Uso obrigatorio do casco

Vía: Argallando.

Entrevista a Xabier P. Docampo

Interesantísima esta entrevista a Xabier P. Docampo. Como moi ben sinala Xavier Cordal, o mestre fala “o idioma da sabedoría, do afecto e da rebelión”.
Anoto algúns fragmentos das súas respostas nunha entrevista que é desas poucas para arquivar e compartir:

  • “A orixe do feito literario está na palabra e esta é a esencia da oralidade. Calquera texto, por moi afastado que pareza estar do oral, aprehendémolo coma un resoar interior, coma un eco que nos vén dalgures… “
  • “Hai un momento no proceso da escritura no que entras nunha voráxine narrativa que te invade e te impulsa, nese momento tes a sensación de estar escribindo ao ditado dese son ou dese eco que chega a ti desde o demo sabe onde, e faino con palabras.”
  • “A aparición dunha literatura infantil e xuvenil galega tan vizosa e importante, relaciónase –non unicamente, pero entre outras cousas– moi directamente co compromiso coa lingua dos autores e autoras. E iso forma parte dun claro compromiso co pobo galego, entendendo esta expresión como o desexo de explicar o que somos e a que aspiramos. “
  • “O máis alto compromiso do escritor ten que ser coa literatura, sen iso non é posible ningún outro.”
  • “Vexo con dolor como todo aquilo que podería ser a base dunha nación que arma un futuro de seu, agricultura e gandaría, pesca, paisaxe, recursos naturais… foi destruído ou está a ser rapinado e, ademais, a industria que debería servir de compensación está ameazada de deslocación. Entrementres o noso capital espiritual: fala, tradición, historia… vaise precarizando. Os actuais son tempos de grandes decisións, desas que damos en cualificar como históricas; nelas, na súa aparición, reside a miña esperanza de optimismo.”

Decideixo decidir



Sant Jordi non son é a festa do libro e da rosa. Son tamén numerosos os postos que promoven iniciativas políticas e cívicas coma “Decideixo Decidir” ou esoutra do puntCat.

Etiquetas: Sant_Jordi_2007

Gonzalo Bouza-Brey agredido

Unha chapa republicana motivou a agresión sufrida polo poeta vilagarcián Gonzalo Bouza-Brey e a súa compañeira María Isabel hai dous días. Unha noticia que nos produce enorme estupor; unha mostra alarmante de intolerancia que merece a nosa máis enérxica repulsa. Venturosamente semella que María Isabel e Gonzalo van mellorando das súas feridas. Unha aperta agarimosa e solidaria para eles dous e un recoñecemento para a edición de La Voz de Galicia de Arousa que informou puntualmente de tan lamentable acontecemento.

Saúde e República!

O BNG de Vigo esixe a expulsión de Valadés

Onte á noite douscentos militantes, que conformaban a asemblea do BNG de Vigo, aprobaron por ampla maioría esixir definitivamente ao Consello Comarcal a expulsión de Pedro González-Valadés polo feito de ser membro da Asociación Galega de Amizade con Israel. Aínda que o caso non está pechado, xa que o Consello Comarcal deberá decidir en consecuencia e mesmo habería a posibilidade de que a decisión fose retificada pola Dirección Nacional, esta votación amosa a posición de intransixencia na que se volve colocar a agrupación do BNG vigués. Para entender o caso ven coma anel o artigo de hoxe de Alfredo Conde. Síntome profundamente decepcionado pola incomprensible derrota cara o abismo que colle o BNG en Vigo, fose en temas estritamente políticos coma o de Valadés, sexa nas súas posicións sobre o urbanismo onde leva todo o mandato desta corporación coincidindo coas posicións de Chema Figueroa. Unha tristeza.

Etiquetas:

Volta de torca

Dixéronme que o autor deste artigo é un dos valores emerxentes do BNG. As súas posicións sobre o caso Valadés supoñen unha volta de torca que mete medo. Acúsanos, como supostos “intelectuais da progresía”, de proporcionar “apoios nada espontáneos” (sic) á posición democrática dun militante nacionalista (deberiamos permanecer calados fronte a algo que nos semella inxusto?).
O artigo contén palabras mozas que rezuman posicións moi vellas no debate do nacionalismo galego. Toda unha andrómena daqueles que, despois de máis trinta de anos, non son capaces aínda de saír do seu cesarismo e volven debuxar liñas de exclusión (baseadas no que o autor do denomina “sentido común”) entre posicións “individualistas” (en “perspectiva biográfica e personalista”, as do disidente?) e colectivistas (“históricas”, as da organización?).
Sinto volver expresalo, mais manexando tan pobres argumentos como os anteriores, dificilmente imos para a frente. No es aixó, companys, nos es aixó.

Actualización (24-03-2007):

Actualización (26-03-2007):

Etiquetas:

Bipartito e rexeneración democrática

Ao fío da proposta que nos fixo a diversas persoas a revista Tempos Novos sobre a valoración que nos merece a contribución do goberno bipartito á rexeneración democrática, publico a opinión que enviei para participar neste debate:

“A rexeneración democrática e a mudanza da cultura política relacional do Goberno Galego e da Administración ao seu servizo foron dous dos compromisos máis rotundos do contrato que o Bipartito quixo asinar coa cidadanía. Feitos que, tras dezaseis anos de gobernos e prácticas conservadoras, multiplicaron as esperanzas e as expectativas do tempo político que se abriu.

Tras ano e medio, é innegable que moitas desas esperanzas esvaéronse e algúns deses compromisos programáticos quedaron murchados ou aínda non se fixeron efectivos. Entre as decepcións sinalaría as seguintes:
–O relegamento do papel do Parlamento Galego como eixo do debate político. Especialmente significativo na secundarización dos traballos da ponencia parlamentaria do Estatuto (o peche dos seus traballos, ao día seguinte do fracaso de Monte Pío) e na baixa produción lexislativa da Cámara (froito da escasa iniciativa lexislativa do Goberno: aprobáronse moi poucas leis). Na mesma liña pode entenderse o erro dos grupos que apoian o Goberno de impedir o funcionamento dunha Comisión de Investigación dos Incendios Forestais, reducíndoa a “Comisión de Estudo” (contradicindo o comprometido coa cidadanía no Pacto de Goberno).
–O desinterese do Goberno en poñer en marcha canto antes a reforma do estatuto dos medios de comunicación públicos (CRTVG). A incapacidade do Bipartito para consensuar un modelo profesional de xestión dos medios (realizouse un reparto de influencias entre os dous partidos mais que o deseño dun novo modelo, baseado na profesionalización, o pluralismo e a independencia dos medios con respecto ao Executivo) agoira que esta reforma pode quedar adiada sine die. Con todo, é para min innegable que tanto a TVG como a Radio Galega melloraron os contidos e o interese da súa programación (especialmente a Radio) tratando de achegarse a un público máis urbano e interxeracional.
–A continuidade da política anterior dos gobernos conservadores con respecto aos medios impresos privados e a utilización da publicidade institucional con carácter abertamente partidista.
–O retraso na posta en marcha do rexistro de contratos, axudas públicas e subvencións outorgados a empresas privadas ou de ingresos e intereses dos altos cargos (o que iría en contradición co compromiso de transparencia asumido no contrato programa referido).
–O escaso interese na potenciación do funcionamento dos Consellos de participación social de carácter sectorial.
–O adiamento da reforma da Administración Autonómica e do seu funcionamento (escasa austeridade na contratación de asesores e asistencias técnicas) baixo os criterios de profesionalización, modernización e proximidade aos administrados (feito denunciado polos sindicatos da Administración autonómica).

Entre os aspectos positivos, que tamén os houbo, subliñaría os seguintes:
–A transparencia e puntualidade da información á cidadanía nas crises dos Incendios, do Verquido de Caldas e das Inundacións do Outono.
–A posta en marcha de programas de proxección exterior de Galicia nos eidos económicos, culturais e turísticos.
–A posta en marcha da reforma da participación electoral dos galegos residentes no exterior.
–O bo ton en xeral de cooperación e lealtade entre os membros do Goberno (amosada, singularmente, na recondución do proxecto da Cidade da Cultura e do remate do proceso estatutario).
–A posta en marcha de procesos de participación transversais (como a redefinición da Cidade da Cultura) ou sectoriais (especialmente por parte da Consellarías de Cultura e Deporte e da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria).
–O impulso do uso do galego como lingua vehicular no ensino non obrigatorio e a implicación do goberno no proceso de reforma educativa e curricular.”
–A posta en marcha do Plan de Igualdade 2007-2011 e a redacción do anteproxecto da Lei integral contra a violencia de xénero.

Etiquetas: Galicia

Con Pedro Gómez Valadés

Coñezo dende hai tempo os problemas que ten o meu admirado Pedro Gómez Valadéspresidente da Asociación Galega de Amizade con Israel (formada por máis de cen persoas de todos os partidos galegos), responsable comarcal de Esquerda Nacionalista e coordinador da revista Enclave– cun sector da UPG.
Sempre confiei que se impoñería a sensatez, mais, como tantas outra veces (e van non sei cantas), pequei de inxenuidade e no Consello Comarcal do BNG de Vigo impuxéronse os criterios do sector máis reaccionario, ese que conduce ao BNG ao abismo da intransixencia, privando a Pedro dos seus cargos e propoñendo a súa expulsión. Se, finalmente, o vindeiro consello nacional do BNG refrenda este acordo do consello comarcal, expulsando a este militante acusado dun delito de opinión (acúsaselle de pertencer a un asociación “imperialista” e “perversionista”), o nacionalismo galego retrocedería ideoloxicamente varias décadas (“un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo a súa tea”). Non me imaxino que Anxo Quintana e a maioría dos membros do Consello Nacional, con toda a súa pluralidade, poidan cometer semellante erro político que sería dirimido nos tribunais.
É moi difícil xustificar con criterios políticos racionais este comportamento de autoritarismo ideolóxico, profundamente maniqueo, intolerante e cun fedorento cheiro a xenofobia destes membros da UPG, que semellan confundir un pobo cos seus gobernantes. O meu apoio fraternal e solidario para Pedro e a miña repulsa para o comportamento destes torquemadiñas de tres pesetas. Confío que os órganos nacionais do BNG retomen a sensatez que non tivo o seu Consello Comarcal de Vigo.

Actualización (10-03-07): Pilar Rahola publica en Faro un artigo de apoio (titulado de forma contundente: “Caza de brujas en el BNG“), ademais dunha carta aberta a Anxo Quintana sobre a cuestión, asinada por medio cento de militantes do BNG (“Respectar as minorías para gañar a sociedade“).

Etiquetas: