Unha oportunidade para Galicia

Os resultados do BNG nas Xerais son moi enganosos. Por unha banda amosan serias dificultades para consolidar o seu voto nas contornas urbanas e para recuperar o seu teito electoral, obtido nas Xerais 2000 (306.000 votos, un 18% do electorado), o que constitúe un feito, indubidablemente, insatisfactorio para as súas posibilidades de converterse nalgún día, como agardamos os nacionalistas, na forza hexemónica do país. Porén, pola outra, a súa probada capacidade de resistencia e a fidelidade do seu electorado (dende hai doce anos situado sempre por riba dos 200.000 votos, aproximadamente un 12% do electorado galego) permiten agora que o valor dos seus dous deputados poida convertela nunha das forzas decisivas para a gobernabilidade do estado, o que constitúe, unha magnífica oportunidade para a modernización de Galicia, ademais dunha posibilidade de reforzamento do seu autogoberno.
Manexar con realismo e humildade este resultado contraditorio é o reto que teñen por diante os responsables do BNG. Sería un erro que tratasen de agachar as carencias e dificultades de crecemento do BNG nas contornas urbanas (onde se produciron algúns resultados claramente adversos, como en Ferrol ou Pontevedra ); como tamén o sería presentar o carácter decisivo das súas actas (moi lonxe aínda do obxectivo razonable de contar con grupo parlamentario propio, como sempre tiveron as outras dúas forzas de Galeuscat) como un “triunfo sensacional” do nacionalismo galego. No entanto, a posibilidade de que estes dous votos do BNG poidan condicionar a formación e a estabilidade do goberno Zapatero ao longo da lexislatura, é unha oportunidade sen precedentes para Galicia que o BNG pode e debe capitalizar diante do seu electorado e do conxunto da cidadanía galega. Eis, é onde pode atopar o BNG o seu maior éxito nestas Xerais, transformando a súa febleza nunha magnífica fortaleza ao servizo do país.
Como ten manifestado Francisco Jorquera nunha recente entrevista na Crónica da Radio Galega, os condicionantes que proporá o BNG na negociación co equipo Zapatero han xirar arredor de catro cuestións de interese xeral para Galicia: os investimentos e as infraestruturas (consolidando os compromisos de investimento do 8% e os calendarios de finalización de AVE, Eixo Atlántico de Alta Velocidade, portos e aeroportos); o desenvolvemento do autogoberno (especialmente no que atinxe as transferencias de Seguridade Marítima e tráfico, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia); o respecto aos intereses económicos do país (con atención primeira as posibilidades de futuro de Astano e do desenvolvemento do sector leiteiro); e, por último, á modificación da “Lei Electoral” (sobre todo no que atinxe ao regulamento do voto en urna do residentes ausentes). Un programa absolutamente razonable, que contribuiría decisivamente á mellora da calidade de vida de todos os galegos. Xestionando con intelixencia esta magnífica oportunidade para Galicia o BNG pode atopar finalmente un éxito considerable nestas Xerais.

Etiquetas:

Punto e á parte

No artigo da semana fago propoño unha reflexión, xa máis perfilada ca anterior (realizada na noite electoral), sobre o resultado das Xerais do pasado domingo. Entendo que consolidan ese ciclo político novo, sobre todo en Galicia.

Xerais 2008, análises nos blogs

Van aparecendo diversas análises e comentarios sobre os resultados das Xerais nos blogs galegos. Interesáronme unhas cantas:

Xerais 2008: primeiras impresións

Diante dos resultados definitivos a primeira sensación é de alivio xa que perdeu a mentira, a crispación e o medo. O PP, a pesar de aumentar en seis deputados e mellorar o seu número de votos (en 400.000), non vai poder gobernar nin vai poder controlar o Senado (algo que se podía temer pola asignación provincial desta cámara). Mariano Rajoy e o seu equipo tratarán de vender estes resultados como unha derrota dóce, mais é moi probable que o rexistrador da propiedade non recunque como candidato en 2012.
A segunda é de mágoa pola polarización brutal dos resultados sobre os dous partidos presidencialistas (entre os dous acadan case o 84% dos votos, a cifra máis elevada de todas as Xerais celebradas; só hai que recordar que en 1989, na segunda maioría absoluta de González esta porcentaxe acadara o 65,4%). Esta polarización bipartidista reduce a diversidade e empobrecerá o debate parlamentario.
A terceira, consecuencia da anterior, é a de decepción pola diminución dos apoios recibidos polos partidos nacionalistas. Coa excepción do BNG e Nafarroa Bai, todos os demais perden un importante número de votos: ERC descalábrase (máis de 300.000), o EAJ-PNV (117.000, vaia erro prescindir de Imaz!), Eusko Alkartasuna (desaparece do hemicilo, perde 30.000 votos), CIU (a pesar de manter as súas dez actas, perde case 60.000) e Coalición Canaria (case setenta mil).
A cuarta, xa referida a Galicia, é satisfacción pola consolidación do cambio de ciclo e de hexemonía das forzas progresistas no país. Os resultados do PP-G son enganosos, mantén o seu número de deputados e senadores, porén, perde tres puntos e, o que resulta máis significativo, a pesar de aumentar a participación, perde case cen mil votos. O PP-G perde a maioría en todas as provincias e en todas as cidades (onde, coa excepción de Compostela, o PSdeG-PSOE é a forza máis votada), feito importantísimo que obrigará aos conservadores galegos a acometer unha auténtica refundación. A suma dos votos progresistas supera amplamente no conxunto do país e en todas as provincias o dos conservadores, o que quere dicir que o actual goberno bipartito consolida o seu apoio electoral.
A quinta é de preocupación con respecto aos apoios recibidos polo BNG que, a pesar de resistir (aumenta en 22 o seu número de votos, o que nunha atmosfera bipartidista tan adversa xa é un éxito), a verdade é que, como lle sucede tamén ao PP-G, non consigue arrincar nas cidades (a pesar de participar na maior parte dos casos os gobernos municipais). En Vigo perde 500 votos (quedando nun 11,29%), en Pontevedra 1.200 votos (10, 51%), en Ourense 2.521 (10,27%), en Ferrol 1.203 (8,67%), na Coruña 631 (10,46%), en Lugo tres votos menos (9,95%). Só en Compostela, onde aumenta 139 votos, ten unha lixeira mellora da súa porcentaxe que acada o 13,05%. A resistencia do BNG alicerzouse, como xa se apreciou nas municipais, nas vilas intermedias e no aumento do voto militante nos concellos do medio rural. Con todo, os actuais resultados do BNG (moi semellantes aos das Xerais de 2004) quedan moi lonxe daqueles 306.268 votos (18,6%) obtidos nas Xerais de 2000.
A sexta e última é de expectativa. O triunfo do PSOE é moito máis apretado do que aparentemente ese 43,64% pode indicar (unha porcentaxe semellante á que lle valeu a Aznar a maioría absoluta de 2000). É certo que Zapatero revalidou a súa lexitimidade (a pesar de que a caverna intente cuestionala) grazas a uns moi bos resultados en Cataluña, Euskadi e Andalucía. No entanto, para artellar unha maioría viable terá que enfrontar a lexislatura dende a creatividade política (será imprescindible manexar unha nova axenda) e o diálogo institucional e territorial para enfrontar as adversidades da desaceleración económica e dunha reforma institucional xa ineludible. Non lle abondará co apoio de IU (o seu fracaso foi estrepitoso, aínda que estea xustificado pola polarización presidencialista destas eleccións) nin seguramente procurará o de ERC e PNV (a convocatoria da consulta de outubro será un óso duro de roer). Aí está a grande oportunidade de CIU e do BNG de converterse (tal como pretendían) en forzas decisivas na gobernabilidade do Estado. Unha boa oportunidade para Galicia e Cataluña, ademais de para afrontar con seriedade unha reforma constitucional nunha perspectiva inequivocamente federal, que xa non se pode adiar outra lexislatura. O panorama queda moi aberto.

Para seguir os resultados na web


Entre as cousas que teño visto pola rede, o que máis atractivo me pareceu para seguir a xornada electoral dende internet foi:

  • Soitu. Desagrega os datos por comuidades, provincias e concellos, ademais de poder integrar os datos nos blogs (tamén en galego).
  • Ministerio do Interior.
  • Google maps. Visualmente atractivo, aínda que de funcionamento engorroso.

O atentado e a resposta da cidadanía

O asasinato de Isaias Carrasco por parte dun pistoleiro de ETA en Arrasate é unha vileza arrepiante, ademais dunha flagrante violación dos dereitos humanos e da dignidade cidadá. Indubidablemente, tamén, ao producirse no derradeiro día da campaña, constitúe unha intolerable inxerencia de ETA no proceso electoral, xa que vai ser moi difícil para a cidadanía substraerse ao impacto emocional que produce unha noticia tan brutal.
A unidade de todas as forzas políticas e sociais (mágoa que fose máis aparente que real, polo desmarque interesado do PP, algo esperable tras a súa actuación durante os catro anos de lexislatura) e, sobre todo, o exercicio de cidadanía na defensa sen fisuras dos dereitos humanos e do dereito á libre participación democrática nas eleccións de mañá (baixo a forma que cadaquén considere oportuna) semella o único camiño posible para homenaxear ao traballador asasinado.
Debemos insistir en que non podemos aceptar baixo ningún concepto a utilización da violencia con fins políticos (por respectables que poidan ser os ideais defendidos) nin tampouco a utilización interesada do atentado e da dor da familia da vítima para favorecer determinados intereses partidarios. Tanto unha cousa coma outra, dende o punto de vista moral, seméllanme totalmente inaceptables.

Transcribo o texto do comunicado de Educadores pola paz-Nova Escola Galega condenando o atentado e enviado onte aos medios de comunicación e animo a difundilo pola rede, xa que entendo pode axudar a reflexionar con serenidade sobre o atentado e a promover unha cultura de paz e diálogo sobre o conflito vasco. Recolle con claridade meridiana o que pensamos moitos milleiros de persoas na defensa teimosa dos dereitos humanos e da democracia.

“O colectivo Educadores/as pola Paz do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, quere expresar a súa máis firme repulsa e condena do atentado terrorista da banda terrorista ETA no día de hoxe en Mondragón (Guipúzcoa), que acabou coa vida de Isaias Carrasco.
Como educadores e educadoras comprometidos coa educación e a cultura de paz, proclamamos o dereito á vida como un principio inviolable que está por enriba de calquera ideoloxía, crenza ou relixión. Ningún fin xustifica a violación dos dereitos humanos, comezando polo dereito á vida.
En segundo lugar, queremos expresar a nosa máis profunda solidariedade coa familia e amigos da vítima. Compartimos e facemos nosa a súa dor.
En terceiro lugar, dadas as circunstancias de estar no último día da campaña política para as eleccións ao parlamento español do próximo día 9, requerimos a todos os partidos políticos e outras asociacións que non caian na tentación do uso do terrorismo e da dor das vítimas para fins partidarios.
En cuarto lugar, facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía para ter a coraxe cívica votando masivamente nas eleccións convocadas para o próximo día 9. ETA non pode condicionar o noso voto nin a axenda democrática da sociedade.
En quinto lugar, Educadores pola Paz-Nova Escola Galega suma a súa voz á necesaria resposta cidadá diante deste novo atentado, e fai un chamamento especial á comunidade educativa para que este atentado non pase desapercibido. Que sexa un acto do que se fale e reflexione nos centros educativos para que se convirta en semente de paz, en semente de esperanza.

Vigo, a 7 de marzo de 2008

Asdo. Xesús R. Jares
Coordenador de Educadores/as pola Paz-Nova Escola Galega”

Ningunha máis

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre a violencia machista. As leis non abondan, non hai dúbida da necesidade tamén dunha implicación de toda a sociedade, especialmente dos homes, para erradicar esta lacra.

Un exercicio de autoestima

O debate de onte entre os tres líderes parlamentarios foi un exercicio de autoestima e de querenza nas posibilidades propias do país noso. Primeiro, pola magnífica organización da CRTVG (tanto da TVG como da RG), colocando o debate político galego nun grande nivel de dignidade, ao tempo que sentaba un precedente (xa irreversible) para as próximas eleccións autonómicas e europeas. Segundo, por centrar o debate sobre unha axenda política propiamente galega; así as cuestións do autogoberno, as infraestruturas e as políticas sociais foron as que máis manexaron os tres participantes. Terceiro, polo discurso propositivo e tolerante empregado por todos eles (moi lonxe da “crispación” apupada pola prensa capitalina), o que non impediu que o debate fose vivo e polémico (sobre todo na segunda parte). Cuarto, pola cohesión e lealtade manifestada polos dous membros do Goberno Galego, que souberon defender as posicións do executivo e ao tempo singularizar a súa proposta política. Quinto, pola confianza nas posibilidades do país expresado (coas modulacións que a cadaquén lle son propias) polos tres participantes.
A pesar da rixidez do formato (elixido polos partidos), os setenta e cinco minutos deron moito de si para falar de moitas cousas importantes (e, xeralmente, con sentido e escasa demagoxia), propoñer bastantes medidas e asumir compromisos (o calendario 2012, vaille ser moi recordado a Touriño). Coa excepción das cuestións do financiamento, da dimensión europea e das políticas culturais, abordáronse temas que interesan á cidadanía galega. Foi Quintana (que xogou moi ben a súa única carta posible: a da forza decisiva nun escenario de minoria de Zapatero) o claro vencedor aos puntos, xa que estivo nos catro bloques temáticos a un nivel alto: o de economía –propoñendo o desenvolvemento da economía produtiva galega– foi seu; como os de autogoberno e políticas sociais (onde a esixencia do 10% do presuposto para dependencia foi moi ben argumentado). Feijóo estivo mellor do que agardaba; foi superior aos seus debatentes no bloque das infraestruturas (os argumentos que utilizou, coa excepción do “Plan Galicia, fron convincentes) e o seu golpe de efecto final, amosando o tocho do programa do PPG, foi bo. Touriño defraudou na primeira parte e mellorou moito na segunda, cando se debateu o proceso do fracaso do Estatuto, onde estivo máis contundente e claro do que é adoito.
Vía Calidonia. Grazas.

Exercer a cidadanía

O debate de onte (adianto que para min Zapatero estivo mellor ca Rajoy) e o que se anuncia para mañán (clave para centralo sobre a axenda política galega) esixen recuperar o concepto do que é exercicio da cidadanía. Moito máis alá da consideración de cada un dos cidadáns e cidadás como espectadores dun espectáculo mediático abouxador ou da súa redución a meros clientes do mercado electoral (onde parecen obrigados a escoller entre a Pepsi e Cola), estes debates (indubidablemente necesarios) deberían respectar o protagonismo da cidadanía na participación política. Algo que onte non se tomou en consideración (reduciuse a participación a dous candidatos, reduciuse a axenda de temas, reduciuse ao protocolario á espontaneidade dos participantes…).
Miguel Ángel Santos Guerra nun traballo moi clarificador que publicaremos proximamente, “Arte y parte. Sobre la participación ciudadana” (no libro colectivo Educación e paz, coordinado por Xesús R. Jares), concreta o perfil do que debemos entender por cidadanía. Tomei nota das sete mil matrices e apareceron estas afirmacións esenciais:

Os cidadáns son persoas críticas que pensan, analizan e saben por qué suceden as cousas. Os cidadáns son persoas que opinan e participan na vida pública (tanto por medio do exercicio do seu voto, como pola participación nas organizacións, asociacións e grupos que defenden tanto os seus intereses como aqueloutros de carácter xeral). Os cidadáns teñen dereito a esixir e a asumir riscos diante do poder (a afouteza cívica é unha virtude democrática). Os cidadáns teñen dereito a informarse, a ler criticamente, a cuestionarse as explicacións inconsistentes ou interesadas proporcionadas tanto polos gobernos como polas súas oposicións. Os cidadáns respectan aos outros e recoñecen e valoran a diversidade, son sensibles ás inxustizas e as desigualdades que existen na súa cidade, no seu país e no mundo non lle son alleas. Os cidadáns son persoas que viven de forma honesta, traballan de forma responsable e se esforzan todo o posible en mellorar ética e socialmente a sociedade na que viven.

Fronte ao fastío da edulcorada mercadotecnia electoral, fronte ao reducionismo presidencialista (só parecen existir dúas opcións), ben está recordar estas esixencias da cidadanía. Hai participación cidadá máis alá de valorar se gañou Zapatero e Rajoy. Non teño dúbidas.

Etiquetas:

A cruzada de Galicia Bilingüe

Temos que agradecer a Bernal Rúa a completa crónica, que publica hoxe en Vieiros, sobre a conferencia de Galicia Bilingüe (GB) no Centro Cultural Caixanova de Vigo que congregou a medio milleiro de “galegófobos” ou “hispanófilos” –entre os que se atopaba a candidata ao Senado Corina Porro e outros militantes do PP de Vigo– chamados por esta asociación que pretende derogar a actual Lei de Normalización Lingüística.
A crónica de Bernal (recomendo vivamente a súa lectura) é moi clarificadora sobre as posicións políticas e os argumentos utilizados polos responsables desta asociación de profesores, situados na ultradereita de aboengo franquista, invocando unha “cruzada lingüística por todos los rincones de Galicia” para “atallar a “discriminación do castelán” en Galicia. Entre as máis variopintas falsidades, utilizadas polos oradores para atacar a legalidade lingüística instituída por consenso no ano 1983, non podo obviar a referencia que nos dedicaron: ” [Gloria Lago] Atacou duramente os contidos da materia de Lingua Galega, en especial o libro de texto de Xerais que acusa de ‘escoller imágenes violentas y poemas que hablan de la República Galega y otras barbaridades’ [sic]”.
Falsidades semellantes non merecen sequera intentar ser rebatidas, nin tampouco obsesionarse co axenda de actos e iniciativas excéntricas dunha asociación nacida para intentar rachar o consenso social xerado a partir da aprobación da Lei Normalización Lingüística. Non son as falsidades que utilizan os responsables desta asociación o máis grave da súa provocadora actuación (na que, na miña opinión, non se debería entrar, xa que só se lle proporciona publicidade gratuíta). No entanto, a gravidade do fenómeno de GB reside no apoio cada vez máis explícito que lle proporciona o Partido Popular de Galicia ao seu funcionamento e ás súas falsidades. Algún responsable autorizado deste partido debería chamar a sensatez aos seus militantes e simpatizantes, xa que, non o esquezamos, o PPG foi corresponsable do consensuado Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, peza da que sae tal cal o decreto de utilización do galego como lingua vehicular do 50% das materias do ensino non universitario, que agora tanto incomoda a GB e á candidata Corina Porro e os seus seguidores. Mágoa que voces dignas co galego e co país (como as expresadas nunha recente entrevista radiofónica por Xesús Pablo González Moreiras) sexan no actual PPG moi infrecuentes, o que supón un serio problema político para Galicia. Posicións como as de GB e o PPG agoiran un futuro moi negro para o galego e para a nosa convivencia democrática. E ben que o sentimos no día internacional da lingua materna.