Read Galicia II

No artigo da semana volvo sobre as tres cuestións sobre as que traballei no blog durante estes días pasados: os datos do estudo de comercio interior do libro, o Plan de Lectura de Galicia e a posta en marcha do catálogo dixital de dereitos. Ao fío do comentario volvo propoñer a creación da Oficina de promoción internacional da literatura e edición galegas.
Etiquetas:

Oficina da lectura

Recibimos con gran alegría a noticia de que o Plan de Lectura foi presentado pola conselleira de Cultura no Parlamento e aprobado por unanimidade pola Comisión de Educación e Cultura. O plan debe ser un instrumento eficaz para situar a Lectura como obxectivo político transversal da nosa política cultural, tanto por parte das Administracións Públicas (Xunta, Deputacións e Concellos) como da sociedade civil (empresas e asociacións). A creación dunha Oficina da Lectura (recuperando o vello nome das Oficinas de imprenta) como organismo coordinador do desenvolvemento do Plan é unha das numerosas medidas dunha iniciativa a catro anos que conta cunha financiación importante.

"Faro de Vigo" e "Diario Cultural", premios Liber 2007

Faro de Vigo, o “Diario Cultural” da Radio Galega foron premiados pola Federación de Gremios de España cos Premios ao Fomento da Lectura nos Medios de Comunicación do ano 2007. Na categoría de televisión foi premiado Jesús Vigorra, presentador do programa “El público lee” de Canal dos Andalucía. Os premios serán entregados esta semana en Líber. Parabéns aos premiados.

Contos de agardar

No artigo da semana valoro a importancia da campaña de promoción lectora e de uso do galego que se está desenvolvendo nas comisarías de policía. Unha experiencia moi novidosa e meritoria, enmarcada na campaña “En galego, con toda seguridade“, promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e a Secretaría Xeral de Política Lingúística.

Etiquetas:

Entrevista a Mario Regueira

A edición de Vieiros Barcelona publica unha interesante entrevista a Mario Regueira con motivo da presentación de L’affiche rouge que hoxe se celebra oraganizada por Espazo Galego dos Paisos Cataláns en Sargadelos de Barcelona. Da entrevista a Mario non podo evitar reproducir o derradeiro parágrafo que ilumina un debate tan complexo como é o da lectura, literatura e o mercado no que ven participando moi activamente:

“O papel da nossa producçom literária é umha eterna promesa, ou na linha de Xurxo Borrazás: os escritores galegos valemos mais mortos do que vivos. Polo de agora, ainda com as pequenas vantagens de liberdade e experimentaçom que oferece viver nas margens, urge multiplicar os leitores das distintas expressões escritas do galego, algo que na Galiza passa mais pola educaçom e a política linguística do que polas campanhas de mercado.”

Mario presentará de novo a novela o vindeiro venres, 21 de setembro, ás 20:00 horas na nova Libraría Couceiro de Compostela. Alí estaremos.

Etiquetas:

A alfabetización na era dixital

Moi recomendable esta presentación de Tiscar sobre a Alfabetización na era dixital. Utilísima para o profesorado de ESO á hora de preparar a abordaxe do desenvolvemento da competencia dixital.

Literatura e Mercado

Sobre o tema de Literatura e Mercado xirará o IV Simposio sobre o libro e a lectura que está preparando a AGE para celebrar o vindeiro mes de novembro. Para adiantar reflexións sobre cuestión tan polémica enlazo esta anotación do escritor Andrés Neuman publicada por Clarín. Non podo evitar reproducir as tres categorías de lectores (informados, intelectuais e artísticos) que Neuman establece na casa do señor Mercado:

“Resumiendo mucho, podríamos hablar de tres tipos de lector en la casa del Señor Mercado:
1) Los lectores informados, aquellos que buscan sobre todo enterarse, estar al día de la actualidad como quien lee el periódico.
2) Los lectores intelectuales, que analizan la información del libro, la subrayan e incluso la comparan con otras fuentes. Aunque estos segundos lectores son más disciplinados que los primeros, tal vez ambos estén unidos por una limitación: no modifican los libros que leen.
Por eso sospecho que quienes escasean son: 3) Los lectores artísticos, esos que recorren las páginas con los sentidos en vilo, la intuición expectante, la memoria abierta. Creadores a su modo, los lectores artísticos leen para interrogarse acerca de su propia identidad y ven en la literatura una existencia. Estos lectores merecen especial gratitud porque completan los libros, los salvan.”

Vía El ojo fisgón

"Trece badaladas" en braille

Onte, ao remate do pregón da Feira do Libro, o delegado provincial da ONCE da Coruña entregou a Suso de Toro un exemplar da edición de Trece badaladas en braille. Esta é unha noticia significativa que amosa o compromiso da ONCE en continuar co seu compromiso de verquer á linguaxe braille unha parte significativa do corpus da actual literatura galega para que poida ser gozado e utilizado por persoas con deficiencias visuais. Este é un proceso iniciado xa hai anos, con enorme discreción, que merece ser recoñecido e necesita ser impulsado.
Etiquetas: