Onte 1261: «Medo político e control social na retagarda franquista»

image1

XG00214401Presentouse onte na Casa do Libro de Vigo Medo político e control social na retagarda franquista a voluminosa investigación do historiador Lucio Martinez Pereda publicada na serie «Memoria» da colección Xerais Crónica. Correu a presentación da obra a cargo de Ramón Nicolás que comezou confesando que a lectura do libro o sorprendera e inquedara, »axudándome a a valorar outras lecturas da literatura galega sobre o medo, a represión, as delacións, sobre todo as que se fixeron no ámbito docente». Sinalou Nicolás como na obra se fai fincapé nos mecanismos da chamada «represión fría», denunciándose as dificultades que teñen hoxe os investigadores para realizar o seu traballo tras a destrución de documentación e depuración de aquivos realizada nos primeiros anos da Reforma Política. Rematou a súa intervención Ramón Nicolás realizando un exercicio de lectura de xéneros comparados sobre o asunto das delacións, mesturando con grande mestría anacos da obra de Martínez Pereda con textos da literatura galega como Agosto do 36 de Xosé Fernández Ferreiro, Alba de mulleres de Carme Blanco, Home sen nome de Suso de Toro, Arrraianos de X.L. Méndez Ferrín, Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz, A loita continua de Claudio R. Fer, O sol na crista do galo de Manuel Lueiro Rei, Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro e Sentinela alerta de María Xosé Queizán.

Lucio Martínez Pereda leu a súa intervención que supuxo, como sinalou despois na súa quenda dende o público Méndez Ferrín «unha auténtica lección sobre os mecanismos da represión fría». Comezou Lucio sinalando que a súa intención fora «historiar aspectos até agora pouco coñecidos como a represión fría, esa caligrafía máis fina e branda, mais executada pola ditadura cun plano moi predeterminado, para ampliar o número de persoas represaliadas e para constituírse en ameaza constante». «A instauración dunha atmosfera de medo rendabilizaba os mecanismos de represión quente e cohesionaba á poboación indiferente.» Detívose despois o autor en abordar a cuestión da delación, das denuncias anónimas, que penetraron en todo o tecido social, reflexionando sobre a necesidade de estudar a fondo o colaboracionismo, coma se fixo en Francia e Alemaña.

Repasou despois outras formas desta represión fría como as incautacións e requisas e os expolios ás bibliotecas, para deterse no funcionamento dos xulgados de responsabilidades políticas, nas comisións de depuracións de funcionarios públicos e na persecución da masonería, á que se dedica a terceira parte da investigación. «A proxección da culpa sobre familiares e herdeiros, que herdaban os castigos económicos das vítimas, adiouse ate os anos sesenta», sinalou o autor para poñer en evidencia a brutalidade desta represión económica.

Xaora, dedicou o treito final da súa intervención a criticar o relato da equidistancia e da simetría das responsabilidades que Manuel Fraga e De la Cierva instauraron como único posible desde o Tardofranquismo, onde considera residiu a cerna da chamada Reforma Política que «non foi consensuada, foi imposta». Denunciou a destrución de fontes documentais decretada por Suárez en 1977 e a política de «cerrojazo documental» do actual goberno de Rajoy que deixou acabada por inanición a Lei de Memoria Histórica». Rematou sinalando Martínez Pereda que «non temos un problema de memoria histórica, temos un problema de Historia».

Onte 1251: CXTG Intersindical Ensino

CXTG_1986

Manuel Méndez de Moaña recuperou onte no seu muro de FB unha desas fotos que merecen ser conservadas no arquivo do blog. 45 persoas que hai trinta anos compartimos a candidatura da CXTG Intersindical da provincia de Pontevedra nas primeiras eleccións sindicais do ensino público. Toda unha xeración de ensinantes nacionalistas, hoxe felizmente xubilados na súa maior parte. Non puiden evitar a emoción que me provocou a presenza de Mª Victoria Moreno ou Vañentín Arias, ou a decepción de comprobar a escasa presenza de compañeiras, en profesión tan feminizada coma a nosa. Xaora, a pesar do paso do tempo, acredito que continuamos teimando nos ideais da escola galega.

Onte 1213: Vigo hai trinta anos

A publicación onte de Vigo no Nodo levoume a coñecer outra peza audiovisual recuperada por Beny García, Vigo no ano 1984, un paseo en coche cunha cámara amadora que fixo un tal Teo dende Travesas ao Berbés. Unha viaxe de apenas sete minutos pola memoria próxima, que comeza co documento social dos picariños xitanos da rúa Hispanidade e coa vertixe do tráfico da praza de América, onde se bota en falta a porta granítica maxestosa de Silverio Rivas dialogando coa xeometría trapezoidal do edificio Pernas. A cámara percorre Camelias, coa construción actual xa consolidada, anque identificamos o edificio das teresianas. En Policarpo Sanz, onde os municipais aínda regulan o tráfico, a cámara detense uns segundos na parada da libraría Cervantes, onde retoman a marcha dous vitrasas, na transición entre os vellos pegasos azuis e os novos modelos de cor vermella. Outrosí sucede en Colón, á altura de Cividanes e do cine Fraga, aínda en funcionamento. Tamén ten interese de seu o percorrido pola rúa Carral, baixando por diante da tenda de souvenirs de «La Guía», camiño da piscina do Náutico. A viaxe finaliza no Berbés, onde o coche do cameraman adianta ás »últimas carrexonas» camiño da lonxa. Unha imaxe hoxe incrible. A memoria da mocidade vivificada. Un documento visual que nos axuda a coller perspectiva da nosa vida e racionalizar o autorrelato.

Onte 1212: Vigo no Nodo

Non puiden resistir a tentación de deixar no arquivo do blog esta peza de Vigo no Nodo, un documento de máis dunha hora no que queda retratada a cidade dende 1944 até 1971, case tres décadas de franquismo. Dende as visitas e inauguracións de Franco e dona Carme (da Casa do Mar, da Cruz dos Caídos, da factoría de Citröen…) até a de Eva Perón en 1947. Dende a procesión dos pasos de 1948 percorrendo o paseo de Afonso até as obras de Peinador e as botaduras en Beiramar, propias dunha «potencia metalúrxica».Dende a chegada a bordo do Veracruz dos viaxeiros do Santa María secuestrado por Soto e o comandante Galvão (1961) até as partidas de emigrantes da Estación Marítima. Dende a inauguración da Madroa (1971) até o Festival Musical Pop Bahía de Vigo. Dende a inaguración da primeira feira Internacional da Pesca en Bouzas até a ubicación na ría dunha plataforma petrolífera. Xaora, a alfaia desta peza é a crónica do derbi en Riazor do 13 de abril de 1970, cando o Celta enviou ao Coruña, así o identifica o speaker en tres ocasións, a segunda grazas a un gol de falta do elegante Rivera. Unha marabilla. A nosa gratitude a Beny García polo seu paciente traballo recompilatorio.

A proxección de Parga Pondal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reivindicar a figura do científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, homenaxeado polo Foro Enrique Peinador.

isidro_parga_pondalA pasada semana, o Foro Enrique Peinador organizou unha homenaxe na Facultade de Química da Universidade de Santiago ao científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, a quen en 2014 dedicou o “Día da Galeguidade Empresarial”. Coa celebración dun acto académico presidido polos tres reitores, co descubrimento dun seu busto, colocado ao pé da que foi a primeira Facultade de Ciencias compostelá, onde Parga Pondal foi profesor até 1936, e coa publicación dunha valiosa biografía, “Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal” (2014), preparada por Ricardo Gurriarán Rodríguez, a entidade presidida por Xosé González Martínez chanta sólidos alicerces para a recuperación do esquecemento de quen para moitos foi o científico galego con maior proxección do século XX, tanto pola súa vizosa produción científica nos eidos da Xeoquímica e Xeoloxía, coma pola súa participación na comunidade investigadora internacional nestas disciplinas.

Nacido en Laxe en 1900, dende os 14 anos educouse en Santiago co seu avó, o médico Isidro Pondal Abente, quen lle arranxou no xardín da casa o primeiro laboratorio. Parga Pondal confesou nunha longa entrevista que lle fixo a Radio Galega en 1986, poucos meses antes do seu pasamento, que contara coa axuda do químico José Casares, amigo do seu avó, que lle ensinou “naquel laboratorio a facer as primeiras reaccións por vía húmida, a manexar o soplete e, sobre todo, a procurar sempre o descoñecido”. Afán científico que o levou a estudar Químicas en Madrid e unha vez rematada a carreira opositar a unha praza de profesor auxiliar de Química Inorgánica da recén creada Facultade de Ciencias. Coa volta a Compostela, abrazou a causa galeguista e incorporouse ao proxecto cultural do Seminario de Estudos Galegos onde presentou o seu primeiro traballo sobre o contido en iodo das principais algas mariñas das costas de Galicia, inxerido metodoloxicamente xa no marco da Xeoquímica, disciplina incipiente daquela. Anos de entusiasmo que o levaron a percorrer cos seus colaboradores o país noso na recollida de mostras de rochas e minerais e a participar en excavacións arqueolóxicas con espírito interdisciplinar.

Unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudos permitiulle en 1930 profundidar durante un ano no Instituto de Mineraloxía e Petrografía de Zúric na súa formación xeolóxica e publicar os seus primeiros artigos en alemán. En 1932 viaxou a Alemaña para investigar na Escola Técnica Superior de Berlín sobre a química do cemento, material sobre o que chegaría ser un grande coñecedor e sobre o que publicaría diversos traballos. As súas ideas políticas galeguistas e “manifestamente de esquerdas”, o seu posicionamento progresista no mundo universitario, no que defendeu a incorporación das mulleres aos equipos de investigación, definidas por Parga apenas como “ideas avanzadas”, provocaron tras o alzamento militar de 1936 a súa depuración como profesor e a súa prohibición de pisar os claustros da universidade e acudir ao laboratorio de Xeoquímica que montara.

Castigado como investigador, arruinada a súa carreira docente e obrigado a coller o camiño do exilio interior, atopou refuxio na vila natal onde tivo a fortuna de poñerse á fronte da empresa Kaolines de Laxe, na que tiña participación a súa familia. Xaora, na Costa da Morte recuperou o seu pulo investigador que desta volta, debido á precariedade de medios, dirixiu cara a Xeoloxía e onde crearía en 1940 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, unha universidade popular desde a que desenvolveu unha intensa actividade científica durante catro décadas. Durante este autoexilio, Parga compartiu o seu labor de investigación, que o levou a colaborar con numerosos científicos e universidades estranxeiras e a publicar centos de traballos, entre eles o “Mapa xeolóxico de Galicia” (1963) ou mapas de Galicia en relevo, coa actividade empresarial que levou a cabo cos irmáns Fernández López en empresas como Zeltia, Sial ou Cementos Noroeste, a primeira cementeira galega que produciu cemento artifical tipo Portland, instalada en Oural, nas que se ocupou da dirección técnica e científica.

Por ventura, Parga Pondal foi rehabilitado pola Universidade de Santiago en 1983 e investido doutor honoris causa. Desde 1997 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe está integrado na Universidade da Coruña como Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Co seu nome sinálase un dos programas máis importantes da Xunta de Galicia para a contratación de doutores para a súa incorporación a organismos de investigación públicos e privados. O nome de Parga Pondal referénciase hoxe con I+D+I, fórmula da que (sen sabelo) foi un pioneiro na nosa terra. Eis atopamos a proxección de futuro desta gran figura científica galeguista.

Onte 1208: «Boyhood», indagación sobre o cine e o tempo

Boyhood_filmQuedei hipnotizado con Boyhood, case tres horas de cine inesquecible, capaz de reinventar o que entendemos por esta expresión contemporánea das belas artes. O tempo como tema, a infancia e a adolescencia como argumento, a familia e a educación como marcos e o work in progress como fórmula de escrita dun guión aberto ao diálogo co seu tempo alicerzan este proxecto narrativo tan singular como memorable. Doce anos tardou Richard Linklater en seguir o nobelo de Mason, dende os inicios da escola primaria até abandonar os tempos da incerteza, ao que non foi alleo o compromiso co proxecto do cadro de actores, tanto dos rapaces como dos seus pais, aos que vemos medrar e envellecer na pantalla mentres dan vida a cadanseu personaxe. Unha historia humilde, sinxela, sen mortes nin perdas, sobre a conquista do cotián, na que se desmitifica a infancia como territorio do perdido, esquecido ou soñado.

En Boyhood o tempo non é memoria nin nostalxia nin sequera saudade. O tempo é apenas a materia prima da vida, fugaz, mutante, esvaradía coma area da praia do Vao entre as nosas mans. O tempo é aquí apenas o espazo de construción da identidade, a do relato que nos define. A vida en si mesma é o grande e único acontecemento que merece ser celebrado. A vida concibida como momentos ganduxados no relato autoconstruído por cada persoa, mais tamén como indagación permanente sobre cales son os límites da verdade e da mentira.

Esta indagación aparece na conversa dos pequenos co pai no coche cando repasan os momentos da semana que merecen ser contados. Secasí, regresa no cuarto escuro do instituto, onde Mason e o seu profesor de arte esculcan os límites do futuro. Cadora na despedida do apartamento da nai, a escena máis conmovedora da metraxe, onde ela con apenas corenta anos lamenta a finitude e o propio sentido da súa vida. E na conversa derradeira enxergando o horizonte do canón, onde Linklater deita, por fin, despois de 160 minutos un aceno lixeiramente optimista. Cine que indaga no tempo. Tempo que reinventa o cine.

Como sucede na autoficción literaria contemporánea, Linklater cunha elegancia e sinxeleza extraordinarias cuestiona os límites de ficción e realidade, sendo a súa narración a que dende as marxes, sen intención ningunha de retrato sociolóxico, ofrece sentido ao relato das vidas comúns, sen acontecementos extraordinarios, desta familia de Texas de comezos do século XXI. Boyhood é unha película sobre as vidas de infancia, como o libro de Manuel Rivas; mais tamén sobre o papel da familia e da educación na procura da autonomía, esa conquista da liberdade da que falaba Paulo Freire.

Mención á parte merece a marabillosa banda sonora, que require unha análise devagariño. No entanto, quedo con «Hero», unha balada de Family of the year, utilizado nunha das escenas máis memorables da película. Poucas veces recomendo máis vivamente acudir o cine e deixarse levar (sen prexuízos) por unha candidata (con aparencia indie) aos Óscar 2015.



Vigo desmemoriado

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do conflito sobre o destino do Bernardo Alfageme, fago unha reflexión sobre a conservación e posta en valor do patrimonio marítimo e industrial en Vigo.

Bernardo_AlfagemeHai doce anos publiquei neste espazo un artigo titulado “Chapa de mar” (Faro de Vigo, 3-2-2002) no que reclamaba ao concello de Vigo a salvación do Bernardo Alfageme, un arrastreiro de chapa remachada, construído por Barrerras en 1944 para o Grupo Mar, cando non se empregaba aínda a soldadura. Tras a mobilización de diversos sectores cívicos e colectivos que traballaban na recuperación da cultura mariñeira na ría, o buque fora doado dous anos antes polos seus propietarios ao concello e aceptado pola corporación co voto unánime dos seus membros para pasar ao inventario municipal e ser aproveitado para usos educativos e culturais.

Magoadamente, transcorrida máis dunha década, catro corporacións e alcaldías distintas, pertencentes a tres grupos políticos, o concello de Vigo foi incapaz de salvar e poñer en valor esta peza senlleira do noso patrimonio industrial e cultura marítima que agora pretender ser chantada na rotonda de Coia como unha peza ornamental. Tras o despece a finais do século pasado do petroleiro Campaláns, o primeiro vapor de ferro construído por Barreras na década de 1930, e do alxibe Roberto, vapor construído en madeira que servía aos portos do Morrazo, como doutras moitas embarcacións tradicionais da nosa carpintaría de ribeira, semellaba que o indulto do Bernardo Alfageme e a súa conversión en buque-museo significaría o inicio dun modelo de conservación do patrimonio da nosa industria naval.

