Nova Escola Galega, vinte e cinco aniversario
/en Educación, Eventos/por bretemasHoxe participaremos no vinte e cinco aniversario de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica no que levamos participando dende a súa fundación. Un día para reatoparse cos vellos amigos do corazón.
O profesorado debe ler co seu alumnado
/en Educación, Lectura/por bretemas«A lectura non é unha área máis, é a peza fundamental para aprender o resto das asginaturas», dixo Fernando Reimers, catedrático da Univeridade de Harvard, na lección que inaugurou a semana monográfica, organizada pola Fundación Santillana, «La lectura en la Sociedad de la Información». O profesorado de calquera das materias debe ler co seu alumnado, como unha das súas actividades docentes principais. Agradécese que autoridades académicas reivindiquen a importancia fulcral do ensino da lectura en todos os niveis educativos. Non abondan as ocasións para repetilo.
2 solucións para un problema
/en Educación, Vídeos/por bretemas
Abbas Kiarostami (1975).
Envíamo un bo amigo como homenaxe a Suso Jares.
Suso Jares, ourive sensible
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Educación, Educación_para_a_Paz, In memoriam/por bretemasNo artigo da semana publico unha lembranza de Suso Jares. Ao longo da semana foron aparecendo diversos textos no seu recordo: os dous artigos de Marcos Valcárcel e a anotación e os comentarios no seu blog; a anotación do noso amigo Manuel Area Moreira (profesor de Tecnoloxía da educación da Universidade da Laguna); a de Klimta, a de Francisco Castro e os seus comentarios, o artigo de María Reimóndez an edición impresa d’ A Nosa Terra e os comentarios que deixaron os profesores Gloria Ramírez, JM. Alonso Muñiz e José Tuvilla Rayo no xerais blog… A todos eles o noso maior agradecemento polas súas palabras.
Actualización (06-10-2008): artigo de Xosé María Palmeiro, anotación de Bouzafría, condolencias da Coordinadora Galega de ONGD.
Xesús R. Jares, in memoriam
/en Educación, Educación_para_a_Paz, In memoriam/por bretemasSuso foi o primeiro cidadán da república libre da paz, da igualdade e da fraternidade, palabras que nos ensinou a pronunciar co respecto que merecen os grandes ideais da humanidade.
Mestre, catedrático, pedagogo, educador pola paz, investigador universitario, cidadán libre da utopía da Irmandade, é dos que levaba orgulloso na fronte unha estrela e no bico un cantar, as insignias da nosa Galicia do corazón.
Dende os anos mozos da Compostela universitaria, cando tivo a fortuna de atopar a Paz, a súa inseparable alma xemelga, moitos somos os que con Suso compartimos o soño de construír «para todos os nenos galegos unha escola do sol, das pombas e das gaivotas», os ideais pedagóxicos do movemento Freinet do que Suso foi en Galicia un pioneiro na súa primeira escoliña rural de Montederramo, onde hai trinta anos iniciou a súa andaina.
Ideais que alicerzou a súa chegada a Vigo, a comezos dos anos oitenta, como profesor do Colexio Público García Barbón, onde, toliño e atrevido que sempre foi, montou axiña unha horta escolar, onde os rapaces de segunda etapa cultivaban tomates e leitugas e, pouco despois, fundou o colectivo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, o noso movemento de renovación pedagóxica, auténtica célula de amizade e de soños compartidos.
A creación de Educadores pola Paz, unha das obras das que máis orgulloso se sentía, supuxo, tamén o inicio do movemento de «Educación para a Paz» xa que este grupo de profesionais da educación foi o primeiro que asumiu en España a construción da paz e a resolución pacífica dos conflitos como eixo vertebrador da súa actividade educadora. Non teñades medo de acudir a Internet e escoitar e presenciar a maxistral conferencia de cincuenta minutos que Suso pronunciou hai uns anos nas xornadas de convivencia de Gasteiz sobre esta cuestión. Un testemuño extraordinario, emocionantísimo, que nos deixou en herdanza.
