Onte 763: «Vento e chuvia»

Manuel Gago desvelou na noitiña de onte Vento e chuvia, un proxecto editorial de edición estendida sobre a mitoloxía da antiga Gallaecia. Ilustrado por Manel Cráneo introduce ao lector e lectora na Idade de Ferro, reemerxendo dende a investigación arqueolóxica con vida anovada dez deuses galaicos daquel tempo. Un proxecto que aventuro supoñerá un fito cultural, tanto polo seu contido sorprendente coma por asumir sen complexos a hibridación coma fórmula para a súa distribución. A presentación espectacular multimedia na igrexa da Universidade de Compostela, prevista o 30 de outubro ás 20:00 horas, coa participación dun importante elenco de actores e actrices, desvelará a totalidade dun proxecto editorial mimado en todos os seus detalles polo meu compañeiro de Xerais Ramón Domínguez. Con certeza, tempo haberá para falar devagariño de Vento e chuvia.

Onte 762: O valego

Chegaron do prelo os primeiros exemplares da monografía de Xosé-Henrique Costas González O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres – Estremadura). Unha obra de referencia sobre o que Francisco Fernández Rei, prologuista do libro, considera o bacelo galego que prendeu na Serra de Gata no século XIII. O valverdeiro, o lagarteiro e o mañego, as tres falas do Val do Ellas, Os Tres Lugaris para os seus habitantes. constitúen un mesmo dialecto, o valego, glotónimo afortunado co que Costas bautizou a estas falas (esencialmente) galegas de Cáceres. Tras dúas décadas de investigación concienciuda sobre o terreo, Quique Costas ofrece unha monografía que chanta os alicerces para a posta en valor desta variante extramura do galego e para o desenvolvemento dunha lexislación lingüística que garanta os dereitos lingüísticos dos seus falantes estremeños. Ademais da completísima aproximación lingüística, o investigador de Castrelos ofrece unhas setenta primeiras (e extraordinarias) páxinas sobre o contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España, con especial atención á «Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias». Un libro escrito, ademais, cunha lingua de festa. Un ensaio fermoso e equilibrado, tan entusiasta coma rigoroso. Recoméndoo vivamente.

Onte 761: A lectura xuvenil como pasarela

Sigo dende hai tempo o excelente blog no que a profesora Gemma Lluch dedica atención ás narrativas dirixidas aos adolescentes e ás prácticas na web de promción da lectura. A raíz da publicación hai un mes dunha anotación que respondía á pregunta «a lectura xuvenil é unha pasarela para a educación literaria», xerouse un debate moi interesante ao que os editores educativos e de coleccións e titulos da denominada «literatura xuvenil» non podemos quedar alleos. Neste debate é sempre útil diferenciar entre lectura e lectura literaria, como tamén entre relatos de características paraliterarias e textos literarios, nos que se encadrarían aqueles da tradición literaria, dende as obras clásicas aos textos fundacionais das nosas culturas. Comparto a análise de Gemma Llluch de que nalgúns contextos educativos a lectura xuvenil pode ser unha pasarela para acceder a unha educación literaria; mais tamén poderiamos afirmar que hai razóns para todo o contrario. Seguindo este debate, semella esencial a secuencia e as características do traballo de aula preparado polo profesor ou profesora de lingua e literatura. A clave, en definitiva, estaría en como se traballan as competencias de comunicación e expresión oral e escrita, nas que a lectura ten un peso decisivo, como na abordaxe da literatura como a súa gozosa expresión artística. Recomendo as anotacións e o blog de Gemme Lluch, guieiros nun debate que non está moito menos pechado.

Onte 760: Benvida Galiza ano cero

O inicio da emisión de Galiza ano cero merece as nosas maiores beizóns. Poñer en marcha unha canle de televisión en internet, autofinanciada e xestionada de forma comunitaria, emitida en código aberto baixo licenzas libres, é un proxecto importante, unha proba da madurez da internet en lingua galega. A entrevista con Emmanuel Rodríguez é unha peza moi valiosa sobre as razóns do fracaso actual da esquerda, desas que cómpre conservar para revisitar. Recomendo vivamente o proxecto.

