O mapa da Galicia futura

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da polémica das áreas metropolitanas, propoño unha reflexión sobre a desaparición das deputacións e reestruturación do mapa territorial e institucional de Galicia.

A proximidade da convocatoria electoral municipal e as dificultades para poñer en marcha o proxecto de áreas metropolitanas ou rexións urbanas de Galicia reabriron o debate sobre cal debe ser o futuro das deputacións provinciais. Sobre o enfoque de cuestión tan polémica veñen manténdose dúas doutrinas, á que non son alleas os intereses e a forma de entender o exercicio do poder dos tres partidos políticos con representación nestas entidades locais. Unha defende a supresión das deputacións, distribuíndo as súas competencias entre a Xunta de Galicia e o que serían as áreas metropolitanas e entidades comarcais de nova creación. Outra propón a súa reconversión en entidades de coordinación e asesoramento dos concellos rurais, sobre todo, no que atinxe á xestión de tributos e determinados servizos e investimentos.

A primeira impulsouna de vello o BNG, que presentou hai días no Congreso dos Deputados unha iniciativa que solicita a modificación da Lei reguladora de bases de réxime local para que no futuro sexan as autonomías “as que artellen e ensamblen as entidades provinciais na súa estrutura institucional, o que posibilitaría maiores niveis de eficacia na acción administrativa e tamén unha utilización máis racional dos recursos públicos, especialmente escasos na actual situación de crise económica”. A segunda defendérona o PPdeG e o PSdeG-PSOE, partidos que se responsabilizan á par da presidencia das catro deputacións galegas. A esta posición adscríbese tanto a proposta de Alfonso Rueda, conselleiro da Presidencia, que esta semana propoñía “reinventar as deputacións para evitar as duplicidades de gastos”, como as reiteradas declaracións do socialista Salvador Fernández Moreda, presidente da deputación da Coruña, que considera estas institucións provinciais como “imprescindibles mentres se manteña a actual configuración municipal”.

O debate sobre o sentido das deputacións provinciais naceu da ambigüidade do artigo 141 da Constitución de 1978, que no seu apartado 2 lles encomenda “o goberno e administración das provincias”, mais que non establece cales son as súas funcións nin tampouco o seu carácter de administracións locais exclusivas, xa que deixa aberta a posibilidade de creación doutras agrupacións de concellos, como poden ser as mancomunidades municipais, comarcas ou áreas metropolitanas. Ao longo destas tres décadas constitucionais, na que se desenvolveron tamén os poderes autonómicos, foron frecuentes as críticas ao papel das deputacións, conformadas entre os concelleiros elixidos nos partidos xudiciais (unhas entidades que non teñen recoñecemento político ningún), por consideralas como poderes paralelos aos dos gobernos autonómicos, incompatibles cun sistema institucional baseado na descentralización e no reparto competencial; xustificadas, tamén, polo custo elevado da súa xestión –lembremos que no caso das deputacións galegas, cun orzamento anual que supera os 600 millóns de euros, apenas o 55% está destinado a investimentos e transferencias, mentres que o resto vai destinado a gastos de persoal e de funcionamento da institución– ou pola utilización clientelar e partidista dos seus fondos por parte da súa presidencia, unha práctica escandalosa e discriminatoria que se converteu en tan habitual que semella xa non merece sequera ser mencionada.

Nun marco como o actual de crise económica global e redución dos gastos superfluos das administracións públicas, nun momento político no que existe un amplo consenso para acometer a urxentísima posta en marcha das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, sería a oportunidade acaída tamén para revisar o conxunto da estrutura municipal e territorial de Galicia. Aí é onde, a pesar da inevitable loita localista que provocaría, se debera encadrar o deseño do mapa das imprescindibles fusións municipais e o recoñecemento institucional e político das comarcas e áreas metropolitanas. Nese novo mapa institucional da Galicia do século XXI, alicerzado sobre unha administración máis próxima, eficaz e económica ca actual, as deputacións terían moi escasa razón de ser, xa que as súas funcións serían asumidas, unhas pola Xunta e outras polas novas entidades comarcais e metropolitanas. A desaparición das deputacións en Galicia supoñería, ademais, a supresión dos cargos dos actuais 108 deputados provinciais, e un aforro anual nada desprezable, estimado en 15 millóns de euros, ao que habería que engadir o traspaso dos seus funcionarios que reforzarían os cadros da administración autonómica ou a dos entes metropolitanos e comarcais.

Unha mostra de responsabilidade e compromiso co país sería que na próxima campaña electoral municipal cada un dos partidos presentase a súa proposta sobre este novo mapa institucional vertebrador da Galicia futura.

Caixa, a nosa

No artigo da semana de Faro de Vigo propoño unha análise sobre o futuro de Novacaixagalicia, ao fío do noso decreto que establece a bancarización das caixas. Un desafío, tamén, para o autogoberno galego.

A maioría das caixas de aforros deixarán de selo antes do verán. O anuncio da ministra de Economía de introducir novos e moi esixentes criterios de solvencia non deixa lugar a dúbida ningunha: rematado o proceso de concentración que reduciu en 2010 o número de caixas, iníciase a segunda fase, a de bancarización. Péchase así un planificado proceso de reconversión que transformará a estas entidades territorializadas de economía social en bancos. Amparado o Goberno, e contando co apoio da oposición conservadora, nos argumentos da crise da débeda soberana española e das dificultades do conxunto do sector financeiro (tanto de bancos como de caixas) –sen dúbida, froito dos excesos da década da burbulla inmobiliaria, en boa medida ignorados pola laxitude no seu control por parte das autoridades do Banco de España– acádase o obxectivo perseguido polo “lobby” bancario privado de desfacer unha rede de caixas que na actualidade supón unha durísima competencia para o seu negocio, xa que conta coa metade do mercado en España.

Semella que neste proceso privatizador das caixas, un dos obxectivos é reconducir as fusións intrarrexionais, como a que supuxo a creación de Novacaixagalicia (NCG). É cada vez máis evidente que ao Goberno e ao Banco de España do poderoso MAFO non lles chistan estas novas caixas fusionadas sen acudir a fórmula do SIP desterritorializado, e polo tanto, á creación dun banco. Razón que explica a actual esixencia a estas novas caixas duns criterios para o seu capital de calidade moi superiores aos requiridos aos bancos e aos asumidos nos seus protocolos de fusión ao abeiro dos acordos de Basilea III. Unha decisión que compromete o futuro de NCG, mais tamén unha medida que supón un retroceso para o autogoberno galego, xa que esta bancarización da nosa caixa deixaría en papel mollado unhas das competencias exclusivas recoñecidas no artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Sería para botarse a chorar que Galicia quedase sen un sector financeiro propio, xa que este é unhas condicións indispensables para a súa vertebración de país. Como sería dramática a exclusión financeira que podería provocar a desaparición da rede territorial da caixa, mesmo en prazas onde sabemos as súas sucursais non son rendibles, unha función social esencial que achega servizo a milleiros de libretistas humildes, pensionistas, comerciantes, pequenos emprendedores dos máis diversos sectores económicos e pequenas e medianas empresas moi pegadas á economía cotiá de cada comunidade local. Como sería terrible para o funcionamento dos nosos aínda precarios servizos sociais de atención aos maiores, dependentes ou persoas con descapacidade prescindir do apoio da súa obra social. Como sería brutal para o sector da cultura non contar co soporte da Fundación Novacaixagalicia e da programación das diversas expresións das artes, da nosa lingua e da nosa cultura ofrecida na completísima rede de centros culturais da entidade. Se a nosa caixa deixa de selo e se converte noutro banco máis, afastado do territorio e sen outro corazón que obter o máximo beneficio, quen e como se cubrirán as súas funcións actuais?

No marco das esixencias ineludibles requiridas polo Goberno e polo Banco de España, compételle aos xestores de NCG a responsabilidade de artellar coa maior premura unha solución que atenda tanto a dimensión financeira e política como social e cultural que ten a entidade. Unha solución que asegure a súa galeguidade e solvencia permitíndolle así continuar co seu papel esencial na nosa economía social. O xestores de NCG poderán escoller entre varios camiños. O primeiro e máis desexable, apostar por continuar sendo unha caixa, abrindo o seu capital a cotas participativas suscritas por entidades privadas (empresas e particulares) e públicas (mesmo a Xunta de Galicia). O segundo e máis complexo, promover a creación dun novo banco e unha fundación para a xestión da súa obra social e cultural, unha solución semellante á anunciada por “La Caixa”. Dúas saídas en clave galega, que non deberían ser imposibles nun país que conta con cinco das maiores fortunas privadas de España, que, até agora, teñen recibido bastante máis do país dos galegos do que elas lle teñen achegado. De non seren viables estes dous escenarios orientados con sentido galego, á NCG quédalle a posibilidade de integrarse nunha SIP con outras caixas, o que suporía a súa desterritorialización e bancarización, ou agardar a ser nacionalizada despois do verán e, máis tarde, vendida xa ao mellor postor. Neste difícil e complexo proceso, o papel facilitador e integrador da Xunta de Galicia e dos partidos políticos é vital para xerar apoio cidadán e confianza nos investidores. Estamos diante doutro reto determinante para o futuro do noso autogoberno.

O Senado e as linguas

No artigo da semana en Faro de Vigo analizo as consecuencias políticas da modificación do regulamento do Senado que permite a utilización das linguas oficiais nas súas sesións plenarias.

España é un estado plurilingüe onde, ademais do castelán, a cidadanía fala outras linguas recoñecidas pola Constitución e polos estatutos de autonomía como cooficiais nos seus respectivos territorios. Despois de tres décadas e de moi intensos debates, a pasada semana entrou por fin en vigor a modificación do regulamento do Senado que permite aos membros da cámara alta a utilización nas súas intervencións do galego, éuscaro e catalán, coa única excepción das interpelacións que realicen aos membros do Goberno. Unha medida política apoiada pola maioría dos grupos e xustificada polo recoñecemento da diversidade e riqueza lingüística nunha cámara á que se considera, ou se pretende considerar no futuro, como de representación territorial, porén rexeitada polos senadores e senadoras do Partido Popular por considerala no contexto da actual crise económica “un auténtico derroche dos recursos públicos”.

Particular atención mereceunos en Galicia que a primeira persoa que utilizou o galego na histórica sesión inaugural na que se estrearon todas as linguas oficiais fose a senadora guipuscoana Miren Leanizbarrutia que introduciu no seu discurso pronunciado en éuscaro unha frase lamentando que a senadora galega do PPdeG que ocupara antes a tribuna desaproveitase a oportunidade de utilizar “a lingua na que Rosalía de Castro escribiu fermosos versos”. Deste xeito, Leanizbarrutia entrará con letras de ouro a formar parte da historia da nosa lingua, mentres que a senadora galega, que confesa amar a lingua do seu país, prefire en xornada tan sinalada non utilizala, apoiando de forma inequívoca a estratexia que o seu partido está desenvolvendo.

A senadora do PPdeG desbotou unha oportunidade histórica de ofrecer un aloumiño a lingua galega, de facer un xesto de cordialidade, de pronunciar con amabilidade sequera unhas poucas palabras na lingua propia do seu país, lingua que sabemos é, ademais, a maioritaría nos seus electores e dos seus compañeiros e compañeiras do partido. Pola contra, a senadora María Jesús Sáinz preferiu adoptar as posicións anti-diversidade do partido uniformista, que non son alleas a doutros que xestionan a herdanza franquista nestes eidos da lingua, e xustificar a súa inhibición no suposto despilfarro de gastar máis de 300.000 euros na tradución simultánea dos dous plenarios mensuais do Senado. Unha cantidade destinada ao pagamento dos traballos profesionais de vinte e cinco tradutores e intérpretes, que constitúe apenas un dez por cento das subvencións públicas recibidas nun ano pola Fundación FAES, o 0,2% do orzamento do Ministerio de Cultura ou o 0,16% do das Cortes Xerais para o 2011. Sen menoscabo, dos criterios de austeridade e rigor que debe ser utilizados na xestión de todas as administracións públicas, o argumento do custe da tradución non abonda para rexeitar unha medida destinada a visualizar na cámara territorial a diversidade lingüística e cultural do estado, unha das claves da viabilidade do proxecto de convivencia recoñecido no marco constitucional.

No entanto, os termos deste debate, que sabemos esencialmente político, remiten ás intencións recentralizadoras do modelo autónomico que membros do Partido Popular xustifican, tamén, en base aos criterios do seu “elevado custe” no entorno da crise da nosa débeda soberana e da redución do déficit das CC.AA. Abandonadas polos conservadores as ideas de administración única, acuñadas por Manuel Fraga, e de reforma constitucional do Senado para transformalo en cámara de representación territorial, é innegable que vivimos unha durísima e moi ben planificada campaña de desprestixio, concibida e executada dende os poderosos foros madrileños, da descentralización política realizada dende a aprobación da Constitución, con especial animadversión cara aos procesos de autogoberno das comunidades históricas, Cataluña, País Vasco e Galicia, que contan con lingua de seu.

Desa estratexia de intención recentralizadora, semellante a unha nova LOAPA, deseñada dende hai tempo nos think thank conservadores, que pretende devolver competencias ao Goberno central, hoxe transferidas ás Comunidades Autónomas, forman parte tanto a nova política lingüística desenvolvida pola Xunta de Galicia nos dous últimos anos, concibida como un prototipo a exportar –a pesar de que supón un claro retroceso para os usos educativos do galego e para o seu futuro, na medida que recurta a súa vitalidade–, como a elaboración dun argumentario mediático que identifica de forma tan falsa como demagóxica a defensa das linguas e culturas propias coas posicións nacionalistas. O seguimento desa estratexia recentralizadora explica o comportamento das senadoras do PPdeG na epifanía da presenza do galego no Senado.

Enredados co baixo custo

No artigo da semana de Faro de Vigo abordo a actual polémica aeroportuaria. Entendo que a esta altura as subvencións ás liñas aéreas non son defendibles e o que cómpre é un reordenamento dos tráficos entre as tres terminais interconectadas por ferrocarril.

Poucos temas amosan mellor a ausencia dunha política de vertebración do territorio en Galicia durante as tres décadas da Autonomía como a actual polémica aeroportuaria. Contamos con tres aeroportos internacionais (Alvedro, Lavacolla e Peinador), situados nunha liña de 150 km de autoestrada e ambos os tres en permanente estado de ampliación das súas instalacións, porén incapaces de complementar a súa oferta de destinos e mellorar a calidade dos seus servizos para competir co suntuoso aeroporto de Porto, hoxe referente internacional e transoceánico do territorio da antiga Gallaecia.

En 2010 o “tirón do Xacobeo” permitiu que repuntase un chisco o número de viaxeiros de Lavacolla, situándose por riba dos dous millóns, ao que sen dúbida non son alleas as subvencións da Xunta de Galicia para que compañías de “low cost” como a irlandesa Ryanair mantivesen enlaces con Londres, Frankfurt e Roma ou Vueling con París e Zurich. Outrosí sucedeu co aeroporto de Alvedro que continuou coas súas liñas de tempada (de comezos de abril a finais de outubro) con Londres e Lisboa, desta volta grazas ao apoio do concello da Coruña, ademais doutra con Ámsterdam subvencionada pola Xunta. Un caso moi diferente foi o de Peinador que mantén dende hai cinco anos tres frecuencias diarias con París, operadas por Air France, sen axuda pública ningunha, utilizadas anualmente por 84.000 viaxeiros, amais dunha liña de tempada subsidiada pola Xunta que o ano pasado enlazou Vigo con Bruxelas.

Aminorado o efecto Xacobeo e ás portas dunhas eleccións municipais nas que o PPdeG pretende obter as alcaldías da Coruña, Santiago e Vigo, a distribución das subvencións da Xunta as liñas aéreas da tempada 2011 entre as tres terminais semella apenas outro exercicio coiuntural de mercadotecnia pre-electoral destinado máis a enredar a opinión pública e a disparar os sentimentos localistas ca a meterlle o dente á cerna do problema que non é outra que a reordenación do tráfico aeroportuario en Galicia. Subvencións (máis de tres millóns de euros declarados pola Xunta, quizais outro millón achegado polos concellos de Vigo e a Coruña) que no marco actual da fortísima redución dos gastos das administracións non son defendibles, xa sexa polo feito de duplicar servizos, como o de Vigo-París, que nunca contaron con axudas, o que podería ser considerado como competencia desleal; xa fose pola súa incapacidade acreditada de carecer dunha vocación de continuar a medio prazo cos seus propios medios, como demostrou Ryanair cando ameazou á Xunta con abandonar despois de cinco anos os servizos dende Lavacolla, se non contaba con estas axudas.

