Volve Richard Sennett
Para o pensador social norteamericano os traballadores estamos sometidos a unha inevitable corrosión do carácter provocada pola agresiva cultura relacional do que el chama “capitalismo impaciente”. Vivimos nunha era da fragmentación, onde cada individuo debe encarar o reto de definirse a través de constantes mutacións profesionais en ausencia de institucións capaces de dar sentido á vida (o que podemos definir como “precarización” da empresa por medio da externalización dos seus servizos). Reto ao que habería que engadir outro non menos complexo, o de dar a talla na chamada “sociedade das habilidades” na que o talento xa non se valora e as competencias do individuo quedan axiña obsoletas (o que supón a dificultade ou a imposibilidade de facer planos a longo prazo, a presenza do fantasma da inutilidade dos mozos ben preparados como outro paradigma da fragmentación). Retos, os anteriores, ao que habería que sumar o da necesidade de buscar un lugar dende o que sexa posible manter vencellos co pasado que sexan capaces de explicar argumentos de vida que cadaquén debe ir tecendo (que remiten aos fenómenos da “soidade acompañada” ou da desigualdade cada vez máis vencellada cos fenómenos do aillamento).
Este novo libro de Sennett, para min moito máis claro que os dous anteriores, constitúe dende unha perspectiva moral un alegato contra a “cultura da superficialidade” na que o consumismo desaforado (Viva o o Nadal!) substitúe á politica e os apaños e a solidariedade familiar ás medidas sociais. Sennett remata o seu ensaio reivindicando unha nova cultura do traballo ancorada en tres grandes valores, que considera decisivos:
–O relato: procurar o sentido de conexión narrativa no traballo, atopar o argumento ou sentido do que facemos. Sennett apunta como iniciativas innovadores deste esforzo as realizadas nos Estados Unidos e na Gran Bretaña para dar forma ás “institucións paralelas” que tratan de facilitar aos traballadores a continuidade e a sostibilidade ausentes nas organizacións flexibles e a curto prazo, as experiencias de “emprego compartido” e as de “ingreso básico”.
–A utilidade: procurando, sobe todo nos servizos públicos, un recoñecemento socialmente inclusivo de todo tipo de traballos.
–O espírito artesán: definido como “o desexo no traballo de facer ben algo polo simple feito de facelo ben.”
Un libro de referencia, a contracorrente, que nos interroga continuamente e que axuda a mellor entender o noso tempo presente. Recoméndoo.