O pánico de Núñez Feijoó

Como son un optimista da vontade (un deses tipos raros que apostamos pola hipótese máis favorable de cada momento) cheguei a pensar este mediodía que iamos ter Estatuto. Interpretei como un sinal esperanzador que os reunidos en Monte Pío non parasen sequera para xantar, o que podía significar que colleran esa carreiriña imprescindible para concluír con éxito os máis difíciles camiños. A realidade amosoume que isto era outra das miñas inxenuidades, especialmente por non ter valorado a posibilidade de que algúns dos tres participantes sufrise da síndrome de pánico do dianteiro no momento de rematar a porta baleira.

Esa síndrome paralizante foi a que hoxe desgraciadamente padeceu Alberto Núñez Feijoó (o elegante líder do PPdeG). Tiña todas as condicións ao seu favor (foron moitas e xenerosas as vantaxes defensivas que lle proporcionaron os seus adversarios do bipartito) e, porén, no instante decisivo de rematar quedou collido pola poderosa sombra de Rajoy e da caverna mediática madrileña. Alberto desperdiciou hoxe unha oportunidade de ouro (que non sabemos cando poderá volver a producirse) para madurar como líder do conservadorismo galego e como auténtico candidato para suceder a Fraga como presidente da Xunta, se así o quisexen algún día os galegos. Pesoulle máis a disciplina férrea que lle impuxo Madrid que os intereses de Galicia e guindou o proceso de reforma do Estatuto ao garete.

Analizando as declaracións dos tres participantes no cumio (nas formas moi prudentes e contidas, o que é de agradecer) as diferenzas que expresaron non semellaban insalvables. A propia duración da reunión (apenas seis horas e media, despois de dous anos de proceso) indica que se non temos estatuto non é tanto pola imposibilidade de consensuar as redaccións sobre os temas difíciles, como pola imposibilidade obxectiva do PPdeG de romper a disciplina coa súa Dirección en momentos de máxima intransixencia co PSOE e con todas as formacións nacionalistas. Eis as circunstancias ás que se referiron Quintana e Touriño e que, implicitamente, tamén recoñece Feijoó, que impediron chegar a un acordo.

É moi difícil entender como Feijoó pode xustificar que a súa confusa proposta de definición identitaria (“sentimento nacional” dos nacionalistas) é a máis atrevida que se fixo na redacción dos estatutos, cando (se somos fieis ao significado das palabras) déixanos moi por baixo do sintagma, “realidade nacional”, aceptado polo seu colega Arenas para definir Andalucía. É moi difícil entender, tamén, como non lle foi posible aceptar a redacción proposta por Touriño sobre a lingua (que renunciaba a reflectir o deber do seu coñecemento, situando as dúas linguas oficiais en igualdade xurídica no que respecta ao seu uso e coñecemento). Como tamén é difícil de entender que para el existían “flecos” no relativo ás cuestións dos investimentos e financiamento, cando (aceptado o sistema de cupo e o criterio de suficiencia financieira) a súa proposta inicial estaba moi por baixo (xustamente a metade) da presentada polo BNG. Ningunha destas tres posicións de Feijoó parecen o suficientemente sólidas para xustificar a súa negativa.

Galicia non contará con novo estatuto na presente lexislatura. Un feito moi negativo e insólito (a única comunidade que intentou a reforma e debeu adiala) que non nos vai axudar a gañar nin posicións nin máis posibilidades de competitividade e benestar no conxunto das comunidades españolas. Inevitablemente con este fracaso quedarémonos atrás nas posibilidades de negociar de forma bilateral co estado un novo sistema de financiamento; o que suporá dificultades para o funcionamento dos nosos servizos básicos (mesmo os xa transferidos) e adiará sine die a compensación dos nosos déficits estruturais. Isto realmente é o que se foi ao garete no día de hoxe. Agoiro que tras a elegancia das primeiras declaracións, se abrirá unha treboada no horizonte. A xestión deste fracaso por parte dos tres partidos será a clave do debate político nas vindeiras xornadas.

