Onte 107: Tretzevents
Esta publicación infantil en catalán naceu en 1951 co título L’infantil, promovida polo Seminario de Solsona, para mudar ao nome de Tretzevents, cando en 1973 comezou a depender das Publicacions de L’ Abadia de Montserrat. Coincidindo co seu sexaxésimo aniversario pecha debido, segundo os seus editores, á falta de apoio institucional no marco da crise económica. Tras 903 números, a desaparición da revista en catalán máis antiga (en 2008 tiraba 8.000 exemplares), que chegou a recibir a Creus de Sant Jordi, mesmo cando en Cataluña está en marcha un interesante Plan de Fomento da Lectura, amosa a fraxilidade de todas as publicacións impresas nun entorno global de tránsito entre soportes e a clara desorientación das administracións públicas (mesmo as dun goberno nacionalista como o de Artur Mas) á hora de establecer as súas políticas no eido da cultura e da educación. O Grupo de Traballo de Bibliotecas Infantís e Xuvenís do Colexio Oficial de Bibliotecarios e Documentalistas de Cataluña puxo o dedo na chaga: «La mort de Tretzevents és un símptoma més de la fragilitat a la qual s’exposa la cultura –i especialment la nostra– en contextos com els que estem vivint». A desaparición de Tretzevents non pode agochar que as revistas en catalán teñen, se as comparamos coas nosas publicacións en lingua galega, unha diversidade envexable e unha maior presenza na vida social, profesional e cidadá. Así, no eido das publicacións infantís, os picariños e picariñas cataláns de 0-5 anos (entre as que está a nosa Sabela) contan con Piu-piu e El Tatano; e os maiorciños con Cavall fort (con máis dun milleiro de números, publicados ao longo de 50 anos), publicación nosa de referencia cando soñamos aquel malogrado Golfiño de papel.