Onte 405: «As voces baixas», o libro dos espertares

Xosé Luís Méndez Ferrín comezou as súas palabras de presentación d’ As voces baixas diante dun público atentísimo, que a pesar dun serán moi chuvoso encheu a Biblioteca de Estudos Locais da Coruña, reiventando a frase de Luís Pimentel “a poesía é o grande milagre do mundo”. Para o “presidente da RAG e da República das Letras” (como foi recibido por Manuel Rivas) “n’ As voces baixas a linguaxe é unha homenaxe a si mesma, aquí hai outro milagre da humanidade, do valor da poética, da creación e da plenitude da humanidade”. Tras confesar que non sabía como definir o libro, onde se mestura realidade e fición, e insistir en que esta ambigüidade era unha das características das grandes obras literarias, Ferrín aventurou que “será un libro destinado a prevalecer no tempo”. No entanto, cualificouno como “libro de suburbio”, que retrata “onde está o canto da excavadora cunha precisión social-realista, relatando dende dentro a verdade proletaria”. Definiuno, tamén, como “unha novela da Coruña profunda, aa Coruña que nós queremos, a do suburbio na que penetra a luz do faro de Breogán”. Rematou lembrando unha das exclamacións recorrentes no libro do pai do narrador: “Que rebenten as marabillas do mundo!”

Manuel Rivas non ocultou durante todo a tarde a súa emoción nin a importancia e necesidade de facer este libroque confesou “presento coa sensación de ser o primeiro e o último libro”. Definíu As voces baixas como “unha novela, unha lembranza que murmuria”, “nesta páxinas está o puro murmurio da vida do que falaba Juan Rulfo, as voces baixas esas que non queren dominar”. Explicou que “a novela fala dun tempo pasado formalmente, mais que procura o rescate da lembranza, no que ocorre unha alquimia da vida, a vida con vocación de conto”.

Rivas considera que “o tempo no que sucede a novela é un presente recordado, ou dito doutra maneira, é o que Valle Inclán no capítulo sexto de Luces de Bohemia poñía en boca do personaxe do anarquista catalán: ‘outro tempo’. Ese é o da literatura, o tempo no que pretendín escribir este libro”. Definíu As voces baixas como “un libro de espertares” escrito “non sei se polo neno que o protagoniza ou o case vello que vos fala; probablemente por unha terceira persoa, por alguén que está descubrindo con marabilla e estupor a vida nos outros, a das persoas, a dos animais, a das cousas, que adquiren aquí condición animada”. “Un entende o enigma coñecendo a vida dos outros, no encontro entre o eu e o nós”. Rivas insistiu na súa fascinación polas ferramentas, concibidas como “unha orde cósmica, equivalente a unha lectura bíblica”, como confesou que as súas madalenas, como aqueloutras de Proust, foron o recordo da “primeira vez que comín un ourizo de mar” e “os cheiros, entre a tinta e o leite, do taller do Ideal Gallego onde comecei a traballar como meritorio”. Manuel Rivas non ocultou a epifanía do libro, que non foi outro que a lembranza do primeiro medo, compartido con María, a irmá maior, “o fío que vai abrindo paso, tirando das palabras, marcando o ton de todo o libro”. Tampouco esqueceu a importancia na obra da iconografía e da psicoxeografía, dende os os paxaros (cuco, corvos, estorniños), como a das árbores e as paisaxes do Castro de Elviña ou do Corpo Santo, lembrando outra frase do seu pai “é tan ignorante que non sabe o nome das árbores que o rodean”. Para rematar a súa intervención, antes da lectura de dous dos capítulos da novela, Rivas volveu sobre a idea de que “o andar da literatura consiste en establecer conexións. A literatura axúdache a entender a vida, a descubrir cousas que non vías con anterioridade”.

Foto destacada Cabalar.

 

Onte 394: Relato da vida dos humildes

Gocei a tarde enteira coa lectura d’ As voces baixas, a novela de Manuel Rivas que chegará a comezos da vindeira semana ás librarías. Tras varias lecturas en orixinal e probas, esta nova volta co libro xa nas mans volveu entusiasmarme. O relato dos afáns dos membros dunha familia traballadora –un albanel, unha leiteira e catro fillos, que constrúen a súa vida, primeiro na rúa da Marola do Monte Alto e logo en Castro de Elviña, onde rolan os ventos– é a novela da vida de todos os humildes e todos os anónimos. Un argumento tecido cos fíos das súas vidas, dos seus murmurios, dos seus rumores, das súas voces baixas que agariman e doen, onde Rivas atopa o que el expresa como «a boca da literatura». Mais este tamén é un relato de iniciación de dous irmáns, María e Manuel, da descuberta da vida e dos outros, dende o seu primeiro medo ao primeiro amor. Unha homenaxe á fraternidade, unha construción da memoria a partir de sintagmas significativos de emoción, un alegato a prol da beleza da escrita e da lectura. Probablemente, tamén, un dos libros máis rotundamente literarios e inesquecibles do seu autor.

A vídeoentrevista, preparada por Alfredo Ferreiro, foi gravada o 1 de agosto, minutos antes da lectura do adianto do libro. As voces baixas será presentado o 17 de outubro, ás 20:00 horas na Biblioteca Pública Durán Loriga da Coruña nun acto no que acompañará a Manuel Rivas, X.L. Méndez Ferrín, presidente da RAG.

Onte 392: Antón Reixa, ghicho distinto

Divertida e un chisco melancólica foi a presentación en Librouro de Antón Reixa. Ghicho distinto, o libro de conversas preparado por Manuel Xestoso e Xosé Cid Cabido. Conduciu a mesa o xornalista Xosé Manuel Pereiro que soubo utilizar as doses necesarias de sal e pementa para que os autores e o protagonista do libro falasen con escasa inhibición. Xestoso confesou que o libro naceu polo seu interese polo grupo Rompente, «quizais a ruptura maior na poesía galega dende Manuel Antonio». Cid salientou que o libro «é unha reivindicación dos disidentes da cultura galega». Reixa expresou a súa gratitude polo libro que chegou «nunha época da miña vida moi reflexiva, a pesar de que son un tipo disperso». Desvelou o texto do correo electrónico que lle mandou Ferrín tras as eleccións da SGAE: «Irmán Reixa: noraboa por esa ocupación da Presidencia da asociación española de autores».  Confesou que «a perplexidade é a forma que teño de coñecer o mundo» e que «a vida lle foi moi xenerosa, polo que lle estou moi agradecido». Rematou salientando que «o único que é permanente na miña vida é escribir, nunca deixei de facelo», para a continuación ler «Un poema ben intencionando», un peche brillantísimo para o serán vigués.

[Xesús Alonso Montero na presentación en Lugo de «Castelao na Unión Soviética en 1938», 26-09-2012]

A patria do home é o territorio onde tivo esperanzas.

Onte 378: Aid

A pesar das magníficas intervencións de Fran Alonso e María Solar, a estrela da presentación d’ As meigas de Lupa foi Aid. Abondoulle á rapeira viguesa frasear con toda a súa forza e convicción contaxiosa un tema sobre a bretemosa noite da nosa cidade. Os seus rapoemas, nos que adapta aos ritmos da música urbana algúns poemas dos nosos clásicos, como os seus temas propios, expresan unha vibración esperanzadora e un futuro compartido polas novas xeracións para a lingua e literatura galegas. Benvida Aid e a súa disruptiva presenza no noso panorama literario. Merece todas as nosas beizóns.

Onte 376: «As voces baixas» de Manuel Rivas

Traballamos toda a tarde con Manuel Rivas pechando a edición d’ As voces baixas. Quedamos moi satisfeitos da fixación do texto desta auténtica novela da vida que como lectores nos fixo tanto rir coma chorar. Sei que estamos diante dunha obra moi singular, na que o humor e a dor, a memoria persoal e a colectiva se entremesturan con tremenda facilidade, dun xeito natural, grazas a fluidez dunha escrita intencionadamente moi literaria de beleza desbordada (onde pesa cada palabra, onde se mide cada frase e cada oración). Os primeiros exemplares da novela chegarán a comezos de outubro e o primeiro acto de lectura (dunha serie que percorrerá algunhas cidades galegas durantes varios meses) celebrarase o día 16 de outubro na Coruña.

[Alberto Manguel, «El sueño del Rey Rojo», Alianza Editorial, páxina 475]

Ler é a capacidade de entrar nun texto e exploralo ao máximo das nosas habilidades persoais, tomando posesión súa nun acto de reinvención.

Onte 356: «El sueño del Rey Rojo», novo libro de Manguel

Estou enguedellado co novo libro de Alberto Manguel, El sueño del Rey Rojo, outra entrega do arxentino-canadiano arredor da lectura, que concibe como «a máis humana das actividades creativas». Desque en 1998 lin Una historia de la lectura, sigo con enorme interese cada un dos seus libros que publica con excelencia e agarimo Alianza. El sueño del Rey Rojo enlaza coa paixón carrrolliana de Manguel que expresara hai máis dunha década En el bosque del espejo,do que recolleu algúns ensaios. Ambos os dous títulos quedan unidos, ademais, en cadanseu subtítuo que fai referencia ás «palabras e o mundo», sintagma co que Manguel reivindica a dimensión ética da lectura e a súa condición intrinsecamente humana: «considero que somos, en esencia, animais lectores e que o arte da lectura, no seu sentido máis amplo, defínenos como especie». Para Manguel é a palabra impresa a que lle «dá coherencia ao mundo» sendo a experiencia da lectura a que permite que o libro mude de forma nas mans de cada lector ou lectora. A finalidade da lectura, unha das reflexións claves do volume, é «descubrir nun libro o rexistro da propia experiencia». Para Manguel «ler é a capacidade de entrar nun texto e exploralo ao máximo das nosas habilidades persoais, tomando posesión súa nun acto de reinvención». El sueño del Rey Rojo é un libro fermoso, que para min precisa dunha lectura a sorbiños, atenta e demorada. Moi recomendable para letraferidos e amantes da metalectura.

Onte 349:«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro»

Case coincidindo co cincuenta aniversario da publicación de Longa noite de pedra, chegaron os exemplares de control de calidade da agardadísima biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás. Probablemente esta biografía monumental, froito dun traballo de investigación moi concienciudo e demorado, constitúa un dos maiores acontecementos do exitoso Ano Celso Emilio. Do excelente traballo do meu admirado Moncho Nicolás, do que sei se falará devagariño nas vindeiras semanas quixera adiantar e salientar neste adral apenas tres cuestións. Primeira: a amplitude do relato e a diversidade dos milleiros de fontes documentais e orais consultadas debuxan un perfil moi completo do autor de Onde o mundo se chama Celanova. Esta será, sen dúbida, durante moito tempo a biografía de referencia sobre Celso Emilio. Segunda: a integración de parte do epistolario de Ferreiro, até agora completamente inédito, achega numerosas novidades biográficas escritas en primeira persoa, ao tempo que clarifica episodios até agora polémicos. Terceira: o magnífico pulo narrativo de Ramón Nicolás, mesmo a súa vontade de estilo inequívoca, tanto nos capítulos de investigación como naqueloutros «ficcionados», fan engaiolante e amenísima a lectura dun libro que supera as seiscentas páxinas. Esta biografía literaria de Nicolás, como a de Barreiro sobre Murguía ou a de Rodríguez sobre Rosalía, amosan o pulo, tamén en galego, dun dos xéneros narrativos preferidos hoxe entre o lectorado literario. Recomendo todas as tres moi vivamente.

Onte 347: Mestre don Avelino

A figura de Avelino Pousa Antelo convoca simpatía unánime en sectores sociais ben diferentes da sociedade galega porque simboliza o galeguismo pacífico até o lirismo, ao que convocaba Castelao na súa Alba de Gloria.  O pasamento do mestre don Avelino, un carballo case centenario sempre ao servizo da causa de Galicia, supón que politicamente se apagou o derradeiro facho da xeración do Partido Galeguista, as Irmandades da Fala e a Xeración Nós; fendeuse de vez o elo que unía ao nacionalismo contemporáneo co proceso de construción nacional iniciado naquel tempo republicán de soños e entusiasmo. Don Avelino non fixo outra cousa ao longo de case oito décadas que contribuír a alicerzar o soño dunha Galicia dona de seu, orgullosa da súa lingua e da súa cultura (que defendeu até o seu derradeiro salaio), confiada nas súas propias posibilidades e na determinación dos seus cidadáns. Traballou por este soño coas únicas armas posibles para un patriota galego coma el, a confianza cega nas posibilidades da educación pública e da acción política por medio da palabra. Mestre adiantado da renovación pedagóxica da escola rural (socio de honra de Nova Escola Galega), promotor da Escola Granxa de Barreiros, impulsor do cooperativismo agrario, cando se xubilou dedicou as tres derradeiras décadas da súa vida a defender a dignidade da nación de forma insubornable percorrendo os seus camiños e vieiros até onde a súa presenza venerable era requirida e participando como home de acordos en institucións claves do galeguismo nacionalista como as Fundacións Castelao, Bóveda ou a do Pedrón de Ouro. Don Avelino foi un modelo ético dunha peza, espello de honestidade, rectitude, fraternidade, solidariedade, amizade, valores polos que a súa persoa concita o maior agarimo e respecto. Adeus para sempre adeus, don Avelino! Sempre bo e xeneroso, irmán!

Esta anotación foi publicada en Faro de Vigo.