Centenario Lueiro

Dedixo o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario do nacemento do escritor Manuel Lueiro Rey:

imgresO pasado sábado, 9 de abril, celebramos en Fornelos de Montes o centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rey, o escritor solitario afincado no Grove, que traballou como funcionario na delegación de Facenda de Pontevedra. A entrega da IVª edición do premio que leva o seu nome ao vigués Marcos Abalde Covelo; a presentación dunha nova edición de “Non debían medrar”, a súa novela da memoria e das pombas e a estrea dun fermoso audiovisual didáctico preparado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes foron oportunidades para homenaxear a este escritor vocacional e de esquerdas que ao longo de catro décadas cultivou a narrativa, a poesía e o ensaio. Un acto emocionante no que o seu biógrafo e primeiro estudoso, Ramón Nicolás, e o seu amigo e valedor, o profesor Xesús Alonso Montero, retrataron unha figura humana na que espellarse, pola súa honradez, ponderación e integridade, valores cicelados na súa autoesixencia de labrar o territorio da palabra, nun mesmo compromiso estético ca cívico.

Dende a publicación en 1950 de “Nacencia. Cuentos y poemas”, o seu primeiro libro, asinado co pseudónimo de Gudea, do poemario “Juncia de amor y vida” na colección Alba (1959), da novela “Manso” (1966), cuxa versión primeira foi publicada mutilada pola censura, como das numerosísimas colaboracións en xornais e revistas literarias como “Litoral”, “Faro de Vigo” ou “La Noche”, Lueiro desenvolveu unha obra en castelán comprometida, debeladora de certas feridas históricas e da súa militancia clandestina dende finais dos anos corenta no Partido Comunista, o que non lle impediu ser recoñecido e obter numerosos premios, mesmo na Galicia emigrante.

Dende comezos do anos setenta, animado por Xesús Alonso Montero e polos azos achegados polos exiliados americanos (Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste e Lorenzo Varela), cos que amizara en tres viaxes a América, onde confesou “atopara unha nova vida”, iniciou a súa obra literaria en galego. Será nas Edicións do Centro Betanzos onde en 1971 publique “Un tempo de sol a sol (poemas do neno galego)”, libro ao que seguirá a noveliña de iniciación “Non debían medrar” (Ediciós do Castro, 1974), o libro de relatos “O sol na crista do galo” (1982) e os seus poemarios “Escolma ferida” (1977) e “Nova escolma ferida” (1988), nos que comparte unha paixón ética e estética, que el definiu como “ferida”, onde non é difícil identificar a guerra civil como a traxedia que marcou a ferro toda a súa vida.

Manuel Lueiro é autor, ademais, de “Sonetos a la ciudad de Vigo”, obra pola que obtivo o primeiro premio dos “Juegos Florales” Ciudad de Vigo de 1960, publicada no mesmo ano en Pontevedra, nos Talleres Hijos de Eladio Portela, e reeditada en 1990 baixo o título “Vigo en tres paisajes”, libro moi fermoso e de gran formato que Lueiro preparou días antes do seu pasamento, ilustrado e deseñado polo seu amigo o pintor Antonio Chaves Cuíñas.

Ler os trece sonetos de Lueiro sobre a cidade de Vigo estremece. Despois de máis de cincuenta anos estes versos manteñen a mesma frescura e forza que cando foron escritos. Máis alá da altura da evocación da paisaxe da cidade amurada, da luz e do vento desbocado azoutando ás Cíes; da potencia do mar, ese glauco camiño, salinado; ou do transcorrer das horas e o seu silencio envolvendo a cidade coas súas notas, as imaxes de Lueiro apuntan certeiras sobre o cerne da cidade que fomos, que somos e que queremos ser:

“Pero tú quedarás, Vigo pujante,

atado al yugo del esfuerzo cierto,

en pugna día a día, en la batalla”.

O Vigo de Lueiro estreita os alentos, as esperanzas nesa cidade dos traballadores do martelo, da roda e da máquina:

“Vigo, pujante, con la frente erguida,

le regaló el trabajo, el campo, el puerto,

para ser hoy la abeja de la orilla”.

Humanista comprometido, eticamente esixente na defensa das súas conviccións democráticas no tempo podre da ditadura, Manuel Lueiro Rey comprendeu como poucos á alma viguesa. Desde que a coñecín, apropieime deliberadamente da metáfora da “abella da ribeira” de Lueiro para referirme á cidade tan complexa e revolcada como é Vigo. E cada vez que o fago cito co respecto debido ao seu autor, coa intención de lembralo e reivindicalo.

No centenario do seu nacemento, unimos a nosa voz ás das persoas e institucións que abrazan a “Causa Lueiro”, que reclama con boas razóns un día das letras galegas para Manuel Lueiro Rey. Xaora, a cidade de Vigo debería incorporarse dalgunha maneira ao programa de actividades literarias deste centenario de Lueiro, promovido polos concellos de Fornelos de Montes (un dos membros da Área Metropolitana de Vigo) e do Grove, así como pola Deputación de Pontevedra, ademais de colaborar na recuperación e divulgación destes sonetos, unha das obras literarias máis salientables de exaltación da alma viguesa.

 

Onte 1639: “Non debían medrar”

XG00259301Con motivo da celebración do centenario de Manuel Lueiro Rey esta semana chega as librarías a edición de Non debían medrar preparada e introducida por Ramón Nicolás. Publicada en 1974 por Ediciós do Castro, apenas seis anos despois da segunda de Memorias dun neno labrego, esta noveliña de iniciación, onde a oralidade e a memoria teñen un peso importante, supuxo o debut de Lueiro na narrrativa en galego, que confirmaría case unha década despois cos magníficos relatos d’ O sol na crista do galo. Lueiro non desvela o nome do seu Balbino que aos corenta e oito anos lembra os días da súa infancia, desque mexaba na cama, até que sendo un homiño foi ingresado nun reformatorio “onde todo era de pedra”, por roubar uns grans de millo cos que axudaba a súa nai. Un retrato estremecedor daquel ano 41, tempo de fame e desamparo, da máis dura posguerra, onde tiña tanto peso a igrexa. A presenza permanente das pombas ofrece unha fermosa metáfora da reivindicación da esperanza e da amizade. Unha novela que despois de catro décadas non perdeu nin brillantez nin atractivo. Un gran Lueiro.

Onte 1636: Caride en Pontevedra

XG00246701Presentamos onte na Feira do Libro de Pontevedra Liquidación de existencias de Ramón Caride. O presentador do libro, o escritor Xesús Constela, comezou referíndose ao centro comercial e o polígono outlet como metáforas da sociedade actual, onde todo está rebaixado, onde todo está descatalogado ou de saldo. “Ao polígono outlet van parar todas as excrecencias da sociedade, os seres humanos convértense alí en mercadorías, xente que está de rebaixas como prostitutas, mulleres  maltratadas, desempregadas, estafadas ou desafiuzadas”. “Ese é o espazo onde Caride localiza os seus relatos, todos eles cheos de realidade, en boa parte tirados das noticias dos xornais”. Seguiu Constela referíndose a “Dous de copas”, a micronovela fragmentada ao longo da obra, “onde Caride manexa a intriga, a retranca e a linguaxe dunha maneira perfecta, creando unha atmosfera envolvente para dous rapaces que pretenden dar un golpe que lles solucione a vida”.

Ramón Caride confesou que boa parte dos relatos naceran de noticias do xornal. “O arranque de “Dous de copas” foi un titular que lin na Voz de Galicia referido a dous mozos simpáticos e de boa familia que sufriran un accidente de tráfico”. “Todos os relatos do libros comparten unha atmosfera apocalíptica, onde todo está en venda, tanto mercadorías como persoas”. “Liquidación de existencias é unha tentativa de escribir despois da cicloxénese low cost da crise que nos afectou en todos os ámbitos das nosas vidas, nos culturais e nos outros. Mudaron os séculos, pero seguimos cos mesmos distribuidores. Sei que todo non cabe nos contos, pero as novelas acaban como acaban. Liquidación de existencias supón un berro neste deserto emocional”.

Onte 1635: Na Feira do Libro de Pontevedra con Álex Alonso

XG00246601Comezamos onte en Pontevedra a tempada de presentacións nas Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros. Fixémolo co libro de relatos de Álex Alonso, Tempo de bebidas isotónicas e fast-food, obra gañadora do Premio Ánxel Fole 2015, e coa edición que Anxo Angueira preparou de Follas novas de Rosalía de Castro. O bo serán de primavera foi un aliciente para que a praza da Ferrería pontevedresa estivese moi animada, o que ben agradecimos.Na súa intervención, Álex Alonso definiu o seu libro como “unha expresión dun estado de ánimo indignado, unha denuncia da corrupción, da precariedade, do paro, dos desafiuzamentos, da estafa das preferentes, do acoso escolar, da violencia contra as mulleres ou do racismo”. “Quixen que o libro fose coma un caleidoscopio da sociedade actual, un mosaico onde cada un destes problemas tirados das páxinas dos xornais fose unha peza, procurando unha lectura acedamente divertida”.

Onte 1633: “O anxo negro” de Manuel Gago

logo_anxo_negro_bllt

Recomendo vivamente seguir as iniciativas que Manuel Gago prepara na rede para o lanzamento d’ O anxo negro, a novela coa que debuta na narrativa no mes de maio. Ademais de gozar das pezas audiovisuais, no web do libro pode participarse nunha experiencia singular de comunicación entre o autor e o lector, previa á publicación do texto.

Onte 1632: “A cacería” de Amadeo Cobas

XG00252801Presentamos en Noia A cacería, a novela de Amadeo Cobas, gañadora do premio de novela curta cidade centenaria. O escritor Ramón Carredano definiuna como “unha novela de aventuras pura e dura ao xeito máis clásico, onde existen batallas e amores, heroes e viláns, escrita cun ritmo trepidenate, capaz de levar ao lector dacabalo sen presa, mais sen pausa, sen nunca chegar a afogalo”. “Mais tamén unha novela curta, concisa e conceptual, caracterizada pola economía de recursos, onde non sobra nin falta nada,” “A cacería narra o proceso de iniciación de Zairo, o neno co que comeza a historia, o home coa que remata esta narración ambientada nun tempo e un espazo mítico”. Pola súa banda o autor confesou que “o máis verídico da novela é o escenario, as montañas da Barbanza e as do Pireneo aragonés”, “a novela foi escrita en galego no Pireneo, sendo unha mestura da montaña galega e das penalidades que vivín a tres mil metros”. “A cacería é unha historia guerreira e de amores na que pretendín levar aos lectores onde non pensan.”

Onte 1629: Activismo literario de Xerais

Que_non_te_aten_Cafetaria_Vilariño_Ponte_Carreira_31-03-2016

Foi onte outra intensa xornada de activismo literario de Xerais, no que durante o serán se desenvolveron tres presentacións simultáneas doutras tantas novidades recentes da editorial. Na Numax de Compostela, Fran Alonso e Alba Cid acompañaron a Ismael Ramos na presentación do libro de poemas Os fillos da fame, premio Johán Carballeira do concello de Bueu. No salón de plenos do concello de Ribeira presentamos a obra xuvenil A cacería de Amadeo Cobas, gañadora do premio de novela cidade centenaria, ao tempo que asinabamos co alcalde a continuidade da nosa colaboración neste certame de narrativa curta. Xa case na noitiña na Cafetaría Vilariño de Ponte Carreira o incansable Manuel Iglesias Turnes presentaba Que non te aten, contando coas intervencións de Pilar Sampedro e Cándido Iglesias e coa colaboración da Libraría Pedreira. Activismo que continuaremos esta fin de semana con novas convocatorias literarias. No serán de hoxe na Biblioteca González Garcés da Coruña cunha nova presentación de Que non te aten, que pechará a actuación dos Cantareiros do Naval. O sábado á tarde Xurxo Souto prresentará na Biblioteca de Muxía o seu espectáculo “Oceano para terrícolas”, baseado nos seus Contos do mar de Irlanda. Ao mesmo tempo no Liceo de Noia Amadeo Cobas presentará A cacería da man do escritor Ramón Carredano, acto co que a editorial celebra o día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Comezaremos os actos da vindeira semana o martes na Fundación Luís Seoane da Coruña, onde o alcalde Xulio Ferreiro participará na presentación d’ A Galicia urbana. En Pontevedra acompañaremos na primeira feira do libro deste 2016 a Alberto Fortes, Ramón Caride, Álex Alonso e Anxo Angueira que presentarán as súas novidades, actos que coincidirán coas presentacións da novela de Amadeo Cobas en Vigo e Santiago. Pecharemos a semana o venres na Casa do Libro de Vigo coa agardada estrea de Esmeraldina, a pequena defunta con Ledicia Costas e Víctor Rivas, protagonistas destacados tamén do Salon do Libro Infantil de Pontevedra. E o sábado ao mediodía presentaremos no concello de Fornelos de Montes a edición de Ramón Nicolás de Non debían medrar, coa que celebramos o centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rei e a entrega do premio de poesía que leva o seu nome.