Onte 759: Première de «Cadeas» en Betanzos

O salón Azul do Liceo de Betanzos encheuse na première de Cadeas, a novela de Xabier López gañadora do Premio Xerais 2013. Foron as palabras agarimosas e xenerosas de Pilar Vázquez Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural Eira Vella, ás que abriron unha presentación na que o xornalista Iago Martínez, membro do xurado que outorgou o premio, falou na súa calidade de privilexiado lector.

Comezou Iago confesando que a do xurado «foi unha elección difícil, xa que me atopei con algo que non contaba, discutindo sobre o que cada un entendemos por literatura.» Definiu Cadeas como «un mosaico de vinte historias moi diversas entre si, marabillosamente ben escritas, elaboradas cada unha delas con cadansúas ferramentas específicas, froito do traballo dun narrador ventrílocuo capaz de artellar cada unha das historias sen a distancia cínica da postmodernidade.» «Cadeas é, ademais, un fresco do século XX sobre a dominación e a violencia. Unha reflexión sobre a imposibilidade de escribir unha vida ou episodios históricos como o sucedido no século pasado.»

No seu discurso, Xabier López definiu Cadeas como «unha serie de historias que enganchan unhas con outras referidas á dominación e a violencia, focalizadas no que foi a historia de nós durante o século XX, dende as guerras coloniais de Cuba e Sid Ifni.» Adiantou o autor algunhas referencias temáticas a seguir na novela: a presenza do leite condensado, da cerveza, dun reloxo, de diversas castracións e orellas cortadas. «Cadeas é unha novela sobre a busca, mesmo sobre a busca do lector e a dominación e o sometemento que ten o autor procurando o lector.» Referiuse, despois, a presenza de Rafael Dieste e Manuel Antonio nas páxinas da novela, como «dúas formas diferentes de encarnar os retos colectivos, o do intelectual comprometido e o do iconoclasta.» Explicou algúns dos retos técnicos afrontados no texto e rematou expresando a súa satisfacción polo resultado: «O último que escribo é sempre para min o mellor que escribín. Creo que Cadeas é a miña novela máis ambiciosa, recupera o pulso que tiven en Doutor deus ou nalgunhas das miñas primeiras novelas.»

Onte 758: Agustín candidato ao ALMA 2014

Magnífica noticia a que coñecimos no serán de onte: Agustín Fernández Paz volve ser candidato por España ao ALMA (Astrid Lindgren Memorial Award), o que poderiamos denominar como o nobel da literatura infantil e xuvenil, concedido pola fundación sueca ene memoria de Astris Lingren. Non é a primeira oportunidade na que un autor ou autora galega son candidatos ao ALMA, en 2012 e 2010 foino Fina Casalderrrey, como tamén o foron Juan Farias en 2009 e o propio Agustín en 2011. Non hai dúbida que o ALMA é un premio que pode chegar a Galicia. Parabéns para Agustín recén chegado de Guadalajara, onde participou no xurado que outorgou a Jordi Sierra i Fabra o Premio Iberoamericano de LIX que el recibiu hai dous anos.

Onte 757: Frankfurt 2013

Sigo a distancia o desenvolvemento  da Feira do Libro de Frankfurt, que esta edición ten a Brasil como país convidado. Por fortuna, a edición galega recuperou a súa presenza nun espazo moi xeitoso de 16 metros cadrados. Polas informacións que recibo dende alí, a feira expresa a crise do sector con maior intensidade en Francia, Portugal, Grecia e España, cuxo número de editores presentes diminuíu de forma moi significativa, feito ao que sei non son alleos os custes elevadísimos da estancia durante dous ou tres días na capital financeira alema. Como tamén semella consolidarse a hibridación dun sector no que a edición dixital en soportes móbiles de lectura acada nos Estados Unidos unha cota de mercado do 20 %, unha cifra que pode servirnos de referente para o futuro inmediato. Hoxe o anuncio do Nóbel mobilizará os corredores dunha feira que case nunca defrauda.

