Máis desigualdade, máis centralismo

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o carácter dos recortes do Goberno de Mariano Rajoy.

Mariano Rajoy acudiu o pasado mércores ao Congreso dos Deputados para anunciar o contrario do programa ao que se comprometeu coa cidadanía o pasado outono durante a campaña electoral e polo que obtivo unha ampla maioría para gobernar. Desta volta, obrigado polas 35 condicións impostas no memorando de axuda á banca española, en oito meses de lexislatura xa consumiu as poucas promesas que lle quedaban por traizoar. Subiu os tipos superiores de IVE, modificou o réxime dalgúns servizos e decretou unha (incrible) amnistía fiscal para os grandes defraudadores, prexudicando as rendas medias e baixas de traballadores, autónomos e pequenos empresarios. Arruinou máis aos funcionarios, quitándolles a paga de Nadal, aumentándolles a carga de traballo e tomándoos coma reféns para o escarnio público. Empobreceu máis aos parados, reducindo as súas prestacións, deixándoos sen esperanza ningunha, ao abeiro da inesgotable solidariedade familiar. Retallazos que se engaden aos realizados na primavera nos servizos públicos de educación e sanidade (incluído o aumento do copagamento farmacéutico) xustificados sempre polo mantra da “herdanza recibida” e pola “necesidade de saír da crise”.

Non fai falta ser Krugman para comprender que as medidas do Goberno de Rajoy, ante a súa imposibilidade de devaluar a moeda, supoñen a fase máis brutal do proceso de devaluación interna de salarios e rendas da economía española. Unha xeira “reformadora” iniciada no mes de maio de 2010, cando Zapatero tirou a toalla presionado polos mercados de débeda soberana, cando a prima de risco estaba preto dos 300 puntos. Proceso consolidado de forma irreversible en agosto de 2011, coa reforma exprés do artigo 135 da Constitución –“consensuada” por PSOE e PP e “solicitada” pola carta dos responsables do Banco Central Europeo ao presidente do Goberno, sen dúbida “inspirada” por Angela Merkel e Nicolas Sarkozy– que establece a prioridade da estabilidade presupostaria a calquera outro obxectivo das administracións públicas. A efectos prácticos, dende hai dous anos, o Reino de España está dunha ou doutra forma intervido, cedendo parte da súa soberanía ao que vaian dispoñendo as autoridades da famosa “troica” (UE, BCE, FMI) no marco da grave crise do euro e do proxecto de unión monetaria.

Presentados coa suavidade que permite o eufemismo de “reformas”, todos sabemos, incluídos o propio Rajoy e o conformista Rubalcaba (triste papel o do secretario xeral do PSOE ao longo da lexislatura), que estes recortes non contribuirán a saír da crise, nin a reducir as taxas brutais de paro nin a incentivar a actividade dos emprendedores e investigadores, pola contra supoñerán maior sufrimento para os sectores máis febles e desprotexidos da sociedade. O obxectivo destoutro retallazo é asegurar (non sabemos por canto tempo) a supervivencia dun sistema financeiro quebrado pola burbulla inmobiliaria e polo “capitalismo de amiguetes” practicado polos responsables dalgunhas caixas de aforros durante décadas.

Non comparto as análises dos que afirman que estas medidas devaluadoras son inevitables. Enténdoas como parte dunha estratexia conservadora ultraliberal dirixida a diminuír (quizais a eliminar) o papel do estado como compensador de desigualdades sociais (a clave da chamada “sociedade do benestar”) e a conseguir unha recentralización do estado, avalada pola necesidade de “enmagrecer” as administracións e facelas “máis eficaces”. Dúas aspiracións da dereita española, ao longo da restauración juancarlina. Só dende esa idea conservadora poden entenderse os aplausos entusiastas do grupo popular a Rajoy, tras anunciar no Congreso esta debacle social. Só con esa intencionalidade pode comprenderse a actitude prepotente do ministro Montoro identificando de forma indiscriminada ás Comunidades Autónomas coa “relaxación” orzamentaria ou a patética apelación da ministra Báñez da confrontación franquista entre a  “maioría silenciosa de españois de boa vontade” con “algúns que se resisten ao cambio”.

O Goberno Rajoy abriu un negrísimo panorama. Coas súas medidas avanzamos cara un empobrecemento acentuado da sociedade e un aumento da desigualdade, feitos gravísimos para a convivencia. Mais tamén cara unha perigosa xeira recentralizadora, xa que se as Comunidades Autónomas non contan con recursos suficientes tampouco poderán ofrecer os servizos de Educación, Sanidade e Dependencia, que supoñen o 80% dos seus orzamentos. Sen resolver esta tensión, o modelo constitucional do estado das autonomías faríase inviable, abrindo paso á centralización e á posibilidade real de segregación dalgunha comunidade no marco da Europa sen fronteiras. Quizais nesa contradición radique a cerna da crise española actual.

Onte 307: Devaluación interna

Como editor quedei aliviado, xa que só subiu o tipo de IVE do libro electrónico descargable. Como cidadán desolado diante doutro machadazo ao papel do estado como compensador de desigualdades. Outra fase nese proceso de devaluación interna de salarios e rendas (así como de perda de soberanía popular e de centralización do estado), iniciado no mes de maio de 2010 cando Zapatero tirou a toalla presionado polos mercados de débeda. Unha decisión que lle custou a carreira política ao presidente leonés e colocou ao partido socialista nos brazos dun conformismo que dende entón pode conducilo a súa irrelevancia. Onte, Mariano Rajoy, obrigado polas condicións impostas polo memorando de axuda á banca española, consumiu as poucas promesas que lle quedaban por traizoar: subiu os tipos superiores de IVE, prexudicando as rendas medias e baixas; arruinou aínda máis aos funcionarios, aos que escolleu como os seus primeiros reféns; empobreceu máis aos parados, deixándoos ao pairo da caridade, xa sen esperanza ningunha… Por moito que se esforcen en agochalo os medios conservadores, por moi entusiastas que fosen os aplausos (irresponsables) dos membros do seu grupo parlamentario, este machadazo vaille custar caro a Rajoy e ao seu partido, como lle sucedeu a todos os gobernos que avalaron medidas deste tipo. Como tamén pagará Rubalcaba o seu vergonzoso conformismo destilado nunha intervención decepcionante nun momento tan decisivo. Paradoxicamente, unha situación tan dramática abre posibilidades nas marxes de ambos os dous partidos conformistas. UPyD (que medo!) podería aproveitar o desencanto máis conservador e xacobino. Esquerda Unida e os nacionalistas galegos poderían ter nesta coxuntura unha oportunidade de ouro para recuperar credibilidade e apoios. Magoadamente, a situación imítase cada vez máis á grega, no que atinxe ao acentuado empobrecemento da sociedade e ao aumento da desigualdade entre os seus membros; imítase na profundización da recesión da actividade económica; no incremento das taxas de paro, xa moi por riba do 25%, todos os tres efectos deste procesos de devaluación interna presentado por Rajoy co eufemismo do «programa de reformas». Imítase, tamén, a inevitable recomposición dun escenario político cada vez máis líquido, onde se poden producir combinacións, até agora, case inimaxinables. Se a todo isto engadimos, a conflitividade social, cada vez máis dificilmente controlable, Feijoo ten moi complicado decidir cando lle convén convocar as autonómicas.

Onte 305: A tranquilidade de Baltar

É unha fortuna contar con medios como a edición galega de El País nos que o domingo puidemos ler noticias como a que Cristina Huete avanzou sobre como a Fiscalía Anticorrupción puxo, por fin, o foco sobre os comportamentos de José Luís Baltar. Tras a sucesión familiar na presidencia da Deputación de Ourense, era previsible que nalgún momento se producise, mesmo desde espazos achegados ao Partido Popular, algún tipo de denuncia discreta sobre os evidentes excesos cometidos por Baltar ao longo de dúas décadas de auténtico reinado no pazo da rúa Progreso. Ben sabe el que nin o seu inequívoco galeguismo nin o agarimo dos «seus empregados» poderán eximilo de responsabilidade ningunha das graves irregularidades pola que foi denunciado. Porén, a proximidade da convocatoria electoral si que pode salvalo (polo momento), xa que sen o seu apoio dificilmente poderá Feijoo obter a maioría que precisa. Aí quizais resida a aparente tranquilidade coa que onte enfrontou a denuncia.

Onte 304: A devolución do Códice Calixtino

A cerimonia que montaron Rajoy e Feijoo para escenificar a devolución do Códice Calixtino á Igrexa lembroume os esperpentos do nacional-catolicismo. Policías uniformados nunha banda, a curia compostelá enfatada noutra e os políticos do goberno en primeira fila participaron nun acto que non tiña outra intención que darlle ao presidente a oportunidade de por fin «anunciar» nas televisións unha boa noticia. Rajoy nin sequera reparou na oportunidade que tiña para reclamarlle á Igrexa rigor na protección do patrimonio ao seu coidado e un compromiso por facilitar o seu acceso a toda a cidadanía, sen esquecer as medidas de seguridade que levan faltando na catedral e a xestión transparente dos recursos que recibe dos seus milleiros de visitantes. Esta escenificación, tan innecesaria coma gratuíta, dunha devolución que todos vimos se produciu o pasado xoves, afasta aínda máis á cidadanía duns políticos de foto, obsesionados por vender como propia, diante dos medios, cada unha das actuacións da administración pública. Mágoa que esa escenificación fose tan torpe, amosando, tanto o presidente coma o arcebispo, un descoñecemento do manexo da peza que tiñan entre mans, que deberían ter acariñado con luvas, como merece un tesouro bibliográfico do século XII. Sobre o que pode haber detrás do roubo do Calixino e sobre o que ven sucedendo na catedral recomendo a anotación de Fran Lorenzo, mellor e máis claro non se pode dicir.

A derrota de Galicia

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a presentara análise que Antón Baamonde realiza no seu ensaio A derrota de Galicia.

A pasada semana presentouse na Feira do Libro de Vigo “A derrota de Galicia” (Xerais 2012), o máis recente ensaio de Antón Baamonde, un dos pensadores máis orixinais e independentes do noso tempo. O acto pasou inadvertido para a axenda dos medios de comunicación, dos partidos políticos e “elites” viguesas, a pesar do grande interese das ideas de Baamonde para realizar un diagnóstico e unha prospectiva dun país, hoxe baixo mínimos, sometido aos efectos dunha crise económica e política que ameaza con liquidar o seu modelo de convivencia e gobernanza.

É innegable que Galicia sufriu unha transformación urbana nos últimos trinta anos, no que liquidou o seu sector primario –hoxe apenas representa o 7% da poboación activa–, e acometeu, ao abeiro do seu desenvolvemento autonómico e da integración europea, unha modernización das súas infraestruturas. Un proceso exitoso –Galicia reduciu de forma moi importante o seu diferencial de renda per cápita con respecto á media española e da propia unión–, mais que non estivo exento dalgúns erros e excesos, provocados na súa maior parte polas doenzas do clientelismo como forma de participación política, do localismo como modelo de organización territorial e do capitalismo dos lobbies vigués e coruñés como modelo de organización financeira. Aeroportos a menos de sesenta quilómetros; portos exteriores enfrontados no mesmo treito de costa; contedores culturais megalómanos –non só o caso extremo da Cidade da Cultura, tamén os promovidos pola competición de egos entre as caixas–; campus universitarios en todas as cidades, mais con políticas educativas, lingüísticas e culturais de baixa intensidade foron algúns froitos desta concepción modernizadora daqueles tempos dourados onde gobernaban en Galicia Fraga, Vázquez, Méndez e Gayoso.

