Identidades dixitais

No artigo da semana de «Campo de Granada» (non aparece na web de Faro de Vigo) abordo, dende un punto de vista xeral e divulgativo, a cuestión das  Identidades dixitais, unha das compoñentes, xunto a literacidade electrónica, do paradigma da comunicación cultural electrónica.

Durante a última década, debido aos avances das tecnoloxías da comunicación dixital, fomos incorporándonos ao emprego da telefonía móbil e das utilidades proporcionadas por Internet. Tanto as persoas que o fixeron de forma entusiasta, como as que arrastraban inevitables prexuízos ou medos sobre o emprego destas novas ferramentas convértimonos, con enorme rapidez e sen contar con ningún tipo de alfabetización específica, en lectores sobre pantallas e micropantallas. Temos a fortuna de ser testemuñas e actores da revolución comunicacional máis trascendental que a humanidade ideou, dende hai cinco séculos, tras a invención da imprenta de tipos móbiles: a da expansión mundial da comunicación electrónica.

Velaí os cambios de costumes que vivimos desde a revolución introducida pola telefonía móbil  da que moi dificilmente somos xa capaces de subtraernos. Eis a mudanza dos nosos hábitos de comunicación a distancia. No móbil recibimos mensaxes instantáneas que nos convocan a un acto cultural (como fan sistematicamente concellos como o de Soutomaior) ou nos recordan unha cita médica; dende o teléfono enviámolas para expresar intimidades ou para comunicar un resultado deportivo ou unha noticia que escoitamos na radio. Outrosí sucede coas utilidades de Internet que, a pesar da fenda dixital que aínda padecemos no noso país (Galicia continúa á cola pola súa porcentaxe de usuarios), xa son empregadas adoito por maior número de usuarios. Xa non fai falta ser un friqui nin un experto nos trebellos informáticos para utilizar o correo electrónico coma a nosa primeira identidade dixital (onde recibimos comunicacións persoais e institucionais), ou a navegación na rede para ler os nosos xornais e blogs preferidos (onde, e isto é moi importante, deixamos publicadas as nosas opinións sobre os seus contidos), consultar as nosas contas bancarias ou visionar as nosas series preferidas, mesmo adiantándonos a súa emisión polas canles de televisión.

Usuarios algo máis avanzados non teñen moitas dificultades para aproveitar as utilidades destas tecnoloxías que se «actualizan» (sería máis axeitado dicir que mudan e melloran o seu funcionamento) a unha velocidade de vertixe. Empregan as terminais dos seus móbiles para publicar os vídeos e fotos que tiraron con elas nos seus blogs ou no seu perfil de Twitter, o que lles permite compartilas de forma case inmediata con todos os seus amigos e amigas de Facebook ou Tuenti, dúas das redes de sociais onde teñen aberta a súa identidade dixital.  Outrosí sucede con eses case dous mil mozos e mozas entre os 16 e 35 anos que durante tres días desta fin de semana se reuniron no «Xuventude Galiza Net 09» (un encontro informático que vai xa na décima edición) para compartir de forma incansable arquivos e expresar a creatividade e a potencia informática da mocidade do noso país.

Dende estes usuarios máis avanzados até aquelas persoas que comezan a súa alfabetización na cultura dixital todas asumen unha nova literacidade, un novo xeito de ler e escribir sobre as pantallas, ao tempo que van construíndo unha identidade dixital, como parte da súa identidade persoal. Estes dous compoñentes, literacidade e identidade dixital son as dúas trabes do paradigma da comunicación dixital do que ningunha persoa, institución, administración, sociedade, empresa ou calquera tipo de entidade pode quedar alleo. Como salienta Juan Freire, o blogueiro Nomada e profesor da Universidade da Coruña, no marco dunha Internet que se está construíndo diante nosa e que pretendemos sexa un espazo de aprendizaxe e socialización, será necesario que neste futuro-presente cada persoa ou cada organización xestione a súa propia identidade dixital. Eis un reto ineludible.

Unha identidade dixital confórmase a partir das identidades fragmentarias que construímos a partir da nosa aprendizaxe das competencias da cultura dixital e das utilidades asociadas a ela que somos capaces de manexar. As identidades dixitais, tanto as individuais como as das organizacións, vanse conformando na conversa activa que mantemos na rede sexa na rede de blogs (como Blogaliza no caso noso) ou nos espazos multimodais (os vídeos en You-tube; a música en Last.fm; as noticias en Chuza, Delicious ou Technorati, as fotos en Flickr ou en Picassa). Conversa que agora se amplía e axiliza pola participación  nas redes de “status” (que estás facendo?) e “presenza” (onde estás?) conformadas polas utilidades de microblogueo (Twitter, Lareta ou Gmail Google Talk) ou as de participación social e de lecer (Facebook ou Tuenti). Como as abellas, na rede imos tecendo a nosa tea cos fíos que achegamos en cada un destes espazos. Eis o reto da nova Internet 2.0 ou 3.0, mais optar por unha denominación u outra é outro debate.

A realidade explicada a nenos e nenas

Esta anotación de Lándoas é absolutamente recomendable. Unha análise potente sobre o novo escenario político tras as elección do primeiro de marzo. Outrosí sucede coas análises demoscópicas de Fermín Bouza, dende o seu Voto con botas, e da completísima e modélica de Calidonia. Parabéns para estes tres amigos blogueiros que amosan a madurez e o rigor acadada polo blogomillo galego. Dáme o corpo que os blogs e a comunidade galega de Facebook –dous espazos de independencia informativa e de opinión participada– van ser decisivos nesta difícil lexislatura que se abre.

O pulo do Facebook galego

O suplemento dominical «Estela» de Faro de Vigo dedica hoxe catro páxinas (pódense baixar ou ler en pdf aquí) ao pulo que colleu o Facebook en Galicia. A reportaxe supón a visibilización na prensa de papel dun fenómeno que nos últimos meses colleu unha dimensión sorprendente, tanto polo incremento do número de usuarios que nos unimos a este rede, como pola incidencia que o seu funcionamento ten sobre a sociedade (velaí a mobilización contra o veredicto homófobo, nacida desde esta rede).

Os blogueiros daquel blogomillo ventureiro, nacido hai case cinco anos, volven atoparse no facebook e, tamén, en twitter (o microblogueo merece unha anotación específica), coa entusiasta actividade de novos membros que durante estes dous últimos meses se uniron a esta rede de amizades nas que se comparte amizade, lercheo, reflexión e múltiples afinidades. Foi decisiva nesta ampliación do perímetro da rede galega de Facebook a campaña electoral, pola aposta que case todos os partidos fixeron por ela, especialmente os partidos nacionalistas. Ogallá está aposta pola participación política por medio destas redes continúe na acción de goberno. Outrosí debe suceder coas empresas e entidades que, porén, canto menos no que nós coñecemos, non teñen apenas presenza nesta rede.

A nosa aínda cativa experiencia en Facebook, sexa como usuarios ou como promotores da páxina de Xerais, levounos a comprobar a importante presenza do galego como lingua vehicular dunha boa parte dos usuarios, como a importancia que ten para a nosa lingua contar cunha versión en galego da utilidade (microsoft debería tomar boa nota). Dúas magníficas noticias a salientar, como tamén o é o alto nivel de participación dos usuarios (estes días mobilizados contra o perigo abstencionista deste domingo). 

Este pulo de Facebook, como o novo xénero discursivo de twitter (a min tenme fascinado), en definitiva das utilidades das redes sociais dixitais, obrigan a repensar o papel dos propios blogs. Creo que hoxe en Internet o importante é contar cunha identidade dixital singular (sexa individual ou colectiva, no caso de grupos, empresas ou institucións), cunha voz propia que le, escribe, opina, valora e conversa empregando a riqueza e singularidade de todas e cada unha destas utilidades dixitais e xéneros discursivos. Velaí a cuestión da literacidade electrónica do que tantas veces temos falado no blog.

Astrolabio

Dende hai dúas semanas o programa Astrolabio de Rodrigo Romaní, que emite a Radio Galega Música os sábados de 21:30 a 22:30 horas, conta con blog, onde se poden ver algúns vídeos dos temas emitidos. Esta peza de Jabier Muguruza é unha mostra das marabillas que escolle cada semana Rodrigo neste programa no que o folk galego dialoga co internacional. Recomendo o programa e seguir o blog.

Alema

Non podo manter durante máis tempo o segredo: son fan do blog de alema e apoio con convicción a súa iniciativa de recoñecemento de «bueno». Agradécense iniciativas realistas deste tipo. Gústame a súa declaración de principios como galegofalante urbano (condición coa que me identifico, eu que nunca tiven aldea). Bueno, pois, beizóns para alema. Recomendo vivamente seguilo.