O esforzo de Xerais procura visibilizar as nosas novidades en espazos e localidades diversas, procurando chegar a novos públicos. Nun momento de hibridación e de incerteza, cando desapareceron practicamente as políticas públicas de lectura e de apoio ao libro editado en galego, o futuro do noso sector está tamén na nosa capacidade para activar o interese dos lectores e lectoras e ampliar o perímetro do seu abrazo. Nesa angueira seguimos.

Onte 1627: Cajaraville premiado

hector-cajaravilleParticipamos onte no xurado da XVIII edición do certame de narración curta Ánxel Fole convocado polo concello de Lugo. Tras case tres meses de lectura, non foi doado escoller entre 62 orixinais, media ducia deles de gran calidade. Despois de moitos falares votamos entre tres obras finalistas resultando gañadora a títulada Once portas, que resultou ser de Héctor Cajaraville. Once portas é unha novela de lectura aditiva sobre a desaparecida muralla de Compostela. Coa habilidade que descubrimos en De remate, Héctor propón unha viaxe na historia, dende a cidade do Calixtino do século XII até hoxe, que axude a solucionar un enigma sobre a ubicación das portas e poxigos de Compostela. Cando a presidenta do xurado abriu a plica e coñecimos o nome de autor quedamos abraiados, xa que este é o terceiro premio literario que Cajaraville consegue nos últimos nove meses, tras o Xerais de novela e o Raíña Lupa de lix. Non hai dúbida que estamos diante dun escrtior completísimo, sólido, versátil, chamado a revolucionar a narrativa galega actual. Nestes días está chegando ás librarías a súa novela infantil Quen dá a quenda?, que resultou finalista do Prmeio Merlín de literatura infantil do pasado ano. Parabéns, Héctor!!!

Onte 1626: A corrupción financeira por Camilleri

portada_el-caso-santamaria_andrea-camilleri_201511300923Dentro do amplísimo catálogo de Andrea Camilleri, ademais das dúas ducias novelas negras protagonizadas polo comisario Montalbano e ambientadas na cidade imaxinaria de Vigàta, publicadas por Salamandra, cómpre non esquecer outras obras non menos interesantes publicadas por Destino na súa veterana colección Áncora y Delfín. Este é o caso de obras mestras da comedia como La concesión del teléfono ou La ópera de Vigàta ou thriller tan desacougantes como a recente El caso Santamarina, onde aborda o sofisticado entramado da corrupción. Mauro Assante, un rigoroso supervisor de entidades bancarias italianas recibe o encargo de preparar un informe confidencial sobre a situación da Banca Santamaria. Na súa vida de ordenado funcionario aparecerán entón situacións imprevistas e irrumpirán personaxes descoñecidas que acabarán por intimidalo até refacerlle a vida enteira. A mestría narrativa do siciliano permítelle tecer unha trama moi emotiva sobre os abusos do poder financeiro sobre o propio estado. Unha novela sobre a corrupción que non deixa fendas para a esperanza.

Onte 1623: «Paris-Austerliz», o derradeiro Chirbes

41I+qE6Hd5L._SY445_QL70_Despois de dous meses lendo para un concurso, aproveitei para meterme con Pais-Austerlitz, a obra póstuma do admirado Rafael Chirbes, á que dedicou dúas décadas de reescritura. Fose polas dimensións reducidas, polo fondo pesimismo como pola perfección da estrutura e da prosa, lembroume a Mimoun e La buena letra, dúas das súas primeiras novelas. Xaora, utilizando a confesión dun narrador en carne viva, acompañamos a unha parella, formada por dúas persoas de moi distinta orixe social e xeográfica, dende a euforia erótica do seu encontro até a súa derrota, amosando así que o amor non pode con todo. Nalgún momento o xove pintor afirma que «a fraseoloxía do amor pide que o consideremos algo nacido no fondo da natureza e, ao mesmo tempo, capaz de servir de envoltorio do enteiro universo». As páxinas duras de Paris-Austerlitz, reescritas cando a morte era presentida, expresan a desolación dos amantes diante da incerteza do seu futuro e do sexo como unha forma de dominación capaz de chegar a entolecer. Unha novela sobre a esencia tráxica do amor escrita coma testemuño artístico e moral dun clásico.