24 de outubro, Día da Biblioteca

O vindeiro 24 de outubro celébrase en Santiago o Día da Biblioteca. Con este motivo, Amigos do Libro Infantil e Xuvenil encargou a Agustín Fernández Paz o pregón da xornada e a Xosé Cobas o deseño do cartel, que se está distribuíndo en toda a rede bibliotecaria española. Un formidable traballo de Agustín e Cobas. Beizóns!

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ
Agustín Fernández Paz

ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.
Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.
Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.
Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.
Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.

ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.
Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.
Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.
Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. Os libros: ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender o oficio de vivir, para cambiarnos a vida e implicármonos na transformación do mundo.

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta.

Rare book room

Neste sitio poden consultarse manuscritos dixitalizados por Octavo para diversas bibliotecas do mundo. Fedellando poden verse cousas moi interesantes e curiosas.
Vía: Libreros.

Unha noite na biblioteca

Esta é unha das experiencias máis bonitas e máis orixinais que coñezo de fomento da lectura entre os pequenos. Concibir a biblioteca como fogar das palabras e dos libros, considerala como espazo para compartir a vida e os libros, ubicala como eixo da vida cultural dunha comunidade é unha aposta preciosa de Espazo Lectura. Unha experiencia que abre un vieiro de esperanza, un modelo para compartir. Beizóns para os amigos e amigas de Espazo Lectura.

Entrevista a Manuel Rivas

Manuel Rivas é entrevistado na revista UNELIBROS. Manolo, entre outras cousas ben interesantes, propón a creación dun novo ecosistema para a promoción da lectura e do libro: o pub-taberna-libraría. Quedo con estas tres afirmacións en defensa do libro, a lectura e a biblioteca:

  • “A lectura, o libro e os espazos onde están son lugares de resistencia humanística esenciais. A nosa sorte depende de que eses espazos se manteñan ou desaparezan completamente da natureza”.
  • “O libro é algo que pertence á natureza, que ten a condición de froito”.
  • “Os centros escolares deberían ter como epicentro arquitectónico a biblioteca”.
    A longa entrevista pode lerse neste pdf (nas páxinas 13 a 15) do número completa da revista.

Xosé María Álvarez Blázquez, WebQuest ESO

Publicouse unha interesante WebQuest sobre a figura de Xosé María Álvarez Blázquez, deseñada polos responsables das bibliotecas escolares do IES Afonso X O Sabio (Cambre) e o IES de Fene. Un recurso didáctico valioso para traballar nos centros de ESO a homenaxe do 17 de maio.
Por outra banda, dende a editorial estes días mandamos a fabricar A cidade e os días, obra que publicamos en colaboración co concello de Vigo; Xosé María Álvarez Blázquez. Unha Fotobiografía, volume preparado por Afonso Álvarez Cáccamo e Xosé María Álvarez Blázquez. Unidade didáctica, preparada por Irene Pérez Pintos. Rematamos así o proxecto de publicacións sobre a figura tan querida e salientable de don Xosé María.

Os Encontros de Bilbliotecas Escolares en directo

Mañá falaremos nos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares sobre “A lectura en galego no marco da nova literacidade: o caso dos blogs“. O máis pavero do asunto é que vai ser retransmitido en directo por Internet. Agardo non estar moi espeso ás catro da tarde. Prego, polo tanto, que as persoas que o vexan sexan benevolentes. Non me vin noutra coma esta.

Encontros Plan Mellora de Bibliotecas Escolares 07/08

Xa coñecemos o programa dos Encontros do Plan Mellora de Bibliotecas Escolares 07/o8 que organiza en Sanxenxo a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación.

Na primeira xornada, 3 de abril, xoves, haberá tres conferencias:

  • ¡Canto vale? ¿Canto custa? ¿Para que serve? ¿É rendible? ou Como avaliar procesos e resultados na biblioteca escolar?, José Antonio Camacho.
  • Aprender a ler: ler para aprender, María de Lourdes Dionísio.
  • A lectura en galego no marco da nova literacidade: o caso dos blogs, Manuel Bragado.
e tres obradoiros:
  • Proxectos de traballo coa tradición oral, Antón Castro.
  • Espertar as ganas de ler. Presentación de libros, Charo Pita.
  • Ferramentas na Rede, José Fariña. José Luís Barreiro.
Na segunda, venres, catro conferencias:
  • A biblioteca escolar: centro de recursos para a aprendizaxe e a alfabetización informacional, Villar Arellano.
  • Biblioteca escolar e proxectos lectores. Recursos electrónicos e o seu aproveitamento, José Manuel Luque.
  • Fomento da lectura en contornos dixitais, Laura Borras Castanyer.
  • “El cementerio de los elefantes”, Gonzalo Moure.

Instituto Rosalía de Castro

Xosé L. Méndez Ferrín continúa a súa serie de artigos no Faro de Vigo sobre “Arquivos, bibliotecas e museus“. Hoxe reclama a creación do Instituto Rosalía de Castro, de promoción da lingua e literatura galega no exterior, prevista na aprobada Lei do Libro e a lectura. A argumentación do mestre é dificilmente rebatible:

“Toda nación, e Galicia éo, debe dotarse de centros no extranxeiro nos que se difunda a súa lingua e a súa cultura propias. O goberno da Generalitat de Cataluña así o pensou e instituiu con nome de Ramon Llull unha serie de centros no mundo nos que a lingua e a cultura catalás se fai presente. Tense pedido unha e outra vez que a Xunta funde un organismo desde tipo, ao mesmo se lle ten dado o nome de Rosalía de Castro, pro non parece que vaia ser moi axiña realidade. Fraga Iribarne non quería un instituto internacional de Galicia por non ofender a idea de España única. Non sei por que Touriño e os seus socios que se reclaman do nacionalismo (naturalmente non independentista, san e ben entendido) se resisten á posta en funcionamento do Instituto Rosalía de Castro e sofren a humillación, aparentemente con gusto, de que sexa o goberno de Madrid a través de Instituto Cervantes que se apiade da nosa lingua e da nosa cultura e, por man de C.A. Molina vai facendo perceptibeis, poñamos que en Damasco, pequenas evidencias de que existimos e somos diferentes e que Álvaro Cunqueiro escribía en galego sobre Simbad.”