Onte 1560: Conciliación

Pareceume un xesto acertado o de Carolina Bescansa levando o seu picariño ao hemiciclo no día da constitución do Congreso. Bescansa denuncia así o que as nais e os pais de hoxe sofren e do que moi pouco se fala, a imposibilidade de conciliar por outro procedemento que non sexa contando coa axuda das avoas e dos avós ou pagando a outra persoa. O xesto da deputada compostelá visibiliza nun espazo emblemático a vontade desas nais que non queren renunciar ao seu traballo nin o aleitamento, ademais de expresar que a incorporación das mulleres á política institucional abrirá, por fin, ese debate até agora agochado sobre os espazos do público e do privado. Unha denuncia que foi útil, xa que onte nas redes e nos medios non se debatiu doutra cousa, mesmo a pesar de que se produciu o cuarto asasinato machista do ano. Agora cómpre que os membros da cámara confronten os seus programas sobre a conciliación e a educación infantil. Ben por Bescansa por facer visible unha contradicción.

Sobre o feminicidio

iiNo artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono arredor do termo «feminicidio».

feminicidio-sociedad“Feminicidio”, xunto a “refuxiado” e “xihadismo”, foron escollidas polo magnífico Portal das palabras, que a Real Academia Galega e a Fundación Barrié manteñen como espazo didáctico en Internet, como as “Palabras do ano” 2015. Sen dúbida que as persoas que as escolleron nunha votación na rede, entre outras tres finalistas, tamén de actualidade como “indignación”, “plebiscitario” ou “rechouchío”, expresaron a súa sensibilidade sobre os conflitos que cada unha delas tres denota: o dos milleiros de persoas que foxen das guerras de Siria, Iraq e Afganistán ou das dos países subsaharianos procurando refuxio nas sociedades da Unión Europea; o dos masacres do terrorismo xihadista de París, como o de xaneiro na redacción da revista “Charlie Hebdo” ou o de novembro na discoteca Bataclan, realizados en nome dunha suposta xihad; o desa vaga de asasinatos de mulleres que se veñen producindo de xeito teimoso, diante dos nosos ollos, mais tamén da inacción conformista dunha parte significativa da nosa sociedade. Co maior respecto para cada unha destas escollas, para min é “feminicidio”, unha palabra aínda non incorporada aos dicionarios galegos normativos, a triste protagonista do pasado ano.

En 2015, como na década, as cifras deste feminicidio foron estremecedoras. 56 mulleres foron asasinadas en España (arredor de oitocentas nos últimos dez anos); sete delas en Galicia (corenta dende o ano 2006), comunidade que se sitúa entre as tres primeiras en número de vítimas; cinco delas na área metropolitana viguesa, sen dúbida, un punto negro no mapa da violencia machista. Cifras de asasinatos tremendas, auténticas marcas macabras que constitúen apenas a punta do iceberg do fenómeno das violencias que sofren milleiros de mulleres baixo moi distintas fórmulas e intensidades. Así o revelan de forma unánime distintos informes recentes como o do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, o da Secretaría de Mulleres da CIG, o da Marcha Estatal contra as Violencias Machistas ou o elaborado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Datos contundentes que non ofrecen moitas dúbidas sobre a gravidade do fenómeno. En novembro de 2015 estaban en vixencia en Galicia 7.759 ordes de protección a vítimas de violencia machista. No 2014 solicitáronse 1327 ordes de protección, acordándose o 65 % delas, producíndose 5.209 denuncias, 14 por día.

