Solidariedade con Fernán Vello

Aínda que entendo desafortunado o título e o antetítulo desta información, paréceme inadmisible que un concelleiro recrimine en público o lexítimo exercicio da liberdade de expresión dun editor cando presenta un dos seus libros. Cónstame que Fernán Vello expresou as súas opinións (que poden ou non ser compartidas) coa elegancia e a diplomacia que sempre caracteriza a súa actuación. Incidentes como o descrito por Galicia hoxe prodúcennos vergonza, moito máis aínda cando son protagonizados por políticos nacionalistas. Son compatibles semellantes actitudes deste candidato á alcaldía compostelana coa política de rexeneración democrática que pretende encabezar o BNG desde o Goberno Galego?
Expreso a miña solidariedade con Miguel Anxo Fernán Vello, gran editor galego.
Actualización (08-10-2006): Néstor Rego publica hoxe unha importante aclaración sobre os termos do incidente.
Actualización (09-10-2006): Miguel Anxo Fernán Vello publica hoxe un artigo moi clarificador onde explica os termos e o contexto do incidente.
Etiquetas:

O futuro do PSOE vigués

Estes douscentos militantes socialistas vigueses, que polo momento parecen non apoiar a candidatura á alcaldía de Abel Caballero, irán en serio ou ao final van amagar? O futuro municipal do PSOE vigués semella previsiblemente o doutra decepción anunciada.
Etiquetas: ,

Centralismo democrático

Aquí pódese descargar o documento interno do PP coruñés. Todo un modelo de funcionamento do centralismo democrático da dirección conservadora proporcionando instrucións precisas de política obstrucionista. Canta razón tiña o deputado Aymerich.

Etiquetas: , ,

Provocación

As últimas declaracións de Fraga Iribarne constitúen unha provocación contra a dignidade e racionalidade do debate político. As acusacións rencorosas que realiza contra Manuel Rivas e Suso de Toro son radicalmente falsas e non hai dúbida que forman parte da estratexia concertada dos medios da dereitona madrileña de zouparlle a estes dous afoutos escritores nosos. Mágoa que este señor, que tantas desculpas ten aínda que pedir polas decisións que tomou ao longo da súa vida política, aínda represente no Senado a Galicia. Dáme tanto noxo como vergonza.

Etiquetas:

Comunidade internacional


Vía Gago coñezo estas portadas de The Independent. Esta é a comunidade internacional da que fala Mariano Rajoy?

Novas da Xunta

Desde hai tempo no meu lector de feeds teño as novas da Xunta. O máis curioso do caso é que desde hai xa dúas semanas observo que só inclúen as novas das consellarías do PSdeG-PSOE e das actividades do presidente Touriño. É que rachou o acordo informativo existente entre as dúas forzas do bipartito? Creo que esta é unha mala nova.
Etiquetas:

"Gracias por mirar por mi futuro"

Teño falado moito cos amigos sobre o sentido deste vídeo, disque preparado por un rapaz de dezaseis anos. Coa excepción dalgunha falta de ortografía e do feito de preparar os rótulos en castelán, amosa que o sentido heroico de cidade revolcada xa quedou gravado nesta xeración da ESO.
Etiquetas: ,

O estatuto de nación na encrucillada

No artigo da semana reflexiono sobre o estado do proceso de reforma estatutaria e a responsabilidade do PP.
Etiquetas: , ,

A presentación de Barreiro

Couselo fixo unha completa crónica da presentación de onte do libro de Xosé Luis Barreiro. O acto foi moi concorrido e as intervención dos dous presentadores e do autor de enorme altura e interese. A intervención de Beiras foi moi brillante: cualificou a obra como “renacentista na medida que propón unha cosmovisión dos problemas actuais do planeta”, considerándoa como “un alegato de esquerda, que a actual esquerda política non fai, sobre a mal chamada nova orde política mundial”. Pola súa banda, Barreiro, nunha intervención de oratoria espectacular (lembrou que un dos seus afoutos paisanos de Forcarei contáralle hai tempo que “eu por un millón de pesetas, mátome”), fixo un chamamento vibrante a recuperar o compromiso moral da política. Creo que o público quedou convencido de que estaba diante dun libro de ciencia política e de praxe de opinión xornalística que merece atención.

Etiquetas: , ,

Europa 2020?

O noso amigo Pedro, oportunísimo como sempre, faise eco da información aparecida en The Times, o pasado 2 de xuño, con motivo das eleccións de Moldavia, na que se especulaba sobre como se configuraría en 2020 o mapa político europeo con vinte novos estados independentes.

Chama a atención que o xornal conservador británico desbote sequera a posibilidade que Galicia sexa outra desas pequenas nacións que poidan aspirar á independencia. Será este o mapa que estuden os nosos netos?

Etiquetas: