Onte 1098: Chegaron os Formig4s

Formig4s

XG00214801Chegaron do prelo os primeiros exemplares da serie «Formig4s», un novo proxecto de literatura infantil de Xerais, concibido nun diálogo aberto e permanente entre o escritor Pere Tobaruela e o ilustrador e o deseñador Andrés Meixide. O resultado deste traballo de modélica coautoría, desenvolvido ao longo de máis dun ano, é moi satisfactorio e esperanzador. Mesturando o texto literario coa banda deseñada (sen palabras), utilizando a escolla tipografía como procedemento expresivo, cada entrega levará aos catro membros de «Formig4s brigada especial» a coñecer unha das grandes cidades do mundo (nestes dous volumes a París e Nova York) para resolver uns enigmas con alicerces na historia. O carácter prototípico e moi diferente de cada un dos catro heroes (Formos4, Form4il, Fornel4 e Forx4n), xunto a presenza dun seu rival, o Doutor Paumao, un científico que ambiciona a calquera prezo converterse no amo do mundo, artellan unhas tramas novelescas onde se mestura a acción, a intriga e a investigación documental.

XG00214701A serie naceu como un encargo do editor coa intención de completar o noso catálogo dirixido á preadolescencia, a do lectorado que está no tránsito entre o remate da Primaria e do comezo da ESO. Pretendiamos crear unha nova serie de novela de aventuras cuxos títulos contribuísen, ademais do engado da súa lectura e da súa achega á formación do lector literario, a fomentar o interese pola localización xeográfica e o coñecemento histórico. Requirimentos aos que despois engadimos, froito do debate cos autores, o da utilización dunha textualidade híbrida, na que imaxe e tipografía conformasen un novo tecido textual, (o que resultaría novidoso no entorno editorial galego), presentada nun formato de deseño innovador e un soporte coidado e atractivo. Coa ledicia de contar xa nas nosas mans cos dous primeiros títulos destes afoutos e inconformistas Formig4s, cremos que o resultado supera as nosas expectativas iniciais. Xaora, agardamos impacientes a recepción do lectorado e da crítica. Parabéns a Pere e Andrés!.

Onte 1095: O xuíz novelista

Vazquez_TainJosé Antonio Vázquez Taín, o noso xuíz estrela, fichou por Planeta como novelista do xénero policial. Tras o seu debut da man de Teófilo edicións con La leyenda del santo oculto, unha intriga sobre o roubo do Códice Calixtino, o xuíz instrutor do caso Asunta Basterra publica en Espasa Al infierno se llega deprisa. Nas declaracións publicadas onte, afirma que o argumento desta novela, a primeras das tres asinadas con Lara, na que no marco dunha trama de narcotráfico e corrupción desaparece unha adolescente, nada ten que ver nin co caso de Asunta nin co aniversario estes días do seu pasamento, aínda que recoñece que cada lector é libre de ler entre liñas. Máis alá da valoración que en termos morais puidese merecer este seu proceder, sorprende que confese que escribiu esta novela de trescentas páxinas en apenas tres meses, máis aínda cando continúa exercendo a xudicatura na Coruña. Sen dúbida, debeu ser a súa unha escrita a lume de carozo, proba dunha facilidade extraordinaria que para si quixeran moitos dos novelistas profesionais. Canto temos que aprender os editores galegos!

Onte 1094: Zapatillas rotas

XG00225901Relín durante a fin de semana a versión editada de Zapatillas rotas, a quinta novela de Xabier Quiroga. Volvín enguedellarme cunha narración de lectura engaiolante, unha road movie á galega movida cun motor narrativo moi potente, unha estrutura contrapuntística sólida, unha peza escrita toda ela cunha prosa galega de auténtica festa, unha marabilla que flúe coma a seda. Volvín rir a gargalladas con algúns dos enredos relatados, sobre todo os referidos ao comportamento hipócrita que na clase política galega e nalgúns medios audiovisuais provoca a desaparición dun velliño de oitenta e pico anos cuxo mérito é ser sogro dun director xeral dunha Consellaría. Volvín emocionarme cunha historia dun amor imposible que os amantes levaron tatuada nos seus corazóns durante sete décadas. Volvín alporizarme coa violencia brutal contra as mulleres e os maiores, tanto aquela agochada durante décadas nos eidos do privado como aqueloutra utilizada polo estado no devalo moral da sociedade actual. E, sobre todo, volvín conmoverme coa ollada que o narrador deita sobre o mundo das persoas maiores do noso agonizante mundo rural, co valor vivificador da súa memoria, coa narración das rotinas cotiáns dos centros de maiores ou coa afouteza e profesionalidade do seu persoal. Secasí, o deseño de personaxes magníficos como Miriam, a asistenta social, o sarxento Parga, Pepe, a avoa Lola e o avó Xaquín merecen mención á parte. Con Zapatillas rotas, Xabier Quiroga confírmase como un dos mestres da novela galega do noso tempo. Novela conmovedora, divertida, emocionante, memorable. Aventuro, eis a primeira e moi gabanciosa crítica, que será unha obra que interesará a moitos lectores e lectoras. Beizóns, Xabier.

