Mapa Literario de Vigo

Dedico o artigo da semana de Faro de Vigo ao Mapa Literario de Vigo deseñado na Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas:

Escribiu o mestre Agustín Fernández Paz que «onde hai unha biblioteca hai unha luz», xa que nesa casa de liberdade que é a biblioteca pública, «onde se respira un aire que non sabe de fronteiras», hai sempre «un punto de luz brillando con intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade». A biblioteca como espazo de privilexio para os libros, onde habitan a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, ríos de palabras que gardan a memoria e precisamos para  entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos.

Lembrei este texto que Agustín publicou con motivo do Día da Biblioteca de 2008, efeméride celebrada cada 24 de outubro para non esquecer a destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada en 1992 durante a guerra dos Balcáns, ao fío da magnífica iniciativa da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas do Calvario de elaborar o Mapa Literario de Vigo. Un proxecto que abre a biblioteca cara o mundo da creación literaria co que se pretende amosar a importancia de Vigo dentro da literatura. Un mapa que deseña dez liñas literarias (como se dun metro urbano se tratase) con setenta e oito paradas bibliográficas (correspondentes a outros tantos títulos) de máis de medio cento de autores e autoras que localizaron en espazos concretos de Vigo os seus contos, novelas, poemas e textos dramáticos. Un mapa literario da cidade nosa aberto á colaboración activa do lectorado para completalo con algunha obra que quedou atrás ou sumando algunha nova localización que non está incluída ou se vaia creando.

Un mapa literario que se ofrece como proposta para que os lectores e lectoras relacionen espazos vigueses con títulos e autores e autoras. Así a liña 01 de Cabral a Lavadores localiza no que foi a fábrica de cerámica de Álvarez algúns dos relatos de Cemiterio de elefantes de Fran Alonso, no Calvario escenas da novela Cabalos e lobos de Fran P.Lorenzo ou de El invierno de las almas desterradas, unha das novelas do alcalde Abel Caballero. Na liña 02, a que percorre o Casco Vello, o mapa localiza na Pedra unha das escenas de En vías de extinción, a novela de María Reimóndez, na Casa Bárcena Os fillos do lume de Pedro Feijoo, na rúa Real Cardume de Xina Vega, na rúa Triunfo Os novelistas utópicos de Manuel Veiga ou na Praza da Constitución Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas. E así poderiamos seguir con cada unha das dez liñas e as súas paradas nas que se van relacionando espazos urbanos con referencias literarias identificadas en cada obra nun traballo utilísimo para a  conformación do Vigo literario.

Proposta tan orixinal como a da Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas, presentada coincidindo co Día do Libro, expresa a capacidade extraordinaria dos textos literarios para fixar lugares da memoria, espazos onde cristaliza e actúa de forma colectiva. Un feito que no caso de Vigo identificamos en múltiples espazos como os da Porta do Sol ou ao pé do Sireno de Leiro, presente en tantos acontecementos vividos por cada un de nós, dende manifestacións, festas a referencias privadas, mais tamén en libros como Sireno, Sireno de An Alfaya, Amor de tango de María Xosé Queizán ou Días contados de Cid Cabido. Como sucede outro tanto con edificios ou establecementos concretos, cristalizados en obras literarias concretas, como é o caso da taberna de Elixio (xa pechada) en A praia dos afogados e Ollos de auga de Domingo Villar, o Marco en Amor de serea de Jaureguizar, o colexio Alemán en Izan o da saca de Xabier Quiroga, o Quiosco das Almas Perdidas do Berbés en O señor Lugrís e a Negra Sombra de Luís Rei Núñez e no poemario Estirpe de X.L. Méndez Ferrín, o cine Roxy en Xeración perdida de Francisco Castro, a cafetaría Van Gogh en O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, a praza de España nalgún dos relatos de Un millón de vacas de Manuel Rivas, as Bodegas Bandeira en A ira dos mansos de Manuel Esteban ou o castelo de Rande en Os Megatoxos e a batalla de Rande de Anxo Fariña, por poñer só algúns exemplos.

Empregando este Mapa Literario de Vigo a cidade nosa convértese en espazo de lectura, un escenario fascinante de soños, imaxes e lembranzas. Mais tamén axuda a coñecer a nosa propia historia e fomenta a lectura das obras dos nosos autores e autoras, boa parte da nosa veciñanza, o que constitúe tamén un orgullo. Xaora, como bo mapa que é orienta na descuberta da propia cidade, nesa actitude de flaneur, do viaxeiro na propia cidade, que tantas veces aquí reivindicamos, utilizando como guía estas seis ducias de obras literarias e como cicerones aos seus autores e autoras. Non hai dúbida que unha biblioteca municipal como a Neira Vilas deita o torrente de luz que gababa Agustín Fernández Paz. Moitos parabéns para os promotores e colaboradores deste mapa que dá tanta e tan boa lectura.

Campo do Fragoso CCXI

O EQUIPO DE SERGIO E BRAIS

O mellor do Celta desta tempada de resultados mellorables é a magnífica resposta dos xogadores da canteira, corazón, cerebro e alma do equipo de noso. E non o digo só polo campionato excepcional de Iago Aspas cos seus (polo menos) vinte goles e coa súa madurez estilística e a plenitude física do seu xogo electrizante que contra vento e marea da prensa capitalina permitiulle gañar un dos billetes indiscutibles para xogar en Rusia a Copa Mundial 2018. Dígoo, tamén, pola achega decisiva de Hugo Mallo e Jonny, hoxe unha das mellores parellas de laterais da liga, como da do debutante Brais Méndez, que cos seus apenas vinte e un anos e con ficha do filial é capaz de asumir responsabilidades máximas na condución do xogo atacante en partidos memorables como os desta pasada semana co Barcelona e co Valencia, nos que foi un dos máis destacados celestes. Sen esquecer, tampouco, a achega dos dous porteiros, tanto a de Rubén Blanco, a pesar da descontinuidade provocada polas súas lesións, como polas actuacións extraordinarias baixo os tres paos de Sergio Álvarez, que tantos puntiños teñen salvado en Balaídos.

Unha canteira da Madroa representada na alfombra do Fragoso onte tamén na dianteira visitante por Rodrigo, outro dos fixos de Lopetegui, e por Santi Mina, que tivo o detalle celtista de non celebrar o golazo co que no 58’ abriu a táboa de marcas para o Valencia, tras un erro garrafal de Pione e unha volea magnífica coa perna dereita ao pao longo. Unha coincidencia de promesas nosas para non esquecer, como esoutra magnífica traxectoria goleira de Borja Iglesias no Zaragoza (polo momento leva xa 16 caroliños), un nove natural que debe volver a Balaídos a vindeira tempada.

Calidade incuestionable da nosa canteira que demostra resulta moito máis eficaz e económico procurar promesas na propia casa ca traelas por unha millonada de fóra. E para mostra temos botóns abondos como os fiascos de Theo Bongonda e de Emre More, no mellor dos casos revulsivos para apenas un cuarto de hora, ou as máis que dubidosas «fichaxes» de inverno do lateral Marzan ou do dianteiro Lucas Boyé, que nada desequilibrante ofreceron cando foron requiridos.

Diante do Valencia, coma xa sucedera o martes co Barcelona, os celestes máis destacados foron Brais Méndez e Sergio Álvarez. O dez mosense, que comeza a ser un fixo para Unzué, asumíu na lameira nosa o liderado do lesionado Aspas, protagonizando algúns lances espectaculares. Brais iniciou a xogada que no minuto 15’ provocaría un claro penalti a Wass, derrubado na área pequena cando intentaba rematar un centro letal de Pione Sisto. No 32’ rematou unha parede que deliñou Maxi e dous minutos despois foi el quen no interior da área filtrou un pelota de gol á que non chegou o charrúa. Como foi o canteirán quen no derradeiro minuto da primeira parte iniciou unha contra en campo propio, conduciu entre os rivais e finalizou cun remate de Pione, tras un cambio de banda de moitos quilates. Unha actuación soberbia, como a protagonizada catro días antes co Barça, que continuou no segundo acto, na que o rapaz de Mos trazou un gran centro cabezado por Cabral na área pequena, que puido abrir a táboa de marcas, cando o Valencia comezaba a darlle un volta de porca ao encontro.

Como destacadísimas foron até catro das intervencións de Sergio, que volveu a soster ao Celta cando os de Marcelino ían con todo a polos tres puntos. No 27’ rexeitou cos pés un xute duro de Pereira dende a dereita nun dos moitos estiróns valencianistas. No 49’ respondeu a un xutazo de Guedes que vimos dentro e no 80” a unha cabezada de Vezo, nunha xogada terrorífica na que os visitantes dispuxeron de até tres rexeites de gol. Con todo, o paradón do partido reservouno o Gato de Caoira para o 89’ cando lle aguantou a Ferrán Torres o man a man que podía desnivelar a igualdade na táboa de marcas.

Un partido moi intenso, tamén, no que o noso admirado Daniel Wass volveu destacar, tanto polas súas chegadas imprevistas dende a segunda liña, na que é un consumado especialista, como polo seu toque de luva no balón parado, que no 62’ utilizou para sacar unha falta dende o lateral moi ben cabezaba cara abaixo por Maxi, que recuperaba así a súa capacidade de goleiro.

Con estes dous traballados empates, que souberon a moi pouco, o equipo de Sergio e Brais case liquida as súas remotas opcións europeas. Queda apenas a honra de desputar un bo derbi diante dun Deportivo moi necesitado e defender con afouteza que o palmarés do celtismo é acreditar no mellor xogo e na mellor canteira galega.

Vigo e a «Colina Encantada»

Dediquei o artigo da semana no Faro de Vigo a reflexionar sobre a arquitectura de papel deseñada en períodos preelectoriais:

Os anos inmediatamente anteriores ás eleccións municipais alentaron sempre a imaxinación dalgúns políticos vigueses capaces de inaugurar entón as maquetas máis extraordinarias. Foi un clásico deste xénero de arquitectura non construída a «Colina Encantada» que o candidato Manuel Pérez incluíu no programa co que o Partido Popular gañaría as eleccións en 1995, no entorno do estraño conflito veciñal da empacadora de Guixar, que desbancou a Carlos Príncipe da alcaldía. Vendíase a «Colina Encantada» como a recreación do mundo medieval en douscentos mil metros cadrados da parroquia de Candeán, onde se arranxarían seis espazos temáticos dunha vila medieval de cartón pedra. A da «Colina Encantada» foi unha maqueta espectacular diante da que se fotografou Manuel Fraga, daquela presidente da Xunta, converténdose dende entón no modelo de ocorrencia fantástica viguesa.

Tras semellante éxito, durante o seu mandato (1995-1999), o único no que o Partido Popular gozou de maioría absoluta, Manuel Pérez recuncou na estratexia encargando un pavillón multiusos a Álvaro Siza, o arquitecto portugués do CGAC de Compostela, mais do que só quedou o rastro do anuncio nas hemerotecas. Xaora, coa excepción de 1991, ano de auténtica gloria para identidade do Vigo de entre séculos, no que o benquerido alcalde Manuel Soto inaugurou monumentos extraordinarios como os Cabalos de Oliveira, o Sireno de Leiro, os Redeiros de Conde e a Porta do Atlántico de Silverio Rivas, a política das ocorrencias xa fora o eixo da axenda de «concelleiros independentes» como Agustín Arca que instalou os volcáns acuáticos que el mesmo deseñara no paseo de Coia e inzou a cidade de canastras de baloncesto por un «Vigo millor».

Xaora, non é doado esquecer as contribucións que fixeron a este xénero de arquitectura virtual as «alcaldías do porto», tanto a de Abel Caballero (2005-2007) como a de Corina Porro (2009-2011). Sendo Caballero presidente da Autoridade Portuaria presentou en 2006 as infografías do Centro Beiramar, un edifico transparente, acristalado, contiguo ao do Auditorio, que dende alí ocuparía catrocentos metros da fronte marítima até os estaleiros de Barreras. Unha edificación destinada a biblioteca (un clásico dende hai dúas décadas), artes e novas tecnoloxías, que se dicía contaría cun planetario, cines, piscina cuberta, pistas de xeo, xardín cuberto e outras marabillas que quedaron no papel. Sen esquecer que tamén foi Caballero en 2007 quen convocou un concurso de ideas para a reforma do eixo central do porto que sería gañado polo arquitecto francés Jean Nouvel. Un proxecto que quedou no caixón do esquecemento, mais que sempre será lembrado pola proposta de construír no extremo do peirao unha torre para un hotel, de idéntica fasquía a dun menhir, mais que tamén propoñía o prolongamento da rúa Colón até o mar cun tratamento de bulevar, o que non perdeu actualidade. Proxecto desbotado de raíz por Corina Porro durante a súa presidencia da Autoridade Portuaria, nun dos seus clásicos desencontros co dende entón alcalde Caballero.

Máis recente é a maqueta da recuperación da Panificadora, a nosa catedral laica en perigo de completa desaparición, aínda que non perdimos as derradeiras esperanzas de que sexa recuperada decontado para dominio público como centro cívico e cultural. Como tamén confiamos que se convertan axiña en realidade outros proxectos da alcaldía como o de construción da Biblioteca do Estado (prevista tamén na Panificadora) nos terreos expropiados para Cidade da Xustiza e as peonalizacións da praza de América e da Porta Sol, esenciais para transformalas en espazos de encontro nos corazóns dunha cidade policéntrica. Secasí, sucede outro tanto cos proxectos de ascensores do Vigo vertical previstos para o parque Camilo José Cela de Torrecedeira e para unir Urzaiz con Pizarro, que se demostraron tan eficaces xa na rúa Segunda República e Camelias.

Actuación do Vigo vertical, porén, que non compartimos en absoluto na Gran Vía, onde a instalación prevista de ramplas mecánicas de Urzaiz á Praza de España malogrará o primeiro bulevar construído en Vigo hai setenta anos e obrigará ao traslado do Monumento ao Traballo, concibido expresamente polo seu autor para o arranque encosto da avenida. Unha intervención tan irreversible como polémica, na que tamén están afectadas as castiñeiras de indias de ambas as dúas marxes da Gran Vía, que amosa a necesidade de establecer canles de participación veciñal e cidadá que con seguridade evitarían males maiores. Por ventura, xa pasou o tempo das ocorrencias de volcáns urbanos, colinas encantadas e megaproxectos de arquitectura de papel, tanto de iniciativa pública como privada, que ocupan varios volumes na historia do urbanismo vigués.

Orzamentos para un devalo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos Orzamentos Xerais do estado e a súa incidencia en Galicia e na Área metropolitana de Vigo:

A pesar de que o PP non ten garantidos os apoios suficientes para aprobar os Orzamentos Xerais do Estado para 2018, o documento entregado no Congreso polo ministro de Facenda expresa a escasa importancia que Galicia ten para o goberno de Rajoy. Lonxe de agravios comparativos entre comunidades, a proposta orzamentaria de Montoro supón, probablemente, as peores contas para Galicia dos últimos quince anos, tanto polo feito de que se reducise o investimento do Estado por baixo dos mil millóns de euros, o que dende 2004 só sucedeu o pasado ano, como polo feito de que esta cantidade de 936,79 millóns de euros supoña unha redución de case un terzo dos 1.363,9 millóns consignados no documento de 2016. Devalo que leva a que Galicia se sitúe entre as comunidades nas que menos se incrementa o investimento real territorializado (apenas un 1,3%), cando esta porcentaxe media é do 15% e acada incrementos en Andalucía do 27%, Madrid do 24% ou no País Vasco do 33,4%, cifra á que non é tampouco allea á contribución decisiva que as cinco actas do PNV puidesen ter á hora da aprobación dos Orzamentos.

Devalo orzamentario do Estado en Galicia no que moito ten que ver a diminución das partidas que o Ministerio de Fomento destina á finalización das obras do AVE (406 millóns de euros), investimentos ferroviarios que supoñen case á metade das achegas para Galicia. Diminucións que se consideramos o investimento real, o efectivamente gastado, se veñen producindo xa dende 2013, e que aventuran que unha vez rematadas ás obras do AVE até Ourense (a data actual prevista de finalización deste tren rápido é 2020), as cantidades orzamentarias para Galicia regresarían aos niveis dos Gobernos de Aznar, anteriores á crise do Prestige. Abonda para prevelo repasar as cantidades previstas por Fomento para outras obras como a finalización da Autovía Lugo-Santiago (47 millóns), a continuidade do polémico Porto exterior da Coruña (30 millóns) e do Porto Seco de Salvaterra-As Neves (13 millóns) ou as partidas do Ministerio de Defensa destinadas á construción de novas fragatas F-100 por parte de Navantia, nun exercicio no que os programas especiais de armamento teñen asignada unha partida de 2.164 millóns de euros e o gasto militar superará os 9.000 millóns, o que supón unha suba do 6,9% con respecto ao ano anterior.

Repaso das partidas asignadas por Montoro para 2018 nas que se detecta que os novos proxectos de infraestruturas galegas, como as actuacións imprescindibles a acometer nas contornas metropolitanas de Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña e Ourense quedan adiadas para os exercicios de 2019 ou 2020, mesmo a pesar de anuncios estridentes con intención electoral como a prolongación da A-52 do Porriño até Vigo por medio dun túnel ou da A-8 pola Mariña Lucense até o porto de San Cibrao, que reciben partidas pequenas apenas para iniciar os estudos previos. Como tamén se adían outras infraestruturas ferroviarias, longamente demandadas, como a mellora do tren a Lugo, a mellora do Feve na costa norte, ou a liña entre Ourense en Vigo por Cerdedo, cuxo custe de máis de dous mil millóns de euros, semella obrigará a deixala como «asignatura pendente» no cartafol dos proxectos adiados sine die, mesmo a pesar da insistencia das forzas sociais e cidadás en reclamala como estratéxica para o desenvolvemento da Galicia sur.

Secasí, o que o documento orzamentario de Montoro asigna á Área Metropolitana de Vigo para 2018, coa excepción dos 24 millóns previstos para o Porto de Vigo, os 32 para diversas actuacións da Zona Franca e os cinco destinados ao remate da nova depuradora, semella propio dunha pedrea destinada a que os xogadores non desistan na ilusión de recibir algún día un dos premios gordos. Así debemos considerar os 20.000 euros destinados polo Gobierno de España á recuperación da muralla do Castro ou os 35.000 euros para o Marco, cantidades ridículas destinadas a proxectos culturais, onde se bota en falta sequera algunha partida simbólica para a construción da Biblioteca do Estado, fose na Panificadora ou nos terreos das Travesas na zona actual dos Xulgados.

Cifras en devalo do goberno Rajoy para Galicia que sabemos serán aínda máis baixas no proceso real de execución orzamentaria, como demostran os estudos da execución na última década das partidas nos diversos treitos do AVE, nas que poucas veces se superou o gasto do 50% do orzamentado, o que obrigou a súa prórroga, desenvolvéndose así un endiañado exercicio de política orzamentaria de ficción. Un proceso moi pernicioso que acumula á débeda histórica que o Estado mantén con Galicia, mais que tampouco é reclamada coa convicción requerida polo Goberno Galego presidido por Feijoo, que non quere incomodar a Rayoy nin acaba de decidir se pretende ou non dar o salto a Madrid.

Campo do Fragoso CCX

ONDIÑAS ASPAS

Un novo hat trick de Iago, o segundo aspazo da tempada, serviu para que o Celta noquease ao Sevilla de Montella, un rival directo na competidísima carreira polas posicións europeas, e para que a bancada de Balaídos nesta liga tan irregular, sexa a nivel de xogo como da conexión da afección co equipo, recuperase a ledicia e o entusiasmo cantando unha tímida rianxeira e que de paso lembrase con gratitude ao Totto Berizzo despedido pola directiva sevillista cando o cadro de Nervión ocupaba posicións de privilexio. Un partido máis igualado do que expresa o contundente catro cero do seu resultado que durante o segundo acto constituíu, ademais, un recital goleiro do Merlín de Moaña, que cos seus tres caroliños de moi alta escola acada os 114 goles en partidos oficiais, superando así o rexistro histórico do mítico Vlado Gudelj e consolidando a súa candidatura para ser considerado xa como o mellor dianteiro celeste de todos os tempos e aspirante indiscutible a levar o nove da vermella no campionato europeo do vindeiro verán.

Os tres goles de Aspas serviron para decantar un encontro no que, porén, foi o cadro andaluz quen levou a iniciativa e na que a parella dos seus dianteiros, Sandro e Ben Yedder contaron con excelentes opcións, mais que nunca foron capaces de superar a Sergio, o gardarredes de Catoira, que ofreceu unha actuación memorable, tamén decisiva para manter a cero a táboa de marcas dos vigueses durante a primeira parte. Dianas do internacional do Morrazo que naceron de dúas asistencias extraordinarias do noso admirado Tucu Hernández, mediocampista de xenerosidade desbordada e vontade inquebrantable, que primero no 57’ filtrou dende a medular para que o de Moaña xutase en carreira entre os dous centrais, e que tres minutos despois ofreceu dende a banda esquerda un servizo en parábola capaz de superar ao porteiro para que Iago marcase case a pracer dende a dereita.

Dous goles de fermosa fasquía, propios dun nove natural, un dianteiro á altura de figuras míticas na historia do noso equipo como a de Pahíño, esoutro internacional celeste da década de 1940, lector de Tolstoi, Dostoievski e Charles Dickens (o que daquela deulle fama de «rojo»), que se caracterizaba tanto pola súa eficacia goleadora como gañador do trofeo Pichichi, que permitiu que o Celta na tempada 1947-48 acadase a cuarta posición na liga e a final de Copa, mais que tamén será lembrado polo seu «fair play» e xenerosidade no xogo cos seus compañeiros. Valores de grande figura que onte tamén expresou Aspas cando no 77’ co hat trick xa ao alcance da súa biqueira nunha contra pasou o balón para que fose Brais Méndez quen marcase, aproveitando despois deforma xa inapelable o rexeite do porteiro ao xute envelenado do canteirán mosense, outro dos destacados de tan feliz tarde. Goles de Aspas que, coma aqueloutros decisivos de Pahíño (56 goles marcou o da parroquia de Navia en todo a súa historia como celeste), deben servir para que o noso equipo recupere azos e posicións de privilexio na táboa clasificatoria.

Xaora, non seriamos xustos se non lembrásemos que no partido de onte foron tamén decisivos os paradóns de Sergio, que durante unha primeira parte na que o Sevilla foi moi superior sostivo el soíño ao cadro de Unzué. Abonda recordar que no minuto 8, Sandro encarouno en solitario, tras un erro garrafal de Roncaglia, e o gato de Catoira aguantou semellante envite. Como incrible foi a parada que cos pés fixo no 43’, cando o Celta xa se adiantara tras un gol en propia meta dos andaluces, tras outro xutazo de Sandro, intervención que, probablemente, decantou o partido para os nosos. Actuación de Sergio que o debería consolidalo na titularidade nesa pugna amical que mantén con Rubén Blanco, esoutro porteiro da canteira, que até agora semellaba que era o que contaba coa confianza do adestrador navarro.

A avultada vitoria celeste diante do Sevilla expresa o valor da canteira nun partido no que interviron até cinco xogadores das diversas xeracións dos formados na Madroa, un feito que non sempre se salienta como merece e quizais os seareiros non valoramos en toda a súa grandeza. Por ventura este Celta que dirixe na lameira a estrela de Iago Aspas posúe idéntica estirpe ao que hai sete décadas capitaneaba no vello Balaídos Manuel Fernández Fernandez «Pahíño», que tamén traballaba para ser convocado para acudir ao Mundial de 1950.

Centros comerciais

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo aos plans de instalación de novos centros comerciais en Vigo:

Non fai falta ser un experto en urbanismo para comprender que a cerna da deboura sobre a ubicación da cidade deportiva do Celta reside na posibilidade de construción dun gran centro comercial e de lecer anexo ás instalacións deportivas. Esa é a intención expresada por Carlos Mouriño na súa máis recente intervención na que lamenta que «o que se lle negou ao Celta se lle está dando a outra xente que non é de Vigo, como está pasando cos proxectos comerciais que hai previstos na cidade», referíndose, sen dúbida, aos centros comerciais Vialia, Recaré, Valadares ou mesmo o máis que controvertido de Porto Cabral, anunciados nalgún caso pola propia alcaldía. Unha polémica protagonizada polo primeiro accionista do Celta, que moi pouco ten que ver con cuestións deportivas, nin sequera co carácter do Celta como insignia viguesa polo mundo, mais que reabre un interesante debate político e cidadán sobre as dimensións, ubicacións, características e criterios de autorización urbanística do novo equipamento comercial previsto na área metropolitana e o seu impacto sobre o pequeno comercio e a propia mobilidade interior no Gran Vigo.

Unha polémica aínda máis complexa de abordar cando Vigo, tras a caída do Plan Xeral de 2008, carece de planeamento actualizado (o vixente é de 1996), o que obriga a acudir a lexislación específica, como a Lei 3/2016 aprobada pola Xunta de Galicia para desbloquear obras de excepcional interese público, como foi a ampliación das instalacións do grupo PSA Citroën. Contexto no que se entenden os máis que razoables argumentos técnicos da concelleira de Urbanismo advertindo que o Celta podería atopar terreos no concello de Vigo para instalar a súa cidade deportiva, pero non para a súa pretensión de promover unha das maiores áreas comerciais do sur de Galicia, como a que anuncia construír en Mos, entre o Mercantil e o Rebullón, de 120.000 metros. O que é román paladino quere dicir que aos propietarios do Celta o que realmente lles interesa é contar con terreos e autorización urbanística para promover un gran centro comercial na área metropolitana. Como sucedera, tamén, coa reforma de Balaídos, nos espazos comerciais está o miolo do litixio entre os intereses (privados) do club e os (públicos) do concello.

Mais abonda con repasar o publicado no Faro de Vigo nas últimas semanas para comprender que nos próximos catro ou cinco anos vaise producir unha auténtica revolución no equipamento comercial en Vigo. No verán de 2022 e cun investimento de 83 millóns de euros Vialia abrirá na estación intermodal de Urzaiz un centro comercial de 90.476 metros cadrados deseñado polo arquitecto Thom Mayne, xirando arredor de Alcampo e Primark como marcas principais. Con anterioridade, probablemente na segunda metade de 2020, o Grupo Eroski poderá inaugurar en Bembrive o centro comercial de Recaré, no que ten previsto construír 70.980 metros cadrados e investir 45 millóns de euros. Xaora, quizais un ano antes, a Zona Franca poida abrir a ampliación prevista do Parque tecnolóxico de Valadares, uns 250.000 metros, a carón do Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se poderían instalar firmas como Ikea. Sen esquecer, a posibilidade de recuperación do megacomplexo de Porto Cabral, que afectaría a 300 mil metros cadrados do monte veciñal de Liñeiriños, se fose incluído no novo PXOM, que en ningún caso e sendo optimistas sería aprobado antes de finalizar o ano 2022.

Coas excepcións do exitoso centro Gran Vía e da sempre concorrida área do Meixueiro, que funcionan con carácter metropolitano, estes novos proxectos comerciais periurbanos semellan alleos ás dificultades que atravesan os centros comerciais urbanos construídos no período de entre séculos, como os da Praza Elíptica, Travesas ou mesmo da Laxe, cuxa oferta actual, aínda no entorno da crise de 2008, moi pouco ten que ver coa que ofrecían os días esperanzosos da súa inauguración. Como tampouco parece considerar esta nova onda viguesa de grandes superficies comerciais, que pretende construír mais de medio millóns de metros cadrados, a crise que este tipo de espazos comeza a  vivir nos Estados Unidos, onde nos próximos cinco anos se estima pechen un 25 %, motivada polo incremento das vendas por internet ou pola saturación desta oferta comercial e de lecer, como xa sucedeu na Coruña onde a apertura do Centro Comercial Marineda supuxo o peche posterior do bautizado como Centro Dolce Vita. Sen esquecer tampouco, coa excepción do pulo comercial das cadeas de vestiario instaladas en Príncipe e Urzaiz, a situación precaria do «comercio tradicional», hoxe case desaparecido das rúas do centro. Considerar todas estas circunstancias e tendencias axuda a entender unha polémica onde é tan doado deixarse levar polas aparencias e confundir allos con bugallos.

Ledicia e Antonio, Vigueses Distinguidos

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao nomeamento de Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro como Vigueses Distinguidos:

O nomeamento de Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro como Vigueses Distinguidos constitúe para eles como poetas e narradores vigueses unha merecida honra da corporación do seu concello, que moito orgulla a Vigo na celebración da Reconquista 2018. Galardoados co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o maior recoñecemento que pode recibir unha obra publicada, Ledicia Costas en 2015 por «Escarlatina, a cociñeira defunta» (Xerais 2014), e Antonio García Teijeiro en 2017 por «Poemar o mar» (Xerais 2016), este primeiro agarimo da cidade onde naceron e na que escriben e publican a súa obra literaria supón, probablemente, para eles un emocionante exercicio de xustiza poética. Xaora, esta distinción constitúe ademais a constatación do éxito colectivo de todas as participantes nos proxectos da literatura infantil e xuvenil e do fomento da lectura en lingua galega, tantas veces agochados ou inxustamente minusvalorados, a pesar de constituír un exemplo da achega formidable da diversidade acuñada polas minorías, en todo caso fantasías realizables das que Ledicia e Antonio son activistas e destacados promotores.

