Sabes que é un libro?
/en Edición, Libro, Libro_electrónico, Recurso_didáctico, Vídeos/por bretemas
Procurando recursos actualizados para utilizar na docencia da materia «Edición e actividade editorial» do Máster universitario en edición da USC e UDV que comezamos mañá atopei está peza didáctica sobre a definición do libro. Utilizarémola xunto a estoutra convertida xa en clásico.
Hai algunhas outras pezas audiovisuais moi sinxelas que pretenden responder á preguntas básicas como «Que é un libro?», «Como se fai un libro?» ou «En que consiste o oficio de editor?»:
– «Como se fai un libro?» (referido á fabricación)
– Facendo libros en 1947.
– «Día Internacional da Bibliodiversidade».
Chega Google eBooks
/en Lectura, Libro_electrónico, Literacidade, Tecnoloxías, Vídeos/por bretemas[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ZKEaypYJbb4" width="740" height="448" wmode="transparent" /]
A posta en marcha de Google eBooks, probablemente, será un dos maiores empurróns para o libro electrónico en todo o mundo. Este novo modelo de distribución de ebooks supera algunhas das máis importantes carencias existentes até hogano, sobre todo as referidas aos soportes (admite a lectura sobre todo tipo de pantallas: computadoras, teléfonos, e-readers e taboíñas dixitais) e ao papel do editor (sinalará o prezo e os sistemas de protección de dereitos de autor). Semella que a partir de Google eBooks o acceso ao contido dixital na nube será o principal, superando as limitacións que puidesen existir de soportes ou formatos. No entanto, aínda descoñecemos cales son os termos dos contratos de distribución que se asinarán cos editores, as posibilidades de préstamo das licenzas de acceso (cuestión vital para as bibliotecas) e outros pormenores do funcionamento do proxecto, así como a relación que Google que manterá cos clientes finais. A apertura dunha pasarela de pagamento por parte de Google ábrelle unhas posibilidades enormes para calquera outro tipo de comercio electrónico, o que pode constituír un feito moi salientable. Sen dúbida, este modelo abre unha competencia moi dura de Google con Amazon (que insiste con Kindle, o seu e-reader propietario) e, en menor medida, con Apple. As tres empresas estadounidenses semella que pretenden controlar todo o mercado da distribución do libro dixital. Haberá espazo para outros modelos alternativos? Polo menos, agardo que nesta batalla entre xigantes os libros electrónicos de linguas minoritarias coma a nosa teñan o seu espazo.
Guardiola e o fomento da lectura
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Fútbol, Lectura, Libro, Libro_electrónico, Literacidade, Promoción do libro, Recurso_didáctico/por bretemasNo artigo da semana, ao fío da entrega do premio Atlántida a Josep Guardiola e a celebración esta semana do Simposio da AGE, volvo sobre a necesidade de repensar as políticas de fomento da lectura.
A pasada semana representei aos editores galegos en “La nit de l’edició”, a cita na que o Gremio de Editores de Catalunya entrega os premios Atlántida que recoñecen anualmente a persoas e medios de comunicación polo seu labor no fomento da lectura. O premio especial desta edición correspondeu ao señor Josep Guardiola, o adestrador do F.C. Barcelona, a quen deste xeito se lle abeizoa a súa contribución na promoción da lectura. A amizade de Josep Guardiola co cantante Lluis Llach e co poeta Miquel Marti i Pol, un grande barcelonista que lle dedicou a súa derradeira obra, o Llibre de les solituds, constitúe un feito moi coñecido na sociedade catalá que, porén, apenas pasou ás páxinas deportivas dos xornais do resto do estado.
A figura dunha icona deportiva como a de Guardiola, o adestrador de fútbol profesional co mellor palmarés do continente, asociada á lectura e ao mundo dos libro desmitifica tanto os tópicos asociados co deporte como coa lectura, actividades presentados tantas veces como afastadas, cando non abertamente incompatibles. Hai futbolistas e futboleiros amantes da lectura nos máis diversos xéneros e soportes, como hai escritores e xentes vencelladas ás industrias culturais amantes do fútbol sexa como practicantes, seareiros ou espectadores máis ou menos ocasionais. Un feito asumido dende hai tempo no Reino Unido, a sociedade onde mellor funciona esa feliz converxencia entre fútbol e lectura. Alí non é infrecuente que os clubes da Premiere Leage teñan asociado cadanseu clube de lectura ou se recoñeza cada mes na súa web oficial ao lector máis destacado do seu cadro de xogadores. Como tampouco é lenda urbana que narradores do prestixio de Nick Hornby acrediten nas lapelas das súas novelas dentro da súa formación, xunto aos seus estudos en Cambridge, a súa presenza dende a infancia no estadio de Highbury do Arsenal de Wenger e Cecs Fábregas.
Os editores cataláns abeizoando a Guardiola envían unha mensaxe coa que pretenden ampliar a sociedade lectora. Un feito máis significativo, cando se está desenvolvendo unha transformación profunda do xeito de ler e acceder á información textual. Xa non se pode definir o libro só como un obxecto físico; libro tamén é un texto longo que se ofrece en formato dixital. O libro é hogano un artefacto temporal definido polo tempo que lle dedicamos a súa lectura. Eis a cerna da nova definición do libro, onde a lectura –unha actividade individual que para os psicólogos da aprendizaxe presenta patróns cognitivos diferenciados en función dos soportes de acceso– adquire unha centralidade inédita como práctica cívica saudable e necesaria para a convivencia. Un modelo, ademais, que despraza o eixo dende a triade tradicional analóxico-formativo-cultural cara aos mercados de consumo onde compite con outros produtos de lecer dixital.
No entanto, o lector actual vive coa sensación de estar desbordado pola cantidade de textos dispoñibles (tanto nas mesas das librarías como en Internet) e indefenso diante da dificultade de atopar información valiosa entre tantos textos, algúns efémeros e inútiles. Para evitar os perigos de semellante diabete textual precísase de lectores moi ben formados, armados de lentes críticas que separen o gran da palla, que saiban identificar a melodía entre tanto ruído. O lector para iso precisa de ferramentas de intermediación que o axuden a orientarse nas súas escollas e doutros lectores cos que participar nunha conversa compartida.
Para o fomento da lectura hoxe son esenciais estratexias da educación lenta na abordaxe escolar da lectura e da alfabetización informacional; o papel das bibliotecas públicas como portos seguros (en afortunada expresión acuñada por Javier Celaya) que orientan a deriva que cada un dos lectores escolle, así como a participación activa en redes sociais e especializadas en lectura (como é o caso de www.redelibros.com , presentada esta semana en Vigo) para alongar a conversa provocada polos textos.
As políticas tradicionaias de fomento de lectura deben ser repensadas. Non abonda con chamamentos publicitarios a prol da lectura, nin coa realización de actividades literarias decontextualizadas. O momento actual de crise require unha activación estratéxica e transversal das políticas de fomento da lectura, concibidas como eixo das políticas culturais, educativas e de acceso á sociedade da información. Nese contexto debemos entender a iniciativa mediática dos editores cataláns de recoñecer a actitude prolectora de Guardiola; nesa mesma tea técese o simposio internacional de expertos sobre o fomento da lectura que se celebrará esta semana en Santiago, organizado pola Asociación Galega de Editores, no que se pretende explorar esta nova fronteira para o libro.
O futuro do libro e os libros do futuro
/en Bibliotecas, Lectura, Librarías, Libro, Libro_electrónico, Literacidade, Promoción do libro, Recurso_didáctico, Tecnoloxías, Vídeos/por bretemas[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/BU2hcMZaR70" width="740" height="480" wmode="transparent" /]
Vía Libreros.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/HRhTiUMWaDc" width="740" height="480" wmode="transparent" /]
Reportaxe do programa «Página 2» da TVE2. Vía Trafegandos ronseis.
Este debate non dá acougo.
Cultura impresa, cultura dixital
/en Eventos, Lectura, Libro_electrónico, Literacidade, Tecnoloxías/por bretemasMañá nos III Encontros de Bibliotecas Escolares participarei nun debate con Javier Celaya arredor do temas «Cultura impresa, cultura dixital».
Como fago adoito, aquí pode baixarse o pdf que utilizarei no meu parlamento.
Hipertexto
/en Libro_electrónico, Literacidade, Tipografía, Vídeos/por bretemas[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/SRMG2aUowz4" width="780" height="448" wmode="transparent" /]
Nas xornadas sobre o libro electrónico da Universidade da Coruña quedou claro que son as utilidades do hipertexto ou prosa electrónica (hipertextualidade, intertextualidade, multimodalidade e multilectura) o que caracteriza o libro electrónico.
«O libro electrónico: presente e futuro na biblioteca e no ensino»
/en Eventos, Libro_electrónico, Literacidade, Tecnoloxías/por bretemasO luns e o martes celebraranse na Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña unhas interesantes xornadas sobre «O libro electrónico: presente e futuro na biblioteca e no ensino». O programa pode baixarse aquí en pdf.
As organizadoras tiveron a deferencia de convidarme a falar o luns á mañá de «Propiedade intelectual: implicacións, tendencias e cambios no libro electrónico» e a participar o martes na mesa redonda xunto aos outros participantes nas xornadas, Tati Mancebo, Antonio Quirós, Juan Blanco Valdés, Catuxa Seoane e Camilo Franco.
Aquí pode baixarse o borrador do texto que utilizarei no meu parlamento.
Frankfurt 2010, as imaxes
/en Autores, Editores, Eventos, Galerías de fotos, Libro_electrónico, Persoal, Promoción do libro/por bretemasNo meu perfil de Facebook publiquei a reportaxe fotográfica que fixen co teléfono móbil no Líber e na Feira de Frankfurt. Incluín nos pés de fotos algúns comentarios ao fío. Como documento complementario das catro crónicas sobre a Feira pode ter o seu interese.
[Na foto: Masaxes para os visitantes proporcionados por fisioterapeutas contratados pola Feira. Frankfurt 2010]
Libros impresos e dixitais
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Edición, Libro_electrónico, Literacidade, Tecnoloxías/por bretemasNo artigo da semana, ao fío da participación na Feira de Frankfurt, reflexiono sobre o proceso de tránsito cara ao paradigma da comunicación cultural dixital, no que entendo convivirán os libros impresos e os libros dixitais.
[Foto: Estand de Moleskine en Frankfurt 2010]
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- O triángulo vermello25 de Decembro de 2024 - 11:47 a.m.
- A estrela dos afectos24 de Decembro de 2024 - 10:56 a.m.
- Solsticio celta23 de Decembro de 2024 - 9:44 a.m.
- Os Baltar18 de Decembro de 2024 - 4:17 p.m.
- AVE polo Miño17 de Decembro de 2024 - 7:05 a.m.