Actualización (18-01-2007)
: Vieiros recolle a opinión do blogomillo. Parécenme, tamén, moi oportunas e clarificadoras as novas declaracións de Touriño (cunha enerxía descoñecida ao longo do proceso), a rolda de opinións que publica a edición impresa de Faro de Vigo e as opinións de membros cualificados dos diversos partidos en El Correo Gallego (especialmente reveladoras son as declaracións de Camilo Nogueira e Pedro Puy Fraga).

Etiquetas: Galicia

Momento para decidir

No artigo da semana reflexiono sobre o momento decisivo que supón a reunión do vindeiro mércores. Creo que do resultado desa xuntanza dependerá o futuro do novo Estatuto de Galicia. Entendo que nunca houbo tantas posibilidades obxectivas de éxito, mais tamén hai moitas circunstancias e intereses que poden impedir que teñamos reforma nesta lexislatura.
Etiquetas: ,

Suspensión do proceso

A suspensión do proceso de paz anunciada polo presidente, tras o gravísimo atentado da T4, é unha decisión coherente co mandato parlamentario de iniciar un diálogo con ETA só en ausencia de violencia. A inevitable suspensión do proceso, rebentado pola vontade dos terroristas, non debería supoñer, a pesar da raiba e impotencia provocados polo atentado, unha renuncia dos demócratas a seguir intentando atopar unha solución a tan doloroso conflito. Como sinala Juan Varela a fin deste algo fogo permanente non debería ser a fin da procura da paz. Por difícil que pareza, non é este o momento de baixar os brazos nin deixarse vencer pola desolación.
O fracaso deste proceso (no que se comprometeron todas as forzas políticas, coa excepción, seguramente interesada, do PP) foise evidenciando dende hai meses pola aparición da kale borroka, da extorsión e, agora, polo brutal atentado. Fracaso do que se poderían tirar algunhas conclusións para o futuro:
1. A inexistencia de interlocutores fiables tanto dentro da organización terrorista (o atentado amosa que a comunicación que se mantivo con “responsables” de ETA non o era) como, e non é menos importante, do seu entorno político. As patéticas declaracións de Otegi amosan que nin el nin a súa organización poden ser considerados como auténticos interlocutores políticos, apenas uns voceiros da organización armada. Sen esta interlocución ao máximo nivel e sen a vontade acreditada de rexeitar a violencia por parte de Batasuna é imposible reanudar proceso ningún.
2. Non hai posibilidades nin garantías de éxito para un proceso rexeitado polo principal partido da oposición. Entendo que o maior erro de cálculo de Zapatero foi minusvalorar a negativa a participar no proceso do PP (que agora, a apupado polo seu entorno mediático, tratará de tirar réditos da súa profecía cumprida). Se houbese posibilidades de reanudalo, para o que se requeriría un cese permanente e acreditado da violencia, sería unha condición indispensable incorporar ao PP no acordo do resto dos partidos democráticos (o que semella moi difícil que se produza no que queda de lexislatura).
3. Aínda que para algúns sexa moi duro admitilo, o único punto final para o terrorismo etarra pasa pola negociación. Corenta anos demostran que non existe posibilidade ningunha de acabar de forma definitiva con ETA por medios exclusivamente policiais. A paz haberá que acadala con medidas políticas e coa vontade e unidade de todos os demócratas para facela posible.
4. A maioría abrumadora da sociedade vasca (e, por suposto, do resto das comunidades españolas) rexeita frontalmente a violencia e anhela esperanzada a paz. Esta determinación é a que levou ao Presidente a sobrevalorar as posibilidades de éxito do proceso. Un exceso de confianza que no futuro, se volve presentarse a oportunidade, haberá que evitar. Todas as cautelas serán poucas.

Himno polémico

Inevitablemente, no artigo da semana propoño unha reflexión sobre a polémica interpretación do himno galego nos actos de conmemoración do vinte e cinco aniversario do Parlamento. Adianto que non comparto a iniciativa unilateral da presidenta (non era para min nin o lugar nin o momento nin a circuntancia axeitada para esta fusión) nin tampouco os termos que emprega para criticala o voceiro do BNG (o flamenco, ou calquera outra expresión da música popular, non pode ser considerado nunca como un ataque a nosa cultura). Unha mágoa.
Etiquetas: ,

BNG: o valor da unidade e o pluralismo

A primeira reflexión urxente sobre o resultado da Asemblea do BNG, especialmente no que atinxe á composición do Consello Nacional e da Executiva, é que a organización política nacionalista sae moi reforzada polo valor que lle proporcionan a unidade e a asunción democrática do pluralismo. Esta apertura dunha nova etapa dun BNG de todos é unha moi boa noticia, como o son, tamén, a volta á dirección nacionalista de Xosé Manuel Beiras e o feito que nesta Executiva, por vez primeira na historia dunha organización política en Galicia, exista unha maioría de mulleres (8 sobre 15 membros).
Con este resultado o éxito da Asemblea do BNG é indubidable, como o persoal de Anxo Quintana (que conseguiu artellar unha executiva de consenso, moi renovada) e o dos tres grupos críticos (Encontro Irmandiño, Pola Base e Alternativa) que conseguiron unha presenza significativa nos órganos de dirección. O BNG sae da Asemblea en moito mellores condicións que entrou para encarar con maior fortaleza a súa necesaria remontada electoral. Velaí o valor da unidade e o pluralismo, valores que a cidadanía adoita saber recoñecer nas organizacións políticas.

Etiquetas:

BNG: 32 voces

O máis intelixente do que lin sobre a primeira xornada da Asemblea do BNG é a reflexión de Manuel M. Barreiro. O analista político máis lúcido co que hoxe contamos acerta de cheo cando diagnostica que os problemas actuais do BNG van moito máis alá das mudanzas que se poidan introducir no seu modelo organizativo. A renovación da proposta programática (tanto estratéxica como sectorial) e a súa capacidade de establecer un dialogo participativo e desprexuizado coa sociedade civil (en primeiro termo co electorado nacionalista que non milita no BNG) serían dúas das condicións para evitar o previsible declive electoral ao que, a pesar da acción de goberno, está abocada a organización de Quintana e Francisco Rodríguez. Fálase deses temas nesta Asemblea?
Etiquetas:

Os privilexios da igrexa católica

A próxima pastoral da Conferencia Episcopal, na que se aliña co Partido Popular amosándose contraria a negociación con ETA, reclamando o “recto funcionamento” das institucións democráticas (sic) e na que critica ao que chama “laicismo radical” pola súas posicións sobre a recuperación da memoria histórica (a min gústame máis o termo “republicana”), amosa a prepotencia da igrexa católica e a súa certeza de que no marco político actual non vai a perder nin un ápice dos seus privilexios.
Tras os recentes acordos co goberno de Zapatero sobre o financiamento e a posición morniña dos socialistas sobre o regulamento do ensino da relixión na nova reforma educativa, os bispos saben que os seus privilexios (económicos e educativos) non corren perigo ningún e, obrando en consecuencia, manifestan sen temor as súas posicións políticas máis reaccionarias.
Pregúntome moitas veces a razón pola que estes señores non admiten en España o sistema de financiamento alemán (o da igrexa europea máis poderosa) na que só os cidadáns que se recoñecen católicos (un 50%) pagan un imposto para sufragar o seu culto. Pregúntome, tamén, se é moralmente defendible atacar a política de recuperación da memoria do Goberno (morniña, tamén, e ben afastada dos compromisos que expresara ao inicio da lexislatura) e, ao mesmo tempo, conservar nos muros de tantas igrexas as exaltacións do rancio nacionalcatolicismo: “A los caídos por Dios y por España”?
Está moi claro que estamos aínda moi lonxe dunha secularización da nosa sociedade (ese principio de subtraer do relixioso todas as actividades da vida) e de enarborar a bandeira da liberdade de conciencia (noutras palabras: o laicismo). En definitiva, esta é unha pastoral ben previsible. Hai razóns para queixarse?

Actualización (27-11-2006): Recomendo este texto de Juan: Máis laicismo.

O PP de Galicia e o libro galego

Nos últimos días o PP de Galicia publicou dous comunicados expresando a súa preocupación sobre o estado do libro galego. En principio, é moi de agradecer o interese do partido da oposición sobre o estado dun sector estratéxico da cultura do país, mais aínda cando este labor de seguimento e fiscalización do labor do goberno nunca se fixera nos últimos quince meses. Porén, debullando os datos proporcionados pola nota popular atopamos numerosos erros de cómputo do volume da nosa produción editorial que, para non faltar á verdade, deberían ser rectificados polos autores.
A nota agoira que o 2006 será o ano con menor número de títulos do libro galego do último lustro, argumentando que no primeiro semestre foron editados 922 títulos (dato errado, foron 962 as referencias en galego inscritas no ISBN), cantidade superior ás 865 do mesmo periodo do ano anterior (11,21 % de incremento). Aténdonos a eses datos oficiais, se o sector mantivese o crecemento do primeiro semestre de 2006 (o que é moi previsible), acadaría por vez primeira na súa historia os dous mil títulos. Tamén é errada a afirmación referida a que o volume de edición baixara nun 5% dende 2003, cando, en realidade, se mantivo (1828 títulos en 2003 e 1827 en 2005). Outrosí, sucede cando se afirma de forma grandilocuente que ao longo dos gobernos populares o crecemento do libro galego en número de títulos foi dun “1.900 %”, dato radicalmente falso, xa que no ano 1989 (cando foi investido Fraga por vez primeira) foron editados en galego 489 títulos (non 89 como sinala a nota), o que supón un xa importantísimo crecemento dun 425% (1.827 títulos).
Xa sinalamos noutras ocasións, que o número de títulos non debe ser a única variable para valorar o estado da nosa edición que merece unha análise máis complexa, atendendo a criterios de emprego, facturación, número de exemplares producidos, tirada media en función das diversas tipoloxías de edición e canles de comercialización.
Esta nota do PP de Galicia desenfoca, pois, o diagnóstico do que está sucedendo no sector editorial galego nos últimos meses. No entanto, botamos en falta algunha referencia a reclamar un maior compromiso do actual goberno bipartito coa lectura pública e coa mellora da rede bibliotecaria (situación que, a pesar de manter uns índices moi por baixo doutras comunidades, non pasou de ser abordada polo actual goberno só con declaracións de boas intencións para resolver tan espiñento problema). Botamos en falta, tamén, que o partido da oposición non urxa con maior insistencia ao actual executivo sobre a necesidade de axilizar o proceso de tramitación parlamentaria da Lei do Libro e da Lectura (consensuada co sector durante o seu derradeiro goberno), na que as empresas do sector temos depositadas moitas esperanzas.
Con todo, agradécese que os responsables do PP de Galicia, agora na oposición, caian, por fin!, do cabalo coma Saulo sobre os problemas que ocasiona o modelo de préstamo do libro escolar (imposto e ideado por eles e seguido mimeticamente polos responsables do goberno do PSOE-BNG) ao conxunto do tecido cultural galego e ao futuro da nosa lingua (un “problema” que o bipartito semella ter resolto pola vía do silencio administrativo e da fuxida cara adiante). Benvida sexa esta análise sobre a modalidade de préstamo, que agardamos sexa tamén debatida en sede parlamentaria para poder coñecer así o posicionamento real de cada un dos tres grupos políticos sobre cuestión tan importante para o futuro do libro galego.
Nunca é tarde para rectificar: a situación do libro e da lectura pública en Galicia, dous ámbitos estratéxicos das políticas culturais e educativas, precisan de maior atención por parte tanto do goberno e da oposición. Como non vai ter futuro un país onde os seus políticos debaten sobre os problemas da lectura pública?

Actualización (14-10-2006)
: Galicia hoxe.

Etiquetas: Libro, Galicia, PP

Homenaxe a Beiras en Ourense

Marcos fai unha completísima crónica da homenaxe que recibiu onte Xosé Manuel Beiras en Ourense. Moi interesante para comprender qué está pasando e qué pode suceder no BNG.

Etiquetas: , ,