Onte 375: Proyecta

Sabiamos dende hai tempo da xestación da Plataforma Proyecta, unha iniciativa de educación dixital promovida pola Fundación Amancio Ortega Gaona. Onte foi o día no que comezou o lanzamento deste proxecto concibido para que o profesorado non universitario poida compartir obxectos e contidos educativos dixitais, ademais de contar con ferramentas para crealos e de espazos e materiais formativos sobre o proceso de dixitalización educativa e da utilización das TICS nas aulas. A pesar do pouco que puidemos navegar, a primeira ollada á plataforma aventura que Proyecta pode converterse axiña nun espazo de referencia no proceso de tránsito cara ao paradigma da educación hipertextual. Beizóns para o seu equipo de profesionais e longa e ventureira andaina!

Onte 362: Por unha nova axenda para o sector do libro

Comparto a preocupación de Joaquín Rodríguez sobre o futuro do sector do libro. Dende hai meses, a crise de consumo comeza a bater de forma desoladora sobre as vendas de edición xeral nas librarías, as devolucións increméntanse (un feito que xa recoñecemos todos os editores e libreiros), aumentando a dependencia de ambos os dous sectores profesionais dos resultados da campaña de libro de texto e das lecturas prescritas polos centros escolares. Se non abondase, as previsións da campaña de Nadal non poden ser moi alentadoras, cando máis de dous millóns de funcionarios, onde está unha parte do mercado de lectores máis comprometidos, quedarán sen paga. Como é un feito incuestionable que o ecosistema de lectura dixital muda os protagonistas na cadea do libro, ao tempo que o mercado da distribución dixital se concentra nun 85 % arredor dos dous xigantes estadounidenses que operan en España (Amazón co 38 % e Apple co 20 % xa hexemonizan o mercado de e-books) e das tres cadeas de librarías (FNAC, Casa del Libro e El Corte Ingles), deixando apenas un 15 % ao resto de plataformas dixitais e iniciativas de editores e libreiros independentes. Neste entorno de mudanza e incerteza, a apelación de Joaquín Rodríguez de procurar unha saída cooperativa para poñer en valor o procomún dos sectores do libro semella debe ser atendida. Neste momento de tránsito imparable as estratexias individuais, como mesmo as sectoriais, amósanse insuficientes para sobrevivir e para facer fronte aos novos retos. O sector do libro no seu conxunto precisa deseñar unha nova axenda (non me gusta iso de «folla de rota»), que vaia máis alá das lexitimas preocupacións sobre a propiedade intelectual ou sobre a necesaria homoxenización da fiscalidade do libro. É o momento de pararse a reflexionar rachando límites coa intención de deseñar unha estratexia intersectorial (edición, libraría, distribución, autoría e mediación) e transversal (iniciativas públicas e privadas) que chante novos alicerces para o futuro de cada un dos sectores e das políticas de lectura.

[Alberto Manguel, «El sueño del Rey Rojo», Alianza Editorial, páxina 475]

Ler é a capacidade de entrar nun texto e exploralo ao máximo das nosas habilidades persoais, tomando posesión súa nun acto de reinvención.

Onte 356: «El sueño del Rey Rojo», novo libro de Manguel

Estou enguedellado co novo libro de Alberto Manguel, El sueño del Rey Rojo, outra entrega do arxentino-canadiano arredor da lectura, que concibe como «a máis humana das actividades creativas». Desque en 1998 lin Una historia de la lectura, sigo con enorme interese cada un dos seus libros que publica con excelencia e agarimo Alianza. El sueño del Rey Rojo enlaza coa paixón carrrolliana de Manguel que expresara hai máis dunha década En el bosque del espejo,do que recolleu algúns ensaios. Ambos os dous títulos quedan unidos, ademais, en cadanseu subtítuo que fai referencia ás «palabras e o mundo», sintagma co que Manguel reivindica a dimensión ética da lectura e a súa condición intrinsecamente humana: «considero que somos, en esencia, animais lectores e que o arte da lectura, no seu sentido máis amplo, defínenos como especie». Para Manguel é a palabra impresa a que lle «dá coherencia ao mundo» sendo a experiencia da lectura a que permite que o libro mude de forma nas mans de cada lector ou lectora. A finalidade da lectura, unha das reflexións claves do volume, é «descubrir nun libro o rexistro da propia experiencia». Para Manguel «ler é a capacidade de entrar nun texto e exploralo ao máximo das nosas habilidades persoais, tomando posesión súa nun acto de reinvención». El sueño del Rey Rojo é un libro fermoso, que para min precisa dunha lectura a sorbiños, atenta e demorada. Moi recomendable para letraferidos e amantes da metalectura.

[Xabier DoCampo na presentación da novela «O país adormentado», Feira do Libro da Coruña, 09-08-2012]

Ler é procurar no libro o que din de min (do lector) e do meu tempo e mesmo do meu lugar. A literatura necesitámola para que fale de nós.

Onte 312: Daniel Pennac e a literatura industrial

Grazas a unha anotación de Txetxu Barandiarán cheguei a unha interesante entrevista en Clarín co meu admirado Daniel Pennac. Impactoume o titular, «O 99% da literatura industrial é lixo», máis pola clarificación que supón este sintagma novidoso («literatura industrial»), sen dúbida para referirse aos libros non literarios de lectura e venda rápida e masiva, ca pola súa valoración, que podería admitir matizacións e honrosas excepcións. Pareceume, tamén, valiosa a diferenciación que o autor de Mal de escola introduce entre os conceptos de «lector» e «ledor» («aquel que mantén unha relación intelectual co que le, que pode cuestionar»), así como a súa crenza na existencia da fisioloxía do lector («no acto de ler hai algo fisicamente delicioso») para explicar o tantas veces citado «pracer da lectura». Porén, entendo que a cerna do que está sucedendo co proceso imparable de frivolización e homoxeinización da edición internacional, denunciado por Pennac, non radica na perda do seu carácter artesanal –algo que ven sucedendo dende hai máis de tres década– nin sequera na evidente redución do espazo do literario no mundo do libro nin no tránsito cara o paradigma dixital. O fulcral reside en que o libro perdeu a súa condición de «ben cultural», sendo considerado agora coma outro produto de consumo máis das industrias do lecer. Un fenómeno que algúns editores expresamos como «o tránsito da industria editorial dos departamentos de Cultura e Educación ao de Lecer e Espectáculos». Unha mudanza decisiva.

[Alberto Manguel, «El sueño del Rey Rojo. lecturas y relecturas sobre las palabras y el mundo». Alianza Editorial 2012]

A lectura é o que nos define como especie e a “palabra impresa” o que dá “coherencia ao mundo”.

Onte 300: Cartas a un descoñecido

Souben da novelesca aparición do Códice Calixtino mentres preparaba a redacción do texto de cuarta de cuberta de Eu,pel, a primeira novela xuvenil de Teresa González Costa, que publicaremos no mes de setembro en Fóra de Xogo. Non é doada para min a escritura destas apenas quince liñas nas que presentamos diante dos potenciais lectores e lectoras as características de cada obra. Xunto á elección da imaxe de cuberta, tamén responsabilidade do editor, na redacción da cuarta xógase unha parte das posibilidades do libro diante do lectorado. Roberto Calasso escolmou en Cien cartas a un desconocido un cento dos máis de mil textos de contracuberta que escribiu en Adelphi. Para Calasso o texto de contra é o fío sutil que une ao editor co lectorado, un vínculo no que o editor acompaña cada libro, que debe considerar como único e singular, «o lugar no que deberían apararecer e revelarse diante do lector os motivos que levaron á elección do libro». As contracubertas son as cartas do editor a un lectorado descoñecido, pezas breves, moi sintéticas, que sinalan a liña do proxecto editorial, moito máis que parte dos fríos metadatos, hoxe viralizados na rede polas librarías virtuais. Teño a convicción que onte redactei a cuarta dunha das novelas xuvenís máis potentes e orixinais incluídas no catálogo de Xerais, a primeira novela grande dunha autora chamada a marcar un fito na literatura galega do noso tempo. Eis a grande responsabilidade do editor, non é doado comunicar ao lectorado semellante entusiasmo da forma máis convincente e atractiva.