«Lois Pereiro. Breve encontro», adianto da novela gráfica de Jacobo Fernández Serrano

Coincidindo coa celebración do 17 de maio, dende o blog de Xerais adiantamos hoxe 24 páxinas de Lois Pereiro. Breve encontro. Un achegamento comiqueiro á obra e vida do poeta, novela gráfica da que é autor Jacobo Fernández Serrano. Tras un demorado traballo de documentación, Jacobo ofrece un volume de 160 páxinas nas que percorre a biografía e a obra literaria de Lois Pereiro. Creo que vai ser outras das obras de referencia deste magnífico e renovador ano Pereiro. Agardo que sexa do voso agrado. A edición  é froito dunha coedición de Xerais e da Consellaría de Cultura e o libro chegará ás librarías a comezos do vindeiro mes de xuño.

O adianto da novela gráfica Lois Pereiro. Breve encontro pode baixarse en pdf aquí.

O neno nuclear


Así explican aos nenos en Xapón o desastre de Fukushima. Unha peza que achega moita información sobre o que está sucedendo e sobre a forma de entender a catástrofe por parte das autoridades niponas. Quedei moi desacougado, xa que o nivel de ocultación dalgúns dos efectos máis evidentes da radiación é asombroso.
Vía Ramón Lobo.

A anotación de "Tio Vivo"

A experiencia desta semana arredor da anotación do pasado martes sobre a plana de “Pepe el hincha”, publicada na revista Tio Vivo, foi das máis bonitas destas brétemas. Aos primeiros comentarios de Arume dos piñeiros e de Césare sobre o ano de publicación, sucedéronse diversas achegas ata chegar ás dúas de Gonzalo Vilas na que establece un data case exacta: 19 de xullo de 1964. Todas as contribucións foron tecendo a rede do coñecemento sobre o caso proposto: dende as estritamente futbolísticas, ás relacionadas co autor (o valenciano Peñarroya) ou coa editorial (Bruguera), ata outras literarias (como esoutra de Xosé Manuel González na que recorda que “Panduriño” é un personaxe secundario, con certa importancia na trama, da novela costumista de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya).
Agradecido a todos os participantes na anotación (que aínda pode dar de si), recollo unha viñeta de “Mortadelo e Filemón”, da que dá conta Gonzalo Vilas, na que volven aparecer os “simpáticos galleguiños”.

Recordade premer sobre a imaxe para lela con maior facilidade.

TioVivo

O amigo Fausto Isorna envíame esta páxina recuperada de TioVivo. Non ten desperdicio.

Pode lerse máis comodamente premendo sobre a imaxe.

Actualización (16:00 horas): Arume dos piñeiros e Cesare preguntan sobre a data de publicación desta portada de TioVivo, sen dúbida, unha cuestión moi importante para sacarlle ao texto e ao contexto (sociolingüístico e identitario) máis miga. Os datos que atopei son os seguintes:

– A revista TioVivo comezou a publicarse semanalmente en 1957 promovida por un grupo de historietistas da editorial Bruguera (entre eles Peñarroya, o autor desta portada), agrupados na Cooperativa D.E.R. (Dibujantes Españoles Reunidos). A partir de 1961 foi adquirida por Bruguera que iniciou unha nova numeración. Entendo que esta plana corresponde a esta segunda etapa. Sendo a numeración da plana que reproducimos, 176, o ano previsible da súa publicación debería ser 1964.
– A empregada galega recórdalle a Pepe “El Hincha” que Luisito Suárez e Amancio son os mellores xogadores do mundo. Recordemos que Amancio Amaro, o memorable extremo do Deportivo da Coruña, fichou polo Real Madrid (formando parte da selección española que en 1964 gañou o campionato europeo) en 1962 e Luis Suárez (quizais o mellor xogador galego de todos os tempos), fichou polo Barcelona en 1953 e logo polo Inter en 1961. Outra referencia a un futbolista galego na plana é a de Pahiño (o afouto goleador de Navia, fichado polo Real Madrid ao Celta no ano 1948).
– Cruzando esta información, semella que é verosímil afirmar que esta plana de TioVivo está datada en 1964, un ano no que competiron en primeira división o Pontevedra (liga 1963-64) e o Deportivo da Coruña (liga 1964-65), ambos os dous descendidos ao remate de senllas tempadas. Razón pola que ese simpático “Panduriño”, apupado pola empregada, podería ser o Pontevedra ou o Deportivo da Coruña.

Fallado o VIº Premio Lecturas de Galix

Hoxe coñecimos o fallo do VIº Premio Lecturas de Galix, outorgado por xurados de lectores e lectoras de diversas bibliotecas aos mellores libros de literatura infantil e xuvenil en galego do ano 2004. Foron os gañadores Raquel ten medo de Agustín Fernández Paz e Marina Seoane (na categoría de 7 anos e na de mellor libro ilustrado); Eu son adoptada, e que? de Xosé Antón Neira Cruz (na categoría de 8 a 11 anos); O solpor da Prehistoria de Pepe Carreiro (na categoría de 11 a 14 anos) e Campos de Cuba de Fran Jaraba (na de maiores de 14) foron os gañadores. É moi significativo que os dous últimos títulos premiados fosen libros de cómic, o que demostra a aposta dos lectores novos por esta narrativa debuxada.

Suso Peña



Cleopatra, Suso Peña


Jaureguizar todas as mañás xa é un vicio. Hoxe, grazas a esa dependencia, souben do pasamento do comiqueiro ribadense Suso Peña. Apenas engadir ao seu magnífico post que ilustrou tamén a autores galegos. Velaí o seu Celso Emilio para nenos, que preparou hai anos Antonio. Como xa sucedeu noutras ocasións, semella que só coa morte, coñecemos a existencia dalgúns dos nosos creadores pioneiros.
Coma un buxo
Á primeira hora da mañá visitei a don Paco no seu despacho. Atopeino coma un buxo. Inusualmente falador, contoume unha anécdota moi pavera de Uxío e a primeira edición que Galaxia fixera d´Os vellos de Castelao. Paco, aos noventa e pico, segue rexo, lúcido e reivindicativo. O espazo dispoñible na Penzol xa non chega para ubicar as súas vinte e pico mil referencias. Pódese entender que o maior arquivo impreso sobre Galicia conte con escasísimas axudas do goberno autónomo?
Novo Estatuto Galego
O artigo de onte saíu publicado tamén en xornal. Aceptei colaborar con eles.