Onte 1562: La Central de Callao

Nos-Historia-CallaoCoñecimos a librería La Central de Callao, instalada nun vello edificio de tres andares na rúa Postigo. Comprobei de primeira man que o éxito desta rede de librarías culturais radica tanto nas novidades que recomenda como na escolma e organización dos seus diferentes fondos especializados en humanidades, con especial atención aos de narrativa, poesía e ensaio.

Nesta selección está o seu ADN, que a singulariza fronte outras cadeas e fideliza a súa clientela, que se move con seguridade entre os seus diferentes cuartos e andeis. É un acerto a organización do fondo de narrativa por linguas, ofrecendo tanto títulos traducidos como algúns en idioma orixinal. Organización que permite atopar en pleno centro de Madrid algúns títulos en catalán e uns poquiños en galego (Herba moura, Merlín e familia, Cousas…), o que merece ser destacado. Como o feito de que na amplísima oferta de revistas culturais se atope a revista Luzes. La Central amosa que, ademais de contar cunha cafetaría moi popular, o esencial nunha libraría é a calidade da súa escolla bibliográfica.

Onte 1561: Ler fainos máis felices

Woman_reading_Marie_FoxSe aos abrazos extendidos dos que escribiamos hai uns días, engadimos os beneficios da lectura, apuntados nun artigo de Emma Rodríguez en ELPS, a vida pode ser moito máis levadeira e feliz. Isto polo menos é o que cren as responsables dunha investigación da Universidade de Roma III para as que as persoas lectoras «están máis satisfeitas cas non  lectoras«, sendo «en xeral menos agresivas e máis optimistas». A lectura de ficción, como en xeral a lectura en profundidade, aquela que require atención e actitude reflexiva, ten un carácter terapéutico, xa que reduce o estrés e contribúe ao desenvolvemento psicosocial e da capacidade de empatía, na medida que axuda a entender máis os sinais, actitudes e comportamentos das outras persoas. Como sinala Alan Brew, que foi editor do Financial Times, «ler aos grandes escritores faiche unha persoa mellor preparada para tomar decisións creativas, interesantes e educadas». Nunca está de máis atender estas gabanzas da lectura, un deses «vicios virtuosos« que axudaan a entender mellor a vida e vivila máis plenamente.

Onte 1560: A soidade do escritor

XG00254201Na magnífica presentación d’ A noite enriba en Ourense, Diego Ameixeiras cualificou A Esmorga como primeira novela negra en galego, nunha liña moi semellante á das obras que David Goodis, o autor a quen el homenaxea nesta súa décima novela, fixera en Disparen contra o pianista, Pasaxe escura ou Venres negro. Novelas con tramas non moi complicadas, historias sobre o fracaso, a derrota, a marxinación, a fraxilidade, todas moi tristes, que xeralmente rematan mal, caracterizan a narrativa do autor de Filaldefía, que se afastaba das convencións doutros clásicos do xénero negro do seu tempo como Chandler, Hammet ou Thomson. Como tamén moi interesante foi na presentación a reflexión de Ameixeiras sobre a condición do escritor, «unha persoa que asume que a súa forma ideal de relacionarse co mundo é escribindo en soidade» «A escritura necesita a soidade, diso vai, tamén, A noite enriba; aínda que moito me divertín cando a escribín, ambientándoa nun lugar onde nunca estivera.»

Onte 1559: Día dos abrazos

Celebrouse onte o Día Internacional da aperta, que o mércores xa se anticipara na praza de Peniche, o espazo vigués dos abrazos, do acougo e da conversa, alentada polo optimismo colorista da gran kermesse de Antón Pulido alí instalada. O abrazo, a aperta, que ambas as dúas son palabras de noso, é unha das principais manifestacións de afecto e agarimo. Mais segundo leo nunha páxina arxentina, detrás do abrazo hai moito máis, xa que ten beneficios terapéuticos, xa que é capaz de «curar a depresión, mellorar a memoria, reducir a presión arterial e o estrés, como fortalecer o sistema inmunolóxico». Mais isto sucedería sempre que dure máis de vinte segundos, o que se denomina o «abrazo extendido«, xa que este é o tempo necesario para que comece a liberarse a oxitocina, a hormona asociada ás emocións positivas. Sexan os abrazos de tres segundos (os que damos decote), sexan os terapéuticos extendidos, benvidos sexan estes contactos corporais, manifestación de positividade e confianza.

Onte 1558: Convocados os Xerais 2016

Premios-Xerais-Trofeos-656x403

Anunciamos onte a convocatoria dos Xerais 2016. Unha nova edición dos premios literarios que a editorial organiza dende hai trinta e tres anos. Como na edición anterior todos os tres premios terán idéntica dotación económica e todos os tres xurados estarán formados por persoas escollidas entre aquelas que nos fagan chegar o seu desexo de vivir durante dous meses intensos esta experiencia lectora. Un modelo de participación dos lectores e lectoras vocacionais, amantes da novela e do libro infantil e xuvenil, que singulariza os Xerais, intenta abrir o noso sistema literario e no que pretendemos continuar afondando. O prazo de admisión de orixinais péchase o 31 de marzo, a convocatoria para formar parte dos xurados abrirase no mes de febreiro e o ditame dos Premios anunciarase o sábado 4 de xuño. Adianto a miña gratitude e recoñecemento a todas as persoas participantes nos certames, sexan como autoras ou lectoras.

Onte 1565: «Vaite xa!» de Marcos Viso

XG00253101Vaite xa! é un dos álbums da veterana serie Merliño que está chegando ás librarías estes días. Primeiro libro integral de Marcos Viso, autor do texto e da ilustración, aborda con determinación o tema da emigración. Protagonizado por unha familia de osos, o relato expresa as dúbidas, os temores, a tristeza, a dor dos primeiros pasos do emigrante obrigado por razóns económicas a procurar o futuro alén da súa terra. Como xa fixera n’ Unha casiña branca, o libro de Marcos Calveiro, que ilustrara o pasado ano, os cambios continuos de planos e encadramentos, axilizan unha narración visual tinguida dun leve aroma poético e dunha potente carga emotiva. Vaite xa! confirma a Marcos Viso como un dos valores recentes da ilustración galega.

Onte 1564: Primeira enquisa das Autonómicas

13tv-16-01-2016

Coñecimos onte as primeiras enquisas para as Autonómicas deste ano. Para 13tv, a canle da Igrexa, o PPdeG perderá a maioría absoluta e sufrirá un severo retroceso ( 37 % dos votos e 32 escanos), precisando para gobernar das actas de Ciudadanos (9 % e 6 escanos), un partido que se estrearía no Hórreo a pesar de non contar en Galicia con organización ou liderado identificables. Como tamén resulta significativa na enquisa a desaparición do BNG, consolidando o seu pésimo resultado das Xerais, mentres que En Marea (25 % e 20 escanos) daria o sorpasso na cámara sobre o PSdeG-PSOE (21 % e 17 escanos). En todo caso, esta primeira sondaxe presenta un escenario aberto e un posible resultado axustado, onde se enxerga a posibilidade dunha alternativa de esquerda aos gobernos de Feijoo. Xaora, para o resultado das Autonómicas será determinante o que suceda finalmente coa formación do novo Goberno ou coa posibilidade dunha nova convocatoria electoral a comezos da primavera. Onte Feijoo amosábase no Faro dubidoso, xa que semella non chistarlle moito a evolución da política galega onde se consolida En Marea e emerxe Ciudadanos.

Onte 1563: No Saviñao con Xabier Quiroga

Viaxamos onte ao Escairón para acompañar a Xabier Quiroga na presentación de Izan o da saca. Foi Enrique Sampil, o presidente do Círculo Saviñao, quen lembrou que pasaran catorce anos daquel acto inesquecible no que presentamos no mesmo salón Atuado na braña, a primeira da media ducia de novelas publicadas polo autor de Cabo do Mundo. Mais dunha década na que Xabier Quiroga consolidou unha novelística de longo alento na que mestura identidade e memoria, creando espazos literarios de seu como a braña de Bouzuás ou os territorios do Cabo do Mundo na Ribeira Sacra. A calidade incuestionable de cada unha das súas páxina (máis de 2.400 publicadas) e o coidado desenvolvemento e precisa documentación das tramas caracterizan cada unha das súas entregas. Onte no Saviñao, agarimado pola súa xente, recibiu un apoio moi  emocionante. Beizóns, Xabier!

Onte 1562: A colleita de 2015 de Fervenzas Literarias

fervenzas_literarias_2015

Como xa é tradición dende hai nove anos, coñecimos onte o ditame dos premios Fervenzas Literarias aos mellores libros e iniciativas do ano 2015. Os Fervenzas son sempre os primeiros da xeira anual de premios a obra editada, ao tempo que teñen a singularidade de ser outorgados por votación de medio milleiro de internautas, que expresan as súas preferencias arredor de vinte categorías da creación editorial galega actual. Como editor non podo máis que abeizoar a continuidade e rigor desta iniciativa de Fervenzas literarias, como a calidade desta revista literaria dixital, auténtica pioneira no noso humilde sistema.

No que atinxe ao resultado desta colleira 2015, estamos moi satisfeitos pola importante presenza de títulos editados por Xerais nas diversas categorías, nalgúns caso sendo considerados como os «mellores do ano». Así sucedeu con A boca da terra de Manuel Rivas, mellor libro de poesía; Raclette de Santiago Cortegoso, mellor libro de teatro, Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig, mellor libro de ensaio; Europa Express de Andrea Maceiras, mellor libro xuvenil; O papiro do César, mellor libro de LIX traducido (por Isabel Soto e Xavier Senín); O último día de Terranova, mellor capa de adultos e Lendo lendas, digo versos, mellor capa de LIX.

Como tamén moito nos aprace que Xerais sexa considerada outra edición máis como mellor editorial do ano,  Culturgal como «o mellor acontecido de 2015» e Brétemas, a pesar de non ser un blog estritamente literario, continúe sendo valorado. Merecen, ademais, os nosos parabéns Ledicia Costas como «autora do ano», Xosé Cobas como «ilustrador do ano» (ademais de autor das ilustracións das dúas mellores capas) e Armando Requeixo como crítico literario e responsable do mellor blog. Outro tanto a Antón Riveiro Coello, autor d’ Os elefantes de Sokurov, mellor libro de Narrativa; Maria Solar, autora d’ O meu pesadelo favorito, mellor libro infantil; Davila autor d’ O bichero, mellor álbum de banda deseñada, Laureano Araújo Cardalda, tradutor d´ A morte en Venecia de Thomas Mann, mellor libro traducido para o público adulto; Couceiro como mellor libraría e Praza como mellor medio de comunicación.

Abonda con repasar as obras e iniciativas recoñecidas como finalistas en cada unha das categorías para recoñecer a diversidade da oferta do sector editorial galego, a pesar de que non amanaisen os ventos da crise nin a inacción das políticas públicas de lectura. O 14 de maio, data na que se celebrará no Teatro Principal de Compostela A Gala das Letra, organizada conxuntamente pola AELG, AGE e Federación de Librarías de Galicia, coñeceremos un novo ditame sobre o publicado en galego o pasado ano. Xaora, as nosas beizóns aos responsables de Fervenzas e a todos os autores e autoras, ilustradores e ilustradores, tradutores e tradutoras e editoras recoñecidas.

Onte 1561: «Gabanza da lentitude»

LB00381201Despois dunha semana a ritmo de vertixe, demoreime onte nas páxinas de Alabanza de la lentitud, o recentísimo ensaio de Lameberto Maffei publicado por Alianza Editorial. O neurocientífico italiano reivindica nun cento de páxinas gorentosas outra forma de vida que recupere o valor do tempo e un ritmo máis acougado onde as artes e a sletras teñan un espazo de seu. Maffei reflexiona sobre os mecanismos cerebrais que guían o «pensamento rápido» ou dixital e analiza as vantaxes e desavantaxes da civilización actual na que predomina a rapidez das relacións e das decisións, prevalencendo o facer sobre o pensar. Maffei convida a recuperar o «pensamento lento», baseado na linguaxe e na escritura, sobre todo no eido educativo, propoñendo unha educación humanista, promotora da curiosidade e da paixón por coñecer. Fronte á bulimia consumista e a anorexia de valores actual é posible vivir baixo o principio de festina lente (bule devagariño), Eis unha gabanza da lentitude.