Onte 864: IVE cultural

O Goberno rebaixa o IVE da arte do 21 % ao 10 %, mais non o fai co resto dos sectores culturais. As entradas de cines, teatro e concertos, así como os libros electrónicos, continuarán hipergravados con ese 21 %, que está desfacendo o tecido do consumo cultural. Non é moi doado entender as diferenzas que o Goberno establece entre o sector artístico e o resto culturais. A hipótese pesimista é que Montoro considere as obras de arte como un sector refuxio para os investimentos ociosos de «grandes fortunas». A hipótese optimista tería que ver co desexo de Wert de graduar as baixadas do IVE cultural coa intención de vendelas a cada un dos sectores como o seu triunfo diante da «incomprensión do feito cultural por parte de Montoro». Quere Wert, aprobada a LOMCE, recuperar a súa imaxe nos Goya 2014?

Onte 859: Desigualdade e pobreza

Os informes publicados onte por Intermon Oxfam poñen de relevo que un dos efecto da devaluación interna que sofrimos, agochada baixo o eufemismo de «crise», é o aumento da desigualdade e da pobreza. Intermon denuncia que no mundo só 85 persoas millonarias posúen unha renda idéntica á da metade da poboación mundial. En España as vinte persoas máis ricas posúen unha fortuna semellante aos ingresos do 20 % da poboación máis pobre. Intermon Oxfam, unha ONG centrada na loita contra a fame (á que non pode bautizarse como «esquerdista»), afirma que «as élites económicas están secuestrando o poder político para manipular as regras do xogo económico, o que socava a propia democracia». Unha idea que na rúa manifestouse de forma máis rotunda tras a pancarta «Non é unha crise, é unha estafa». Unha opinión que segundo o informe de Intermon comparten oito de cada dez cidadáns españois enquisados para os que «as leis están deseñadas para favorecer aos ricos». Unha quebra democrática cuxo primeiro efecto é que os intereses dunha minoría se impoñen sobre os que noutrora foron denominados como «intereses xerais». Recomendo ler ambos os dous informes de Intermon, tanto o xeral («Gobernar para as élites») como o dedicado á reflexión sobre o caso español. Axudan a entender que a desigualdade, a pobreza, o desemprego ou a exclusión teñen a súa orixe neste secuestro do poder político perpetrado polo poder económico. Terrible!!!

Onte 840: Peaxes

Entre as diferente subidas de primeiro de ano (carburantes, luz, vitrasa, billetes de tren…) unha das que máis me anoxa é a da tarifa das peaxes da AP-9. Dende onte, por ir e vir en coche de Vigo á Coruña, pagaremos 30,70 euros de peaxes. Unha cantidade desproporcionada por utilizar unha infraestrutura amortizada dende hai anos e da que se realiza un mantemento moi precario. Ben sabemos os usuarios frecuentes do perigo dalgúns treitos por falsos e esvaradíos en días de choiva e temporal, coma os que estamos vivindo estas semanas. Como aturamos con paciencia infinita as colas longuísimas que se forman para atravesar as barreiras, tras a supresión de empregos de peaxistas.

A privatización da Autoestrada do Atlántico e o alongamento da súa concesión anticipou as políticas actuais de entregar os servizos públicos básicos a entidades con ánimo de lucro. Itínere, a actual concesionaria da AP-9, dende 2008 propiedade do grupo estadounidense Citigroup, fai un grande negocio a costa de toda a cidadanía galega, tanto a que paga as peaxes coma a que o fai pola achegas indirectas das administracións públicas ao treito gratuíto de Rande. Unha autoestrada, ademais, para a que non existe unha alternativa dunha estrada gratuíta ou dun transporte público colectivo. Esta nova subida amosa que os usuarios somos reféns da AP-9, sen posibilidade de quedar en liberdade no futuro.

Onte 838: Cuestión de floteis

O quinto adiamento da adxudicación de dous floteis para Pemex, un que construiría Barreras e outro Navantia, amosa a temeridade de Feijoo de reducir a política a un exercicio de propaganda. Desde que un mes de antes das autonómicas de 2012 anunciara os contratos coa empresa mexicana, interrumpindo a emisión dos medios de comunicación públicos, o presidente da Xunta defendeu contra vento e marea que este era un asunto pechado. No entanto, a realidade é moi teimosa. A cidadanía galega e, sobre todo, a de Ferrolterra sabe que isto non é unha cuestión de fe. Non se lle pode pedir que agarde cos brazos cruzados a chegada duns contratos fantasma, presentados como derradeira opción para evitar o peche do estaleiro de Fene. Porén, é incrible que tras máis de ano e medio enxergando un futuro sen carga de traballo ningunha nin a dirección de Navantia nin os responsables da SEPI nin da Consellaría de Industria nin do Ministerio de Industria presentasen un plan alternativo para os estaleiros ferroláns. Esa si que é unha responsabilidade política que non pode ser adiada por Rajoy e Feijoo. Remata, pois, este 2013 perdido entre a inacción e a propaganda dos responsables políticos. Un triste balance.

