«Penélope», a versión de Fuxan os Ventos
Fantástica a versión de Fuxan os Ventos da «Penélope» do poeta Xosé María Díaz Castro, a quen se pode escoitar recitar o poema. Paga moito a pena como recurso didáctico.
Fantástica a versión de Fuxan os Ventos da «Penélope» do poeta Xosé María Díaz Castro, a quen se pode escoitar recitar o poema. Paga moito a pena como recurso didáctico.
Foi un gran acerto que na presentación do novo GCTendencias (moitos parabéns e azos) no Abastos 2.0 se presentasen unha nova cervexa artesá das adegas Menduíña, María Soliña, e a última novela de Pemón Bouzas, A voz do vento, na que se afonda no personaxe histórico de María Soliño, un dos mitos galegos universalizado nun poema de Longa noite de pedra.
Gustei dese diálogo entre a cultura gastronómica e a literaria, desta volta vencellada por un personaxe que representa a loita pola dignidade da muller, de todas as mulleres, nun tempo de fanatismo relixioso e profunda crise moral. Ese foi o marco da moi fermosa intervención na que Pemón Bouzas presentou a figura de María Soliño no marco histórico e social da crise que en Cangas, até entón a vila máis puxante da ría, provocou a invasión turca de 1617. «Aquela sociedade que comerciaba cos arrieiros de Castela e cuxo galeóns comunicaban decote con Porto, viu como a cobiza, os abusos de poder e o fanatismo arrasaban co seu espírito emprendedor». Non e moi difícil traer á actualidade aquela catástrofe e proceso de profunda mudanza social, relatada nas páxinas d’ A voz do vento, e relacionala coas corruptelas e outras barbaridades morais que se veñen producindo ao fío da crise de devaluación interna e dos seus abusos.
Quen lle ía dicir ao bo de Celso Emilio Ferreiro que aquela María Soliña que cantou hai cincuenta anos sería a icona de dignidade de persoas preferentistas, desafiuzadas e milleiros de desempregadas e empobrecidas por esta crise do século XXI?
Presentamos no serán de onte na Feira do Libro de Compostela Vapor, a novela coa que Pere Tobaruela desvela o seu heterónimo feminino de Lea Tobery. Un xogo literario, iniciado coa publicación da novela Resurrección, de quen a presentadora, a escritora Ledicia Costas, definiu con ironía como «un mentireiro divertido, que gusta de engaiolar ao público, un ousado e un farsante, que xoga coa literatura para seducir aos seus lectores e lectoras».
A coidada construción do heterónimo de Lea Tobery obrigou a Tobaruela a dotalo tanto de personalidade (unha xove escritora estadounidense casada cun axente literario, contadora de fenómenos paranormais e lectora letraferida) como de singularidade literaria e estilística, especializándoa en novelas xuvenís románticas, relatos onde se poñen en xogo moitas emocións, viaxes cara a fronteira existente entre o real e o irreal. O propio Tobaruela confesou na presentación que quixo que a farsa fose auténtica e que, como fixera Fernando Pessoa cos seus heterónominos, cando escribía como Lea Tobery pretendía afastarse estilisticamente o máis posible de cando escribía como Pere Tobaruela en novelas como Poñente ou O códice do Santo Lugar.
Na actualidade dous dos casos máis salientables de utilización do xogo do heterónimo literario son o do escritor irlándés John Banville, que asina as súas novelas de xénero negro como Benjamin Black, e o do arxelino Mohammed Moulessehoul, que despois de publicar seis novelas co seu nome real decidiu refuxirase no heterónimo feminino Yasmina Khadra (xazmín verde). Na literatura galega son ben coñecidos os heterónimos de Ferrín (Dosinda Areses, Heriberto Bens), Paco del Riego (Salvador de Lorenzana) ou Celso Emilio Ferreiro (Arístides Silveira), por só citar algúns.
Veu esta fin de semana chea de boas noticias de premios. Tras o anuncio do da Crítica 2013 no eido da poesía para Raíz da fenda de Berta Dávila, onte se realizou o ditame dos Losada Diéguez que foron para duas obras editadas por Xerais, Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, na categoría de Creación, e Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza de Antón Cortizas, na de Investigación. Tres libros de excelencia, apoiados polo lectorado, que agora son recoñecidos pola crítica literaria e pola comunidade académica. Tres premios estimulantes que avalan o noso compromiso coa edición cultural, un dos eixos do noso proxecto editorial. Boa colleita a do difícil 2013. Parabéns a Berta, Cesáreo e Antón!!!
Memorable foi a presentación de onte na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo d’ O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte, o libro de Irene e Rodrigo Pérez Pintos. Cento e moitas persoas seguiron as intervencións de Pablo Carrera, Pilar Barreiro e os autores sobre un libro tan singular na edición galega coma fermoso e atractivo.