Educadores pola paz, o grupo animado de forma infatigable polo traballo paciente e rigoroso de Suso, constituíuse nunha entidade de base, crítica e independente que serviu de alicerce ao movemento de Educación pola Paz, primeiro en Galicia, logo en todo o estado, máis tarde en Portugal e, xa durante os anos transcorridos deste novo milenio, en Latinoamérica.
Hoxe non podemos deixar de lembrar como nos anos oitenta, o grupo de Educadores pola Paz organizou as primeiras celebracións en centros escolares vigueses do «Día Escolar pola Paz» (30 de xaneiro), formando as primeiras cadeas de nenos e nenas pola paz diante do cárcere vello, as primeiras soltas de globos nos patios das escolas ou os programas cos rapaces de Bacharelato en radio Popular. Hoxe non podo esquecer, como Suso, un organizador nato, promoveu a celebración das exitosas «Xornadas de Educación para a Paz» que, por primeira vez, trouxeron a Vigo a conferenciantes como Fernando Savater e no que se proxectaban películas memorables como «Johnny colleu o seu fusil» (o cinema foi outra das súas grandes afeccións).
Aquel agromar de Educadores pola Paz consolidouse vizoso en Panxón no ano 1986, coa celebración do primeiro «Encontro Galego de Educadores pola Paz», dende entón, unha cita anual, que se consolidou en Camposancos, onde se despregou por primeira vez o paracaídas e se comezaron a desenvolver os xogos cooperativos, nos que é unha autoridade mundial.
Durante a década dos noventa o grupo de Educadores pola Paz consolidou a súa presenza e influenza sobre o mundo educativo (tanto galego, español como portugués), sobre todo, por medio das publicacións de Suso sobre educación, paz e dereitos humanos. Foi esta década a dun enorme entusiasmo para Suso. Sira, Sira outro dos seus orgullos, inundouno de ledicia e optimismo, ademais de consolidar a súa traxectoria na Universidade da Coruña, onde foi acollido con enorme agarimo polos seus compañeiros e compañeiras.
Relevancia singular tivo en 1996, o desenvolvemento do proxecto solidario e multidisciplinar «Construír a paz. Cultura para a paz», artellado arredor dun libro e dunha exposición itinerante, no que participaron un centenar de ensaístas, escritores e pintores. As presentacións multitudinarias deste libro e do proxecto de cooperación en diversos teatros galegos constituíron un fito sen precedentes na nosa historia educativa e da edición en galego. Así como o desenvolvemento do proxecto solidario en Guarapuava, en Paraná, no Brasil, onde Suso viviu unha experiencia moi marcante. Nese período, Suso promoveu a constitución da Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ), da que foi presidente, e da Asociación Galego-Portuguesa de Educación para a Paz (AGAPPAZ), que presidiu ata o día de onte.
Xa neste milenio Jares, cunha notable presenza en Latinoamérica (o continente do seu corazón), enfocou a súa reflexión sobre a resolución pacífica dos conflitos nas aulas, promovendo os programas «Aprender a convivir» do concello de Vigo e «Aprender xuntos. Convivir» do concello de Lugo, ao tempo que elaborou unha proposta de tramitación dunha «Lei galega da paz», presentada por Nova Escola Galega e aínda pendente de resolución, coa intención de que o Goberno Galego asumise dende unha óptica global o fomento dos valores da cultura de paz. Foi a reflexión sobre a importancia da materia de «Educación para a cidadanía» o tema que ocupou as derradeiras angueiras académicas de Suso e lle ocasionou bastantes cabreos.
Ademais deste traballo de enxeñaría pola paz e pola educación en valores, Suso Jares desenvolveu unha intensísima actividade académica no eido universitario, recollida nas súas obras ensaísticas, publicadas orixinalmente en galego e traducidas na súa maior parte ao español e portugués. Dese labor editorial e publicístico, que a Suso sei tanto gostaba (vivía o proceso de edición cunha emoción e un primor como poucos autores coñezo), naceu o seu derradeiro proxecto a triloxía «Educación e paz», da que se publicaron dous títulos este ano e da que estamos ultimando o terceiro.
