Onte 997: «El jueves»

El_jueves_06-06-2014El jueves, tras décadas arriscando nas marxes dos kioscos, é a primeira vítima da renuncia de El-Rei. A súa propiedade, o grupo RBA, decidiu destruír a tirada semanal de 60.000 exemplares, nos que aparecían en portada El-Rei e o Príncipe, ademais de deixar as brincadeiras sobre a abdicación nas páxinas interiores. Unha decisión editorial que provocou na tarde de onte a deserción dunha parte dos seus colaboradores máis veteranos por considerala un xeito de censura previa que contradí o espírito rebelde desta publicación satírica. Sen dúbida que os editores (e a Casa Real) erran se pretenden desnaturalizar unha publicación que fixo do sarcasmo e da acedume das súas portadas o seu principal sinal de identidade. Xaora, a decisión é tamén ineficaz para os seus promotores, xa que a mudanza da portada orixinal achegoulle maior visibilidade na rede. Con todo, lamento que El jueves poida quedar como unha publicación satírica do reinado de Juan Carlos. Mágoa!

Onte 996: Jogo bonito

Lin na revista do avión que o football chegou a Brasil en 1894 na equipaxe de Charles William Miller, un estudante brasileño fillo dun traballador escocés do ferrocarril de São Paulo. Trouxo dúas bólas, unha bomba para inchalas, unhas botas e un libro coas regras dun xogo que coñecera mentres estudaba en Inglaterra. Cando aquelas dúas bólas comezaron a moverse entre os pés dos brasileiros o football acadou a perfección e transformouse en fútbol e aquel sport importado convertiuse a ritmo da samba en «jogo bonito». O feito de que fútbol e samba fosen da man no Rio de Janeiro abonda no carácter creativo (artístico e relacionado coas Belas Artes) de ambas as dúas disciplinas. Bo é lembralo antes de que a brazuca corra nas lameiras, mais sen esquecer que o «jogo bonito» non pode agochar que unha maioría de brasileiros aínda vive na pobreza e na exclusión.

Onte 995: Nova Transición

Rubalcaba-Felipe-Cumbre-Iberoamericana-EFE_EDIIMA20140602_0299_15Aventuro que a proclamación express de Felipe VI, acordada polos dous partidos sistémicos e os seus asociados, suporá o inicio dunha nova Transición. A apertura dun proceso (re)constituínte será a fórmula escollida para intentar evitar a secesión catalá e para consolidar novas reformas estruturais obrigadas pola Troica. Unha reforma constitucional que non sería descartable finalizase cunha consulta popular, estratexia coa que os partidos monárquicos pretenderían que o novo Rei obtivese a lexitimidade popular da que hoxe carece. Nese proceso, non exento de riscos para os seus promotores, o PSOE de Rubalcaba afastaríase un pouco máis das súas bases sociais, o que queimaría inevitablemente as posibilidades de renovación do seu novo liderado. Esvaramento socialdemócrata que abriría posibilidades para unha recomposición dos espazos das esquerdas republicanas e dos seus liderados.

A renuncia de Juan Carlos pactada con Rajoy e Rubalcaba abriu unha nova axenda na que, como sucedeu hai catro décadas coa Lei da Reforma Política, se poñerá a debate (no Parlamento, mais tamén na rúa) a forma de estado e o encaixe dos territorios históricos (tamén o de Galicia, a pesar da súa actual irrelevancia política). Un proceso no que, como tamén aconteceu daquela, a crise económica, as cifras brutais de desemprego, ao que agora se engadirán novos recortes dos servizos públicos, serán factores todos que contribuirán a enxergar un futuro complicado. Non é descartable que, como pensa Anguita, esteamos diante da estratexia do gattopardo, mais tampouco que a vontade cidadá promova mudanzas imprevistas.

