Servizos de lectura
Gardalivros anuncia a aparición dun monográfico da revista Interea sobre servizos de lectura. Moi interesante para debullar amodiño.
Gardalivros anuncia a aparición dun monográfico da revista Interea sobre servizos de lectura. Moi interesante para debullar amodiño.
Paréceme bo o novo portal da Rede de Bibliotecas de Galicia. Información ben organizada e cun nivel de usabilidade que me pareceu moi aceptable. Especialmente interesante é a selección de contidos web e o funcionamento dos buscadores (con atención específica ao do libro galego). Haberá que profundizar no seu funcionamento, mais a primeira visita é ben esperanzadora. Beizóns para os seus responsables.
Botou andar o blog da asesoría de bibliotecas escolares. Pode atoparse moita información, recursos e enlaces a blogs de bibliotecas escolares e outros espazos relacionados coa lectura. Un punto de referencia. Recoméndoo vivamente.
El Ballestero, un concello de apenas cinco centos habitantes da provincia de Albacete, decidiu poñerlle á súa biblioteca pública o nome de “La lengua de las mariposas“. Os membros do clube de lectura desta biblioteca rebelde (conta con máis socios ca habitantes) deste pobo manchego, nevado con frecuencia en inverno e onde a figura máis temida é o cazador valenciano, quixeron con esta iniciativa recoñecer o compromiso e a valía literaria de Rivas.
O pasado día 17, Manolo acudiu a El Ballestero para descubrir a fermosa placa, realizada por unha ceramista, na que quedou gravada a máis fermosa metáfora sobre a escola republicana. Rivas contoume con excitación a experiencia da súa tarde manchega, na que, ademais, presentou Os libros arden mal e falou das trampas da cultura: “Dende que fun alí, teño un segundo Macondo. Hei volver a El Ballestero.”
Outra iniciativa a emular en Galicia: nomear as nosas bibliotecas con títulos das nosas obras literarias ou co nome dos nosos autores e autoras. Afortunadamente, cónstanos que xa existe a Biblioteca Municipal “Xabier P. Docampo” de Cambre.
A asesoría de Bibliotecas Escolares preparou un gran programa para o novo Encontro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que terá mañá en Compostela. Mágoa non poder escoitar a Celaya e a meu admiradísimo Daniel Cassany, que impartirá unha conferencia co suxestivo título “Ler no século XXI”.
Vía: Comunicación Cultural.
Parolei en dous momentos diferentes do día con senllos amigos que me relataron a súa alegría diante do esforzo de animación lectora que viviron en Colombia, especialmente en Bogotá, Cali e Medellín, cidades que dedican un parte significativa do seu orzamento á lectura. Xa a pasada semana escoitara dúas entrevistas radiofónicas a Sergio Fajardo, o alcalde de Medellín, un político atípico (el autodenominábase “político do seculo XXI”), nas que explicaba que o proxecto de rexeneración cívica e democrática no que estaba comprometido o seu equipo (Compromiso Ciudadano) baseábase na educación e, moi especialmente, no fomento da lectura e das bibiotecas. Mágoa que este discurso esperanzado aínda non calara o suficiente na nosa clase política que considera a lectura como unha parte máis das políticas culturais. Debemos insistir, emulando o lema do Plan Nacional de lecturta do país de Gabo: “GALICIA tamén debería medrar lendo”.
Recomendo moi vivamente a entrevista con Alberto Manguel, o grande sabio sobre a lectura, de quen teño a fortuna de estar lendo estes días La biblioteca de noche (unha marabilla que estará nas librarías nuns días!, na que reivindica o carácter da biblioteca como espazo matricial). Un libro que merecerá unha anotación vagorosa no blog nos vindeiros días.
Da entrevista de onte co sabio lector políglota recollín todas estas afirmacións imprescindibles:

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
