Fallado o VIº Premio Lecturas de Galix

Hoxe coñecimos o fallo do VIº Premio Lecturas de Galix, outorgado por xurados de lectores e lectoras de diversas bibliotecas aos mellores libros de literatura infantil e xuvenil en galego do ano 2004. Foron os gañadores Raquel ten medo de Agustín Fernández Paz e Marina Seoane (na categoría de 7 anos e na de mellor libro ilustrado); Eu son adoptada, e que? de Xosé Antón Neira Cruz (na categoría de 8 a 11 anos); O solpor da Prehistoria de Pepe Carreiro (na categoría de 11 a 14 anos) e Campos de Cuba de Fran Jaraba (na de maiores de 14) foron os gañadores. É moi significativo que os dous últimos títulos premiados fosen libros de cómic, o que demostra a aposta dos lectores novos por esta narrativa debuxada.

Suso Peña



Cleopatra, Suso Peña


Jaureguizar todas as mañás xa é un vicio. Hoxe, grazas a esa dependencia, souben do pasamento do comiqueiro ribadense Suso Peña. Apenas engadir ao seu magnífico post que ilustrou tamén a autores galegos. Velaí o seu Celso Emilio para nenos, que preparou hai anos Antonio. Como xa sucedeu noutras ocasións, semella que só coa morte, coñecemos a existencia dalgúns dos nosos creadores pioneiros.
Coma un buxo
Á primeira hora da mañá visitei a don Paco no seu despacho. Atopeino coma un buxo. Inusualmente falador, contoume unha anécdota moi pavera de Uxío e a primeira edición que Galaxia fixera d´Os vellos de Castelao. Paco, aos noventa e pico, segue rexo, lúcido e reivindicativo. O espazo dispoñible na Penzol xa non chega para ubicar as súas vinte e pico mil referencias. Pódese entender que o maior arquivo impreso sobre Galicia conte con escasísimas axudas do goberno autónomo?
Novo Estatuto Galego
O artigo de onte saíu publicado tamén en xornal. Aceptei colaborar con eles.