O galego ameazado pola LOMCE

No artigo da semana en Faro de Vigo analizo o segundo borrador da LOMCE, con particular atención ao que atinxe á modificación que introduce no estatus das linguas cooficiais distintas do castelán.

Como membro dunha xeración de profesorado comprometido coa renovacion pedagóxica e a normalización da lingua e cultura galegas sinto indignación pola deriva que o Partido Popular pretende imprimir na nova reforma do sistema educativo. Seguindo de pé a pa os principios do documento “La sociedad española ante la agenda de reformas”, presentado polo sociólogo José Ignacio Wert no Campus FAES de 2010, coa aprobación da Lei Orgánica de Mellora de Calidade da Educación (LOMCE) o goberno de Rajoy pretende desmontar o modelo de Escola Pública acuñado na LOXSE de 1990.

Neste texto, dispoñible en Internet co formato esquemático de presentación, Wert propón, entre outras reformas políticas económicas e sociais, a recentralización das administracións autonómicas e a recuperación dalgunhas competencias por parte do Estado, o desenvolvemento de políticas de “austeridade exemplarizante”, a baixa das prestacións de desemprego, así como a reforma da Educación “como a máis importante que a sociedade española deben afrontar” ao longo desta década.

Neste eido, lonxe de ser considerado un recén chegado, o actual ministro de Educación, Cultura e Deporte critica abertamente o concepto “abusivo de Comunidade Escolar”, base do modelo de organización escolar e participación da LOXSE, propoñendo “non deixar escapar unha crise tan boa” (boutade que lle rouba ao demócrata Rahm Emmanuel, actual alcalde de Chicago) para substituír no sistema educativo “o refluxo de aspiracións participativas en beneficio da restitución da autoridade e da esixencia”, así como un pulo cara “a recuperación do papel do Estado na xestión do sistema educativo”. Meu dito, meu feito. Medidas recollidas polo miúdo no segundo borrador da LOMCE, presentado na Conferencia de Educación, ás que engadíu un reforzamento do peso da Relixión, coa conseguinte desaparición da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (presente no primeiro borrador da lei como Educación Cívica Constitucional), así como no alongamento a seis anos dos concertos educativos, sen dúbida, froito da negociación de Wert coa Conferencia Episcopal.

Para pechar o círculo das súas reformas recentralizadoras, a última hora e de forma non exenta de sorpresa, Wert decidíu ir a por todas e modificar tamén o estatus das linguas cooficiais no sistema educativo non universitario, rachando de forma unilateral un consenso recollido tanto no texto constitucional como nos Estatutos de Autonomía catalán, vasco e galego. Coa consideración do castelán e da primeira lingua estranxeira como materias troncais en todas as etapas educativas obrigatorias (das que o alumnado será avaliado en  todas as reválidas) e o das outras linguas do Estado, como é o caso do galego, como materias de especialidade (da que habería a posibilidade de non ser examinado nas reválidas), pretende perpetrarse un golpe de morte ao estatuto de igualdade das linguas no sistema educativo. Máis alá do seu dubidoso encaixe constitucional, esta medida pretende rachar de raíz co eixo das políticas lingüísticas catalás e galegas baseadas na non segregación do alumnado en razón de lingua e no desenvolvemento para todos os alumnos e alumnas dunha dobre competencia semellante en ambas as linguas oficiais, imprescindible para asegurar a súa liberdade de elección.

Como sinala a plataforma Prolingua, de aprobarse este segundo borrador da LOMCE as agresións á lingua galega do Decreto de Plurilingüismo, enmendado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que atinxe á “liberdade de elección de lingua” do alumnado e das súas familias, veríanse “bendicidas e legalizadas”, mesmo podendo quedar en papel mollado os contidos da Lei de Normalización Lingüística da que estamos a piques de celebrar o trinta aniversario da súa aprobación. De non modificarse a redacción de Wert, no noso sistema educativo o estatus da lingua galega –non o esquezamos, definida como “lingua propia” no Estatuto de Autonomía– quedaría en absoluta inferioridade con respecto tanto ao castelán como á primeira lingua estranxeira (o inglés, na maior parte dos casos), xa que non tería idéntico valor académico para a traxectoria do alumnado. Unha humillación a nosa lingua racionalmente inxustificable. Un brutal retroceso que nos levaría a tempos anteriores á aprobación da Constitución de 1978.

Diante desta ameaza de morte para o galego, o presidente da Xunta ten a obriga de defender o futuro do idioma de noso, a lingua de toda a cidadanía galega, tanto dos que a utilizan como dos que prefiren non facelo, o patrimonio da humanidade máis valioso que quedou ao noso coidado. Feijóo debe instar a que o goberno de Rajoy recupere a sensatez nunha cuestión fulcral para o futuro de Galicia e para a convivencia da súa cidadanía.

