Onte 999: Gratitude

Capitan_Nemo_San_Simon_07-06-14Nin o vento nin a chuvia puideron co entusiasmo das duascentas cincuenta participantes na cerimonia na que onte demos a coñecer o ditame dos Premios Xerais 2014. A miña primeira gratitude é para elas polo seu apoio xeneroso e fraternal, pola súa calor e ledicia contaxiosas ao longo de todo o serán, fose na velada literaria coma no convivio posterior. É o espírito dos Xerais de San Simón que se multiplica despois no feis. A miña gratitude para Xavier Senín, figura esencial para o desenvolvemento do libro galego entre séculos, pola súa brillantísima loanza da lectura e a súa homenaxe aos membros da Xeración Lamote, á que el pertence. Beizón para Xiana Lastra que conseguiu emocionarnos cos seus dous temas musicais. Gratitude para as quince lectoras que tomaron as decisións dos xurados, trece delas mulleres, que apostaron polo pulo irresistible da xeración de narradoras do novo século que toma a remuda. Beizón para o traballo extraordinario do equipo de profesionais de Xerais, que dende hai máis de catro meses ocupou a Celia Torres na organización de todos os detalles do premio e a Helena Pérez, Xosé Manuel Moo e Francisco Alonso nas secretarías dos xurados. A ledicia compartida onte é a confirmación de que os proxectos con futuro son os alicerzados no rigor do traballo e os que conservan o plano dos valores sempre sobre a mesa.

Manuel G. Vicente preparou esta fotogalería do serán de San Simón.

Onte 979: Irene

Deille un colo a Irene. Apenas facía seis horas que nacera. No seu latexo sentín a fraxilidade do inicio dunha vida, unha desas experiencias marabillosas, marcantes e infrecuentes, que nos devolven ao máis primixenio da condición humana, a de sermos cadea de cariños e querenzas. Cando espertou entre uns chorares, aínda inexpertos, colleume o maimiño entre os seus dedos. Eis o reflexo de prensión, a primeira forma de socialización do ser humano, a primeira manifestación dos afectos. A vida vai ser para Irene a conquista da autonomía, mais tamén a da súa perda, irreversible. Recibímola con saudades da súa avoa, a que naceu nas brétemas de Yorkshire e deixounos en Vigo o pouso dos afectos. Recibimos a Irene, tamén, con moito entusiasmo, sabemos que pode ser a embaixadora da paz, da nosa memoria, tamén da nosa lingua, no século XXII. Vertixe e emoción para un día que lembraremos.

Onte 949: Retrovisor

retrovisor_luzes_5_2014

Josito Pereiro e Iago Martínez pedíronme unha ducia de fotos para o «Retrovisor», sen dúbida, coa intención de sacarme en pantalón curto, como é adoito nesta sección da revista Luzes. Onte chegaron a casa os exemplares do número 5 onde aparecen publicadas en catro páxinas as fotografías que lles enviei, a carón das miñas notas caligrafadas, nas que dou conta de nomes e lugares de cada unha delas. Sabía que era imposible resumir cincuenta anos (coma vinte, o mesmo ten) dunha vida nunhas cantas fotos do arquivo familiar, xa que tanto o fío do relato como o peso de cada unha das secuencias require outro formato. No entanto, neste «Retrovisor» identifico o papel marcante das miñas familias, tanto na que nacín como a que formei coa miña compañeira, así como a fortuna que supuxo poder participar dende hai vinte e catro anos no proxecto profesional de Xerais. En todo caso, debo expresar desculpas a todas as persoas queridas ás que acompaño nas fotos por desvelar a súa privacidade, así como a gratitude aos responsables de Luzes por convidarme a ollar polo meu retrovisor, o da memoria familiar e persoal.

Onte 948: Choramos a Gabo

imagesA conmoción expresada na rede polo pasamento de Gabriel García Márquez demostra que somos o que lemos, que cada persoa lectora establece un vínculo de afecto cos seus autores máis queridos, aos que considera no núcleo máis próximo dos seus afectos. Cando souben da noticia da morte de Gabo por un chío de Twitter, inevitablemente, viñéronme a cabeza aquelas dúas noites de lectura febril de hai corenta anos (1974) nas que na Laboral lin abraiado Cien años de soledad. Dende aquela experiencia lectora, marcante na miña formación, seguín cada unha das súas obras onde sempre atopei a continuidade do fluír da condición humana. A recente edición do libro de Carlos Reigosa, A Galicia máxica de García Márquez, permitiume conversar en varias ocasións con Dasso Saldívar, quizais o seu mellor biógrafo, que nos cedeu algunhas fotos para publicar na edición de Xerais. A edición do excelente ensaio de Reigosa serviume, ademais, para profundizar no ADN galego de García Márquez, co que el explicaba a orixe familiar do seu pulo narrativo, e nas súas tres viaxes a Galicia e norte de Portugal (dúas privadas), unha terra que admiraba coma propia. Lonxe da previsible mitificación mediática á que asistimos nestas primeiras as horas, as lectoras de todo o mundo choramos a Gabo porque nas páxinas das súas obras o primeiro cidadán de Macondo ensinounos outra ollada posible sobre o mundo e sobre cada un de nosoutros mesmos.

En Ondarreta, Donostia.

Onte 944: «Luzes» no taxi

Luzes_13-04-2014Subo nun taxi e atopo na bolsa do asento varios numeros da revista Luzes a disposición do viaxeiro. Marabilla! O taxi como espazo para a lectura sosegada entre o rebumbio da cidade revolcada. Eis unha fórmula inédita de fomento da lectura e de xanela para a visibilidade do xornalismo impreso de calidade. Cando vou pagar a carreira solicito ao condutor permiso para tirar unha foto, ao tempo que abeizoalo entusiasmado pola súa iniciativa. Quedei pampo cando me asegurou que o seu non era un caso único, que os exemplares de Luzes estaban rulando noutros taxis vigueses. Asegureille cun aceno cómplice que os suscritores axiña contariamos co exemplar do mes de abril. Abofé que esta cidade sempre depara sorpresas e ledicias inagardadas.

Brétemas estrea novo blog

Dende 2005 levo recollendo en Brétemas as notas do meu traballo como editor en lingua galega. Consultando no arquivo poden lerse os meus artigos sobre política, cultura e fútbol, a serie «Onte» de anotacións diarias, así como outros materiais sobre educación, edición, lingua e literatura.

Onte 907: Coresma

Foi un acerto mudar para o primeiro domingo de Coresma o desfile das comparsas do entroido vigués. As rúas do centro enchéronse co rebumbio dos pícaros e a ledicia da antroidada dos maiores. Deu xenio ver o desfile da comparsa dos peliqueiriños e cigarróns vigueses, emulando a máscara tradicional de Laza e Verín, máis aínda despois de en Vigo termos recuperado a máscara do merdeiro, aquela da que falaba Xoaquín Lorenzo, un éxito do que moito nos gabamos. O de onte foi un deses días felices, onde a cidade volveu reconciliarse coa súa veciñanza, onde o espazo público volveu ser reconquistado. Ademais, despois de varios meses de ballóns na nosa camiñada portuaria gozamos do ocaso do sol entre as Cíes. Existe mellor maneira de rematar unha semana!

Onte 892: Serviterra horta urbana

Acompañamos a Isa e María na inauguración da súa tenda de Eugenio Kraff, a rúa en lembranza do editor vigués de comezos de século, situada preto do estadio de Balaídos. Tras cinco anos especializadas na prestación de servizos de calidade nos eidos da enxeñaría técnica forestal, traballos vitivinícolas, xardinería e programas de educación ambiental, agora ofrecen en Vigo un servizo moi innovador para aquelas persoas que queiran facer cultivos de horta na súa propia casa (cociñas, terrazas, xardíns…). Isa e María pensan que se as hortas se usaban no neolítico cando se sementaban pequenas extensións ao redor das vivendas, por que non empregar as modernas técnicas de cultivo nas cidades do século XXI? Con esta intención montaron unha tenda na que se poden mercar mesas de cultivo, soportes de xardinería vertical, macetas biodegradables, plantas e sementes ecolóxicas, substrato, abono, material de rego, ferramentas pequena e outros accesorios. Ademais ofrecen asesoramento técnico e formación, con atención a centros escolares. Un proxecto ben concibido que merece todo o noso apoio. Longa e venturosa travesía!

Onte 884: Do Catro ao Uf

A presentación de Retallos daquela infancia de Bautista Álvarez levoume onte ao Café de Catro a Catro, o emblemático local de Travesas no que había tempo non entraba. Levei unha grata sorpresa tanto polo arranxo actual do café, que continúa mantendo a sua elegante fasquía orixinal, coma, e sobre todo, pola intensa actividade cultural e cívica que promove. Recupérase así o pulo daquel Catro a Catro dos revolcados anos oitenta e comezo dos noventa, que mesmo convocaba un certame de noveliña galega, referente na narartiva daquel tempo. Outrosí sucede en Vigo co Café Uf, sempre un dos meus preferidos, que celebrou hai dous anos o seu trinta aniversario; un local o da rúa Pracer que mantén o seu pulo como espazo de lecer e cultura alternativa e insurxente. O Catro a Catro e o Uf demostran que os cafés son tempo compartido e soñado, espazos que por esta razón, ademais de contar cun proxecto empresarial, precisan dunha estrela que guíe a súa comunidade. Quizais por iso sempre volvemos a aqueles que a posúen.

Onte 867: Terra anfibia

Tras dous meses rachando o ceo, comezan a faltar doses de paciencia. Non se fala doutra cousa. Precisamos uns días de tregua de ballóns, ventadas e treboadas na terra e no mar. A riqueza de formas para definir «as precipitacións en forma de pingas de auga prrocedentes da condensación do vapor de auga existente na atmosfera», as que chamamos «chuvia» ou «choiva» (chuvieira, chuviñada, cebra, babuxa, borralla, poalla…), expresa apenas  a nosa condición de terra anfibia. Chove, chove.