Onte 1088: Galician Wave

SmallStationsAcaban de saír ao mercado inglés os catro primeiros títulos da serie «Galician Wave» que a editorial Small Stations dedica ao mellor da literatura galega en inglés. O primeiro volume da serie Dragal de Elena Gallego, O pintor de sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, A pomba e o degolado de Fina Casalderrey e Aire negro de Agustín Fernández Paz son as catro primeiras novelas dunha serie na que está prevista a publicación en 2015 do segundo Dragal, do primeiro volume da triloxía Ámote Leo A. de Rosa Aneiros e de Cartas de inverno, o clásico de Agustín Fernández Paz. Sete títulos de excelencia, referentes na nosa narrativa xuvenil, todos eles publicados no catálogo de Xerais, traducidos e editados en inglés co agarimo e rigor que lle é propio a Jonathan Dunne. Unha serie que constitúe para o noso equipo editorial un motivo de grande fachenda profesonal. O editor inglés anúnciame tamén a publicación en inglés de Nimbos de Xosé María Díaz Castro e o seu proxecto de ampliar a serie dedicada a narrativa galega contemporánea en ingles con outros cinco títulos: Un millón de vacas de Manuel Rivas, Polaroid de Suso de Toro, Criminal de Xurxo Borrazás, Ruído e Relatos de guerra de Miguel Anxo Murado. Non teño dúbida ningunha que o de Small Stations e o máis importante proxecto aberto para a proxección sistemática da literatura galega no eido anglófono. O tradutor e editor Dunne, pertencente á estirpe dos bos e xenerosos, está abrindo con este traballo un espazo moi valioso para a visibilidade da literatura galega no mundo. Merece o noso maior recoñecemento e apoio.

 

Onte 1086: Roald Dahl Day

8741_IMAGE_0-480,0,435x244,1;0-480,0,870x488,2;481-9999,0,1466x825,2

roald_dahl_dayCelebrouse onte o Roald Dahl Day, a festa anual na que lembramos a un dos clásicos do século XX. Esta edición concide co cincuentenario da publicación de Charlie e a fábrica de chocolate e coa publicación en The Guardian de «The Vanilla Fudge Room«, un capítulo que nunca chegou a ser incluído na lendaria novela de Wonka. O interese pola obra do fillo de Cardiff continúa vivo en millóns de lectores e lectoras do mundo enteiro, afortunadamente tamén en galego, onde a Biblioteca Roald Dahl de Xerais mantén o seu pulo. Aconsello volver sobre a obra de Dahl, a súa ollada sobre a realidade áceda, retranqueira, inconformista, chea de tenrura é hoxe plenamente actual.

Onte 1080: Manuel Rivas en Celanova



Rivas_le_asinatura_no_libro_da_casa_dos_poetas

Acompañamos a Manuel Rivas no acto de entrega do Premio Celanova Casa dos Poetas. Foi unha velada artística na que estiveron moi presentes as figuras de Curros e Celso Emilio Ferreiro, ás que se uniu a do autor d’ O lapis do carpinteiro como outro xornaleiro máis do porvir. As melodías contemporáneas de Zoar ensemble abríronlle a xanela a unha intervención absolutamente memorable de Xurxo Souto que chufou ben chufado a Rivas como «o escritor da épica dos humildes e da rebelión da realidade na procura do inefable«. No seu discurso Rivas, despois de agradecer o premio, referiuse á concepción anticipatoria da poesía de Curros, a de ver outro lado das cousas, utilizando información e emoción. Insistiu na necesidade de facer de Galicia un espazo de vida, desexo e creación, ao tempo que denunciou a situación de emerxencia da lingua, na que se cruzou a liña vermella, reclamando para a lingua «un rescate de pleno dereito, entre todos, coa intención de construír un espazo de simpatía e biodiversidade». Rematou a súa palabras Rivas convidando a brindar por un novo rexurdimento literario e popular.

Escoita a gabanza de Xurxo Souto (12 minutos).

Escoita o discurso de Manuel Rivas (13 minutos).

Onte 1079: «Operación dóce»

Operación-DulceTras Expiación, que tanta pegada me deixara, volvo a Ian McEwan con Operación Dulce, unha novela ambientada no Londres de comezos dos setenta no que se parodia as novelas británicas de espías. A pesar de que ao comezo a atmosfera da Guerra Fría e os enredos laborais e amorosos dos espías do M15 resultan aparentemente intranscedentes, a novela foime enguedellando grazas a prodixiosa estrutura deste artefacto narrativo artellado ao xeito das matrioscas, de relatos dentro de relatos. Axiña sabemos que o autor non pretende competir de xeito ningún coas novelas de Le Carré. Sen renunciar a entreter e interesar ao lector, McEwan manexa outra axenda ficcional, sitúase nun terreo ben diferente. Pretende escrutar nas fendas do amor e do engano, da honestidade e da corrupción, explorando as marxes da mentira e da traizón, que se confunden con grande facilidade coas da verdade e a lealtade. E, sobre todo, interrogando ao lector sobre os límites da propia ficción e da novela como xénero para representar unha época.

Onte 1076: O mar interior de Prado

Aproveitando unha horiña que quedou entre xuntanzas, visitei onte Mar interior, a exposición retrospectiva da obra de Miguelanxo Prado instalada no segundo andar do Museo das Peregrinacións das Praterías. Comisariada por Fausto Isorna e producida por El Patito Editorial, a mostra de 59 pezas orixinais está dividida en dúas salas, a primeira dedicada aos seus traballos iniciais de ilustración e animación, a segunda aos protagonizados polo mar. Produciume particular emoción ver os orixinais das ilustracións de libros publicados por Xerais, dende as da edición de Retorno a Tagen Ata de 1986, pasando polas de Cos pés no aire, Contos de nadal, até as máis recentes de Fantasmas de luz. Como gustei das de Pedro y el lobo, sempre un dos meus traballos preferidos de Miguelanxo, ou da presenza fachendosa daquel Xabarín que entusiasmou a xeración de picariños galegos dos noventa. Xaora, a cerna da exposición está na segunda sala, onde se presentan algúns orixinais de Trazo de xiz de 1993, un dos títulos centrais na obra de Prado, así como os seus universos oceánicos, primeiro o da película De profundis de 2007, despois o de Ardalén, obra mestra coa que obtivo o Premio Nacional de Cómic do pasado ano. Aquí podemos gozar de todos os matices do seu universo mariño, traballados sobre o seu cromatismo lírico e o seu trazo narrativo tan característico dun contemporáneo con espírito de clásico. En ambas as dúas salas hai sorpresas e curiosidades, entre outras, algunhas edicións internacionais dos libros de cómic, os orixinais de cartelaría de festivais ou os deseños dos personaxes de Men in Black da factoría Spielberg. Mar interior constitúe un dos acontecementos culturais e literarios do ano en Galicia. Ben sería que puidese itinerar polo país adiante.

 

Onte 1073: Celso na memoria

celsogrande1No trixésimo quinto cabodano de Celso Emilio Ferreiro procuro de novo o relato das súas derradeiras horas nas páxinas dos seus biógrafos. Coinciden tanto Nicolás como Porteiro e Perozo que foi un pasamento repentino. Aquel xoves, caloroso en Vigo, xantara co cantor Suso Vaamonde, e co seu irmán Luís, que lle agasallara un exemplar de Limiar, o seu álbum no que incluira o poema homónimo de Ferreiro. A primeira hora da tardiña tomara café no Cosmos, a cafetaría da rúa Marqués de Valladares, co pintor Abreu e co xornalista Xosé Antonio Perozo, que pouco despois o acompañaron a súa casa da avenida de Castrelos. No serán, Celso sentiuse mal, sentindo unha grande opresión no peito, polo que decidiu deitarse un rato antes de cear con toda a familia para celebrar a noticia do próximo casamento do seu fillo Xosé María. Celso confesáralle a Moraima que «hoxe non teño acougo». Antes da medianoite chamou polos seus, mais caeu fulminado diante deles. O médico cando chegou só puido certificar o falecemento por «hemorraxia cerebral». Días antes, segundo relata Ramón Nicolás, Celso agasallara a Moraima dous poemas manuscritos, «A noite» e «Abril 72», que ela levaba no bolso e nos que agora identificamos a morte presentida e a derradeira e apaixonada declaración do poeta amante:

«Todo navegante ten un tempo
no reloxio das horas implacables
que marcarán o tempo do naufraxio.
Alerta, capitán:
Por sotavento achégase o trebón.»

Trinta e cinco anos despois, Celso Emilio Ferreiro continúa «enversado» (como a el lle prestaba dicir) en milleiros de lectores e lectoras de diversas xeracións, cantado en ducias de linguas ao son dos ritmos máis diversos. Celso Emilio Ferrreiro, poeta do pobo, sempre na memoria de noso!

Onte 1067: A fada Oriana

fragaMentres engalamos atopo na revista do avión unha versión d’ A fada Oriana, un conto de fadas da Sophia de Mello Breyner. As fadas para a escritora portuguesa son seres da natureza nacidos da nosa capacidade para atribuir vida, vontade e intencións ao que é natural no mundo. A fada Oriana conta a historia dunha fada a quen a raíña das fadas puxo ao coidado da floresta e de todos os seus habitantes, humanos, animais e plantas. Oriana prometeulle que nunca os abanadonaría, dispoñendo a súa morada no tronco dun carballo. Ao ficar amiga dun peixe, que a convidou a contemplar a súa imaxe reflectida no río, Oriana quedou prendida e marabillada polo seu propio reflexo. A vaidade levouna a abandonar a floresta e aos que precisaban dos seus coidados. Como castigo, Oriana foi privada dos seus poderes, comezando un camiño de reparación daquel dano. Un conto de fadas, que alerta dos perigos da autocompracencia, na que con tanta facilidade caemos.

(Entre Porto e Amsterdam).