Onte 837: Tributan fóra

Esta información de Lara Graña en Faro de Vigo amosa que a maioría dos millonarios galegos tributan fóra de Galicia. A razón é que as súas sicav (sociedades de investimento de capital variable) polas que tributan só o 1%, mentres non retiran o capital, están radicadas fóra de Galicia. O seu é un comportamento insolidario cos seus concidadáns e co país onde xeraron parte das súas plusvalías. É moi significativo e oportuno que esta información se publique cando o Consello Constitucional de Francia aproba o imposto do 75 % para os moi ricos (dos que en Galicia contamos cuns cantos). Parabéns ben merecidos á xornalista e ao medio pola súa afouteza en non agochalo.

Onte 827: A fin de NGB

A venda de NGB a Banesco supón a liquidación definitiva das caixas de aforros galegas, unha derrota do aforro popular galego sen posibilidade de retorno nin revancha posible. Con todo, foi a perda do carácter sistémico de Novagalicia banco, a pesar de que o FROB puxo nove mil millóns de euros, a decisión fulcral dun proceso político, tutelado por Rajoy e Feijoo, que deixa ao país noso sen instrumento financeiro de seu. Máis alá das primeiras declaracións dos novos donos, sempre optimistas e esperanzadas, haberá que agardar a coñecer as condicións de compra, a letra pequena da oferta de Banesco, para poder valorar unha adquisición coa que o banco venezuelano chanta ambos os dous pés no mercado financeiro galego, español e europeo.

Onte 823: Comida caducada

Estremece a noticia da morte en Alcalá de Guadaira de tres persoas dunha mesma familia, o matrimonio e unha filla de 14 anos, a causa dunha intoxicación alimentaria presumiblemente provocada por tomar «comida caducada». O home, que era fontaneiro de profesión, perdeu o seu emprego ao comezo da crise e, dende entón, semella que o seu único medio de vida consistía na recollida de cartóns, caixas de plástico e roupa vella nunha furgoneta. O piso onde vivía estaba embargado dende hai tempo, aínda que non tiña orde de desafiuzamento. Unha «familia con dificultades económicas, como tantas outras» que, segundo os veciños, aceptaba doazóns dos supermercados e centros comerciais de alimentos caducados ou a punto de caducar. Non é difícil intuír a desesperación na que vivían. Porén, para banqueiros e responsables da Troica, apenas serán outras tres vítimas colaterais da fame, da pobreza e do paro  provocadas pola devastadora crise deflaccionaria á que cómpre someter aos endebedados estados do sur de Europa. E aínda haberá membros do goberno de Rajoy que se feliciten por termos saído da crise!

Onte 789: Porto Cabral (II)

A votación dos comuneiros rexeitando a negociación cos promotores de Porto Cabral aventuro que terá importantes consecuencias no concello de Vigo. Non teño dúbida da inconveniencia do proxecto, mais tamén que a súa cerna está, como xa teño expresado hai seis meses, na desafortunada clasificación que dos terreos forestais de Liñeiriños fixo o PXOM de Vigo, que dende a súa aprobación pasaron a ser urbanizables. Unha cualificación da que son responsables todas as forzas políticas que avalaron o documento urbanístico, probablemente asumindo os beneficios que esta actuación supoñeria para o financiamento público doutros desenvolvementos previstos no PXOM, como a Cidade do Deporte de Valadares, a apertura da nova (e polémica) Ronda de Vigo, entre a avenida de de Buenos Aires e o concello de Nigrán, como a recuperación do bosque de Cotogrande. A mudanza de posición sobre o particular do BNG, un dos responsables principais da redacción desta figura no PXOM, vaille ser de moi difícil explicación á cidadanía. Coa perspectiva do desenvolvemento de Porto Cabral, proxecto co que se comprometeu Caballero, é probable que desaparezan as posibilidades de colaboración e apoio futuro entre os socialistas vigueses e os partidos nacionalistas e da esquerda. Por fin, as figuras do taboleiro político vigués comezan a moverse, sen descartar que poidan producirse sobresaltos imprevistos.

