Onte 1193: Adeuses en Alvedro

Aeropuerto de AlvedroEmocionoume onte ver na cafetaría do aeroporto de Alvedro a dous emigrantes maiores gozando dunha tapa de polbo antes de tomar o voo a Heathrow. Comían en silencio, bebendo a groliños da cadansúa copa de tinto, cunha tristeza que me pareceu desoladora. Como tamén o é que este enlace a Londres estea abarrotado de rapaces e rapazas novas, algunhas xa cos seus picariños no colo, o que demostra que, probablemente, xa decidiron construír as súas familias no Reino Unido. Galicia non é hoxe un país de oportunidades, por moito que lle pese ao seu presidente triunfalista, ao que ben lle viría pasar un par de horas de calquera destes mediodías en Alvedro e comprobar como emigra a nosa mocidade. Xaora, é difícil comprender, mesmo para os investigadores sociais, como un pobo cunha taxa de fecundidade tan baixa coma a nosa, continúa achegando continxentes emigratorios. Galicia desángrase en silencio, camiñando cara a súa desaparición como pobo e entidade política. Moito ensinan os adeuses de Alvedro.

Onte 1192: O ano sen pantalóns

el_año_sin_pantalonesAdoito ler cada ano un par de libros de non ficción estadounidenses, dese xénero híbrido tan dificilmente clasificable, entre os manuais de business e as biografías (haxiografías nalgúns casos) de novos triunfadores, que se ofrecen a esgalla nas librarías dos aeroportos. Despois da biografía de Jeff Bezos, na que souben que en Amazon non se utilizan nunca as presentacións en power point, subtituídas por composicións de 1000 palabras e notas de prensa de presentación de produto, metinme con certo escepticismo con El año sin pantalones, no que o xornalista e informático Scott Berkun relata a súa experiencia laboral dun ano como xefe dun dos equipos de Automattic, a empresa que xestiona WordPress.com, onde están aloxados millóns de blogs en todo o mundo. Confeso que o libro superou as miñas expectativas.

O máis interesante do libro de Berkun é a testemuña en primeira persoa de quen experimentou un modelo de traballo colaborativo, distribuído e en remoto e despois reflexiona de forma crítica e distanciada sobre as consecuencias que ten para a autonomía, empoderamento e confianza dos traballadores. En Automattic os empregados dos diversos equipos poden traballar onde e como eles queiran (de aí o título do libro) sen apenas utilizar o correo electrónico. A comunicación entre os membros de cada equipo faise por medio de vídeoconferencias en Skype, de textos compartidos en P2 (o sistema de blogueo rápido de WP) e en IRC, a veterana canle de conversa, ademais das catro ou cinco quedadas duns cantos días en diversos lugares do mundo para traballar xuntos de forma presencial. Todos os traballadores sen excepción inician a súa andaina na empresa pasando polo equipo de soporte, atendendo reclamacións e solucionando problemas aos clientes. En definitiva, unha nova cultura do traballo para unha nova relación cos clientes.

A intencionalidade da obra, escrita con inusual vigor narrativo, utilizando os recursos da autoficción, é subliñar que «as empresas progresistas», así as cualifica o autor, deben estar abertas á idea de que a tecnoloxía pode devolver parte do significado do concepto de «traballo» que perdimos: o seu carácter artesán, o de ser unha actividade da que se sintan orgullosas as persoas que a realizan, ou o de considerar as empresas como institucións que contan con valores profundos que perduran no tempo. O que non sería pouco, tal como se van conformando as empresas no entorno actual da devaluación e da perda de dereitos laborais. Un libro de negocios interesante.

Onte 1191: 2015, l’ Any de les biblioteques

Any_de_les_bibliotequesA Generalitat de Catalunya declarou 2015 como o ano das bibliotecas, unha celebración que coincide co primeiro centenario da creación da rede de bibliotecas da Mancomunitat de Catalunya. Aquel proxecto de crear bibliotecas en todo o territorio de Cataluña, redactado  por Eugeni d’ Ors co «afán de estender a cultura e a formación a todo o país», máis alá da rede de bibliotecas públicas provinciais, supuxo o primeiro modelo de bibliotecas públicas municipais do estado. A celebración do ano das bibliotecas, ademais de homenaxear a esta experiencia centenaria, supón poñer en valor o que é a primeira institución cultural de cada comunidade local. Bibliotecas como puntos de encontro interxeracional, cuxa finalidade é achegar á toda a cidadanía en condicións de igualdade acceso á información e fomentar a lectura na comunidade que conforma.

Galicia tamén precisa o seu ano das bibliotecas, que lle proporcione un novo pulo a unha rede que leva resistindo de forma heroica seis anos de asfixia económica, sofrindo severísimos recortes orzamentarios (mesmo a pesar daquel 2010 estragado como ano da lectura), ao tempo que incrementando o número dos seus usuarios. Precariedade económica que continuará en 2015, xa que o seu orzamento para actividades e novas adquisicións continuará estancado, diminuíndo outros 100.000 euros a cantidade prevista pola Consellaría de Cultura para a adquisición de novidades editoriais impresas. Unha situración de privilexio, se a comparamos coa prevista para arquivos, cuxo orzamento diminúe un 8 %, a pesar da aprobación da Lei de Arquivos de 2014.

Neste contexto de precariedade bibliotecaria, sería moi significativa a implicación por simbólica que fose do presidente da Xunta, como fixo Artur Mas, en calidade de presidente do «Any de les biblioteques». Moito valorariamos un xesto de amizade de Feijoo co sector do libro e a lectura coma onte fixo co da automoción. Fago os meus votos por un ano das bibliotecas en Galicia.

Onte 1190: Premio Brétemas ao escaparatismo do libro galego

Libreria_Miranda_Bueu_23-07-2014

Cronopios_Santiago_24-06-2014

Chegado o derradeiro día do ano cómpre outorgar o premio Brétemas ao escaparatismo do libro galego co que pretendemos recoñecer o esforzo de visibilización  e o exercicio de creatividade das librarías que agariman as publicacións na nosa lingua.

Entre as fotos publicadas no blog e as librarías visitadas dende comezos do mes de abril outorgamos este premio 2014 á Librería Miranda de Bueu e a Librería Cronopios de Santiago pola creatividade e composicion dos seus escaparates, pola orixinalidade das súas lecturas icónicas, como pola continuidade da súa montaxe, converténdose xa en referencias do escaparatismo para o sector do libro galego.

É de xustiza recoñecer tamén o valor esencial que para a visibilidade do libro galego teñen os escaparates e os mostradores nas feiras do libro de todas e cada unha das librarías participantes nesta edición: Aldova de Ourense, Andel de Vigo, Azeta da Coruña, Biblos de Betanzos, Cartabón de Vigo, Couceiro de Santiago, Cronopios de Pontevedra, A lus do candil de Arteixo,  Librouro de Vigo, Mendinho de Vigo, Pedreira de Santiago, A tenda dos libros de Ponteceso, Trama de Lugo, O trasno viaxeiro de Cacheiras e Suévia da Coruña. A todas elas os meus parabéns e gratitude polos seus escaparates e polos centos de actos de presentación e promoción que organizan.

Agardo que esta primeira iniciativa de recoñecemento do escaparatismo libreiro galego poida ser arroupada, apoiada ou mesmo emulada (como mellor consideren) polas entidades gremiais do libro, a Federación de Libreiros de Galicia, a Asociación Galega de Editores, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube, Galix, a Asociación de Tardutores Galegos ou a Asociación de Ilustradores de Galicia.

As nosas beizóns para os profesionais das librarías gañadoras e os novos votos de esperanza para todas as persoas que conforman o sector do libro e da lectura na nosa lingua.

Onte 1189: «Una semana en la nieve»

Maquetación 1Tras o éxito dos libros narrativos de non ficción de Emmanuel Carrère, como El adversario ou Limonov, o editor Jorge Herralde decidiu recuperar este outono para o seu catálogo de Anagrama as dúas novelas que publicara con anterioridade, El bigote e Una semana en la nieve. A verdade é que lle tiña moitas ganas a esta última, polas recomendacións entusiastas de varios amigos. E abofé que non me decepcionou, papeina de dúas inquedantes e gozosas sentadas. Carrére escolleu unha atmosfera branca e moi fría para narrar con enorme precisión e elegancia unha historia sobre os medos da infancia e as feridas que condicionan a existencia futura. Coa presenza recorrente dos contos clásicos de Perrault e Grimm, o lector asiste desacougado á travesía dun rapaciño que, secuestrado emocionalmente polo pai, camiña cara a unha revelación espantosa, que moi pouco ten que ver coa fantasia, os pesadelos febrís e paseos somnámbulos vividos na súa semana branca. Novela valiosa.

Onte 1188: Inocentes

Celebrouse onte o día das inocentes que inundou as redes coas súas brincadeiras, máis ou menos afortunadas. O mellor foi unha anotación luminosa en Fb de Montse Tintimán lembrando ese refrán tan noso «O un de abril van os burros onde non deben ir.» Unha forma moi elegante de expresar que esa é a xornada que o calendario tradicional galego dedica ás brincadeiras. Tamén a xornada que salientaba Otero Pedrayo na súa Historia de Galicia para xogar aos enganos e ás trampas, como fan tamén en Portugal, Reino Unido, Francia, Italia, Polonia ou nalgunhas zonas de Alemaña. Deixemos, pois, as brincadeiras do 28 de decembro para os inocentes e ocupémonos das nosas, sen subalternidades, coma outros europeos, o 1 de abril, o noso día dos enganos, unha tradición esmorecida que cómpre reactivar e volver poñer en valor. A nosa gratitude a Montse Tintimán por lembralo onte de forma tan acaída.

Onte 1187: «Os fenómenos»

Os_fenomenosNa cola dos cines Norte escoitamos onte como a persoa que nos precedía preguntaba se Os fenómenos era en galego. A contestación da taquilleira foi reveladora: «Non, en mezclado». E non lle faltaba razón, xa que o confuso e prexuizoso abordaxe bilingüe (só utilizan o galego algúns albaneis) é o punto máis fraco dunha película moi digna sobre a orixe e os efectos da chamada «crise do ladrillo».

A gran interpretación de Lola Dueñas subliña o valente enfoque feminista que Alfonso Zarauza (o director de Encallados) escolleu para contar unha historia social que polas paisaxes e espírito solidario da cuadrilla nos lembrou a narrativa d’ Os luns ao sol. Escenas memorables como a do vestiario, as do pagamento dos salarios en a e en be ou a do albanel xubilado que retorna á obra merecen os maiores parabéns, como as excelentes interpretacións do elenco de actores galegos como Ledicia Sola, Miguel de Lira, Morris, Uriarte, Touriñán, Federico Pérez, entre outros.

Porén, o abuso de tópicos para as escenas de humor, como o tratamento rutineiro no guión do triángulo amoroso, fan que a película decaia nalgúns momentos. Xaora, a resolución escollida fai que gañe densidade e interese no seu treito derradeiro, deixando no espectador un sabor inequivocamente amargo. En definitiva, outra moi interesante achega do cine galego actual que, a pesar dalgunhas pequenas eivas, paga moito a pena ver.

Onte 1186: Posición orixinal

posicion_orixinalQuedei abraiado cando lin onte que o secretario xeral de Política lingüística, respondendo no Parlamento a unha pregunta da deputada Ana Pontón, atribuíu ao bipartito o descenso de galegofalantes. Por moito que se retorzan as cifras, non é iso o que indican os datos publicados do IGE nin tampouco o que se pode inferir das políticas lingüísticas dos gobernos de Feijóo que fixeron retroceder o uso do galego como lingua vehicular no sistema educativo non universitario e modificaron o seu estatus na sociedade galega. Como é abraiante que os responsables da política lingüística do actual Goberno Galego non recoñezan o dano causado polo Decreto de Plurilingüismo de 2010 e atribúan agora ás familias toda a responsabilidade do futuro do galego. Xaora, pouco debe estrañarnos xa que Feijóo non identifica a lingua (nin tampouco a cultura) entre as súas prioridades, como el mesmo recoñece ao non incluílas entre as vinte «palabras que por fin volveron este ano que remata a Galicia». A lingua queda, pois, fóra da axenda política de Feijóo, e tamén dos orzamentos de 2015, ano no que continuarán os recortes severos na Secretaría Xeral de Política Lingüística, baleirando de contido os xa moi fracos programas de dinamización lingüística e fomento do emprego do galego que non foron suprimidos.

Diante dunha situación tan precaria, crítica, de auténtica emerxencia como a que vive a lingua galega, non vexo outro camiño que a súa inclusión entre os compoñentes da posición orixinal da nosa comunidade, aqueles temas esenciais que conforman os principios da nosa convivencia e autogoberno. Posición orixinal que pasa por recuperar decontado o consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, asumido por unha ampla maioría social, como reclaman teimosamente Prolingua, a Mesa pola Normalización, a Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e todos os partidos da oposición. Recuperar o consenso de 2004 é o requisito para afrontar o deseño do plan de rescate que o galego precisa para evitar a súa desaparición. Por incómodo que lle resulte, o goberno de Feijóo non pode renunciar a súa responsabilidade sobre o futuro do idioma. Facelo significaría renunciar, tamén, a consideración de Galicia como suxeito político e ao seu propio autogoberno.

Onte 1185: «Personas en general»

caritas_coruñaO comportamento racista dos responsables do roupeiro da delegación de Cáritas da Coruña é un síntoma da pervivencia deste tipo de prácticas discriminatorias na sociedade nosa. O feito de diferenciar no funcionamento e organización do roupeiro entre «personas en general» e «gitanos», como a delegación de Cáritas da Coruña ven facendo dende hai quince anos, vulnera a dignidade das persoas e constitúe unha práctica inadmisible, como sería calquera outra que discriminase aos usuarios e usuarias dun servizo polo seu sexo, raza, lingua ou procedencia xeográfica. Comportamentos e expresións racistas sintomáticas, que aparecen entre nós con facilidade, o que nos obriga a mantérmonos a espreita para denuncialas e para propór comportamentos e medidas verdadeiramente inclusivas. Xaora, cómpre recoñecer a rapidez coa que Cáritas expresou a súa repulsa e incompatiblidade con estes comportamentos por medio dun contundente comunicado. Como tamén é de xustiza recoñecer o apoio da Igrexa Católica á Fundación Secretariado Xitano, sobre todo no eido educativo e da infancia, que ven traballando de forma moi seria en políticas inclusivas e de desenvolvemento do pobo xitano dende unha perspectiva intercultural. Non esquezamos que a e construción dunha sociedade inclusiva e igualitaria é unha tarefa complexa que a todos atinxe.

Onte 1184: «Do voltar», nadaliña cinematográfica

«Do voltar» é o título desta magnífica nadaliña cinematográfica que Víctor Hugo Seoane preparou para o blog «Acto de primavera». Lembremos que o pasado ano a nadaliña foi esta peza de Carla Andrade, en 2012  a de Eloy Domínguez Serén e no 2011 a de Xurxo Chirro. Parabéns a Martín Pawley, Xurxo González e José Manuel Sande, responsables do blog, por poñer en valor a creación audiovisual neste eido, algo aínda pouco frecuente na cultura galega.