económico, que desmontase moitos dos prexuízos existentes sobre o país e achegase argumentos para enxergar un futuro de prosperidade. Con esta intención, recaba os datos estatísticos dispoñibles (o título do manuscrito foi Galicia en números vivos) que lle permiten ofrecer diagnósticos novidosos de cuestións fulcrais como a estrutura da produción agraria ou as orixes do fenómeno migratorio, ao tempo que propoñer un horizonte de industrialización baseado no que denomina “meridiano da auga”, sexa a produción de enerxía hidroeléctrica ou fose o aproveitamento dos recursos pesqueiros e o desenvolvemento das industrias marítimas. Ademais, Valentín propón de forma tamén pioneira artellar en Galicia unha ligadura entre economía e cultura, dedicando especial atención ao papel do idioma galego, unha das catro linguas atlánticas que se estende aos catro continentes, o que para el nos permite unha capacidade de comunicación única, extraordinaria, cos millóns de persoas que falan portugués ou castelán.

A pesar das cinco décadas transcorridas dende a súa primeira publicación, o enfoque político de Galicia como tarea mantén a súa vixencia. O chamamento de Paz Andrade a asumir a corresponsabilidade colectiva, a abandonar calquera tipo de conformismo retórico e pasar á acción, a crear unha linguaxe nova sobre problemas vivos, a traballar pola renovación constante das ideas e dos xeitos de “facer e refacer todos os días o país” son hoxe ideas imprescindibles para recuperar o pulo perdido no proceso de construción nacional de Galicia. Cando vivimos un momento de emerxencia, derrotados polo conformismo centralista, cando sofrimos unha brutal sangría demográfica, cando a nosa mocidade volve emigrar de forma masiva, cando soportamos as taxas máis altas de desemprego da nosa historia ven ao caso recuperar as palabras de esperanza coas que Valentín Paz Andrade, o cabezaleiro do galeguismo inconformista que suma, remataba en 1931 un artigo n’ A Fouce: “Hai pois, un labor inaprazable, a loita e a capacitación á vez, que reclama o esforzo dos homes galegos. Unha xesta histórica que non pode ser eludida. Que todos veñan á obra con fe, cheos de azos e optimismo, mais con afán de crear, con inquedanza de traballo, con anceios de facer, aínda que sexa desfacendo”. O futuro de Galicia construímolo nós. Galicia continúa sendo a nosa ineludible tarefa.