Onte 445: Folga branca

As once mil explotacións leiteiras do país deixarán de facer entregas aos seus distribuidores. A partir da primeira hora de hoxe, seis millóns de litros de leite tiraranse cada día en Galicia, unha produción valorada en máis de dous millóns de euros, que supón o 38 % da produción do estado. Unha medida extrema, dramática, sen precedentes, a máis dura da historia dun sector estratéxico para Galicia, tanto polo feito de ocupar a 65.000 persoas, entre empregos directos e indirectos, o que a convertiría na primeira empresa do país, como polo de constituír un eixo de vertebración do territorio da Galicia rural. Esta inédita folga branca só pretende acadar que o prezo de compra dun litro de leite galego non estea 3 ou 4 céntimos por baixo do que se paga noutras comunidades e, o que é moito máis grave, que non estea por debaixo do seu custo de produción, como sucede na actualidade. É unha reivindicación xusta, defendida en man común polos tres sindicatos agrarios, que merece o apoio de toda a cidadanía e do Parlamento de Galicia que inicia hoxe a sesión de investidura do presidente da Xunta. Eu estou cos gandeiros en loita por acadar un prezo digno para o  leite de noso.

Onte 444: Cataluña, entre a soberanía e os recortes

Os resultados das eleccións catalanas de onte poden ser aparantemente enganosos. Non hai dúbida que o partido gañador foi tamén o gran perdedor, xa que non conseguíu a “maioría excepcional” que procuraba o president da Generalitat para enfiar neste momento o país cara a consecución dun estado propio. Como tamén o é que todos os partidos con representación tiveron algún motivo para a satisfacción: ERC por duplicar o seu número de deputados; PSC por “moderar” a súa debacle; PP por aumentar un deputado, a pesar dos recortes de Rajoy; ICV por subir tres deputados; Ciutadans por triplicar a súa representación e CUP por entrar con forza no Parlament.

Porén, utilizando os esquemas clásicos esquerda-dereita e soberanismo-españolismo, as combinacións dos resultados ofrecen diversas posibilidades de análise. A dereita (CIU+PP+C’s) con 78 deputados gañou, fronte a unha esquerda que recuperou cinco deputados con respecto ás eleccións de 2010. As políticas de recortes defendidas por Mas pasáronlle factura. Como tamén é certo que o soberanismo (CIU+ER+CUP) mantívose ou mesmo reforzouse con 74 deputados con respecto a hai dous anos, a pesar de que aumentou o españolismo (PP+C’s) con 28 actas fronte ás 21 de 2010, crecemento que se fixo, en boa medida, a costa das posicións máis ou menos federalistas (PSC+ICV) que obtiveron 33 deputados, cinco menos que en 2010 e 16 menos que en 2006, cando gobernou o tripartito. Aínda que se a análise é máis grosa, distribuíndo as posicións federalistas, as soberanistas continúan sendo os dos 2/3 terzos do Parlament, como sinala o gráfico de La Vanguardia.

Con este taboleiro tan dinámico e cun Parlament tan diverso e plural, CIU non o ten doado para escoller socio para gobernar, sexa en coalición ou con apoio orzamentario; como tampouco o ten para desenvolver o seu proxecto para que a sociedade catalá decida. Probablemente, Mas deberá modificar o calendario previsto, xa que de inmediato deberá escoller entre soberanía ou recortes.

Noventa aniversario dos Mártires de Sobredo

Resultou moi emocionante a homenaxe aos Mártires de Sobredo con motivo do noventa aniversario daquel acontecemento clave na loita agraria antiforal. Dende o pasarrúas, animado por Os Folieiros de Lavadores, o acto resultou moi concorrido e vibrante. As intervencións de José Trillo, versificador popular de Guillarei, e Xosé Paraños Andrés, presidente do recén creado Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, recuperaron a memoria duns acontecementos que non poden ser esquecidos. O memorable e moi fermoso discurso de Marga Romero, a xeito de carta a Cándida Rodríguez, unha das vítimas, emocionou aos varios centos de persoas chegadas das parroquias da bisbarra baixomiñota e da área metropolitana de Vigo. Estas foron as miñas palabras nun acto no que foi unha grande fortuna ser convidado.