No obstante, como salienta con afouteza Antón Baamonde, intentando restituír unha versión real do país, nos últimos anos Galicia colleu unha derrota –entendida como “deriva” ou “rota”– moi incerta que a pode levar, no marco do proceso de recentralización en marcha, se non é quen de resistir semellante asedio, a desaparecer como entidade política. Galicia xógase hoxe o futuro do seu autogoberno. É certo que a Galicia de hoxe non obedece á imaxe dun país rural e atrasado, cando xa o 70% da súa poboación vive nas cidades, mais tamén nas palabras do ensaista vilabés “é posible constatar a inexistencia dun proxecto propio que non sexa pasivo, inerte, respecto da evolución xeral española”. Aí residiría a preocupante derrota actual.

Atallar a debacle demográfica, o primeiro problema do país; abordar a desintegración territorial entre as provincias da beiramar atlántica e do interior; artellar unha nova administración local –substituíndo ás deputacións, nas que, a pesar das políticas de austeridade selectiva, continúa empregándose o modelo clientelar– entre áreas metropolitanas, comarcas e un número máis reducido de concellos foron cuestións que a actual Xunta de Galicia presidida por Feijoo adiou ao longo da lexislatura, probablemente por intereses electorais e de cohesión do Partido Popular de Galicia.

Como non poden ser nin xustificadas nin entendidas polos rigores da austeridade das políticas de consolidación fiscal a incapacidade demostrada polo actual Goberno Galego para promover políticas activas de emprego, cando estamos diante das maiores taxas de paro da historia autonómica; para continuar coas políticas de I+D+I promovidas polo goberno de coalición do PSOE-BNG, achegando horizontes de esperanza para manter na propia terra á xeración mellor formada da nosa historia –máis alá de entregarlles cheques de dous mil e pico euros e agasallar maletas aos mellores expedientes universitarios–. Como tampouco se comprende a falta de vontade deste executivo, demostrada teimosamente dende o inicio desta lexislatura, de asumir unha cota de corresponsabilidade no futuro do idioma, da cultura galegas e dos medios de comunicación que estruturan a identidade e o espazo comunicacional propios.

Lendo nas páxinas do recomendabilísimo ensaio de Baamonde semella que non vai ser doado reorientar esta derrota. Para iso sería imprescindible que a identidade de Galicia fose “proactiva, de futuro, tecida sobre a base de novos consensos sociais e inscrita na sociedade-rede mundial”. Unha identidade transformada en norai, un punto de amarre capaz de evitar a disgregación social, unha referencia que permita enmarcar o territorio, a historia e a cultura no mundo dos fluxos e transformacións dun tempo de tránsito. Con todo, semella que a clave para o éxito deste proxecto de cambio de orientación está no dinamismo e na enerxía da sociedade civil galega. Evitar a derrota de Galicia depende da cidadanía galega.

Onte 297: Mis líos europeos

Ademais do bo xogo e da pallona do equipo de Del Bosque, o mellor da noite de onte foi a entrevista que Sara Carbonero fixo a Mariano Rajoy. As palabras do presidente galego identificando o rescate e a situación da prima de risco con «mis líos europeos» pasarían á historia daquela Iberia show do tardofranquismo. A mesma xornada na que entraba en vigor o medicamentazo, a suba da luz e se producía o pavoroso incendio do País Valenciano, Rajoy lembraba, ademais, que «somos seres humanos», unha declaración propia do manifesto evidencialista, que nos deixou atónitos e que non sabemos aínda interpretar. Estoutro campechano falando sen papeis nos espazos deportivos (oso si, sabendo que hai quince millóns de persoas diante dos televisores) é temible. En que mans quedamos!