Onte 994: Encrucillada en Compostela

fotonoticia_20140304205835_800

Semella que onte foi máis doado que abdicase El-Rei ca demitisen os sete concelleiros do Partido Popular de Compostela inhabilitados xudicialmente durante nove anos para exercer cargo público. A súa condena por prevaricación abre unha encrucillada para o actual alcalde popular e para o propio Feijoo, como presidente do partido, xa que deberán decidir decontado o que cómpre facer no pazo de Raxoi, se o grupo municipal popular nomea edís electos (ao abeiro da lei de cidades), o que tería dubidosa lexitimidade institucional, ou se a Xunta de Galicia intervén o concello, unha posibilidade que tras as recentes declaraciós de Feijoo sobre a corrupción non sería desbotable. Como tampouco semella un disparate a «demisión» do propio alcalde Ángel Currás, tamén imputado. Difícil era acreditar que a herdanza política de Conde Roa dese tanto de si: fraude fiscal, demisións, enchufes, prevaricacións e imputacións no caso Pokemon. En Raxoi tamén se vive unha fin de etapa.

Onte 993: Fin da feira do libro de Vigo

Feira_Libro-Vigo_30-05-2014

Pechou onte a cuadraxésima edición da Feira do Libro de Vigo. Na miña opinión o balance non é plenamente satisfactorio. Ben é certo que os concertos de música infantil organizados por Galaxia foron un exitazo, sobre todos os da fin de semana, como algunhas presentacións e asinaturas de Xerais, singularmente de autores e autoras viguesas. Xaora, nin o número de expositores nin o de visitantes (descoñezo a contía das vendas) acadou as expectativas. Como tampouco me pareceron axeitadas nin as datas escollidas para celebrala, coincidindo cos dez últimos días do mes, nin a ubicación das casetas no corredor exterior da Alameda, que pola súa proximidade ao carril-bus non facilitaba a circulación, chegando a resultar nalgúns momentos perigosa. Como tampouco foi para botar foguetes a escasa presenza publicitaria da feira tanto nos espazos e transports públicos da cidade como nos medios de comunicación locais. Nesta feira da Alamedacontinúa faltanto implicación do concello de Vigo, tanto a nivel da dotación da infraestrutura e dos servizos coma no seu encaixe dentro das políticas culturais e de fomento da lectura locais, moi minguadas no actual mandato de Abel Caballero. Para a vindeira edición é impresindible recuperar o calendario de inicio de mes, non sei se en xuño ou en xullo, como reubicar as casetas e carpas no corredor interior da praza. É imprescindible para iso que o concello de Vigo a Agrupación de Libreiros manteñan un contacto permanente ao longo de todo ano. Vigo merece outra feira do libro, á altura do seu carácter de cidade metropolitana, a actual mantense aínda moi lonxe do pulo da de Coruña na primeira decena de agosto.

Onte 992: Admirado Fernando

CELTA-4-CAMESELLE.jpgFernando Vázquez repetiu a proeza do ascenso. Como xa fixera co Lalín, co Racing de Ferrol e despois co Celta, a quen levou de segunda a Champions, o Deportivo recupera da súa man a primeira categoría. Axeitándose ao cadro mutante de xogadores do que dispoñía, a pesar da crise societaria máis grave da historia deportivista, destitución de Lendoiro incluída, Fernando conseguiu o obxectivo de devolver ao Coruña á élite. De Vázquez admiramos o seu rigor táctico e a súa capacidade para contaxiar ao seu equipo confianza nas propias posibilidades. De Fernando admiramos tamén o seu compromiso cívico expresado no apoio as causas cidadáns e á defensa da lingua galega, que da súa man comeza a abrazar tamén o Deportivo como club. Sei que a vindeira tempada Fernando Vázquez será recibido en Balaídos como merece o mellor adestrador galego de todos os tempos, unha lenda. Parabéns para el e para os deportivistas por un merecido ascenso.

O retrato é do gran Guillermo Cameselle.

Onte 991: Tarde en Soutomaior

Soutomaior_30-05-14_Foto_G_SanctorumNo acougo do formidable castelo de Soutomaior, ao pé do máxico monte da Peneda e co arrecendo do fondo da ría, tras o convivio dun xantar farturento e sabedeiro, os tres xurados dos premios Xerais 2014 escolleron as obras finalistas. Para min é un dos momentos inesquecibles de cada ano na editorial, unha tarde de intenso traballo dos xurados, alongada onte inusualmente, destinada a compartir as súas horas e horas de lectura en soidade. Sei que a experiencia destes xurados formados por lectoras, que Xerais convoca dende hai máis de dúas décadas, é xeralmente feliz para as participantes, aínda que nunca sexa para elas doado o momento de escoller. Nesta edición o predominio das lectoras nos xurados é moi claro, apenas 4 homes de 18 persoas, o que expresa o proceso de clara feminización da lectura literaria en Galicia. Un feito que debe ser destacado. O vindeiro sábado, 7 de xullo, coñeceremos os ditames dos xurados, tras unha semana de relectura das dez obras finalistas. Ler e reler.