Paga a pena deterse na peza audiovisual coa que Brasil se presenta en Frankfurt. Paga a pena compartila.

Onte 756: «Dióxenes en Dolorida», a presentación en Económicas

Excelente presentación na Facultade de Económicas da USC de Dióxenes en Dolorida, a novela de Ignacio Vidal Portabales gañadora da XXXª edición do Premio Blanco Amor de novela longa. Tras máis de tres décadas de funcionamento, a facultade compostelana acollía por vez primeira a presentación dunha novela, un fito que salientaron con gozo varios profesores do centro que acompañaban ao autor, profesor de Dereito Mercantil.

A intervención principal do acto correspondeu ao escritor Xesús Rábade Paredes, gañador do Premio Blanco Amor en 2006 por Mentres a herba medra. Comezou salientando que «a novela de Ignacio aborda un tema tan vello coma a humanidade con técnicas moi modernas e innovadoras». «Trátase dunha viaxe á fronteira do delirio, o dun Dióxenes en corentena, un Dióxenes en pelotas, un Dióxenes fuxindo para atoparse». Advertiu, despois, que esta era «a primeira novela publicada de Ignacio, mais non era a súa primeira aventura literaria; sei que detrás hai moita experimentación e unha formación literaria sólida, moita lectura do corpus literario galego». Citando a frase de Cunqueiro, «contar claro, seguido e ben», Rábade salientou que a novela podía lerse en dous planos, como unha entretida narración de aventuras ou como un auténtico manancial sobre a condición humana. «A novela aborda o fracaso dunha parella, a perda de autoestima dun dos seus membros, o liderado do protagonista sobre outros tres inestables, a desposesión e o regreso até os brazos da amada». «A escritura dos cadernos de Dolorida, as anotacións de cada un dos personaxes dende as marxes da realidade, permite unha actitude libre e desposuída para facer a crítica do mundo que lles arreorea».

Para Rábade, «a narración de Dióxenes en Dolorida amósase rica, variada, plural e moi complexa». «Unha narración polifónica, onde os puntos de vista, os xuízos contrastados relativizan e reestablecen as cousas ao seu xusto punto de equilibrio». Para o presentador «a novela ten unha firme arquitectura, onde o humor funciona coma unha estratexia narrativa, manifestándose en todas as súas gamas, ironía, retranca, sucesos levados ao absurdo, imaxes en esperpento. Como en Cunqueiro utilízase o sorriso comprensivo, que ilumina as difusas fronteiras entre o correcto e o incorrecto, entre a loucura e a cordura». Rematou Xesus Rabade resumindo que estabamaos diante dunha novela «ben contada e ben escrita, onde os sucesos flúen coma na vida mesma».

Ignacio Vidal Portabales na súa intervención expresou as razóns que o levaron a escribir unha novela «na que tratei de recoller as tensións veciñais nunha vila na que todo o mundo se coñece». Dióxenes en Dolorida será presentada o 15 de outubro en Fene, concello organizador da XXXª edición do Premio Blanco Amor de novela longa.

Foto: Helena Villar Janeiro (Moitas grazas).

Onte 755: «Matarte lentamente», nova novela de Ameixeiras

Foi para o prelo Matarte lentamente, a nova novela de Diego Ameixeiras. Aventuro que vai entusiasmar aos seareiros do autor de Tres segundos de memoria, mais tamén que vai sorprender a aqueloutros lectores e lectoras que aínda non se atreveron cun autor que está renovando e modernizando de raíz a novela negra.

Unha parella de xubilados preferentistas que escolle unha saída radical para a súa decepción. Unha rapaza ecuatoriana camiño de Compostela. Unha estudante do Rosalía desconcertada tras un embarazo imprevisto. Unha detective que vixía ao seu home. Un pai que procura solución para a doenza do seu fillo. Un narcotraficante enleado nos trámites de adopción. Dous náufragos que comparten soidades nun bar de Vista Alegre. O home máis respectable do edificio regresando do seu traballo… Personaxes deambulando pola Compostela dun tempo de derrota, vidas cruzadas que converxen nunha situación límite.

En Matarte lentamente Ameixeiras profundiza nos procedementos abertos en novelas anteriores como Dime algo sucio, Historias de Oregón e Todo OK. Dosificación da información, economía expresiva, coidada estrutura de tramas e vidas que van encaixando coma un puzzle son características desta novela impactante e inesquecible que presenta con claridade problemas claves do noso tempo. A excepcional fotografía de cuberta de Paula Gómez del Valle axusta as mil marabillas nunha novela na que todo está dosificado coa precisión do técnico de laboratorio.

Onte 754: Con Dolores Redondo no Club de Espazo Lectura

Brillante iniciativa de Espazo Lectura a de convocar un vermú literario con polbo á feira arredor de Dolores Redondo, a autora d’ O gardián invisible. Desque entrou pola porta, Dolores non perdeu nin un minuto e entrou de cheo nas preguntas que lle formularon os membros do Club de Lectura de Espazo Lectura de Gondomar.

Comezou insistindo en que «o lector merece que a autora lle dea todo tipo de explicacións, máis aínda tratándose de novel negra.» Redondo non dubidou en cualificar a súa triloxía como novela negra «con todas as convencións do xénero». «Nas miñas novelas hai unha parte técnica calcada do que fai a Policía Foral de Navarra e outro dos procedementos forenses, caros e longüísimos, que na realidade non sempre se levan até o final.» Cualificou O gardián invisble como «novela policial cunha compoñente emotiva, moi presente nas novelas norteamericanas de misterio, que min moito me gustan. Interésame moito o matriarcado, unha forma de vida que coñezo ben, razón pola que quizais esta sexa unha novela moi de mulleres. Quixen ofrecer un detective co que me sentise identificada. Quería moverme nunha contorna onde puidese profundizar máis nas emocións e na nosa cultura».

Referiuse a súa avoa galega que «cando emigrou aos vinte anos levou con ela o coñecemento da tradición ancestral galega, que incorporou á que aprendeu e creu no País Vasco. Aquel mundo da avoa impregnoume a min dende os sete anos, fíxoseme crible. Quizais foi esta a razón principal pola que as novelas se desenvolven no Val de Baztan, onde se preservaron os costumes e crenzas do pasado, sen perder unha miga da súa identidade nin da súa conexión wifi.» Identificou semellanzas daquela cultura popular coa galega, sobre todo no esforzo por preservar a lingua e algunhas crenzas que no caso do Baztan teñen moito que ver coa potencia do bosque e do río, da propia natureza.» Confesou os seus medos de que lle poñan a etiqueta de «maxia» a súa próxima novela. «Non é maxia, é a forma coa que os baztaneros se relacionan coa natureza. Eles, sobre todo elas, as baztaneras pagaron por isto un tributo moi elevado de sangue e horror, queimadas na fogueira da Inquisición.»

Confesou que escribiu a triloxía coa esperanza de que funcionase entre os lectores, xa que «todos os escritores deben soñar que a súa novela pode chegar moi lonxe.» «A velocidade é unha das características do meu estilo narrativo. Odio a palla nas novelas. A xente le novela negra para saír do mundo real. A paz nas miñas narracións atópase no lugar.» Rematou as súas respostas expresando que «o pesadelo de todo escritor de crime é que alguén se lle ocorra poñelo en escena» e anunciando que «cando remate a aparición da triloxía, publicarei outra novela policiaca que non estará protagonizada pola inspectora Amaia Salazar.»

Magnífico e trepidante vermú con Dolores Redondo. A hora e media de conversa non deu para máis. Agardamos volver contar con ela en Galicia nos vindeiros meses para participar na promoción de Legado nos ósos, a segunda novela da triloxía, que Xerais publicará en galego o 19 de novembro, coincidindo coa súa aparición en castelán, catalán e éuscaro.