Onte 751: Liber 2013

Decepcionoume Liber 2013. A mudanza de ubicación a Madrid Arena non abondou para facer despegar unha feira na que se puxo en evidencia a profunda crise do sector editorial español e a actitude melancólica de boa parte dos editores. Crise expresada de forma contundente polos datos do estudo de Comercio interior del libro 2012 (presentado ao comezo da feira) que amosan unha redución das vendas do 10,9% no conxunto do sector (2.471,48 millóns de euros); un decrecemento do 4,9% no número de títulos editados  (79.175) e xa de apenas o 2,2% dos exemplares fabricados (280 millóns). Crise considerada estrutural pola maioría dos editores, como consecuencia do tránsito do paradigma da comunicación cultural e do proceso de hibridación do soportes de edición. Un diagnóstico que obriga a reconsiderar as bases sobre as que funcionou, ate agora, a cadea de valor do negocio editorial. Datos e actitudes que, porén, contrastan coa escasa presenza de novos proxectos e iniciativas nos corredores deste Liber, onde nin sequera no mal chamado «Corner Digital» se presentaron grandes novidades, quizais coa excepción dos diversos proxectos de préstamo bibliotecario de e-books e da plataforma Nubico, que fixo un importante esforzo publicitario.

Polo que atinxe á presenza galega, máis alá de que por segundo ano consecutivo nin a Xunta de Galicia nin a Asociación Galega de Editores tivemos na feira espazo de seu (os medios cos que contamos non o permiten), o máis novidoso foi a presentación de Sueños del Gatipedro, un selo infantil do que son socios a editorial Galaxia e Fol Música da discográfica Boa. As dúas primeiras e magníficas novidades, o salto ao castelán de Mamá Cabra e Magín Blanco, aventuran para o proxecto un éxito que agardamos rotundo.

Con todo, o que máis atención me chamou deste Liber foron as intervencións dos políticos do Partido Popular na cea de entrega dos Premios de Fomento da Lectura, que foi presidida polos príncipes de Asturias. Tanto José María Lasalle, secretario general de Cultura, como Ignacio González, presidente da Comunidad de Madrid, leron dúas excelentes pezas literarias sobre a historia do libro, o papel esencial dos editores e o valor do libro e da lectura para a formación integral das persoas. Porén, non fixeron referencia ningunha ás políticas públicas arredor do libro e da lectura. Ningún dos dous falou de recortes orzamentarios nas partidas para adquisición de fondos para bibliotecas ou para programas de fomento da lectura, o obxecto deste premios outorgados pola Federación de Gremios de Editores de España. Ninguén se referiu ao papel do sistema educativo na lectura nin sequera á posibilidade de apoio dos poderes públicos na promoción do libro editado en España no mercado internacional. Apenas unha referencia confusa aos retos da nova lei de propiedade intelectual e da «necesaria reforma do código penal no referido á loita contra a pirataría». Quedei abraiado, coma o resto dos presidentes das asociacións de editores que compartimos mesa, pola elegancia coa que se poden botar fóra os balóns máis comprometidos. Como tantas outras veces en actos deste tipo, saín coa impresión de que os responsables dos poderes públicos substituíron as políticas públicas de lectura por discursos fermosos sobre a importancia da lectura. Abóndalles. Deste xeito nin sequera xa teñen que xustificar os recortes nin a erradicación de programas básicos como o da adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas.

O vindeiro ano será Barcelona quen recolla a testemuña da imprescindible renovación de Liber.

Onte 747: Orzamentos para Cultura

As primeiras informacións sobre os Orzamentos Xerais para 2014, os que Montoro cualifica da recuperación, suporán máis recortes para a Cultura. Dúas partidas claves coma a de Bibliotecas (43,21 millóns de euros) e Cine (48,21 millóns) baixan de forma significativa, a primeira un 8,5% e a segunda un 12,4%. Con estas cifras, é probable que en 2014 continúe a cero (por segundo exercicio consecutivo) a partida do Goberno destinada a colaborar coas CC.AA. na adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas; o que suporá unha nova catástrofe para o sector da edición cultural española nas súas diversas linguas. Sen menoscabo de afinar a análise dos orzamentos con cifras máis detalladas (ás que non tivemos aínda acceso), é moi difícil que así o sector cultural poida iniciar en 2014 a súa recuperación.