Grazas a Gracia Sanctorum pola fermosa foto e pola axuda proporcionada.

Onte 990: Preferentistas

Preferentistas_29-05-2014No serán de onte vin a enésima manifestación dos preferentistas diante da porta da sede da Caixa en Vigo. Non chegaban a un cento. Berraban e berraban: «Hasta los cojones de estos ladrones», «Si se puede, si se puede…». Faro anuncia esta mañán a disolución das plataformas de Vigo e da Coruña, «ao considerar que a maioría dos afectados recuperaron os seus aforros», así como a preparación das súas mobilizacións de despedida antes da disolución. A loita dos preferentistas estafados por xestores das caixas sen escrúpulos, os mesmos que levaron ás entidades á desfeita, como a loita dos membros das plataformas contra os desafiuzamentos, foi un esforzo que non resultou inútil. A súa resistencia pacífica, teimosa e creativa fronte estes abusos permite enxergar un horizonte de esperanza. Que a maioría recuperasen os seus aforros, ainda que non está pechado o conflito, demostra a utilidade desta resistencia ghandiana.

Onte 989: Pedro Petouto en Vigo

Pedro_Petouto_28-05-2014

Excelente presentación na Feira do libro de Vigo da quinta edición de Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo, o libro narrativo de Xesús Alonso Montero, actual presidente da Real Academia Galega. Iniciou o acto o profesor Modesto Hermida que abordou os valores literarios dunha obra que definiu como «pequenísimo libro, compendio xigantesco de principios ao xeito dun certo catecismo laico». Para Hermida «Pedro Petouto é un texto narrativo con todas as da lei, non exento de intensa liricidade. Un libro no que se sintetizan as inquedanzas de Xesús Alonso Montero da literatura social, da literatura como servizo á cultura». Tras referirse a intriga suscitada no seu momento pola utilización por parte de Alonso Montero deste heterónimo e citar as valoracións que de Pedro Petouto fixeran autores oomo Víctor Freixanes, Fernando Salgado, Claudio Rodríguez Fer e Victoria Ruíz de Ojeda, establecendo a súa relación co Juan de Mairena de Antonio Machado, rematou Modesto definíndoo como «libro narrativo, comprometido e entrañable». Interviu despois o profesor Antón Costa que leu un moi fermoso texto no que demostrou a existencia de Pedro Petouto, froito das súas investigacións no eido da Historia da Educación.

XG00225401Comezou o seu discurso o profesor Alonso Montero salientando que o gran texto literario de Antón Costa merecería ser incorporado polo editor como anexo en futuras reedicións de Pedro Petouto. Despois lembrou a Ramón Acal, o editor da primeira edición do libro na colección Arealonguiña na editorial Akal: «Ramón Acal é un dos tipos máis listos que deu Europa. Un home moi culto que sabe o que hai que editar para vender e para influír na sociedade». Lembrou despois o profesor as edicións anteriores da obra, tanto as tres consecutivas sinaladas por Akal en 1974, como a realizada en 1999 pola Fundación 10 de marzo en colaboración coa Universidade de Compostela, cando aínda era profesor da facultade de Filoloxía. A seguir, don Xesús lembrou que os primeiros capítulos foran escritos e publicados no ano 73 no semanario vigues El Pope, no que traballaba Xosé Armesto Faginas, «un home, bo, xeneroso, extraordinario, que merece todo o noso recoñecemento e lembranza».