A fasquía alongada do seu casco de chapa de ferro de 15 milímetros e de 24 metros de eslora anunciaba o que serían as proas de esparaván dos arrastreiros vigueses dos sesenta, admirados en todos os portos do mundo. A elegante popa semicircular, ferrada a soplete e macho, a situación un chisco atrasada da ponte e do guincho, tamén chamado “perro volado”, sobre a regala de estribor, e a robustez do seu motor principal –un Barreras Werkspoor, antecedente dos míticos Deutz que montaba a factoría de Beiramar– fixeron do Bernardo Alfageme unha peza emblemática da capacidade construtiva da industria naval viguesa de hai setenta anos. Un arrastreiro, que inicialmente formaba parte do “sexteto pequeno” de Casa Mar, tripulado por catorce persoas e que durante case cinco décadas realizou no Gran Sol heroicas mareas de trinta días na procura de pescada e peixe sapo. Xaora, ao longo de máis dunha década nunca chegou a concretarse un modelo para acometer a restauración integral do barco, que lle permitise volver a navegar pola Ría e integrarse no Museo do Mar de Alcabre, como foi a intención inicial, e nin sequera para a súa museificación, como máis tarde se pretendeu.

O do Bernardo Alfageme é síntoma dun fracaso en toda a regra para unha cidade impregnada de sal e maruxía, que moito se gaba de posuír un dos primeiros portos pesqueiros do mundo e unha industria naval de seu, mais que continúa permanecendo de costas ao seu patrimonio industrial e marítimo. O mesmo sucede coa posta en valor do patrimonio da industria conserveira e metalgráfica, disperso e en boa medida desaparecido, nunha cidade onde se instalaron as máis grandes factorías de tratamento de peixe do país. Carencias conservacionistas ás que non son alleas a anemia desesperante do Museo do Mar de Alcabre, incapaz de atopar un modelo expositivo atractivo para a cidadanía, sostible para as administracións públicas e integrado co funcionamento actual e as innovacións dos sectores da industria naval e pesqueira da Ría. Outrosí acontece coa pegada do tranvía e da súa rede de transporte metropolitano, cuxo ano do centenario pasou para a vergonza de todos sen pena nin gloria, coa excepción da publicación dun libro visual magnífico Los tranvías de Vigo en el recuerdo (Instituto de Estudios Vigueses, 2014) de Antonio Giráldez e Evaristo Pereira. Xaora, pode suceder o mesmo no futuro inmediato coa industria da automoción, o noso primeiro sector económico e de emprego, instalada dende hai cincuenta anos arredor de Citröen que, canto menos, merecería contar cunha sala museo onde os vigueses máis novos puidesen coñecer cada un dos modelos construídos na factoría de Balaídos e os procedementos utilizados polos seus avós e maiores.

Lonxe de saudades, a recuperación do patrimonio marítimo e industrial é un tema estratéxico para o Vigo do futuro, concibido como cidade portuaria atlántica e da automoción, unha desas cuestións que deberíamos acuñar como posición orixinal común, asumida por todos os sectores sociais e políticos. Nun Vigo tan desmemoriado e conformista como o actual, o concello non pode renunciar a liderar un proxecto conservacionista do noso patrimonio industrial que implique a outras administracións públicas e sectores privados. Con esa vontade aínda sería posible salvar de novo o Bernardo Alfageme.