O Portal das palabras define o feminicidio como o “asasinato dunha muller polo feito de selo”, na liña do que se recolle xa nalgúns códigos penais de diferentes países como México, Chile ou Arxentina que, coincidindo co expresado pola Corte Interamericana de Dereitos Humanos, o inclúen como figura xurídica. O feminicidio trataríase dun asasinato da muller por razón do seu xénero, por odio cara ás mulleres, por rexeitamento da súa autonomía e o seu valor como persoa ou por razóns de demostración de poder machista ou sexista. Xaora, nun sentido máis amplo, seguindo a proposta da deputada feminista mexicana Marcela Lagarde, que conseguiu que a Real Academia Española incluíse a acepción “feminicidio” na última edición do seu dicionario, o termo comprende o conxunto de violacións dos dereitos humanos fundamentais das mulleres. Seguindo a liña de Lagarde, Carme Adán, deputada do BNG, defendeu o pasado mes de novembro no Parlamento Galego unha proposición non de lei (que non foi aprobada pola oposición do Partido Popular) destinada a iniciar un debate para modificar a Lei de medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, na que se incluíse o termo “feminicidio” e na que se elaborase un estatuto de vítima para as mulleres que sofren violencia de xénero.

O feminicidio non pode ser abordado de forma rotineira nas páxinas ou seccións de sucesos dos medios impresos e audiovisuais como un “crime pasional” froito dos ciumes ou das desavinzas de parella, á altura dos delitos económicos de contrabando ou narcotráfico. O feminicidio debe pasar a formar parte central da axenda pública, a utilizada polos medios e institucións públicas, mais tamén das organizacións políticas (non só durante os debates de campaña) e das entidades sociais e cívicas (non só dos grupos feministas), considerando a erradicación deste terrorismo machista como unha prioridade, unha “cuestión de estado”, na que cómpre contar con recursos socioeducativos e coas medidas xudiciais e policiais suficientes para combatelo. Razóns polas que cómpre comezar a chamar as cousas polo seu nome: “feminicidio”, “violencia machista”, “asasinato”, “lacra”, “noxo”, “nunca máis”… Verbalizar esta traxedia feminicida coas palabras axeitadas, fuxindo de eufemismos e termos ambiguos, é o primeiro requisito para poder intentar erradicala.

Onte 1547: Feminicidio

feminicidio_en_galicia

O magnífico Portal das Palabras elixiu “refuxiado” como a palabra do ano 2015. Mil setecentas persoas escollérona entre a media ducia de finalistas, –onde estaban “feminicidio”, “rechouchío”, “indignación”, “xihadismo” e “plebiscitario”–, probablemente para expresar a súa solidariedade cos millóns de persoas obrigadas a fuxiren dos seus países de orixe cara Europa. Xaora, e co maior respecto para esta escolla, para min é “feminicidio”, palabra aínda non incorporada aos dicionarios galegos, a triste protagonista deste ano. Este asasinato imparable de mulleres por razóns de xénero, que onte en Galicia acadou a sétima vítima, a quinta na área metropolitana viguesa e a número 55 en todo o estado, non pode ser abordado de forma rotineira nin como un fenómeno social inevitable. Este feminicidio debe pasara a formar parte central da axenda pública (a utilizada polos medios e institucións públicas), das preocupacións das organizacións políticas (non só durante os debates de campaña) como das iniciativas e organizacións sociais e cívicas  (non só dos grupos feministas). Razóns polas que cómpre chamar as cousas polo seu nome: “feminicidio”, “violencia machista”, “asasinato”, “lacra”, “noxo”, “nunca máis”… Verbalizar esta traxedia coas palabras axeitadas, fuxindo de eufemismos e termos ambiguos, é o primeiro requisito para poder intentar erradicala.

Onte 1545: «Sufragistas»

Sufragistas-987561361-largeGustoume Sufragistas, o film de Sarah Gavron sobre a conquista do voto feminino no Reino Unido hai un século. Cine político que reivindica tanto a dignidade das mulleres como afirma a necesidade de pelexar, mesmo até poder perdelo todo, se queremos conquistar os dereitos civís. A excelente reconstrución histórica, tanto no guión como na ambientación, axuda a facer crible o papel de Maud, a protagonista interpretada por Carey Mulligan, unha nai traballadora que toma conciencia e asume todos os riscos de enfrontarse á sociedade patriarcal, representada polos membros da policía, o xefe abusador e o seu propio e medroso marido. Sufragistas aborda un conflito politico, o da conquista dos dereitos da muller, que non afecta só a media humanidade, mais faino dende o eido privado, asumindo que só transformando ese espazo é posible enxergar outro futuro. As emocionantes imaxes históricas finais expresan a actualidade dunha película que aventuro se converterá nun clásico didáctico. Moi recomendable.