Precisamente, e así o preparou Suso nos seus últimos días, o vindeiro 10 de decembro, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos, será presentado no Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo este volume «Educación e paz III. Literatura e paz», o derradeiro libro colectivo coordinado por Jares no que participan corenta escritores e escritoras galegos. Ese día, ademais, renderémoslle a grande homenaxe nacional que o seu maxisterio merece.
En días tan difíciles para todos os que tivemos a enorme fortuna de gozar da súa amizade fraterna, aínda sabendo que as palabras non abondan para enunciar o noso pesar, só podo expresar máis que a miña admiración e agradecemento (que sei todos compartimos) por este seu labor de ourivaría sensible destinado a contribuír na loita contra a desesperanza e o conformismo e a procurar dende os espazos educativos unha sociedade plenamente democrática, xusta, solidaria e pacífica. Cantemos, cantemos sen temor na súa honra. Con todos os nosos abrazos para Paz e Sira.»
* Fragmento do texto lido na cerimonia civil do 28-09-2008 en lembranza de Xes
ús R. Jares.
Xesús R. Jares: educar para o conflito
/en Dereitos_humanos, Educación, Educación_para_a_Paz, In memoriam, Recurso_didáctico/por bretemas
Conferencia de Xesús R. Jares sobre «Educación para o conflicto» no Congreso de Convivencia de Gasteiz.
Faleceu Xesús R. Jares
/en Educación, Educación_para_a_Paz, In memoriam/por bretemasEstou enormemente conmocionado xa que hai só unhas horas que faleceu o meu amigo Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Suso sempre foi un modelo de dignidade e, como tal, morreu cos brazos abertos á vida, ofrecéndonos a tenrura e a esperanza pola que loitou toda a súa vida. O acto civil na súa memoria terá lugar hoxe domingo ás 20:00 horas no Vigomemorial. Con todos os nosos abrazos para Paz e Sira.
Cultura democrática
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Educación/por bretemasNo artigo da semana reflexiono sobre a implantación das tres materias de «Educación para a Cidadanía» que para min teñen como obxectivo primeiro o desenvolvemento dunha cultura democrática.
Nova Escola Galega, 25 anos
/en Educación, Efemérides/por bretemasGalicia hoxe publica unha entrevista con Xosé Lastra Muruais, presidente de Nova Escola Galega, con motivo do vinte e cinco aniversario do noso movemento de renovación pedagóxica. Esta é unha efeméride que para min non pode pasar desapercibida. A miña vida profesional, tanto como docente, pedagogo e editor non se pode entender sen Nova Escola Galega, un colectivo de medio milleiro de profesionais da educación soñadores que, dende eidos diferentes (a escola, a universidade, os concellos, a edición educativa privada ou dende a merecida xubilación) seguimos teimando na procura da escola galega das pombas. Ten moita razón Lastra cando amosa a vixencia do noso proxecto, continuamos acometendo “unha acción decidida, autónoma e favorable á causa da educación pública e democrática, laica, galeguizadora e socialmente integradora, amais de respectuosa co pluralismo democrático”. Nestes vinte e cinco anos, mudaron moito a escola e a sociedade galega, porén continúa a nosa teima pola construción dunha escola pública galega. O vindeiro 29 de novembro estaremos no Museo Pedagóxico Galego para celebrar este primeiro século de angueira, o que é dicir unha parte vital das nosas vidas.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.
- Lar20 de Novembro de 2024 - 10:22 a.m.
- Festa do cabazo19 de Novembro de 2024 - 9:45 a.m.
- Pregón da festa do cabazo17 de Novembro de 2024 - 9:02 p.m.
- Xigantes da lectura13 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.