 

Onte 443: Xesús Alonso Montero en Ribadavia

Acompañamos ao profesor don Xesús Alonso Montero nos actos do seu nomeamento como fillo adoptivo do concello de Ribadavia. Para min o máis destacado da mañá foron os discursos de Xosé Carlos Sierra e do homenaxeado. Sierra chufou con mesura ao profesor Montero, cualificando de de «viticultor das palabras» e «intelectual que encarna o espírito da modernidade en versión galaica e española». Don Xesús realizou un discurso de resposta breve, non chegou aos vinte minutos, arredor do que supuxo o Ribeiro na súa vida. Detívose en catro temas. Primeiro lembrou ao seu mestre Bernardino Graña Refojos, profesor de letras de letras no colexio Akademos, quen lle lía páxinas da súa novela inédita, Por los caminos de la carne. Logo rememorou as experiencias idiomáticas na aldea de Ventosela da man do tío Clodomiro Montero, panadeiro que exercitaba a arte da blasfemia e que «utilizaba a lingua montada en bolas», xa que se expresaba con enorme facilidade. Despois relatou algúns dos acontecidos no xantar do hotel Roma do 15 de maio de 1966, no que se despedíu ao poeta Celso Emilio Ferreiro, ao tempo que supuxo un acto en contra da construción do encoro de Castrelo de Miño preparado pola UPG e o Partido Comunista. Alonso enfatizou moito as palabras naquela xornada de Otero Pedrayo denunciando «o feudalismo hidroeléctrico de Fenosa». Para rematar o seu discurso, comprometeuse a continuar loitando por un Ribeiro mellor, «polo Ribeiro que soñaban, a súa maneira, algunhas das persoas destas terras que tanto enriqueceron a miña vida. O Ribeiro quizais sexa no futuro unha comarca de gran riqueza agrícola e unha terra onde a xente viva con fartura material e espiritural. Será un Ribeiro onde, como dicía o señor Petouto, ninguén sabe, se ten que haber ricos pero no que non haberá pobres. Eu tratarei de colaborar nesa fermosa tarefa pois ningunha outra vale a pena. Ao servizo desta tarefa porei, mentres viva, a paixón democrática e tricolor da fouce da miña pluma e do martelo da miña voz». Tras tan emocionantes palabras, polo escenario da Casa da Cultura de Ribadavia desfilaron diversos oradores e intervencións musicais. Con todo, o momento máis sorprendente e aplaudido da homenaxe, que se estendeu case tres horas, foi a piques de finalizar, cando don Xesús acompañou co pandeiro a interpretación de Carlos Núñez da «Rianxeira». Nunca noutra tan musical víramos ao noso admirado profesor.

Onte 442: O rastro que deixamos

Interesante e amenísima foi a conversa que mantivo Isabel Soto con Agustín Fernández Paz con motivo da presentación en Librouro d’ O rastro que deixamos. Editora e autor percorreron ao longo dunha hora os temas principais dunha obra singular no catálogo do vilalbés, onde con grande votade de estilo se mesturan páxinas de fermosa prosa memorialística con outras de ensaística sobre o oficio de escribir.

Comezou Agustín explicando a orixe do título que le prestou Siri Hustvedt, a autora de Todo canto amei. O título forma parte dun parágrafo que confesou lle impresionar e recolleu no seu caderno de citas: «As historias que contamos sobre nós mesmos só poden relatarse en pasado. O pasado remóntase cara a atrás desde onde agora nos atopamos, e xa non somos actores da historia senón espectadores que se decidiron a falar. En ocasións, o rastro que deixamos vaise sinalando con pequenas pedras como as que Hansel deixaba tras os seus pasos». Agustín dixo que «o libro naceu hai case tres anos da intención de recoller nun volume textos ensaísticos variados que garadaba no mes disco duro. Isabel Soto puxo orde naquel caos, naquela faramallada. Logo decidimos facer tres libros: o que hoxe presentamos de carácter memorialístico, que contén tamén unha reflexión sobre o oficio de escribir; un segundo sobre temas de lingua e lectura, ao que xa lle puxemos título, A patria da lingua; e un terceiro co resto dos textos sobre cómics e diversos temas». En todo caso, tanto para o autor como para a editora, «a obsesión foi que este primeiro libro se puidese ler como un libro de ficción».

Isabel Soto formuloulle varias preguntas arredor dos límites do que se entende por ficción e polo carácter selectivo da memoria. Fernández Paz insistíu en que para el «todo lugar, todo barrio é Macondo se sabe atopar o seu García Márquez que o conte», así como tamén en que «afondar no local é sempre universal; afondar nas propias raíces, no que é teu, afondar nelas para dende aí proxectarse». Agustín recoñeceuse discípulo do Grupo Nós na súa concepción de «Galicia célula de universalidade, unha peza máis do mosaico da humanidade, á que temos obriga de facer brillar». Mais tamén lamentou as «dificultades grandes que temos na cultura galega na distribución interior dos nosos contidos e sobre todo na exterior, para que as nosas obras chegue tan lonxe como permita a súa calidade». «Na escrita hai que contar a verdade, hai que afondar na túa vida, que é do se nutre o escritor, para que cautive a calquera lector de calquera lingua e calquera país».

A conversa tamén abordou o papel da literatura para cambiar o mundo e cambiar a vida. «A postura optimista témola que manter mentres esteamos vivos. As vellas toupas continúan traballando no proceso de mudar o mundo. Hainas en moitas frontes. Aí están as ferramentas do cambio. Os membros da nosa xeración fixemos o que puidemos. No mundo do ensino algunhas cousas mudaron, deixamos a semente dun traballo que hoxe está nos libros de texto e se acepta de forma común». No entanto, tamén afirmou, valorando o que sucede na actualidade, «o fácil que é destruír e o difícil que é construír».

As preguntas finais xiraron arredor da realción coas súa sobras. Fernández paz confesou que «non hai ningún libro do que me sinta plenamente satisfeito», aínda que amosou a súa preferencia por algúns títulos como Aire negro, O único que queda é o amor, Fantasmas de luz e Non hai noite tan longa.

Onte 441: “Atl”, entre a o mito e a ciencia ficción

Interesantísima foi a presentación en Pontevedra de Atl, a novela de Manuel Lourenzo González gañadora do Premio Blanco Amor 2011.

O profesor Manuel Figueiras, autor tamén da portada do libro, comezou a súa intervención situando o libro no “subxénero da creación de pequenos universos posibles”. Propostas que se inician con Platón, que propoñía un novo sistema de estruturación social, pasando por Tomás Moro coa súa Utopía, unha illa, como Atl, onde a vida era perfecta, até as propostas dos utopistas e socialistas utópicos do XIX creadores de pequenas sociedades perfectas. Continuou Figueiras lembrando que no século XX o xénero estoupou producindo tentativas reais, baseadas neste tipo de teorizacións, ademais das obras de Huxley ou Orwell, sen esquecer que o mesmo Kafka advertira que este tipo de organización tivera xa o seu fracaso. Detívose, despois, na achega que Elías Canetti fixo en Masa e poder e nas achegas que se fixeron dende o cine a este “campo temático” onde se funden a arte, a literatura, a historia, a socioloxía e a política.

Despois, Manuel Figueiras foi debullando unha serie de temas e marcas presentes tanto en Atl como en obras anteriores onde cre que Manuel Lourenzo González ten o seu ADN literario. En primeiro lugar citou a obsesión pola claridade, froito dun equilibrio moi complexo de acadar. En segundo, o xogo de estruturas e mecanismos que van encaixando con moita perfección, e que o lector só descubre ao final ou moi avanzada a novela. En terceiro, a creación de nomes, un traballo extraordinario en Atl, onde o autor creou nomes para lugares, cousas, seres vivos ou inventos tecnolóxicos. En cuarto, o conflito nodal da historia entre o eu e o nós, o individual e o colectivo, no que semella decantarse máis polos ámbitos individuais. En quinto, a cuestión da liberdade como horizonte, presente en todas as súas novelas. En sexto, a presenza dun certo pesimismo patente ou latente en todo o seu discurso narrativo. En sétimo, a contraposición da idea de cultura coa da civilidade, achegando á novela un carácter humanista. En oitavo, a presenza de relatos dentro de relatos. Por último, Figueiras explicou que deseñou esa máscara tecnolóxica como ilustración de cuberta coa intencionalidade de amosar comos os individuos pasan desapercibidos nesa sociedade distópica.

Pola súa banda, Manuel Lourenzo González comezou a súa intervención explicando a importancia que para el ten o mito “como algo necesario para a formación das identidades e das culturas, como algo imprescindible para recoñecerse, mais tamén para poder interpretalas e para atopar camiños para esa sociedade”. Citou unha frase de Manuel Figueiras, o presentador da novela: “o mito é un recurso común do imaxinario colectivo”, para logo citar unha serie de mitos que permancen vivos na nosa sociedade, dende a Atlántida, Antíngona, Sísifo, Hércules ou Troia; pasando polos mitos bíblicos do paraíso, Caín e Abel, a serpe ou arca; até os medievais de Arturo e Breogán ou os da nosa mitoloxía popular. Mitos todos que foron elaborados e reelaborados e forman parte da nosa identidade.

Detívose despois no mito da Atlántida que está na orixe de Atl. Interesoulle porque alí está presente todo un mundo, toda unha civilización, toda unha aventura humana moi avanzada, que se afundiu no mapa e quedou en nada. Un mito que lle deu a oportunidade de crear unha Atlántida actual, a creación dunha grande peripecia humana digna de ser contada. “Un mundo illado, creado dende cero, onde había que inventalo todo constituíu un proxecto fascinante”, dixo. “O traballo de ambientación foi do que máis gocei e ao que máis tempo dediquei, xa que nunha sociedade onde todo era distinto, había que contalo todo. O desafío foi non caer nin no academicismo nin no exceso”. “Houbo que crear toda a xeografía, como eran a a illa, dende as paisaxes, a flora e a fauna, como vive e como se move a xente nas cidades, como son as casa e os lugares públicos, como funcionan os medios de comunicación, como é a organización social, como se traballa, como é o vestiario, a sexualidade, os soños…” Houbo, tamén, que inventar palabras, dende topónimos a darlle nome a cada un deses novos elementos, “xa que son as palabras qas que configuran a realidade”.

Manuel Lourenzo relatou como naceu o libro, hai quince anos, a partir dun guión para un cómic que lle pedíu un ilustrador noq ue debería aparecer unha queima de libros. “Quedou nun caixón durante bastante tempo. Hai dez anos que o recuperei e o fun traballando como novela”. Confesou que lle custou moito rematala, xa que “poñerlle o punto final a unha novela é máis difícil para min que escribir a palabra inicial”. “Non nego que é Atl é unha novela de ciencia ficción, mais creo que vai moito máis alá”. Lourenzo contou que un amigo lle dixera que “Atl é unha novela de ciencia ficción dalguén que non é dese mundo”. Insistíu en que “sendo catalogable dentro dese xénero, creo que no fondo é a historia da deriva dunha sociedade, un personaxe colectivo; unha sociedade que é proxección da nosa cara o futuro, situada nun tempo paralelo ao noso”. “Unha novela na que está presente a busca da sociedade perfecta, dese mundo feliz das utopías. Razón pola que se abordan temas como a estrutura do estado, que dirixe a vida dos seres humanos, que os converte en autómatas, que traballan e consumen, que son así felices, sen máis nada”.

Manuel Lourenzo foi debullando outros temas da novela: A tecnoloxía como forma de dominación, que achega ao pensamento único, xa que, como di un personaxe da novela “a teconoloxía e a ciencia avanzan máis a presa que o pensamento humanos”. “No emprego das NN.TT. hai unha certa estupidización que nos afasta do que é a cultura”. A queima de libros e a prohibición da letra fixa, tanto a imrpesa como a manuscrita, como unha alegoría da desaparición do pasado e da memoria. A lingua e a relixión únicas, como o mito de Prometeo da creación da figura humana robótica.

Rematou Manuel Lourenzo reflexionando sobre o mito do eterno retorno. “Non creo no final feliz da sociedade, mais si no do individuo que pode atopar unha certa satisfacción nalgunhas actividades”. Por último definíu a Atl como “unha novela de ciencia ficción, mais tamén como unha obra que ten carácter de mito, na que se lle busca un sentido máis ético a sociedade. Atl podería ser unha historia da que poderiamos aprender algo para que non se repita”.

O broche de ouro da presentación puxérono as integrantes Adonairare, o magnífico grupo de pandereteiras da Asociación Cultural o Barqueiro de Santa Cristina de Cobres.

Onte 440: A Estrela de Oriente

Anticipamos a celebración do nadal coa presentación en Couceiro d’ A Estrela de Oriente. Unha historia dos Reis Magos, o libro de Pemón Bouzas ilustrado por Marcos Calo. Fíxonos moita graza a coincidencia co anuncio da aparición en todo o mundo do novo libro de Bieito XVI no que presenta importante novidades sobre a interpetación do sucedido en Belén. En todo caso, o magnífico relato de Pemón, o primeiro que publica en galego e tamén a súa estrea no subxénero da literatura infantil, constitúe un modelo de reescritura dun dos nosos mitos fundacionais de xeito que coa súa (só) aparente simplicidade interese tanto ao público máis novo como as persoas adultas. A paixón polo relato de viaxes, unha das identidades da escrita de Bouzas, o seu coñecemento do universo da literatura de tradicion oral, como a súa facilidade para enfiar unha historia engaiolante son os fíos cos que se teceu esta historia sobre a procura da luz do coñecemento e sobre o entendemento entre tres mundos, dos que proceden cada un dos magos. Pemón confesou no acto que “quixen poñerme na memoria de cando tiña sete anos, nese momento de abrir a porta para que nos saia o futuro, como dicía Graham Green”. Explicou que no relato destas viaxes dos magos quixo provocar a curiosidade dos lectores, para que busquen e procuren información sobre as cidades como Damasco o Babilonia, ou sobre outros lugares míticos onde naceu a nosa civilización. Afirmou a súa convicción do carácter máxico de cada noite de Reis, “algo de maxia pode haber que nos vai seguir mantendo vivos”. Rematou as súas palabras propoñendo aos maiores que leran A Estrela de Oriente aos nenos.

Onte 439: Touriño en castelán

Vergonza allea sentín escoitando falar en castelán a Emilio Pérez Touriño na entrevista que Fernanda Tabarés lle fixo en V Television con motivo da aparición do seu libro de memorias (en galego). Quedei abraiado comprobando que ao longo de case unha hora non só non empregou o galego en ocasión ningunha, senón que ademais utilizaba decote topónimos deturpados («Orense», «Carballino») ou chamaba a Beiras por «José Manuel». Incrible. POlo demais, os contidos da entrevista non mereceron grande interese, xa que semellaban apenas un axuste de contas cos seus compañeiros de partido e de coalición. Pareceume un espectáculo patético, impropio de quen foi presidente da Xunta de Galicia. Mais tamén un síntoma da debacle moral e política que padece o partido socialista (tamén en Galicia).

Onte 438: Enlace

Dende onte asumín o compromiso de ser enlace contra a violencia machista, contra ese terrorismo que dende 2003 asasinou a 650 mulleres, 40 no que vai no decorrer deste ano. Son enlace de Enlaza Vigo, a iniciativa do Consello Municipal da Muller de Vigo que o venres 23 de novembro construirá na praza da farola un grande farrapo humano, testemuñando a vontade unánime da cidadanía de acabar coa violencia contra as mulleres e construír unha sociedade en igualdade. Nesa angueira colectiva é imprescindible a mobilización colectiva e interxeracional, mais tamén o compromiso de cada unha das persoas cada un dos días do ano para denunciar calquera tipo de comportamento e actitude machista. Chamo a participacipar en tan necesaria iniciativa.

Onte 437: Gaza

Estremece a ofensiva do goberno istraelí sobre a franxa de Gaza, onde viven en situación deplorable milleiros de palestinos expulsados das súas casas e terras. Máis alá de que a maioría das vítimas sexan civís (nenos incluídos), máis alá de que se violenten os dereitos humanos e os principios do dereito internacional ou da dubidosa lexitimidade de Hamas para lanzar os seus foguetes, a actual situación de Gaza obedece á lóxica dun vello conflito colonial non solucionado dende 1947, ao tempo que é froito dos intereses das potencias occidentais na zona, representadas, en boa media, alí polo estado Israel. Razóns polas que non podemos agardar nin unha mediación da Unión Europea nin sequera un chamamento retórico do noso goberno a parar os bombardeos. Indigna.