Alonso explicou as razóns polas que escribiu Pedro Petouto, que non foron outras que para eludir a censura. «Todos os que escribiamos no franquismo tiñamos unha certa habilidade de autocensurarnos para evitar a consulta voluntaria establecida por Fraga Iribarne. Eu daquela estaba na miña etapa de fervor marxistizante e pensei que inventando o personaxe deste mestre subverisvo podería dicir algunhas cousas. Fixen algunhas afirmacións de tipo socialista que nun artigo asinado pola miña pluma non sería permitidas». Aclarou, don Xesús, que se ben Pedro Petouto fora unha invención súa, o nome si que existiu. «Un canteiro chamado Pedro, que tiña por alcume “Petouto”, foi o que preparou a cantería da casa nosa da Grova, que habitamos dende 1941. Era un comunista das silverias, convencido de que non debía haber pobres». Referiuse a adicatoria da primeira edición, que conserou en todas as posteriores, a catro figuras extraordinarias do movemento obreiro galego e a un cura da montaña lucense comprometido coa xustiza. A seguir debullou como levou a Pedro Petouto polos camiños da literatura, facéndoo participar no segundo enterro de Rosalía, no banquete de Conxo sendo un adolescente ou a ler ao Unamuno socialista. Por último, Alonso Montero confesou a súa devoción por Antonio Machado: «Se hai un escritor para min, ese é Antonio Machado, o seu verso e a prosa de Juan de Mairena, un dos grandes libros da prosa española do século XX. Ademais admiro de Machado a exemplaridade da súa biografía. Non dubido que é o escritor que maís influíu en min, mesmo por riba de Rosalía ou de Curros».

Onte 988: O fío do vermello de An Alfaya

Presentacion_O_fio_vermello_27-05-2014

A editora Helena Pérez e o escritor Antón Garcia Teijeiro presentaron onte O fío vermello, o libro máis recente de An Alfaya publicado por Xerais na coleccíon Merlín. Comezou o seu discrso Antonio expresando a sua convicción de que a literatura debe estar cerca dos nenos, dos lectores en formación. Confesou sentirse identificado coa concepción da literatura de An Alfaya: «unha autora que ten unha voz propia, non fai concesións, sabe que nunha novela ademais da trama son moi importantes os personaxes e os seus sentimentos». «An Alfaya escribe literatura de personaxes, interésanlle máis as emocións que os feitos. An ten un espírito de escritora comprometida coa literatura». Comentou, despois, O fío vermello, que definiu como «novela de personaxes moi vivos, personaxes que representan o amor, a superación, a amizade e a tenrura». «”O fío vermello” é, tamén, a metáfora da dignidade de Carlo, o rapaz que se pecha na terraza onde escruta o firmamento agardando pola chegada do seu irmán. É a metáfora da acción, do desexo de actuar sen renunciar a súa convicción». Rematou as súas palabras Teijeiro cualificando O fío vermello de «libro enxeñoso, comprometido co ser humano, un libro de altura, escrito con claridade e intelixencia. Non se pode dicir máis, só cómpre lelo».

Comezou An Alfaya as súas palabras dicindo que para ela non hai temas para nenos e outros para adultos, «só cómpre facer un esforzo para achegarse aos nenos e adolescentes». Confesou que lle interesaban as aventuras emocionais, «preocúpame o que lle fai sufrir ás persoas, eses conflitos que cómpre sacar fóra». «Sei que algúns dos meus textos poden ser considerados duros xa que se tratan temas duros, porque non toda a realidade é guai», engadiu. Enumerou algúns deses temas abordados en libros anteriores, a Sida n’ O caderno azul, a soidade dos sen teito en Illa soidade, a nai na cadea no Aroma do liquidambar, para referirse, despois, O fío vermello, «unha novela protagonizada por un neno decepcionado polo mundo adulto, que cando recibe unha grande mentira decide rebelarse de forma pacífica, decide pecharse nun lugar e non falar nunca máis, un xeito de tirar do nobelo que teñen que resolver os adultos». «Un personaxe, Carlo, que necesita unha fuxida, cara o mundo dos soños, que atopa nas estrelas fugaces, as Perseidas, ás que pide un desexo que no plano da razón non se pode cumprir».

Magnífica presentación seguida por un numeroso grupo de persoas que ateigaron a carpa da Feira do Libro viguesa nun serán chuviñento.