O mercado dos libros en lingua galega

Carlos Callón publica unha anotación no seu blog e un artigo en Galicia hoxe sobre a situación do sector editorial en galego moi ben documentadas e atinadas. Agradécese o rigor. Beizóns.

Actualización (05-01-2009): Outrosí, coa anotación de Lándoa.

Cuarto aniversario

Hoxe estas brétemas chegan os seu cuarto aniversario. Dende aquela primeira anotación, levamos 2.240 (513 neste cuarto ano), decrecendo un chisco o noso ritmo de publicación Ben é certo que desde o pasado mes de abril, desdobramos a nosa voz coa creación do blog de Xerais, razón pola que estas brétemas abandonaron case completamente o seguimento da produción da editorial, principal eixo do meu traballo profesional. Segundo indica o contador, ao longo deste ano tamén baixaron notablemente as visitas, situándose por riba das 2.000 á semana (120.000 dende o pasado ano). Tematicamente o blog continuou polos seus camiños fundacionais, interesándose moito polo seguimento da lectura galega e as literacidades contemporáneas, así como pola educación para a paz e os dereitos humanos, o que non impediu que continuemos coas nosas entusiastas crónicas celestes ou con comentarios sobre actualidade política e cultural galegas.
Repasando o que foi este cuarto ano, atopo algunhas anotacións que merecen ser lembradas. No mes de xaneiro a da recuperación dos merdeiros no entroido de Vigo; en febreiro as dúas anotacións sobre historias de fútbol rebelde; en marzo a da economía do gratuíto; en abril a da celebración do «Serán pola paz»; en maio a da lectura en pantallas; en xuño a de editores do século XXI, a raíz do manifesto de Sara Lloyd; en xullo a realizada sobre a intelixencia de Barreras; en agosto a da polémica de Steiner e o galego; en setembro a necrolóxica in memoriam de Suso Jares; en outubro as palabras de despedida de Ramiro Fonte; en novembro as quince características óptimas dun e-book e en decembro a nosa contundente denuncia dos bombardeos sionistas sobre Gaza. Creo que o vídeo do ano no blog foi o da cincenta moribunda, a crónica celeste máis auténtica foi a do escandaloso remate da pasada tempada e a beizón máis vibrante (houbo moitas) a da posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos.
A pesar de que non mo aconsellan os especialistas, decidín continuar co proveedor e deseño inicial do blog, actualizándoo só coas utilidades que considero imprescindibles, e coa da relación dos blogs que leo, xa que sigo crendo que o valor fundamental de cada un dos blog está na permanencia da voz do seu autor, é alí onde reside a credibilidade desa identidade individual de dominio público e da comunidade que crea ao seu arredor. Iso non quere dicir que desmereza o valor deses blogs lumieiras, extraordinariamente coidados e traballados para sorprendernos cada día aos lectores co seu galano.
Dende hai catro anos, a comunidade do blogs en galego ampliouse moito e hoxe xa é imposible seguir as anotacións de todos os seus membros, como intentabamos facer daquela. O que se gañou en perímetro (cinco milleiros de blogs son moitos, a verdade), perdeuse en identidade da comunidade. Hoxe son as redes sociais e as pequenas comunidades de blogs especializados tematicamente as que protagonizan aquel espírito entusiasta do primeiro blogomillo, tendencia que penso se intensificará aínda moito máis no futuro inmediato.
Aproveito esta anotación recompilatoria e de autobombo para agradecer a participación a todos os comentaristas do blog (máis de tres mil ao longo deste ano), a pesar de que nalgunhas ocasións discrepo abertamente das súas posicións, mais tamén considero que deben ser respectadas, xa que este espírito tolerante e aberto é o propio da nosa cultura blogueira. Beizóns, tamén, para os lectores e lectoras anónimos, que tantas veces me fan arroibar cando din que seguen as brétemas. Aquí continuaremos, mentres teñamos algo interesante que contar e tempo (iso é o máis escaso) para facelo, coa mesma esperanza, ilusión e humildade do primeiro día.

Inédito

Coñecín hoxe o blog Inédito, un espazo fotográfico coordinado por Manuel Sendón e concibido para ter presenza mensualmente tanto nas páxinas impresas do semanario A Nosa Terra como nas anotacións do propio blog. Un espazo para seguir fotógrafos emerxentes, especialmente galegos. Polo momento podemos seguir o traballo de Graciela Sacco, Sabela Correa e Xulia Aranda. Interesante.