Decidir a política de enlaces aeroporturarios non debería ser unha competencia da Consellaría de Cultura e Turismo, senón da de Infraestruturas e Ordenación do Territorio. Aquel modelo ideal de Lavacolla como aeroporto central, internacional e único de Galicia, froito do comezo da Autonomía, foi superado polo realidade que imprime o dinamismo demográfico e económico das rexións urbanas que artellan Vigo e A Coruña. O futuro aeroportuario de Galicia pasa inevitablemente polo funcionamento integrado e en concorrencia dos tráficos das tres terminais (peninsular, europeo, intercontinental ou carga) de xeito que puidesen chegar a funcionar de forma complementaria e competitiva no marco da súa interconexión ferroviaria por alta velocidade. Acadar este obxectivo obrigará a captar novos destinos, tanto no segmento das compañías de baixo custo como nas tradicionais; obrigará, inevitablemente, a cuestionarse o papel que neste proceso desempeña AENA interesada en priorizar e xestionar só unhas poucas terminais (entre as que se atopa Lavacolla) e a propoñer que a Xunta de Galicia participe na súa xestión; obrigará a dirimir intereses entre as dúas rexións urbanas e a capital –que compiten por un mercado turístico, no que Compostela co seu sepulcro e coa Cidade da Cultura sempre levará a mellor tallada– e pretenderán defender os intereses do seu tecido empresarial. E todo iso, asumindo que a chegada do AVE coa meseta provocará un descenso do tráfico dos tres aeroportos.

É o momento de abandonar a política de subvencións e privilexios a estas liñas aéreas comprometidas só coa súa conta de resultados, para abordar de vez o debate estratéxico do futuro aeroportuario de Galicia. O Goberno Galego ten a responsabilidade de elaborar unha proposta técnica e política para as vindeiras dúas décadas vertebradora das infraestruturas aeroportuarias, ferroviarias e portuarias, tanto para o tráfico de persoas como de mercadorías. Aí estaría unha polémica construtiva na que os diversos sectores do país deberían ser chamados a participar. Enlearse sobre se o concello de Vigo debe pagar case 300.000 euros por un enlace de tempada con Milán, é enredarnos cun futuro de baixo custo que xa non existe en ningures.

30 anos de Estatuto

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do 30 aniversario daquel 21 de decembro de 1980, data na que se realizou o referendo do estatuto de Galicia, propoño que se recupere o debate sobre o novo Estatuto de Galicia.

O 21 de decembro de 1980 celebrouse o referendo polo que o pobo galego aprobou o actual Estatuto de Autonomía de Galicia. Transcorridas tres décadas, coa excepción dos comentarios de Javier Sánchez de Dios nestas páxinas de Faro de Vigo ou de Pedro Puy, o voceiro do PPdeG no Parlamento, a efeméride quedou agochada no territorio dos espesos silencios, a pesar de que constitúe a data a partir da que Galicia goza por primeira vez e de forma efectiva dunha forma de autogoberno, constituíndose en suxeito político activo do seu futuro. En calquera outro país, con motivo de semellante aniversario, cada un dos partidos políticos convocaría á cidadanía e aos seus seguidores a celebrar ou, canto menos, valorar o camiño percorrido ao longo deste primeiro treito de autonomía política. Mais sabemos que Galicia é sitio distinto e ningún dos seus partidos con representación no Hórreo moveu peza para abordar a efeméride do Estatuto, xa que para o PPdeG obrigaría a abrir decontado o proceso da súa reforma –a pesar de que o presidente Feijóo a anunciase para antes do remate deste 2010 e formase parte do seu compromiso electoral– e para os partidos da oposición a participar nun debate onde, tal como vai a presente lexislatura, haberá espazos reducidos para o consenso.

A consecución da Autonomía para Galicia foi froito dunha complexa e difícil batalla da que aquel referendo do 21-D non deixou de constituír outro triste episodio. O escaso entusiasmo autonomista de moitos deputados dunha UCD (o partido de Adolfo Suárez, daquela maioritario en Galicia) que comezaba a desintegrarse, unha lamentable campaña de propaganda promovida pola Xunta pre-autonómica presidida polo doutor José Quiroga (“Anque chova, vota. Pídecho Galicia”, foi o lema da publicidade institucional), a pasividade dun pobo escasamente motivado e a indiferencia e oposición dos partidos nacionalistas á consulta foron factores que provocaron unha vergonzosa participación de só o 28% do censo electoral, sendo apenas 450.000 os votos afirmativos. Deste xeito tan fraco, o pobo galego lexitimou o seu precario Estatuto de Autonomía que non contou cun consenso político máis amplo, xa que o texto aprobado establecía, a pesar das mobilizacións contra “a aldraxe” e a pesar da lexitimidade histórica do plebiscito republicán de 28 de xuño de 1936, un nivel de autogoberno inferior ao que contemplaban os seus homónimos catalán e vasco. Eiva política que ralentizou, sen dúbida, o desenvolvemento do proceso do autogoberno galego.

Sabemos que foron moitas as mudanzas do país noso ao longo destas tres primeiras décadas de Autonomía, nas que se produciron cambios económicos, demográficos e sociais estruturais profundísimos, que mudaron a faciana daquela Galicia ancorada na sociedade agraria tradicional a estoutra actual de fasquía aparentemente urbana, na que existe unha profunda fenda entre os territorios da beiramar do Oeste, artellados pola AP-9, e os do interior do Leste, sumidos no abandono e a despoboación. Cambios que supuxeron unha mudanza no comportamento político, que amodiño foi equiparándose ao doutras comunidades, e a modernización e mellora das infraestruturas (sobre todo as que atinxe ás comunicacións), das redes educativas, sanitarias e de servizos sociais, así como un recoñecemento institucional do noso patrimonio cultural e da nosa lingua, como nunca se producira ao longo da nosa historia. No entanto, a pesar destes avances, Galicia neste período autonómico non atinou, aínda, a facer valer todas as súas potencialidades, a darse a respectar como merece, a expresar a súa autoestima nas súas propias capacidades. A esta altura do século XXI, comparada con outras comunidades autonómas, Galicia continúa no furgón de cola da maioría dos índices de benestar e consumo, encabezando, pola contra, as táboas de envellecemento e, paradoxicamente, tamén de emigración da súa poboación máis nova, o que agoira un futuro difícil.

Galicia precisa con urxencia elaborar un novo Estatuto de Autonomía para facer fronte aos retos do novo século. Galicia precisa un texto normativo capaz de vertebrar política e administrativamente a realidade actual do seu territorio. Galicia precisa unha norma que lle permita ampliar as súas competencias e a súa suficiencia financeira ao mesmo nivel que o doutras comunidades, singularmente Cataluña, Euskadi e Andalucía, que durante estas tres décadas conseguiron elevalas. Mais isto só será posible, se hai un amplo consenso e unha vontade real por parte dos partidos para mellorar a calidade do autogoberno de Galicia; algo que, ademais, permitiría reilusionar ao conxunto da sociedade galega e superar os tan fracos apoios populares recibidos polo Estatuto de 1980. Eis un proxecto polo que pular.

Cara onde vai Pachi Vázquez?

Consumada a destitución de Xaquín Leiceaga é lexítimo preguntarse cara onde quere conducir Pachi Vázquez ao PSdeG-PSOE? Fóra das declaracións de grandes unanimidades, nada coñecemos dese proxecto político que di afianzarse tras esta misteriosa purga para a que non se expresa razón convincente ningunha. A publicación a pasada fin de semana dun longo artigo de Leicega, no que reflexionaba sobre os resultados das eleccións catalás e a estratexia de colaboración dos socialistas e nacionalistas de esquerda, e outro artigo do propio ex-presidente Touriño, no que reincidía sobre a necesidade de colaborar co BNG como único xeito de artellar unha alternativa viable a Feijóo, quizais poidan explicar o que está sucedendo na executiva dos socialistas galegos. Pachi Vázquez e o seu equipo deben decidir se continúan polo camiño de colaborar cos nacionalistas na difícil construción dunha alternativa aos conservadores ou abrir outro vieiro de oposición e alternativa en solitario, tan longo como de moi incertos resultados. Á porta das eleccións municipais, onde os bipartitos ou tripartitos (nalgúns casos como Ferrol) son a única alternativa ao PPdeG, semella que Pachi Vázquez ten escasas posibilidades para mudar o rumbo. A que ven, entón, toda está enleada que só beneficia as posibilidades dos conservadores?

A destitución de Xaquín Leiceaga

Noticias coma estas só poden suceder no PSdeG-PSOE. Noticias que só producen tristeza e desolación. Despedir ao, probablemente, mellor parlamentario co que conta o grupo socialista polo pecado de ter formado parte do equipo de Touriño, só pode concibirse na cabeza de quen hai uns días asegurou que «a poda do estado do benestar é para ‘sanealo’ e asegurar a súa continuidade». Un disparate, sen paliativos. Non hai dúbida da conveniencia de que todos os partidos asuman o criterio «unha persoa un cargo», mais é inxustificable que este mecanismo sexa utilizado de forma selectiva (só afecta, no caso dos socialistas galegos, aos parlamentarios autonómicos e non aos deputados nin senadores) para que as direccións se desfagan das persoas máis valiosas, mellor formadas, máis dignas e de maior independencia de criterio. Quizais o pecado de Leiceaga como voceiro do seu grupo foi o seu exceso de brillantez e coherencia que, inevitablemente, levaba a facer comparacións. Ademais de deixar un importante baleiro nun grupo parlamentario socialista ao que non lle sobra nin talento nin talante, a marcha de Xocas pon en evidencia o pobrísimo e errático liderado de Vázquez á fronte dos socialistas galegos. Relacionar as posicións que o actual secretario xeral mantivo sobre asuntos como a fusión das caixas, a lei do solo, as áreas metropolitanas ou a lista de xenéricos si que merecería unha severa reprobación. Con estes vimbios na oposición, Feijóo dorme moito máis seguro e os sectores progresistas da sociedade galega máis desacougados. Agardemos que, polo menos, a destitución de Xocas fortaleza as posibilidades de continuidade no concello de Santiago do goberno de socialistas e nacionalistas. Os nosos parabéns a Leicega polo seu excelente traballo.

Toda a responsabilidade do caos aeroportuario é dos controladores?

A pesar da unanimidade dos ditirambos dos tertulianos e da lexítima e irada protesta dos viaxeiros tirados polos aeroportos, cústame moito crer que toda a responsabilidade de semellante caos corresponda ao «egoísmo dos controladores». Semella que o proceso de privatización de AENA (unha empresa pública rendible), anunciado polo Goberno hai uns días, como a incapacidade do Ministerio de Fomento ao longo dunha década para aumentar o cadro de persoal nas torres de control e, sobre todo, a demostrada incapacidade do ministro Blanco para cumprir os seus compromisos e volver a negociar con este colectivo as súas condicións de traballo son factores que axudaron a chegar a esta situación límite. Unha crise «resolta» polo Goberno de forma claramente insatisfactoria para o noso sistema de liberdades e garantías, xa que a vía do estado de alarma previsto no artigo 116.2 da Constitución semella dificilmente aplicable á actual situación. Un longo litixio, pois, quedou aberto. Ademais, que sindicatos tan poucos sospeitosos como a CGT apoien aos controladores ou que CC.OO e UGT se opoñan á privatización de AENA, debe facernos reflexionar sobre as causas dunha protesta que, insistimos, sabemos desproporcionada nos efectos que provoca. Ninguén dubida que os controladores deben asumir un comportamento socialmente responsable, mais tamén é certo que a xestión da crise por parte de Rubalcaba e Blanco (cun Zapatero xa desaparecido e, previsiblemente, abatido) amosa as carencias dun Goberno que chega case sempre tarde a poñerlle remedio ás feridas. Así non nos pode extrañar que Rajoy agarde felizmente no aeroporto de Lanzarote a que esta enleada vaia deteriorando un pouco máis ao Partido Socialista, ampliándolle o seu camiño triunfal cara a Moncloa. Nunca a estratexia dos que lle recomendaron que se metese na cama ata 2012 tivo máis eficacia. Lamento as penalidades desas 600.000 persoas, reféns da incompetencia do Goberno e da posición tan estratéxica como forma de protesta equivocada dos controladores.

«Non controles», saudades de Olé, Olé (1983).

Algo vai mal

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da publicación da tradución española do derradeiro ensaio de Tony Judt, Algo va mal, reflexiono sobre o malestar cidadán expresado pola ampla folga xeral do pasado 29S.