Edición en galego: crise dun sector estatéxico
Na edición en papel do semanario Sermos Galiza publico un artigo sobre o estado actual da edición en galego. A miña gratitude polo convite.
O sector da edición privada en galego sofre a crise máis seria da súa historia. A diminución da facturación e do emprego (canto menos nun 25 % nos últimos catro anos), a baixada do número de títulos (con maior incidencia sobre os xéneros literarios da poesía, ensaio e teatro), a redución acentuada das tiradas medias, a dependencia da edición escolar e paraescolar (máis do 40% da edición e máis da metade da facturación), así como o importante incremento da oferta da edición dixital caracterizan unha situación de crise que afecta dunha ou doutra maneira a todas as pezas da cadea de valor do libro (creación, edición, artes gráficas, distribución e libraría). Unha situación crítica que pon en perigo a actividade de case cincuenta editoriais radicadas en Galicia, a maior parte delas pertencentes á Asociación Galega de Editores (AGE), e os seus 236 postos de traballo directos, aos que habería que engadir os moitos máis indirectos dentro dun sector auxiliar, que na actualidade abrangue a revisión de contidos, a maquetación, a ilustración, a tradución e a produción dixital.
Crise que pode ser explicada pola coincidencia agresiva de causas externas ao propio sector, atribuíbles á mal chamada “crise económica”, como internas, provocadas polo proceso de tránsito cara ao modelo de comunicación dixital e á absorción do sector editorial polas industrias do lecer. Entre as primeiras, é innegable que a crise deflaccionaria, xeradora da devaluación salarial e do incremento brutal do desemprego, contribúe a diminuír o consumo, sobre todo no comercio minorista (e, polo tanto, na libraría cultural e de proximidade). Como é unha evidencia que a crise bancaria fixo desaparecer as posibilidades de financiamento das pemes editoriais que, polo carácter estacional do sector e pola necesidade de acometer unha profunda renovación tecnolóxica, precisan destes recursos.
Circunstancias agravadas no caso da edición en galego pola importante redución que para o mercado do libro de texto supuxo a implantación do decreto de Plurilingüismo, reducindo a presenza dos materiais en galego na Educación Infantil e eliminándoos de vez das áreas de Matemáticas e Física e Química. Como tamén agudizaron as doenzas do sector os recortes brutais da Xunta de Galicia nas políticas de lectura, fose pola diminución ao longo da pasada lexislatura do 60% das compras de novidades en galego destinadas a bibliotecas públicas (en 2013 apenas medio millón de euros), como do 75% para as axudas á edición de materiais didácticos dirixidos ao sistema educativo non universitario (un cuarto de millón de euros este ano). Reducións que contrastan co aumento da produción editorial en galego en número de títulos no mesmo período, debido ao esforzo de dixitalización dos catálogos acometido polos editores galegos sen ningún tipo de axuda por parte do Goberno Galego. Outrosí sucede coa máis que previsible desaparición neste exercicio 2013 das axudas de AGADIC para a participación de editores en feiras internacionais, a pesar de que o comercio exterior do libro galego incrementouse de forma ininterrompida ao longo da última década.
Para facer fronte a esta c situación crítica, dende a Asociación Galega de Editores fixemos un chamamento á cidadanía e aos poderes públicos a prol dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia. Entendida na súa dimensión individual, fonte de coñecemento e lecer, e colectiva, garante dunha sociedade libre e democrática, o fomento da lectura, como tamén o da lingua e cultura galegas, constitúen obrigas irrenunciables das administracións públicas. Os editores reclamamos a posta en marcha dunha serie de accións que contribúan á cohesión social, integración, transversalidade e proxeción, imprescindibles para o sostemento e existencia do sector do libro. Medidas encamiñadas á ampliar e profundizar na implicación de todos os axentes do sector do libro, no incremento do número de lectores e lectoras, no afianzamento da produción galega e no consumo de libros en todas as canles de comercialización.
Reclamamos aos poderes públicos a posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías, a renovación do modelo de feiras do libro, a adquisición de todas as novidades editoriais en galego (sen exclusións), a creación do bono cultura como instrumento de incentivación do consumo cultural, a ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública, o apoio á rede de bibliotecas escolares, a creación dunha oficina para a promoción da literatura e do libro galego no mundo ou a realización dun plan de fomento de lectura. Medidas que os editores galegos exiximos para facer efectivo o recoñecemento do sector profesional do libro como estratéxico e prioritario para Galicia, xa recollido na Lei do Libro e a Lectura de Galicia, aprobada por unanimidade do Parlamento Galego en 2006, e que non pode permanecer durante máis tempo coma papel mollado.