Onte 1180: «Tita», o documental

antía_calMiguel Piñeiro está filmando en Muras Tita, un documental sobre a nosa admirada Antía Cal. A raíz da publicación hai uns meses d’ O libro dos nenos galegos, o que foi un material didáctico en galego, inédito dende 1958, utilizado nas aulas do colexio Rosalía de Castro de Vigo e no que Antía Cal contou coa colaboración de Antón Beiras, o seu home, Piñeiro desenvolve un proxecto de documental longo no que pretende recuperar a memoria e o pensamento crítico dunha das figuras emblemáticas da renovación pedagóxica en Galicia durante a segunda metade do século XX. O proxecto pode seguirse dende os seus perfís en facebook e twitter, nos que se publican testemuñas da gravación. Recomendo compartir unha vídeonadaliña sobre o idioma publicada onte. Xaora, Tita alerta que o galego sofre e en 2015  cómpre responsabilizarse, «faille na túa vida sitio ao galego».

Onte 1120: Ksal, o pintor do traballo no mar

Ksal

A presentación do serán de onte na libraría Cartabón de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto, enmarcada na iniciativa dos «Venres nas librarías», constituíu un acto de homenaxe a José Casal Cerqueira «Ksal», o pintor do traballo do mar, a quen Souto dedica o capítulo do libro titulado «O neno da curva de San Gregorio». Coa presenza da súa filla Mariluz e do seu neto David, que participaron nunha animada conversa con Xurxo, lembrouse ao maquinista de Coia, falecido en 2001, que chegou a expoñer os seus cadros en  Terranova máis nunca o fixo na súa terra. O seu neto David lembrou as súas mans grandes, capaces de ir máis alá da mecánica, «meu avó pintaba, preparaba maquetas e outra pezas,cando regresaba da marea viña cargado de roupa e dos cadros que creara nos bancos do bacallau». Durante o acto proxectouse unha escolma dos cadros de Pepe Casal, nos que recollía paisaxes terrícolas e escenas do traballo do mar, como unha copada en alta mar, un barco arrastrando a súa parella ou os mariñeiros no comedor con cadansúa bota. Diante dos cadros, Souto comentou «a dificultade de presentar homes traballando en perspectivas oblicuas ou parellas que navegaban atravesadas entre lombos de auga, mais tamén ao cociñeiro pelando patacas. Ksal non é pintor de barcos, é o pintor do traballo do mar». Para Xurxo «mentres Lugrís creou un mar sen tempo, Ksal é pintor do momento do mar, do instante, da onda, do pantocazo, dunha realidade convulsa, da que arrinca pingas de eternidade». Diante do autorretrato de «Ksal«, así asinaba Cerqueira os cadros, Xurxo identificou no primeiro plano «a mirada intelixente do maquinista, do fogueiro», mentres ca no segundo o «dunha figura feminina e un neno (probablemente os eu neto David), ademais duns barcos varados na area». Para Souto «Ksal é Van Gogh en azul-Terranova», «o pintor do mar que andou ao mar, ese neno asombrado da curva de San Gregorio da foto de Pacheco que merece a grande exposición en Bouzas que non tivo en vida». Quedamos comprometidos coa causa da exposición Ksal que moito merece a pena.

Onte 1105: Hortensia

Souben polo GCiencia, unha desas marabillas da internet galega,do trinta aniversario do Hortensia, un furacán inesquecible. Lembro que daquela había uns poucos días que viviamos en Panxón, nun apartamentiño diante do arco visigótico. O día anterior chovera e chovera, Cando regresamos da escola, fomos ao bar de Tavo, daquela o único que había no porto. Alí escoitei a profecía dun vello mariñeiro agoirando unha galerna de moito sandiós. E non se trabucou. As ondas da Madorra chegaron a estrada de Monteferro e na praia de Gaifar o mar asolagou o paseo, quedando ao pé dos edificios e dos chalés, protexidos con trabes de madeira. En Galicia cada xeración ten unha galerna na súa memoria. Na nosa foi a do Hortensia, presentada polos servizos meteorolóxicos de entón apenas como restos dun ciclón tropical. Despois fixéronse as obras do dique de abrigo do porto de Panxón. Nunca máis volveu a fereza do mar ás dunas de Gaifar. Quen dixo que non estamos afeitos a lidar con galernas e furacáns?