Vertebrar Galicia

No artigo da semana volvo sobre a necesidade de abordar a organización territorial como requisito para poder modernizar as administracións locais e crear as áreas metropolitanas. Sen solucionar ese debate estratéxico para a construción da nación, témome que nos fartaremos de participar en  enleadas localistas. Contaremos con esa estratexia de país?

Comezo do Vigo metropolitano

No artigo da semana valoro como positiva a noticia da creación da delegación da Xunta de Galicia en Vigo, ao tempo que reitero a necesidade dun acordo nacional arredor da organización do territorio. Rachar por vez primeira na nosa historia contemporánea a estrutura provincial da administración constitúe un feito moi significativo.

Feijoo no labirinto

Tras o seu regreso a Galicia, Feijoo viuse obrigado a mudar de plans. A súa vergonzosa actitude de sumisión diante de Pedro J. e Jiménez Losantos levouno a comprometerse en que ordenaría a Inspección Educativa que enviase de forma inmediata unha circular aos centros educativos coa pretensión de «restaurar os dereitos civís» nas aulas e de respectar a liberdade lingüística de alumnado e profesorado. Sen dúbida, os responsables da Inspección Educativa da Consellaría deberon levarse as mans a cabeza diante de semellante despropósito xurídico e educativo expresado polo presidente que abría a guerra lingüística nas aulas.

Onte, para vestir o mellor posible tan enorme esvarón, Feijoo recuperou o seu perfil de tecnócrata dialogante asegurando que por «prudencia e seguridade xurídica» (o que lle faltou diante de Losantos) os plans de reforma do decreto de uso do galego quedarán para o vindeiro curso, salientado o «carácter demócrata e galeguista do seu goberno». Un compromiso de tregua unilateral, avalado co seu compromiso persoal de que utilizará no Parlamento só o galego (xustificado polo seu dereito a elexir) e que apupará aos deputados do PP renuentes coa nosa lingua a que a perfeccionen, esquecéndoselle citar que consello dará aos seus conselleiros e conselleiras instalados teimosamente no castelán (o 40% do seu goberno).

Non deixa de ser curioso que nestas dúas primeiras semanas do goberno Feijoo fose a cuestión lingüística o seu primeiro e case único afán, empregando argumentos políticos torpes e moi escasamente elaborados, sempre temerosos das críticas de Galicia Bilingüe, a asociación que na entrevista da COPE citou como «asesora do goberno» nos temas de política lingüística, unha afirmación que non debería pasar desapercibida. Como tampouco deixa de ser chocante que non fora nomeada aínda a persoa que se responsabilizará da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen dúbida, encargada de executar de forma inmediata a prometida reforma do decreto e de inventar ese novo modelo de «bilingüismo cordial». 

No entanto, o que non deixa de ser extraño é como Feijoo quedou enleado e paralizado coa cuestión da lingua.Dende aquela suxa campaña electoral, onde para el todo valía, Feijoo deixouse levar polos cantos de serea dos membros de GB que, tras os resultados do 1-M, nun alarde de egotismo esaxerado lle venderon que foron eles os que lle deron a súa sorprendente vitoria. Algo que sabemos é rotundamente falso, xa que, entre outras moitas posibles razóns, foi a síndrome bipolar do bipartito a que upou aos conservadores a San Caetano. Collendo arteiramente polos fíos esa falsidade, os membros deste minoritario grupo galegófobo consideran agora ao novo presidente apenas coma un simple refén que debe executar as súas políticas: hoxe no sistema educativo e nas oposicións á función pública, mañá nos museos, pasadomañá sabe deus en que… Mais o que resulta máis paradóxico e decepcionante  é que Feijoo (moi mal asesorado nesta cuestión, na que teñen obriga de intervir  outras entidades e institucións como a Academia e o Consello da Cultura Galega)  asuma acriticamente esta condición subalterna. Observando con piedade as intervencións contraditorias de Feijoo compréndese que non sabe como saír deste labirinto. Porén, teno ben doado, xa que  hai só dúas posibles portas: atender os chamados razoables da maioría da sociedade galega, que pretende continuar o difícil e complexo proceso de recuperación da lingua galega (e polo tanto o modelo consensuado ao longo do proceso autonómico), ou atender as voces dunha minoría galegófoba que baixo os argumentos da liberdade de elección lingüística abre a porta  da desaparición institucional do noso idioma (e polo tanto fende un consenso de tres décadas da súa promoción institucional). Cun pouco de afouteza Feijoo pode saír canto antes deste labirinto que ameaza hipotecar unha lexislatura que comezou da peor das maneiras posibles. Será quen? Deixarano? Quererá?

Feijoo confésase con Jiménez Losantos

Moitos non o creran, pero o novo presidente da Xunta foi onte á cadea COPE a confesar o que serán as súas primeiras medidas. Nin no Parlamento Galego nin nos medios de comunicación galegos, nin públicos  nin privados, Feijoo escolleu facelo en Madrid con Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez.  Aquí pode escoitarse esta entrevista (45 minutos) onde se realizou un anuncio importante sobre o futuro do galego na escola, especulouse sobre a posibilidade de privatizar os medios de comunicación públicos («unha decisión procedente», aínda que non semella prioritaria para Feijoo, que considera debe darse no marco da decisión doutras comunidades autónomas con lingua propia), anunciouse un novo plan de litoral…

Feijoo declara a guerra lingüística nos centros educativos

Esta noticia, publicada hoxe por Faro de Vigo, confirma os nosos peores agoiros: o presidente Feijoo declara a guerra lingüística por medio dunha circular que será enviada a todos os centros educativos non universitarios de forma inmediata. Esta circular, que parte dunha orde enviada polo propio presidente á Inspección Educativa (u-las competencias do conselleiro de Educación?, un feito inédito, do que descoñecemos precedentes),  proporcionará instrucións para asegurar a «liberdade para elixir o idioma tanto aos profesorado como ao alumnado». A medida foi anunciada por Feijoo nunha entrevista á cadea COPE (outro feito relevante), o que constitúe unha mostra moi clara de que a súa pretensión coiuntural é conformar aos sectores  máis conservadores do seu partido e dos sectores galegófobos que o apoiaron durante a campaña electoral. A circular constitúe un xesto político de urxencia que anuncia a determinación do presidente Feijoo por derrogar o decreto de fomento do galego para o vindeiro curso. Magoadamente, a de hoxe será primeira medida institucional que ao longo de todo o período autonómico supoña un  retroceso para o estatus do idioma galego no sistema educativo. En canto coñezamos os contidos da circular poderemos valorar as consecuencias que terá no funcionamento dos centros e nas competencias do profesorado. Unha noticia transcente que nos entristece e moito nos magoa.

A estratexia de Feijoo

No artigo da semana analizo a que entendo é a estratexia de Feijoo: presentarse como modelo alternativo aos erros do bipartito. Presidencialismo acusado, ruptura coa cultura comunicacional do fraguismo, liquidación do sector da boina (por galeguista e ruralizante) e ataque constante aos adversarios políticos aí onde agora máis lles pode doer, os gobernos municipais das cidades, serían manifestacións dunha estratexia que en termos futbolísticos definiriamos como «claramente atacante».

Unha Galicia esgazada

Ao longo desta semana non tiven oportunidade de publicar anotación ningunha sobre o debate de investidura. Sobre a cuestión, remito ás publicadas por Perfecto Conde, Ian e Antón Baamonde, todas as tres moi interesantes. Porén, hoxe seguín os actos de investidura de Alberto Núñez Feijoo pola Radio Galega e pola transmisión que María Yáñez realizou en twitter (beizóns polos comentarios). Ao longo da mañá, a miña sensación non puido ser máis triste e desacougante. Tanto pola estética do novo escenario (vaia pancartas!) como polos contidos do discurso tecnocraticamente galeguista do presidente (referencias a Cunqueiro, Piñeiro, á Galicia mariñeira e aldeana…). Sexa polas formas, sexa polos contidos das súas propostas, dificilmente Alberto Núñez Feijoo –a pesar da súa retórica chamada ao diálogo coa oposición e a sociedade civil–, vai ser capaz de agachar que coa súa presidencia Galicia volve quedar dividida, esgazada irremediablemente en dúas metades.