Con esta honra Vigo recoñece popularmente a unha autora e a un autor en lingua galega de xeracións distintas. Ledicia Costas pertence á Xeración da Esperanza, a das autoras que comezaron a publicar coa mudanza de século, no seu caso en 2000, ano no que apareceron no catálogo de Xerais tanto a súa primeira novela xuvenil «Unha estrela no vento», escrita en plena adolescencia, como o seu relato «Negrita» no volume colectivo «Narradoras», publicado na serie Abismos xunto a outras 24 narradoras. Pola súa banda, Antonio García Teijeiro forma parte da Xeración dos fundadores e fundadoras da Literatura Infantil e Xuvenil Galega, a dos autores e autoras que comezaron a súa actividade nos oitenta e noventa do século pasado. Décadas desde as que García Teijeiro é incansable e teimoso promotor da causa da poesía infantil, tanto como autor («Aloumiños» foi en 1988 o seu primeiro poemario), editor (codirixiu a colección «Árbore» da editorial Galaxia, tamén desde 1988, xunto a María Victoria Moreno e David Otero), crítico (desde 1980 colabora nas páxinas de «Faro de Vigo») e docente durante tres décadas no Colexio Possumus. Un labor extraordinario de divulgación e fomento da poesía para a infancia que Antonio foi capaz de estender fóra de Galicia e da propia península, especialmente en Colombia e México, converténdose nun dos referentes internacionais desta angueira literaria.

Mais non esquezamos que Vigo recoñece tamén esta Reconquista a dous dos seus poetas primeiros, pertencentes a unha nómina iniciada hai oito séculos por Martín Codax e Meendiño, fundadores de Vigo como cidade literaria. Non hai dúbida que García Teijeiro é un dos nosos poetas maiores, xa con medio cento de libros de poemas publicados, boa parte deles traducidos, desde que hai xa tres décadas apareceran «Parolando coa vixencia» e «Retorno ós lamentos» (Xerais) até a súa recente e  extraordinaria «Triloxía do Mar» da que forma parte «Poemar o mar», a obra pola que obtivo o Nacional, ademais de «En la cuna del mar» (Creotz 2015) e «Palabras do mar» (Embora 2015). Como tamén é poeta Ledicia Costas, fundadora do colectivo de renovación Poetas da Hostia, xunto a outros poetas vigueses da súa xeración, como Daniel Landesa, María Lado ou Xabier Xil Xardón, creadores dos recitais combate, ademais de autora de «Xardín de inverno» (2012), o conmovedor poemario escrito desde a desolación provocada pola morte da avoa.

Vigo agarima e agradece o traballo de dous dos seus escritores cabezaleiros en lingua galega, desa (para a nosa ventura) longa relación de contemporáneos que teñen localizado en Vigo a súa obra literaria, iniciada por María Xosé Queizán e Xosé Luís Méndez Ferrín, e continuada por Pedro Feijoo, Fran P. Lorenzo, Manuel Esteban, Fran Alonso, Cid Cabido, Domingo Villar, entre outros. Como poeta vigués do mar, Teijeiro dialoga ao longo de toda a súa obra coa tradición milenaria de Martín Codax, mais tamén con outra voces viguesas como as de Xohana Torres de «Estacións ao mar» e «Tempo de ría», María do Carme Krukenberg ou a da inesquecible Xela Arias de «Denuncia do equilibrio». Outrosí acontécelle a Costas como narradora, que reconstrúe nas páxinas de «Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta» (Xerais 2016) aquel Vigo cosmopolita que visitou Verne en 1884, xermolo da cidade en estrépito, a abella da ribeira e a cidade revolcada ao longo do século XX.

O nomeamento de Ledicia e Antonio como Vigueses Distinguidos honra a quen outorga a distinción e á xenerosidade da cidade que os recoñece de forma unánime. Parabéns para eles e para as outras persoas e institucións distinguidas.

O túnel de Elduayen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a proposta de peonalizar a rúa Elduayen:

Na presentación de «Camiñar no Vigo vello», o novo libro de Pedro Feijoo, que na sexta feira pasada reuniu a un cento de persoas na Casa-Torre de Pazos Figueroa, unha das marabillas máis antigas da cidade, situada na antiga praza Vella, ao fío da descrición das case descoñecidas catacumbas viguesas suscitouse dende o público a posibilidade de que o traxecto do túnel previsto na rúa Elduayen, que permitirá peonalizar a Porta do Sol, se alongase até o Paseo de Afonso, o primeiro miradoiro sobre a Ría. Unha medida que, sen dúbida, revolucionaría a intervención urbanística que dende hai tres décadas o Consorcio do Casco Vello ven acometendo con éxito desigual sobre o Vigo vello xa que permitiría suturar de vez a ferida existente, desde a apertura da Travesía da Porta do Sol  á estrada de Baiona (a actual rúa Elduayen), entre o Barrio alto e o perímetro urbano comprendido entre a Porta do Sol e o Berbés. Unha ampliación do túnel que, ademais, permitiría recuperar o Paseo de Afonso e a contorna da Oliveira como o salón de estar de privilexio do Vigo do novo século, sempre que fosen adiante os proxectos de recuperación da Panificadora e do Barrio do Cura, espazos (para a vergonza de todos) hoxe abandonados e cada día máis deteriorados e marxinalizados.

Dos túneles vigueses falou Feijoo na presentación lembrando o que se abriu a finais do século XIX para evitar o paso pola Porta do Sol, o famoso túnel dos Caños que conectaba para os peóns o antigo barrio do Salgueiral, onde hoxe ten a súa sede o Colexio de Arquitectos, coa rúa Vitoria. Unha catacumba da que hoxe quedan vestixios na boca cegada ao remate do canellón dos Caños, esa praciña existente á esquerda do teatro García Barbón, como outra no canellón de Juan Nogueira Alonso, nas inmediacións da Alameda. Como tamén citou Feijoo os túneles existentes baixo as rúas de Santiago, do Pracer e o Paseo de Granada, unha galería que conecta co túnel que baixaba dende o Monte do Castro até a batería da Laxe, fronte ao Náutico. Como non esqueceu tan magnífico cicerone, que tras a presentación guiou a un numeroso grupo de persoas pola rúa Real, describir o túnel do «Tren do Peixe», eses apenas douscentos metros que unían a rúa Afonso XII e a actual de Rosalía de Castro, pasando por Santiago de Vigo, itinerario polo que circulou o tren que sacaba o peixe do Berbés até a clausura das vías en 1963. Relación de túneles vigueses aos que hai vinte anos se uniu o de Beiramar, que sacou o tráfico das Avenidas na controvertida actuación de «Abrir Vigo ao Mar».

A prolongación do túnel da Porta do Sol até o Paseo de Afonso permitiría peonalizar a rúa Elduayen, que fora concibida en 1879, unha vez derrubadas as murallas, no proxecto de apertura de Manuel Fernández Soler, como un vial para aliviar o tráfico no interior da cidade, que entón saía pola rúa Sombreireiros (moito máis longa de como a coñecemos hoxe) e facilitar, en definitiva, a saída cara ao barrio da Falperra e a estrada de Baiona. Travesía de Vigo, que dende 1887 leva o nome de Elduayen, tamén o principal valedor desta primeira avenida viguesa, que unha vez aberta dividiu á metade a vella cidade. Dúas partes moi diferenciadas que, como sinala Pedro Feijoo, co paso dos anos por desgraza acabarían por correr sortes moi dispares.

Xaora, Elduayen, a pesar do seu carácter de vía de circunvalación, por onde sempre pasou o tranvía e un tráfico cada vez máis denso, coñeceu até hai catro décadas unha actividade comercial e residencial vizosa que moi pouco ten que ver coa precariedade actual, a pesar de existir unhas poucas edificacións ben recuperadas. Coa excepción de El Buen Gusto, a Corsetería Imperio e a Farmacia de Crespo, que se manteñen abertos dende hai décadas, non é difícil lembrar que nesta rúa estiveron abertas as galerías de Asefal, a moblaría de Cambón, máis de media ducia de tendas de vestiario como Paños Vergas e Confecciones Gallego (a mítica tenda de don Benjamín), o establecemento de electricidade de Santiago Vidal, librarías como Pax e a editora Cíes de Eugenio Barrientos, así como varios bazares, zapatarías e algunhas reloxarías (como a mítica de Valderas) nos baixos da praza de Argüelles.

De alongarse o túnel de Elduayen, reactivaríase a actividade comercial nesta rúa centenaria e os peóns contariamos coa posibilidade de camiñar sen o bulir dos vehículos dende o Paseo de Afonso até a Farola de Urzaiz. Un fito que alongaría o eixo comercial de Príncipe até a Oliveira, o que previsiblemente contaxiaría, como sucedeu en Pontevedra, a outras rúas próximas, tanto cara o Barrio alto, a Ferrería e a rúa San Sebastián, como cara as rúas que abrazan o barrio do Berbés. Pagaría a pena que a alcaldía valorase as posibilidades de acometer este proxecto que podería ser estratéxico para a recuperación total do Vigo vello.

Campo do Fragoso CCIX

SEDE DE FÚTBOL

Hai derrotas agredoces que teñen sabor a empate e hai empates que destilan o sabor amargo da derrota. Este foi o caso da igualada do serán de onte que deixa ao Celta máis lonxe do seu obxectivo europeo e ao Málaga como pechacancelas, case sen posibilidade ningunha do milagre da salvación. Un empate, pois, que derrota a ambos os dous equipos, tras noventa minutos decepcionantes, sobre todo dos discípulos de Juan Carlos Unzué, que volveron a ser apupados por unha parte da bancada celeste. Asubíos que constitúen apenas o síntoma do descontento que moitos seareiros veñen manifestando de forma privada e ao longo de practicamente toda a tempada co xogo raquítico e a traxectoria errática do Celta do adestrador navarro. Tras o xogo excelente e a intensa ilusión que callou na bancada durante as tres tempadas de Berizzo, na lameira do Fragoso hai moita sede de fútbol, esa materia dos soños que onte non apareceu até os vinte minutos finais.

Xaora, non é doado narrar o que sucedeu nos setenta minutos iniciais sobre a alfombra de Balaídos. Unha auténtica tortura de posesión inútil, de pases e máis pases en espazos inertes por parte de dous equipos que non conseguiron xutar con perigo nin unha soa vez entre os dous paos, xa que non poden ser considerados de tal categoría nin o remate de Pione Sisto no 35’, que saíu moi desviado e levaba escaso veleno, nin o xute raso dende a frontal de Chory Castro por parte dos malagueños no 39’. E o peor do caso, foi que sería difícil identificar neste primeiro período quen era o pechacancelas e quen o aspirante a Europa League, xa que ambos os dous equipos renunciaron a asumir riscos ofensivos, limitándose con escasa intensidade a procurar un roubo ou un erro nalgunha das saídas tediosas do balón, sobre todo por parte de Sergio, un chisco nervioso na súa reaparición na portaría, tras a lesión de Rubén durante o quecemento.

Tras a reanudación non mudaron moito as tornas e o fútbol apenas apareceu na lameira. No entanto, Aspas, moi inquedo e rebuldeiro –recibiu unha amarela por unha discusión con Miguel Torres, o mediático defensa malacitano–, foi entrando en xogo e dispuxo de até catro oportunidades claras de gol, que para o noso abraio desta volta en caso ningún fixeron variar a táboa de marcas, feito ao que non foron alleos dous paradóns de Roberto e unha certa dose de imprecisión do Merlín de Moaña. Diante dun Celta que non carburaba, onde as liñas estaban moi separadas, faltando pouco máis de vinte minutos para o remate, Unzué puxo e marcha o plan b e procurou coa entrada de Radoja e Boyé un fútbol máis directo, rápido e intenso. A bancada animouse e semellaba que o gol celeste chegaría decontado. Tras un gran centro de Lobotka, tívoo Maxi no 80’ nunha cabezaba na área pequena. E tívoo un minuto despois Aspas a porta baleira que errou no remate na área pequena, tras un servizo de Maxi Gómez. Un erro incomprensible da nosa figura, que demostra o carácter azaroso desta disciplina deportiva, que tamén queremos sexa das belas artes.

E como non chegaba o gol celeste, no 89’ foron os malagueños os que tiveron a vitoria a uns centímetros, tras unha gran xogada de contraataque de Keko rematada ao pao esquerdo por Lestienne, todo un golpe de fortuna para os nosos que nese lance puideron perder o partido. Unha xogada malacitana que derramou o vaso e anoxou a algúns seareiros da grada de Río que apuparon con vehemencia a Unzué, un adestrador que non acaba de convencer nin namorar á bancada transcorridas as tres cuartas partes do campionato.

Aínda que cos números na man é posible engancharse á loita polas posicións de privilexio europeo, o máis decepcionante do Celta deste final de inverno, incapaz de enlazar dúas vitorias consecutivas, é a pobreza do seu xogo, dependente da xenialidade de Aspas e da eficacia goleira de Maxi Gómez. O Celta do navarro non é capaz de contaxiar entusiasmo nin sequera doses da ilusión imprescindible para acadar os obxectivos da excelencia. Fáltalle a sede de fútbol que nos presta aos afeccionados celestes, que ben sabemos en que consiste o xogo da serpe e a afouteza celeste. E xa non abondan as declaracións autocompracentes de que somos un equipo pequeno con rapaces da canteira. O Celta ten hoxe vimbios para aspirar a máis.

Memoria do Vigo vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a aparición de Camiñar o Vigo vello, o novo libro de Pedro Feijoo:

Lendo nas páxinas de «Camiñar o Vigo vello» (Xerais 2018), o paseo pola historia da cidade que propón o escritor Pedro Feijoo, lembrei cantos domingos baixei os cento dezaseis chanzos das escaleiras de pedra da Baixada ao Forte, a rúa que vai desde o Paseo de Afonso XII ata a rúa Poboadores, para mercar tres barras na Barroca, cando estaba de panadaría de garda. Como lembrei o itinerario de regreso por Poboadores arriba, deténdome no lavadoiro da fonte da Barroca e axexando no Bar Baiona e nos quioscos agochados baixo a beirarrúa voada do paseo de Afonso, para rematar esculcando nos tebeos e nos libros raros das cristaleiras do quiosco de Pepe «O Coxo», a miña primeira libraría. Como lembrei, inevitablemente, os días nos que levaba a tarteira á panadaría do Barrio do Cura do noso veciño o señor Domingos, a da Oliva, a máis moderna da rúa, ou á Primavera, xusto detrás da casa nosa, situada tan cerquiña da fonte da Falperra, onde co garrafón de cinco litros agardei a miña quenda tantos días de verán, nos que se pechaba o subministro a partir do mediodía.

Lendo neste singularísimo libro de Pedro Feijoo lembrei os regresos furtivos do colexio, atravesando o Barrio Alto, cando non se construíra a casa do concello ao pé do Campo de Granada. Viaxes prohibidas nas que percorriamos (nunca me atrevín a facelo só) a rúa Pracer, pasabamos por diante do que hoxe chamamos o «Banco dos Contos» (onde os feirantes de gando do Campo de Granada sentaban para facer os números do día) e cruzabamos todo o barrio chino, seguindo a rota do Cacholís («Café, chocolate e licores; Ca, Cho, Lis»), os tres bares dos Soto, o Cacholí da rúa San Sebastián, o Cholica da Ferraría e o Lichoca da rúa Abeleira Menéndez, para saír case a correr ao paseo de Afonso, á altura da drogaría La Única. Regresos furtivos que outras veces faciamos pola rúa de Santiago, daquela chea de tabernas mariñeiras moi animadas, camiño que colliamos na entón moi empinada rúa Cachamuíña, á altura da de Víctor, un rapaz tetrapléxico que vendía lotaría e vivía nas casoupiñas máis humildes acaroadas á Panificadora. Itinerario que só nalgunhas ocasións variabamos camiñando a carón do forte de San Sebastián e baixando polas escaleiras da actual Subida ao Castelo, onde aínda se mantén en pé un pequeno pano da muralla de Vigo, preto da antiga porta da Falperra.

Lembranzas activadas pola lectura dun libro suxestivo que propón ao lector que se poña a camiñar de forma calma e serena e se converta en viaxeiro curioso na súa propia cidade. Feijoo suxire adoptar a actitude do «flaneur», defendida por Balzac e Flaubert, a da persoa camiñante que vagamundea sen deriva precisa disposta a sorprenderse e a interrogarse sobre o que sucede ao seu arredor. Actitude hedonista que o pensador francés David Le Breton considera, en ensaios recentes como «Elogio del caminar» (Siruela 2017), tamén unha das formas actuais de resistencia política. Así camiñar polo labirinto de rúas do Vigo vello, tanto do Barrio Alto como aqueloutro que procura o abrazo da ría, permite valorar a fermosura de determinadas edificacións respectadas pola historia, como a casa-torre dos Pazos-Figueroa, a alfaia viguesa do século XVI, como da beleza das cores dun solpor sobre as Cíes contemplado dende as varandas do Paseo de Afonso. En definitiva, camiñar polo Vigo vello como unha forma de entender o mundo, ruar sen interese ningún en mercar cousa ningunha, só polo feito de vivir a experiencia de descubrir e de construír memoria da cidade namorada.

Un libro este novo de Feijoo que, ademais, compila moi valiosa información textual e visual sobre o Vigo vello, unha denominación quizais máis acaída que a de «Casco vello», espazo que identifica co da cidade amurallada (1665) con sete portas e dez baluartes durante douscentos anos. Un libro que se converte tamén en arca da memoria do Vigo desaparecido, dende as edificacións estudadas polo mestre Xaime Garrido aos viguismos da fala e da memoria, recuperados en narracións engaiolantes como as referidas aos muros e castelos perdidos e catacumbas da cidade (Vigo conta até tres galerías e pasadizos ocultos baixo o seu chan), as fontes de Vigo, os bares da Ferraría, a historia da Oliveira, a presenza da Inquisición e  até outros máis novelescos como as da Casa da Collona (o famoso club Abanico da rúa San Sebastián) ou a visita de Mata Hari, que se hospedou en 1916 até en catro ocasións no hotel Continental da Laxe.

Na liña de clásicos de divulgación da historia de Vigo –como esas fermosuras que son «La caracola de piedra» (1982) e «Noutronte» (1994), ambos os dous de Pedro Díaz, ou os tantas veces aquí citados «A cidade e os días» (1960) de Xosé María Álvarez Blázquez e «As rúas de Vigo» (1991) de Lalo Vázquez Gil– o libro de Feijoo ten vontade de obra aberta que sementa no tempo esta nosa cidade de pedra e sombra, luz e auga. Para ler e camiñar o Vigo vello.