Onte 1526: «Paulina»

PaulinaPaulina (La patota), o thiller de Santiago Mitre, é unha desas raras películas que se rosman á saída do cine. A violación dunha xove profesora por parte dunha panda («la patota») de mozos, entre os que hai algún dos seus alumnos, abre unha complexa reflexión sobre a violencia contra as mulleres, nacida da ideoloxía machista da posesión, e sobre a violencia sobre os pobres exercida polo estado. A historia íntima desta rebelde acomodada, filla dun xuíz, permite a Mitre abrir o debate sobre as vítimas da violencia, os límites da vinganza, a procura da verdade e o papel da xustiza nas sociedades desiguais. A interpretación xenial de Dolores Fonzi mantén en vilo ao espectador, a pesar de que guión explora por momentos o territorio do inverosímil. Eis a razón deses dous longos planos secuencia cos que comeza e remata unha obra, onde os cambios de punto de vista dunha mesma escena, as constantes elipses e os longos planos en silencio sobre o rostro de Paulina salientan o seu carácter de película aberta a un debate antidogmático e desprexuizado.

Onte 1513: Minutos de ruído

instagram_comnegroCon motivo do 25N,Día Internacional contra a violencia de xénero, Miguel Lorente propón ao alumnado da Universidade de Granada mudar os minutos de silencio en homenaxe ás vítimas por «minutos de ruído», de palabras, de berros contra o machismo e a violencia». Fronte ao silencio e o medo imposto polos agresores, é imprescindible que a sociedade restaure a conversa arredor dos valores democráticos da igualdade. E para iso cómpre crear formas alternativas para expresar a nosa indignación de forma solidaria. Campañas como Compostela en negro, promovida polo Concello de Santiago en colaboración cos establecementos comerciais, ou estes minutos de ruído pola igualdade constitúen tentativas que merecen ser destacadas.

Onte 1483: Horror machista

pontesampaioCando escribo esta anotación, coa intención de expresar a miña indignacion polo asasinato machista de Pontesampaio, coñezo a noticia doutra vítima en Manresa. Un feminicidio que non cesa, a pesar dos chamamentos desesperados das organizacións feministas. Cinco vítimas en Galicia no que vai de ano, case medio cento en toda España, catro na última semana son cifras que ilustran este horror que non se convertiu, aínda, nun problema de estado nin aparece entre os temas da axenda electoral de decembro. Só a resposta cidadá e educativa abren cadansúa xanela para a esperanza de poder erradicar a longo prazo o virus machista, xerme deste feminicidio. Con todo, é imprescindible activar máis medidas e máis eficaces de protección das vítimas e das denuncias, como exixir aos partidos que asuman parar este feminicidio como unha prioridade política, unha posición orixinal compartida, coma se fixo no seu día co terrorismo de ETA. Non abonda con lamentar os asasinatos de mulleres, cómpre activar na sociedade unha resistencia contra eles.

Onte 1471: «Ostrácia» de Teresa Moure

3b9434e5-0439-45b8-80ae-1fe4a6acf8e6Foi unha honra acompañar onte a Teresa Moure no lanzamento da súa Ostrácia na libraría Andel de Vigo. Ostrácia é unha novela na que Moure, despois de dez anos da publicación de Herba moura, condensa moitas das súas preocupacións de expresión libre, rebelde, feminista e militante. Ao fío do relato da relación de Inessa Armand e Lenine, ofrécese unha reflexión sobre as relacións entre amor e política, para as que a autora reclama entrega total, absoluta, case sen condicións, xa que só así poden transformar a realidade. Tras a peripecia biográfica de Inessa Armand, militante bolxevique, nai de seis fillos, xornalista, promotora de círculos feministas, auténtica muller árbore de folla perenne que sofre o desterro, o exilio e a soidade agóchase a presenza da araña e o lobo ártico; dous animais que expresan a sumisión e a liberdade, o conflito nunca resolto entre Lenine e Armand, entre a erótica e a política.

Ostrácia paga moito a pena como novela histórica, que reconstrúe con rigor documental e alento narrativo o complexo proceso de debate político interno e intervención social que levou ao partido bolxevique ao poder en outubro de 1917. Ostrácia merece tamén o interese do lectorado como coidadísimo farrapo literario no que a voz da narradora se vai ganduxando con textualidades diversas (cartas, entrevistas, poemas, ensaios politicos), facilitando así unha lectura alternativa á diacrónica, ao xeito de rayuela cortazariana. Mais e sobre todo, Ostrácia é unha obra moi valiosa pola súa indagación sobre as marxes, os límites e os territorios da exclusión voluntaria. Ostrácia é unha reivindicación da natureza salvaxe da auténtica política, mais tamén dunha nova amoroloxía, novo concepto acuñado pola nosa autora. Ostrácia e, pois, un territorio fértil para a liberdade e a disidencia. Recomendo moi vivamente estoutra gran novela de Teresa Moure.

Onte 1442: «Unha segunda oportunidade»

Una_segunda_oportunidad-251557392-largeVolvimos aos Norte con outra dinamarquesa: Unha segunda oportunidade da Susanne Bier. De novo enfrontámonos a dilemas morais sobre valores básicos como os que arroupan a paternidade e maternidade «desexada» ou a fraxilidade de persoas dunha peza, como Andreas, o policía interpretado de forma moi convicente polo famoso Nicolaj Coster-Waldau, o Jamie Lannister de Xogo de tronos. A solidez dun guión, que utiliza os recursos do thriller policial, mantén o interese dunha historia truculenta de bebés mortos e desaparecidos que me lembrou á  abordada por Dolores Redondo na súa triloxía do Baztán. Mágoa do remate, innecesariamente azucrado, co que quizais a directora pretende expresar unha mensaxe de esperanza e resarcir ao espectador despois de case unha hora e media de sufrimento, onde se suceden malleiras, violacións e outras noxentas barbaridades machistas. Poucas veces queda tan claro que as cousas no eido do privado non son sempre como aparentan. Unha película desmitificadora.

Onte 1403: O machismo mata

11828570_876303502456785_7856449151084755380_nCatro vítimas do terrorismo machista na xornada de onte. Terrible. Un home matou a unha muller en Palma. Outro a marteladas a súa nai en Madrid. Outro as súas fillas de 4 e 9 anos en Moraña, como vinganza cara a súa compañeira da que estaba divorciado, para despois semellante milhomes pretender suicidarse. Renuncio a entender «razóns» e detalles destas atrocidades, expresión dun machismo que mata, dun virus mortal tan difícil de erradicar.

Máis alá da expresión da indignación e desacougo diante destes asasinatos, cómpre exixir medidas máis eficaces cas existentes para facerlle fronte a unha traxedia que non cesa. A lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero non abonda, mais aínda cando na actualidade non conta cos medios e coa afouteza das administracións para facela efectiva.

Sei da importancia da educación para acabar a longo prazo co machismo como forma de instalación social do patriarcado. Mais tamén, que cómpre reaxir decontado para evitar novos asasinatos. Non hai tempo, cando o lobo está á espreita coas gadoupas afiadas. Sei que as administracións poden axudar a esclarecer os casos e proporcionar seguridade ás vítimas, como tamén que escoitar os argumentos das asociacións feministas e das profesionais que traballan nas casas de acollida e noutros servizos de axuda ás mulleres axudaría a que a sociedade no seu conxunto, tanto homes coma mulleres, considerase a desaparición desta lacra como prioridade social e, polo tanto, política.