Nadaliñas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao nadal galego:

m2sebastianrisconadalinhas000Cada ano recibimos por correo postal menos nadaliñas. Sabemos que é outro dos efectos inevitables da hibridación da comunicación contemporánea na que os soportes impresos, como estes cartaces concibidos para agarimar ás amizades con motivo das celebracións de Nadal e Fin de ano, son substituídas de forma progresiva por imaxes dixitais enviadas polos procedementos da mensaxería instantánea que lemos nas nosas pantallas. A perda do costume de enviar nadaliñas impresas diminúe de forma inevitable tamén a utilización dos textos manuscritos que coa autenticidade da súa caligrafía tinguían emotivamente cada un destes nosos mellores desexos e angueiras compartidas.

Nadaliñas, así chamaban ás felicitacións de Nadal os galeguistas nos anos da ditadura, que decote acompañaban os seus parabéns coa reprodución tipográfica de versos dalgunha panxoliña, fose da tradición popular, como as reunidas por Sebastián Risco no libro “14 Nadaliñas 1958-1973” (Ediciós do Castro 1973), ou fose de corte laico, social e político, con textos que ao seren destinados ao uso privado non estaban suxeitos aos rigores da censura. Cartaces, ademais, nalgúns casos graficamente valiosos, xa que a pesar de que a maioría reproducían imaxes tópicas do nadal, noutros, como os que Álvaro Álvarez Blázquez encargaba a pintor Urbano Lugrís para a súa reprodución na Serigrafía Galega, constituían obras de deseño xenial que agora incluímos no repertorio da mellor artesanía dos agarimos.

Festas de nadal da tradición cristiá que se corresponden coas saturnais romanas, tempo de fartura e agasallos para os nenos, cando as prohibicións quedaban aparcadas e mudaba mesmo a orde social, de tal xeito que os amos servían aos escravos. Festas que se corresponden coas celtas do Yule, cando os druídas cortaban o acivro e sacrificaban dous bois brancos, nuns días onde os reinos dos vivos e dos mortos entraban en comunicación. Festas que coinciden coas datas do solsticio de inverno, que do 20 ao 23 de decembro celebra a noite máis longo do ano, a partir da que moi amodiño a luz do sol comeza a aumentar a súa intensidade e a natureza, onde a vida está contida apenas como unha promesa, inicia devagariño a súa recuperación. Festas que tanto na tradición relixiosa ou na pagá celebran o remate da escuridade e o renacemento cíclico da vida e da luz representadas nas nosas cidades e camiños polas árbores iluminadas.

Na tradición mítica galega os trece días e as trece noites que van desde a Noiteboa até a noite da Epifanía constitúen un tempo sagrado, onde non hai maxia nin bruxedo que teña efecto, xa que como sinala Antonio Reigosa “todos os meigallos que se intentan nestes días e noites fracasan, ou deberían fracasar, sen remedio”. O costume perdido do acendido na lareira do Tizón, Tallo ou Lume Novo na noite do 24 de decembro procuraba sorte para a casa no tempo que recomezaba un novo ciclo solar, como tamén o aproveitamento das súas cinzas servía como prevención contra o mal de ollo, as doenzas e os perigos para todos os seus membros, fosen persoas ou animais. O Nadal, tal como o celebramos en Galicia, supuxo a cristianización dos ritos que as culturas tradicionais agrarias estableceron para as mudanzas provocadas no solsticio de inverno. Días de banquetes e felicitacións, tempo de agasallos do apalpador ou dos reis que forman parte do ritual de benvida a un tempo novo que agardamos sexa farturento e feliz. Eis a tradición musical de manueles e aguinaldos, que na área metropolitana viguesa adopta a forma de desfile de ranchos de reis, agrupacións que co seu chascarraschás de ledicia contaxiosa abren cada ano novas ilusións e anuncia polas nosas rúas novas esperanzas.

Xaora, a pesar da secularización da sociedade urbana actual e da diminución da influencia da igrexa católica sobre os comportamentos individuais, no que levamos do século estas festas solsticiais de Nadal non perderon a súa centralidade como factores cohesionantes dos grupos familiares, que aproveitan estas datas para xuntarse e intercambiar agasallos, un xeito simbólico de fortalecer e expresar a continuidade dos seus afectos e minimizar as súas inevitables diferencias e desacordos. Necesidade de cohesión das familias, mais tamén de grupos de amizade, deportivos ou de traballo, transformada en febre consumista, á que cómpre facer fronte con paciencia e cos criterios do consumo responsable e, sempre que sexa posible, en clave galega.

Nestas nadaliñas nas que compartimos azos e esperanzas da continuidade de vida, non podemos esquecer a todas as persoas que sofren, as que viven na precariedade, as que padecen os efectos da violencia, da inxustiza, da desigualdade e de todas as doenzas que as privan dos seus dereitos. Bo Nadal e que a estrela dos afectos sexa a que nos guíe!

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *