Onte 460: Fútbol é fútbol

Celebramos a primeira presentación dun libro nas magníficas instalacións do espazo cultural d’ A Nave de Vidán. O xornalista Xosé Hermida e o seleccionador galego Fernando Vázquez conversaron con Jacobo Buceta sobre os contidos dun libro que radiografía o mundo do fútbol e dos seus protagonistas. Hermida comezou a súa intervención salientando que “hoxe no mundo do fútbol quen leva un libro no sobrazo xa non é sospeitoso”. Comentou logo que “era raro que non se publicase máis libros sobre fútbol, xa que é un deporte onde hai sempre relato, drama. Albert Camus, que foi porteiro, foi quen dixo que todo o que sei con maior certeza sobre a moral e as obrigas dos seres humanos débollo ao fútbol”. Hermida definíu o libro de Buceta como “un animalario sobre todo tipo de persoas que pululan no fútbol, clasificadas por arquetipos. É un libro moi divertido, non só polas anécdotas, tamén polo seu estilo, inzado de metáforas moi enxeñosas, polo ton lixeiro que ten a boa prosa. É unha obra que pode empezarse por calquera sitio, por cada un dos capítulos”. Para Hermida Fútbol es fútbol deita unha mirada desmitificadora sobre o fútbol actual, grazas ao seu ton distanciado, desmitificador e agarimoso cos seus protagonistas, sen caer no ton épico de batalla tan frecuente no fútbol. É moi de agradecer que o libro estea escrito dende unha mirada distanciada, dende Galicia, evitando o espectáculo grotesco e cansino da eterna liorta entre o Real Madrid e o Barcelona, unha comedia protagonizada sempre por persoas interpostas”. Rematou Xosé Hermida insistindo en que “calquera que siga o fútbol con asiduidade, non fai falta ser un forofo, vaille gustar este libro cheo de humor e de historias profundamente humanas. Como lembrou Camus, o fútbol é un marco onde aprendemos como son os homes e como se comportan”. Para Fernando Vázquez “o libro é Jacobo en estado puro, con esa distancia que o caracteriza sempre como xornalista”. “É un monólogo cómico de fútbol. Un libro sobre o comportamento das xentes relacionadas co fútbol. Para min é un libro de humor”. Por último, na súa intervención Jacobo Buceta relatou algunhas das anécdotas máis divertidas e emblemáticas que contén o libro, para logo dar paso a un longo coloquio co público que se alongou case unha hora. Intenso e magnífico serán compostelán de literatura futbolística.

Onte 357: Camiño do Ézaro

A etapa da Vuelta que rematou no Mirador do Ézaro foi espectacular. Despois de xantar, apampei diante do televexo (como dícían Manuel María e Celso Emilio Ferreiro) seguindo un dos meus percorridos preferidos do país, o que vai dende os vieiros da ría de Muros, para logo pasar por Louro, Lira, Carnota e subir ao Pindo, paisaxes de beleza desbordada, máis aínda nunha tarde tan luminosa como a de onte. Dende a ollada do helicóptero, esta Galicia atlántica é unha auténtica golosina visual. Unha marabilla! Coa excepción da lamentable utilización partidista dalgúns políticos, especialmente de Rafael Louzán pillando cámara canto pode, as etapas da Vuelta desta semana contribúen á promoción turística de Galicia. No entanto é unha mágoa que a transmisión do treito final dunha etapa moi dura e moi emocionante quedase un chisco ensombrecida por algúns comentarios pouco afortunados, froito dos escasos coñecementos xeográficos e dos prexuizos dos comentaristas de TVE. Como tamén é de lamentar a ausencia nas estradas de ciclistas galegos, debido á inxusta sanción de Ezequiel Mosquera (a quen se lembrou nas rampas do 25% camiño de Ézaro) como á desaparición do equipo profesional galego, liquidado a comezos da lexislatura de Feijoo. Ademais, a etapa foi unha oportunidade ideal para reivindicar outra vez o Monte Pindo como Parque Natural. Ben feito!

Onte 345: #EstamosdeVolta

Foi unha marabilla participar do entusiasmo co que a bancada celeste asumiu o regreso a Primeira. A pesar do resultado tan ruín e da decepción de enviar ao longueiro un balón no derradeiro minuto, o xogo do Celta foi moi esperanzador. #EstamosdeVolta e comezamos as rotinas da liga e do novo curso escolar. Tempus fugit.

Onte 342: A llengua de Guardiola

VilaWeb lévame a un interesante artigo de Teresa Iribarren en Núvol, un dixital de cultura en catalán, cuxa tese é sinxela de resumir: hoxe no mundo a catalá é «a lingua de Guardiola». O comportamento lingüístico do adestrador de Sanpedor, instalado decote no catalán, mais con expresión moi fluída en inglés e español, permitiu á lingua e á cultura catalás gañar unha visibilidade e un prestixio internacionais que sabemos serían imposible acadar cunha estratexia só cultural e diplomática. Máis aínda, para Iribarren no inminente futuro a visibilidade internacional da lingua catalá non dependerá tanto de iniciativas culturais tan loables como a nominación de Pa negre aos Óscars ou as publicacións do Instituto Ramón Llul, senón do compromiso co catalán de Tito Vilanova, o novo adestrador do Barça, que moi pouco ten que ver co mundo da cultura. Outra responsabilidade que herdou de Guardiola, de quen se fala que podería adestrar á selección brasileira de cara ao mundial 2014. Non hai dúbida que nas estratexias normalizadoras que precisa  o galego, como para acadar a visibilidade internacional da nosa cultura, hai que ter moi en conta os comportamentos lingüísticos dos clubes deportivos coma destes modelos sociais de prestixio, sexan deportistas, artistas ou xentes con presenza habituais nos medios. O futuro do galego tamén depende da lingua que utilicen estas persoas e institucións.

Onte 339: Cancións de despedida

A cerimonia de peche dos xogos olímpicos careceu da brillantez e da emotividade da inaugural. O estadio, transformado outra vez en xigante set televisivo, ofreceu un espectáculo baseado no poderío da música popular británica. Porén, onte non estoupou sorpresa ningunha e nin sequera a aparición de Monthy Phiton, Pelé e a presenza da grande Mariza Montes, recollendo o testemuño de Río, foron capaces de levantar o interese de tan decepcionante e previsible velada. Lembroume o momento «disco» das interminables vodas británicas, nas que o dj comeza cos temas para os picariños, logo outros para satisfacer a nostalxia dos avós, para logo saltar durante tres horas toda a tralla dos grandes éxitos das cinco últimas décadas. Equivocáronse os organizadores, non era ese formato axeitado para pechar uns xogos excelentes. Abondaban unhas cancións de despedida emotivas, que non souberon ofrecer. O chauvinismo é unha doenza que se transmite con moita facilidade.

Onte 338: Galicia olímpica

Tras a medalla de ouro en vela de Echegoyen e Toro, as pratas do histórico Cal e do formidable Noya, ademais do bronce que Begoña Fernández obtivo como membro da selección de balonmán e do diploma (esa maldita cuarta posición) da padeixeira Teresa Portela, Galicia culmina unha excelente participación olímpica. De contar con delegación propia estariamos no medalleiro á altura de países como Irlanda, demostrando, ademais, que en Galicia existe moito máis deporte e deportistas tras a muralla do fútbol profesional dos Celtas, Deportivos, Lugos, Obradoiros ou Breogáns. Non hai dúbida de que os deportes náuticos, vela e piragüismo sobre todo, son dúas potencialidades que poderiamos aproveitar aínda mellor do que o facemos. Parabéns ao olimpismo galego, si señor!

Onte 334: Medalla galega

A primeira medalla galega provocou un comprensible estourido de entusiasmo. A prata olímpica de Xavier Gómez Noya nunha das disciplinas máis duras destes xogos é froito da fortaleza, do tesón e do sufrimento, ao longo dunha década de adestramentos e competicións, dun atleta espectacular, mesmo capaz de superar unha doenza cardiaca ao comezo da súa andaina. Un grande éxito que culmina o camiño aberto no triatlón galego a finais dos noventa polo seu compañeiro Iván Raña. Ademais non podo agochar a simpatía por este nacho cando fala con tanto criterio sobre a súa relación co galego e coa súa utilidade nos entornos internacionais ou cando cruzou coa bandeira galega a meta dunha das Copas do Mundo que gañou. Marabilloume a foto que vin retuiteada por Xabier Cid do saúdo entre Xavier e o gañador, o inglés de Yorkshire Alistair Brownlee, ambos os dous esgotados. Unha demostración emocionante de «fair play» e afouteza, dous dos valores que máis admiro nos deportistas. Beizóns!

Onte 332: Serán na casa

Dediquei a tarde na que Vigo quedou ocupado a gozar do atletismo e da lectura dun orixinal engaiolante. A procesión do Cristo  é unha mobilización popular potente que non é doado interpretar. Os sectores conservadores e neoconservadores utilízana como unha manifestación do seu respaldo social. Despois de cinco décadas, preferimos non cabrearnos, coma nos sucede todos os anos, e quedar sen a nosa camiñada ao solpor. Outro domingo será!

Onte 324: A cerimonia de London 2012

Non puiden ver en directo a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos, mais onte tiven a oportunidade de recuperar na rede a gravación das súas catro horas (recomendo buscala no sistema de TVE á carta). Unha marabilla concibida para televisión! Alí atopei ese cen por cen british que eu tanto admiro, un compendio de creatividade, tradición, modernidade, elegancia, popularidade, interxeracionalidade, rigor, humor, tinguido dos valores deportivos de «fair play» e afouteza. Mais e sobre todo, gustoume a exaltación visual que Danny Boyle fixo do que el entende representa a identidade británica dende a revolución industrial, o movemento sufraxista e o sistema público de saúde, pasando pola música pop e rock (na que UK é, sen discusión, a primeira potencia mundial), até a literatura infantil e ao emprego da súa irónica retranca. Sen deitarse nos perigosos brazos do chauvinismo, presentar e compartir coa humanidade a identidade propia, e facelo con elegancia e fachenda, constitúe un modelo a seguir. Non teño dúbida que os Xogos Olímpicos de London serán extraordinarios, xa que o público deportivo británico é o mellor do mundo. Durante as dúas próximas semanas terei alí todas as miñas saudades.