Onte 454: Dinamitar a escola pública

Entre o desacougo e a indignación lin o segundo borrador da LOMCE, o texto co que o Partido Popular pretende dinamitar o modelo de escola pública acuñado pola LOXSE. Ademais da rebaixa do estatus para as materias de galego, catalán e éuscaro, medida que entendo de moi dubidoso encaixe constitucional, analizada con todo detalle no magnífico texto de Prolingua, a LOMCE desmonta os principios claves da organización, participación e funcionamento das comunidades educativas, volvendo a modelos centralizados e xerarquizados, así como amplía a seis anos a duración dos concertos educativos cos centros privados. O novo estatus da Relixión e a desaparición da Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (Cívica e Constitucional) son outros elementos desta desastrosa contrarreforma baseada de pé a pa nos principios que José Ignacio Wert defendeu nunha reunión de FAES en 2010 sobre a «axenda de reformas» a desenvolver polos conservadores. Na educación a receita parece clara: máis español, máis inglés, máis relixión, máis privatización. A LOMCE non é un azar, non.

Onte 447: Nin caixa nin banco

Non hai volta, fracasou o proxecto, non haberá nin caixa nin banco galego. Despois de despedir a 2.500 persoas, tras recibir máis de sete mil millóns de cartos públicos (FROB e rescate europeo incluídos), tras realizar unha quita de preferentes e subordinadas de entre o 30 % e o 70 %, en definitiva, tras ser convenientemente estilizadas, o que foron as caixas galegas transformaranse en franquicia comercial no noso país dun dos grupos bancarios españois. A posibilidade dunha entidade financeira galega (pública ou privada) quedou en augas de bacallao. Quizais outro fracaso de Galicia, que ameaza con extinguirse como entidade política. O máis probable é que fose un acordo entre o Goberno de Rajoy e a Comisión Europea, representada por Joaquín Almunia, o que decidise manter como entidade a Bankia e vender ou liquidar (nun prazo de cinco anos) a Novagalicia banco. Estes responsables deberían das explicacións que xustificasen a diferente vara de medir nun e noutro caso.

Onte 446: Dez frases

A cultura e a lingua galegas mereceron apenas dez frases no discurso de investidura de Feijóo. Non máis de dous minutos, dunha longa peza de hora e media, abondaron para facer referencia ao seu compromiso de «planificación do sector cultural cun apoio directo aos creadores galegos, especialmente, aos do audiovisual, no que imos potenciar a súa internacionalización»; á «protección do patrimonio, con atención preferente aos cascos históricos»; á «paralización dos edificios pendentes da Cidade da Cultura» e «á dignificación do Panteón de Galicia a través dunha lei consensuada no Parlamento». Non identifiquei máis referencias e compromisos culturais, mesmo ningún referido ao sector do libro e da lectura, considerados estratéxicos para Galicia. No eido da lingua, mesmo a paesar das sentenzas sobre o decreto de plurilingüismo, non ofreceu consenso ningún, reiterando a defensa dos valores de liberdade e elección dos pais como eixo da política lingüística educativa. Polo que vimos, nesta segunda lexislatura de Feijóo continuará a obsesiva política de austeridade como principal doutrina dun goberno, que temo cada vez máis afastado das preocupacións cidadás. Mañá xoves, tócalle retrucarlle á oposición.

Onte 445: Folga branca

As once mil explotacións leiteiras do país deixarán de facer entregas aos seus distribuidores. A partir da primeira hora de hoxe, seis millóns de litros de leite tiraranse cada día en Galicia, unha produción valorada en máis de dous millóns de euros, que supón o 38 % da produción do estado. Unha medida extrema, dramática, sen precedentes, a máis dura da historia dun sector estratéxico para Galicia, tanto polo feito de ocupar a 65.000 persoas, entre empregos directos e indirectos, o que a convertiría na primeira empresa do país, como polo de constituír un eixo de vertebración do territorio da Galicia rural. Esta inédita folga branca só pretende acadar que o prezo de compra dun litro de leite galego non estea 3 ou 4 céntimos por baixo do que se paga noutras comunidades e, o que é moito máis grave, que non estea por debaixo do seu custo de produción, como sucede na actualidade. É unha reivindicación xusta, defendida en man común polos tres sindicatos agrarios, que merece o apoio de toda a cidadanía e do Parlamento de Galicia que inicia hoxe a sesión de investidura do presidente da Xunta. Eu estou cos gandeiros en loita por acadar un prezo digno para o  leite de noso.

Onte 444: Cataluña, entre a soberanía e os recortes

Os resultados das eleccións catalanas de onte poden ser aparantemente enganosos. Non hai dúbida que o partido gañador foi tamén o gran perdedor, xa que non conseguíu a “maioría excepcional” que procuraba o president da Generalitat para enfiar neste momento o país cara a consecución dun estado propio. Como tamén o é que todos os partidos con representación tiveron algún motivo para a satisfacción: ERC por duplicar o seu número de deputados; PSC por “moderar” a súa debacle; PP por aumentar un deputado, a pesar dos recortes de Rajoy; ICV por subir tres deputados; Ciutadans por triplicar a súa representación e CUP por entrar con forza no Parlament.

Porén, utilizando os esquemas clásicos esquerda-dereita e soberanismo-españolismo, as combinacións dos resultados ofrecen diversas posibilidades de análise. A dereita (CIU+PP+C’s) con 78 deputados gañou, fronte a unha esquerda que recuperou cinco deputados con respecto ás eleccións de 2010. As políticas de recortes defendidas por Mas pasáronlle factura. Como tamén é certo que o soberanismo (CIU+ER+CUP) mantívose ou mesmo reforzouse con 74 deputados con respecto a hai dous anos, a pesar de que aumentou o españolismo (PP+C’s) con 28 actas fronte ás 21 de 2010, crecemento que se fixo, en boa medida, a costa das posicións máis ou menos federalistas (PSC+ICV) que obtiveron 33 deputados, cinco menos que en 2010 e 16 menos que en 2006, cando gobernou o tripartito. Aínda que se a análise é máis grosa, distribuíndo as posicións federalistas, as soberanistas continúan sendo os dos 2/3 terzos do Parlament, como sinala o gráfico de La Vanguardia.

Con este taboleiro tan dinámico e cun Parlament tan diverso e plural, CIU non o ten doado para escoller socio para gobernar, sexa en coalición ou con apoio orzamentario; como tampouco o ten para desenvolver o seu proxecto para que a sociedade catalá decida. Probablemente, Mas deberá modificar o calendario previsto, xa que de inmediato deberá escoller entre soberanía ou recortes.

Onte 439: Touriño en castelán

Vergonza allea sentín escoitando falar en castelán a Emilio Pérez Touriño na entrevista que Fernanda Tabarés lle fixo en V Television con motivo da aparición do seu libro de memorias (en galego). Quedei abraiado comprobando que ao longo de case unha hora non só non empregou o galego en ocasión ningunha, senón que ademais utilizaba decote topónimos deturpados («Orense», «Carballino») ou chamaba a Beiras por «José Manuel». Incrible. POlo demais, os contidos da entrevista non mereceron grande interese, xa que semellaban apenas un axuste de contas cos seus compañeiros de partido e de coalición. Pareceume un espectáculo patético, impropio de quen foi presidente da Xunta de Galicia. Mais tamén un síntoma da debacle moral e política que padece o partido socialista (tamén en Galicia).

Onte 437: Gaza

Estremece a ofensiva do goberno istraelí sobre a franxa de Gaza, onde viven en situación deplorable milleiros de palestinos expulsados das súas casas e terras. Máis alá de que a maioría das vítimas sexan civís (nenos incluídos), máis alá de que se violenten os dereitos humanos e os principios do dereito internacional ou da dubidosa lexitimidade de Hamas para lanzar os seus foguetes, a actual situación de Gaza obedece á lóxica dun vello conflito colonial non solucionado dende 1947, ao tempo que é froito dos intereses das potencias occidentais na zona, representadas, en boa media, alí polo estado Israel. Razóns polas que non podemos agardar nin unha mediación da Unión Europea nin sequera un chamamento retórico do noso goberno a parar os bombardeos. Indigna.

Onte 433: Vigo non defrauda

Sen caer na absurda guerra de cifras sobre o seguimento da folga xeral, é indiscutible que a megamanifestación unitaria de onte foi unha das máis importantes que se celebraron en Vigo nos últimos anos. O músculo cívico vigués expresou de forma unánime e serena a súa indignación polas políticas de recortes e austericidade dos Goberno de Rajoy e Feijoo, que provocan máis paro e decrecemento económico. Ademais, a cidadanía viguesa entendeu que é a sintaxe da unidade sindical e dos partidos da esquerda a única posible para escribir este difícil parágrafo da saída da crise. Como tuiteou onte Calveiro «Vigo non defrauda», o seu corazón cívico continúa latexando. Estamos vivos.

Onte 432: Chapapote Prestige 10

Cando se cumpren dez anos da xornada do afundimento do Prestige, coincidindo coa declaración do capitán Mangouras no xuízo, non podo evitar acudir ao meu arquivo (daquela aínda non abrira estas brétemas) e comprobar o que sobre o asunto escribira no Campo de Granada do Faro. A verdade é que lembro aqueles días de outono, no que acompañamos a Manuel Rivas nas presentacións d’ As chamadas perdidas, con enorme desacougo, mais tamén como alborais dun tempo de mudanza, un engrama na nosa historia colectiva que marcaría (como así foi) un antes e un despois. Reler aqueles textos de urxencia, escritos a golpe de serena indignación, é inevitable que produza certa melancolía. Como hoxe provoca indignación e vergonza que os responsables  e incompetentes políticos da catástrofe ecolóxica dos que pediamos a demisión non sexan nin chamados a declarar na causa. Recupero, pois, en formato pdf, sen cambios ningúns, aqueles textos publicados nas páxinas de Faro de Vigo ao longo de cinco domingos consecutivos:

  1. “Chapapote Prestige” (24 de novembro)
  2. “Nunca Máis” (1 de decembro, coincidindo coa manifestación dos paraugas de Santiago)
  3. “Somos mariñeiros” (8 de decembro)
  4. “A flota da esperanza” (15 de decembro)
  5. “Corenta días alteza” (22 de decembro)