Isaac, o editor da memoria
Isaac, o editor da memoria. from Illa Bufarda on Vimeo.
Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.
Isaac, o editor da memoria. from Illa Bufarda on Vimeo.
Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.
No tren de Carlos Casares from Illa Bufarda on Vimeo.
Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.
Tras a decisión unánime do Encontro Irmandiño, tras o acordo de + Galicia de constituírse en partido fóra do BNG, mesmo a pesar do feito (comprensible até o remate dos mandatos) da oposición de once dos seus alcaldes, varios voceiros e do propio Carlos Aymerich, é xa moi difícil defender que o BNG continúa sendo a casa común dos nacionalistas galegos. Tras o fracaso da asemblea de Amio, as diversas organizacións do nacionalismo galego están obrigadas a recompoñer os seus referentes programáticos, as súas alianzas políticas, os seus modelos organizativos e os seus liderados sociais. Unha manobra moi difícil, aínda que estritamente necesaria, sobre todo cando apenas se contan seis meses para a celebración das eleccións autonómicas. Confío que neste contexto crítico agromen as doses de intelixencia, enerxía e xenerosidade xeradoras de novas vías políticas nacionalistas máis inclusivas, máis activadoras da cidadanía e, sobre todo, capaces de artellar unha alternativa sólida e verosímil á conservadora e centralizadora do Partido Popular. Un reto posible.
Non agardaba a vitoria de Pachi Vázquez no 12 congreso do PSdeG-PSOE, xa que é a primeira vez que a maioría da militancia socialista se opón aos desexos de Ferraz representados pola candidatura de Espinosa, apoiada de forma explícita por Blanco e Caballero. Aí vexo a clave máis positiva dun resultado continuista que nin resolve a crise dun partido, que queda aínda máis dividido, nin polo momento ofrece unha alternativa verosímil á frouxísima e desganada candidatura de Feijoo. No entanto, é lamentable a determinación de Vázquez –tal como xa fixera Rubalcaba– de non procurar vías de integración dos membros da candidatura adversaria, excluíndo así da súa executiva ás sensibilidades da Galicia urbana do corredor atlántico representadas por Caballero, Louro e Barcón. Un erro garrafal de sectarismo, xa que non se pode deixar fóra do primeiro órgano de goberno do partido aos militantes que representan a Galicia de maior peso demográfico e económico. Coa excepción do que poida suceder cunha futura candidatura de Caamaño nas primarias para a presidencia da Xunta, deputado con quen conta na executiva como secretario de coordinación política, o futuro dun PSdeG-PSOE tan conservador nas formas ten moi malas trazas. Tal como así, a política galeguista e de esquerda, alternativa a abafante hexemonía conservadora, chama pola apertura de novas vías e a creación de referentes e propostas capaces de conectar cunha maioría cidadá hoxe desencantada coa oferta política actual. Estas novas vías quizais poidan ser as auténticas gañadores deste congreso.
Da man de Barbantia presentamos en Rianxo o Poñente de Pere Tobaruela. Foi bonito escoitar alí a Pere falar na lingua de Castelao –un exercicio de galeguidade co que o escritor catalán salientou o carácter do galego como lingua universal– para facer súa a doutrina de Josep Plá: «Quero explicar ao mundo o que sucede na miña terra». Tobaruela ben sabía que Rianxo non é un sitio calquera, é unha das vilas literarias galegas por excelencia, como Mondoñedo, Celanova, Padrón ou Noia. É un auténtico prodixio que en menos de cen metros atopemos as casas natais de tres dos nosos máis grandes escritores: Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio, o noso grande poeta do mar; mais se esquecer nin a Paio Gómez Chariño «O señor de Rianxo» nin a Faustino Rey Romero. Unha centramina que debería ser recoñecida como «espazo da memoria galega» e constituír un lugar de peregrinaxe obrigada. Adolfo Muíños, o agarimeiro alcalde de Rianxo, teima en converter esta vila arousá nunha referencia cultural en Galicia. Eis o programa arredor do aniversario de Castelao, que se desenvolve esta fin de semana. Eis a inauguración, tras o remate da presentación de Poñente e o pequeno concerto do formidable Antón Alcalde, da exposición de esculturas de Nuco Losada arredor de Castelao. A pesar do frío severo, foi un magnífico serán.
Gustoume a exploración do espazo dos matices que realiza o chamamento de 19 das alcaldías do BNG. Un exercicio de sutileza, afouteza e realismo politico moi de agradecer. Lonxe de calquera dogmatismo e sen renunciar tampouco a conquistar a hexemonía política por medio de desenvolvemento de proxectos de goberno, estas alcaldías do BNG propoñen unha importante redefinición ideolóxica ao identificar o galeguismo como «o nacionalismo político do século XXI». Para elas a incorporación do concepto de ‘cidadanía’ ao discurso nacionalista e a súa identificación co de ‘galeguidade’ permitiría deseñar de vez un proxecto político estratéxico presentado diante da sociedade galega coa intención de «acadar o goberno soberano do noso país e o recoñecemento de Galiza como nación dentro dun estado plurinacional». Fronte a calquera tentación conformista ou rutineira, con esta iniciativa estas alcaldías obrigan á dirección e á militancia do BNG a enfrontar unha conversa sen límites coa sociedade galega actual e as súas profundas mudanzas. Na asemblea nacional deste mes rivalizarán as diversas formas de desenvolvela. Eis un reto decisivo para o futuro do nacionalismo galego nesta segunda década doséculo XXI.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).