2011, o ano de Pereiro, dos Bosques, da Química, do Alzheimer…
A celebración de efemérides («Ano de tal ou de cal») constitúe, ademais dun útil recurso didáctico, a posibilidade de orientar ao longo dun ano as políticas sociais, culturais e educativas públicas e privadas (sobre todo no eido da edición e da comunicación) cara a un tema, problema, personalidade, obra ou manifestación artística. A experiencia internacional e nacional demostrounos a súa eficacia como mecanismo de rescate ou sensibilización social, mais tamén que sen unha programación axeitada poden constituír o máis rotundo dos fracasos.
A pesar de todos estes condicionantes e do perigo de abusar na utilización deste recurso, non me resisto a enumerar algunhas das efemérides que celebraremos en Galicia ao longo deste 2011:
- Ano do escritor Lois Pereiro. Declarado pola RAG e agardo que pola Xunta de Galicia con motivo da celebración do 17 de maio.
- Ano Internacional dos Bosques. Declarado pola ONU.
- Ano Internacional da Química. Declarado pola ONU.
- Ano Internacional dos Afrodescendentes. Declarado pola ONU.
- Ano Internacional da Mocidade: diálogo e comprensión mutua. Declarado pola ONU de agosto de 2010 a gosto de 2011. Mención especial terá a celebración do 12 de agosto como Día Internacional da Mocidade.
- Ano Internacional de Investigación do Alzheimer. Promovido pola Fundación Pasqual Maragall Alzheimer Internacional.
- Centenario do nacemento do escritor Álvaro Cunqueiro. Promovido polo Consello da Cultura Galega, as tres universidades, a Consellaría de Cultura e os concellos de Vigo e Mondoñedo. Celebración do 22 de decembro como data do seu centenario.
- Cincuentenario do pasamento do poeta Aquilino Iglesia Alvariño (29 de xullo).
- Cincuentenario da publicación de Memorias dun neno labrego, a novela de Xosé Neira Vilas.
- Cincuentenario da publicación d’ O crepúsculo e as formigas de Xosé Luís Méndez Ferrín.
- Centenario do nacemento do pintor Manuel Pesqueira. Proposta do BNG do concello de Meis.
- O cincuentenario do pasamento do escultor Asorey (2 de xullo).
- Ano Castelao (non oficial), con motivo do 125 aniversario do nacemento de Castelao. Proposta do BNG.
- Centenario do nacemento do filólogo Aníbal Otero. Celebración do 21 de xaneiro como data do seu centenario. Non nos consta polo momento que se vaian realizar actos de homenaxe, máis alá da publicación por parte de Xerais dunha biografía preparada polo profesor Xesús Alonso Montero.
- Cincuentenario da creación da Asociación Cultural O Galo de Santiago.
- Cincuentenario do secuestro do Santa María a cargo do DRIL.
- 75 aniversario do golpe de estado do xeneral Franco.
- O ano Pintos polo bicentenario do nacemento do autor d’ A Gaita gallega. Promovido polo concello de Pontevedra. [Achega de Xoma, Moitas grazas.]
Ademais, 2011 será o ano antitabaco, o da inauguración da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura, ano de eleccións municipais (22 de maio) e outro ano máis da crise económica que ameaza con acadar os cinco millóns de parados en España e 237.000 en Galicia.
[Quizais poda quedarme atrás algunha outra, razón pola que moito agradece se enriqueza a anotación.]