Tras todos os seus discursos e declaracións, o futuro comprometido para o idioma de noso é un feito xa irreversible. O novo presidente aposta teimosamente polo modelo defendido polos sectores galegófobos, asumindo acriticamente as falsidades da imposición do galego e o concepto de «liberdade lingüística». O goberno de Feijoo tratará de seducir á sociedade galega cun modelo dunha «Galicia trilingüe» no eido educativo (non sabemos como o conseguirá?, mais por aí sairá a nova chilindrada da reforma do decreto de fomento do galego) e abrirá as portas con toda claridade ao emprego do castelán por parte da Xunta de Galicia (estou convencido, agardo trabucarme, que haberá conselleiros monolingües en castelán), tal como llo solicitan os sectores máis galegófobos. Outrosí sucederá co desenvolvemento do autogoberno, no que propoñerá un modelo de desenvolvemento estatutario de rango semellante ao das comunidades que se constitúen agora nos nosos referentes (Madrid, Valencia…). Sen dubida que o PSdeG-PSOE recibirá nos próximos meses unha envelenada proposta de consenso por parte do novo presidente para aprobar decontado unha reforma do Estatuto. Un golpe de efecto galeguista que, ademais, tería a pretensión de deixar fóra do acordo ao BNG, condenado hai meses por algúns medios (que non ocultan a súa intención de marcar a axenda política do presidente conservador) a ser excluído da política institucional polo seu «radicalismo nacionalista».

O resto dos compromisos de Feijoo, dende as chamadas á rexeneración democrática, á reforma da CRTVG, á esixencia do cumprimento da Lei de Dependencia, marcarán un novo estilo de comunicación política (en clave xeracional, seguramente) que poden darlle moitos réditos ao novo presidente. Aí a exitosa experiencia demagóxica do Audi de Touriño que, con toda seguridade, será repetida durante a lexislatura.En tempos de crise estas medidas políticas (sen custe económico) son as máis rendibles. Pola contra, os seus esquecementos e a súa falta de concreción sobre asuntos tan importantes como a crise industrial, a Cidade da Cultura ou o Medio Rural,ou o perfil intencionadamente baixo que se concederá a determinadas áreas como a de Cultura, agoiran, paradoxicamente, unha presidencia máis volcada sobre a política ca sobre a eficacia de xestión (esa é mellor baza coa que contan os políticos de perfil tecnocrático).

Mentres, na outra banda, tanto o BNG (hoxe en asemblea decisiva para o seu futuro) como o PSdeG-PSOE deberán solucionar os seus liderados e crear un novo modelo relacional que permita artellar, o antes posible (nunha ou dúas lexislaturas) unha alternativa viable ao duro poder conservador. Mentres, haberá que confiar na resistencia e creatividade da sociedade civil para facer fronte a tempos difíciles para a defensa dos valores cívicos do galeguismo. O asociacionismo veciñal, cívico e cultural está chamado a ter un papel decisivo nesta nova etapa que se abre. Na auténtica renovación deste tecido de participación cidadán é onde pode estar ese maletín de Walter Benjamin do que onte falaba no seu groucho Rivas. Este é o tempo para que nazan novas iniciativas en rede na defensa destes valores republicanos. Non lle atopo outra receita para pasar este mal tempo: traballo, intelixencia e entusiasmo.

Aconfesionalidade

Ao fío das procesións de Semana Santa no artigo da semana propoño unhas pequenas doses de laicismo no comportamento dos funcionarios e servidores públicos.

A responsabilidade dos bipartios municipais

No artigo da semana reflexiono sobre a responsabilidade decisiva dos bipartitos municipais para visualizar a existencia dunha alternativa ao poder conservador. Creo que ineludible abandonar o seu modelo bipolar, apostando polo transversalismo e o consenso. 

Ilustración: Vigoblog.