Onte 291: Castelao na Unión Soviética

Presentamos Castelao na Unión Soviética en 1938, o libro no que don Xesús Alonso Montero defende o filocomunismo e prosovietismo de Castelao durante a Guerra Civil. Como xa é adoito nas súas presentacións, o Profesor ditou unha conferencia sobre os principais contidos do libro. Comezou relatando a viaxe que realizou o rianxeiro, acompañado da súa dona e durante vinte e seis días, a tres repúblicas da Unión Soviética, formando parte dunha delegación plural que representaba á España leal. Logo, analizou os dous textos principais incluídos no libro: a entrevista preparada por Luís Soto para a revista Nueva Galicia –para don Xesús escrita polo propio Castelao– e a carta ao seu amigo Rodolfo Prada, que achega interesantes matices para comprender o seu esquerdismo durante este período. O carácter táctico da colaboración do Partido Galeguista coa Frente Popular, coa intención de acadar a Autonomía, estratexia na que acreditaban Castelao e Bóveda, e a influencia da teorización de Stalin no concepto de nación acuñado en Sempre en Galiza foron outros dos temas principais abordados con afán didáctico por Alonso Montero na súa clarificadora intervención.

A encrucillada de NGB

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a encrucillada de Novagalicia Banco. Creo que o Parlamento Galego debe  investigar decontado o que sucedeu no proceso de fusión das caixas e propoñer as mellores solucións para os intereses xerais de Galicia.

Unha cantidade importante do rescate de 62.000 millóns de euros que o reino de España solicitará aos fondos europeos para sanear o sector bancario irá destinada ás entidades nacionalizadas, entre as que se atopa Novagalicia Banco. Efectivamente, o banco nacido da fusión das dúas caixas galegas, tras recibir do FROB máis de dous mil millóns de euros, que situaron a participación pública no 90,3% do seu capital, recibirá agora unha nova inxección por determinar, entre os sete e os dez mil millóns, para sanear de vez os seus “activos tóxicos inmobiliarios”, a maior parte deles situados fóra de Galicia. Unha nova recapitalización pública que debería despexar de forma definitiva as dúbidas existentes sobre o futuro dunha entidade que, a pesar da súa crise e inevitable deterioro recente da súa imaxe, mantén unha (elevada) cota do 40% do mercado bancario galego.

Neste enleado proceso da fusión e reestruturación das nosas caixas de aforro, no que tan decisivas foron as circunstancias persoais dos seus altos directivos e os intereses políticos de PP e PSOE, no que mesmo xa perdemos a continuidade e a fidelidade do relato do acontecido, semella que para o Banco de España chegou a hora da verdade. Resumindo moito os protocolos financeiros, a autoridade supervisora deberá escoller entre dúas grandes opcións: ou ben Novagalicia Banco continúa en solitario como banco público cunha participación privada minoritaria (como propón o plan do seu actual equipo directivo) ou ben será adquirido por un dos tres grandes bancos por medio dalgún procedemento de subasta (sexa pura ou en concorrencia competitiva con participación privada).

Sen menoscabo de cómo finalmente se resolva este proceso de capitalización –clave para o futuro da entidade, para o seu cadro de persoal cada vez máis minguado, como para o conxunto da economía galega nunha coxuntura de recesión e clave mesmo para a existencia de Galicia como feito político diferenciado–, Novagalicia Banco non pode continuar coa venda nos ollos e debe enfrontar a crise provocada pola venda de participacións preferentes, polas indemnizacións e pensións millonarias percibidas polos directivos de ambas as dúas caixas matrices, como polo futuro incerto da obra social e cultural do que foron as caixas. Tres cuestións esenciais para o futuro de NGB xa que dunha ou doutra maneira afectan a milleiros e milleiros dos seus clientes, perplexos e decepcionados diante da xestión dunha entidade na que confiaron, a maioría ao longo de toda a súa vida, tanto as súas nóminas e aforros como a compra dos seus produtos financeiros.

O engano no caso da venda de participacións preferentes por parte tanto de Caixanova como de Caixa Galicia (como doutras caixas) do que foron vítimas moitos milleiros dos seus clientes evidencia a opacidade (por utilizar un eufemismo piadoso) coa que durante a década da burbulla inmobiliaria e da economía de casino foron xestionadas estas entidades que utilizaron sen prexuízos este produto para aumentar o seu capital. Un problema que de non ser resolto decontado, ademais de arruinar a unha parte dos seus clientes (a maioría pequenos aforradores e xubilados), funcionaría coma un lastre sobre a credibilidade do novo equipo de xestores. Outrosí sucede coas indemnizacións e pensións millonarias ao persoal de alta dirección das vellas caixas que grazas á mobilización cidadá e sindical están sendo retidas e supervisadas polo Banco de España coa intención de valorar se foron aprobadas de acordo a dereito.

O caso do futuro de Novacaixagalicia, que ten na actualidade unha participación en NGB de só o 6,84% e xestiona a maior parte da Obra Social e Cultural, aínda é máis preocupante xa que a recapitalización do banco a deixaría na insignificancia ou no caso da subasta ao borde da súa desaparición. A reformulación decontado do seu estatus como “Fundación de carácter especial” como a renovación dos seus órganos de goberno, nos que aínda permanecen os xestores de toda a vida, semellan imprescindibles para manter polo menos a súa actividade nos servizos sociais de atención a maiores e persoas con dependencia, así como para conservar o seu valioso patrimonio inmobiliario e artístico.

Diante da encrucillada na que se atopan Novagalicia Banco e Novacaixagalicia, a cidadanía ten dereito a coñecer con todo detalle qué pasou ao longo deste proceso de reestruturación e qué pode suceder no futuro. Ningún lugar mellor que o Parlamento de Galicia, onde traballan os representantes do pobo galego, para investigalo, para esixir responsabilidades se as houbese e para propoñer as mellores solucións para os intereses de Galicia. Agardar para facelo á resolución do dilema, como propón o presidente da Xunta, coincidindo co remate da lexislatura, pode ser xa moi tarde.

 

Onte 286: Euskadi 2012

A legalización de Sortu píllame en Bilbo, coincidindo coa xuntanza mensual do grupo de traballo sobre o sector do libro na CAE no que fun convidado a participar. O Constitucional recoñece o que xa é un feito cotián na realidade política vasca, a participación da esquerda abertzale no proceso de normalización democrática. Se algo chama a miña atención cada vez que veño ao País Vasco é a súa axenda pública, tanto política como cultural, ben diferente da imposta polos medios de Madrid e seguida cegamente en Galicia. Pouco coñecemos sobre o que está sucedendo en Euskadi, onde hai unha vontade cidadá maioritaria de construír “un País en paz, plural e libre, onde se respecte a diferenza, se fortaleza a convivencia e se resolvan os criterios enfrontados mediante o diálogo, a empatía e a razón”. A actuación estratéxica do Goberno Vasco, 2012 Ano das Culturas pola Paz e a Liberdade, enxerga esa esperanza colectiva. Quizais fose a providencia laica a que provocou que a habilitación de Sortu coincidise coa presentación de “Ideas para mudar o mundo”, encontro incluído nesa estratexia, que reunirá en Euskadi a 18 recoñecidos pensadores e intelectuais mundiais. Fronte a desolación e o conformismo, construír a paz dende a cultura da paz, eis un vieiro posible.

Onte 284: Prima de risco

O ascenso da prima de risco e do bono español a 10 anos até niveis de infarto amosa que as eleccións gregas foron apenas unha excusa dunha estratexia de engano masivo. A río revolto gañan os especuladores e as políticas de rescate baseadas en recurtes fiscais e axustes de emprego. O problema non é Grecia, é o futuro do euro e da propia Unión Europea no marco actual da globalización financeira. Alguén escoitou estes días aos políticos europeos algunha referencia, sequera nostálxica, a aqueles principios de cohesión territorial e social, solidariedade e cooepración que forxaron a utopía da Unión? Que foi dos alicerces da sociedade do benestar baseada nun pacto entre o capital e o traballo? U-lo futuro da economía produtiva, piar do emprego, arrombada pola economía financeira (especulativa), a única que semella interesar aos «mercados»?