Pablo Carrera disertou sobre os gabinetes de curiosidades e o papel do coleccionismo privado de láminas, gravados, bestiarios, obxectos exóticos e raros, marabillas que derón pé ao asombro da xente, sendo en moitos casos a orixe dalgúns dos grandes museos do século XX. Pilar Barreiro relatou con moito pulo narrativo como atopou información sobre Arxentino da Rocha, o protagonista do libro, cando na súa viaxe a Iquitos no Perú procuraba datos sobre a estancia alí do seu avó emigrante Wenceslao Barreiro.
Por último, Irene Pérez Pintos presentou os contidos do libro, no que identificou catro partes: a incrible biografía de Arxentino, o ensaio sobre o gabinete de curiosidades, o inventario de 622 do gabinete argallado por Arxentino e as fichas catalográficas máis destacadas do inventario, nas que hai unha forte presenza visual. Rematamos a presentación cantando o «Grándola» e curioseando entre as vitrinas e mesas nas que até o vindeiro martes se expoñen unha boa parte das pezas e obxectos imposibles catalogadas no libro.
Sen dúbida este libro marabilla e sorpresa –ilustrado por Ramón Trigo e polo fotógrafo Manuel Vicente, mimado na edición por Ramón Domínguez– está chamado a converterse nun referente do noso catálogo e das bibliotecas públicas, escolares e familiares. Como dixo Irene Pérez Pintos «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte é un libro para ler e para ir lendo, para mirar os santos e a letra». Aventuro que será un deses títulos polos que o tempo non vai pasar por eles, un libro arca, chamado a perdurar.
Chegaron onte os primeiros exemplares d’ A viaxe de Gagarin, a nova novela de Agustín Fernández Paz que publicamos en Xerais Narrativa. Xaora, Agustín abriu o Blog Gagarin coa intención de compartir cos lectores e lectoras da novela a rica e amplísima documentación (textual e audiovisual) utilizada na súa escrita. Sen dúbida, este blog constituirá un interesantísimo espazo de edición estendida, como ben se pode comprobar coa primeira das súas entradas dedicadas ao inicio da carreira espacial, no que quedará reflectido o campo sociohistórico sobre o que se sitúa a novela.
A viaxe de Gagarin é unha novela de formación que retrata o proceso de transición dun adolescente, fillo dunha familia antifranquista vencellada co mundo do libro (o seu pai é impresor, a súa nai libreira), no contexto da sociedade galega dos sesenta, anos aínda da ditadura de Franco, de represión e loita das liberdades, mais tamén de comezo da era espacial e da modernización das tecnoloxías domésticas, onde se produciron e xeraron cambios decisivos. Unha novela tamén da memoria na que se homenaxea a toda unha xeración de militantes antifranquista, que sufriron a persecución e a tortura da Brigada Política Social, enfróntándose aos procesos do TOP.
Sei que A viaxe de Gagarin é outra obra lograda, memorable e emocionante, dun mestre indiscutible da nosa narrativa. Non podo agochar a miña ledicia en podermos acompañar dende a editorial a Agustín neste novidoso, cremos tamén que inédito vieiro, do lanzamento dunha novela coa escrita dun blog no que se debulla e comparte a documentación do contexto e da ambientación. Pura edición estendida e compartida cos lectores e lectoras, xenuina narrativa 2.0.
A Librería Miranda de Bueu ofrece outro escaparate monográfico de libro galego, o dedicado ao libro disco de Pablo Díaz Toc Toc publicado pola editorial Galaxia.
Foto tirada do Facebook da Libraría Miranda o 9 de abril de 2014.
Subimos outro excelente booktrailer, o do libro de Xabier P. Docampo A illa de todas illas, no que as ilustracións de Xosé Cobas e as imaxes dalgunhas das películas de aventuras sintetizan en pouco máis dun minuto o contido dunha obra que reivindica os grandes libros de aventuras como fulcrais na conformación da lectura literaria.
Sei que é unha fortuna contar con estas pezas audiovisuais xa que como onte chiaba Javier Celaya o seu uso ten un impacto directo na venda dos libros, segundo un ponente dunha sas actividades previas de The London Book Fair que abrirá hoxe as súas portas. O booktrailer é outra xanela de visibilidade para o libro galego. Paga a pena promovelos e viralizalos.
Escaparate da Libraría Pedreira de Santiago.
Foto tirada do Facebook de Miguel Moreira o 6 de abril de 2014.
Escaparate da librería Aldova, instalada no Centro Comercial Ponte Vella de Ourense, con motivo da presentación de Sete Caveiras de Elena Gallego.
Fotografía tirada por Elena Gallego o 4 de abril de 2014.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).