Un país digno
Nestes días de repaso á memoria lin moitas tonterías e nimiedades sobre o 23-F. Non lin que en todas as nosas cidades, houbo unha “defensa” civil dos concellos. Durante toda a noite foron ocupados polos concelleiros e militantes de Unidade Galega, penso que a iniciativa foi daquela coalición, case podo aseguralo, tería que confirmalo Camilo ou Carlos Vázquez, e estivemos acompañados polos compañeiros do Bloque e algúns do PSdeG. Fixémolo de modo consciente, era unha resistencia simbólica, mais militante. E non puiden evitar lembralo cando repasei o que ocorreu no 36, cando tamén os concellos foron o lugar da resistencia civil, ao menos na miña cidade. A iso da unha da madrugada chegaron diante do pazo de Raxoi unha columna de artillería dirixida polo gobernador militar da praza, comandante Bermúdez de Castro (que fora prácticamente obrigado polos seus oficiais a sumarse ao golpe) e recibiu as chaves do Concello, que deixara Anxel Casal había uns minutos, de mans do xefe da policía municipal, Vez Quijano. Este sería un dos que asasinou uns días despois a varias persoas, entre eles a Alonso Puente, “Nécoras”.
Volvendo ao noso 23-F, logo que fracasou, o día despois a iso das doce do mediodía o entón alcalde, Souto Paz, recibiu unha chamada telefónica: “le habla el mando militar de esta plaza, a partir de este momento le devuelvo el mando de la plaza”.
Con isto quero dicir que frente ás estupideces e ás trivialidades que levo oído e lido estes días, aquel golpe era verdadeiramente un intento de repetición do que desencadenou a Guerra civil española. Só non lle podían temer os políticos da dereita, eles non habían ser sacados das súas casas de noite polos fascistas, o resto tiñamos todos fundados temores. A pesar do cal na Galiza houbo xestos de resistencia e de dignidade civil que non foron rescatados para a nosa memoria. O cal paréceme gravísimo. Non sei o que fixeron en Madrid, mais nos nosos concellos esa noite existiu un país digno.













