Asociación Cultural de Vigo
Dedico o artigo semanal de Faro de Vigo a lembrar a Asociación Cultural de Vigo, cando se fan sesenta anos da súa constitución:
Nunha cidade esquecediza como é Vigo, o sesenta aniversario da constitución da Asociación Cultural de Vigo (ACV) pasou totalmente desapercibido. Unha entidade esencial na estratexia da oposición da esquerda nacionalista ao franquismo en Vigo dende 1966 a 1980, polo tanto do Tardofranquismo de Manuel Fraga á Reforma Política de Adolfo Suárez, que aproveitou a marxe de liberdade aberta pola Lei 191/1964 de Asociacións. Legalizada o 29 de decembro de 1965, probablemente grazas a que foi da man dun grupo de avogados sen sospeita e dun amplo grupo de fundadores vinculados á Caja de Ahorros Municipal de Vigo, como o inesquecible Xoán Bernárdez Vilar, comezou a súa actividade cultural combativa no local de López de Neira en febreiro de 1966. Foi o enxeñeiro de Citroën Camilo Nogueira Román o seu presidente durante os tres primeiros anos, ao que sucedeu o avogado Alfonso Álvarez Gándara, o profesor Xosé Luís Méndez Ferrín e os avogados Xosé Luís Franco Grande e Nemexio Barxa, que dotaron a ACV do necesario dinamismo e continuidade durante unha década.
Foi espallar o uso social da lingua galega o primeiro obxectivo e sinal de identidade da ACV. Nos seus primeiro meses de actividade, a instancias tamén da Asociación Cultural O Galo, creada en Santiago (1961), e a do Facho da Coruña (1963), organizou un ciclo de conferencias sobre «a problemática do galego», iniciado o 19 de xuño coa intervención de Franco Grande sobre «A fixación do galego», coa intención de que lingüistas e escritores establecesen os criterios ortográficos e lingüísticos que serían utilizados nos cursos de galego que as tres asociacións comezaron a organizar. Contribuíron ao prestixio social do galego as súas conferencias no salón do Círculo Mercantil de Príncipe sobre temas económicos, políticos e culturais a cargo das figuras galeguistas. Ademais, a ACV, en colaboración coa coruñesa o Facho defendeu a primeira iniciativa a favor do uso do galego na escola, na que se utilizaron adhesivos colocados nas lúas traseiras dos coches cos lemas «Falemos galego» e «Galego na escola», saídos do prelo da Serigrafía Galega que Álvaro Álvarez Blázquez tiña na viguesa rúa Falperra. Tamén foi moi salientable a iniciativa da ACV de manter o programa radiofónico semanal «Raíz e tempo» conducido pola escritora Xohana Torres en La Voz de Vigo, o primeiro de radio en galego emitido en Galicia tras a guerra civil.
Camilo Nogueira lembra que o local de López de Neira foi lugar de reunión para todos, onde eran frecuentes os rexistros da policía, as chamadas aos directivos para declarar en comisaría como as multas polas súas actividades. A ACV non foi allea ao desenvolvemento das organizacións políticas e sindicais de entón, fose da hai pouco creada UPG, que tomaba impulso, do grupo Galicia Socialista, do PSG como do PCG e das organizacións sindicais de CC.OO. e USO. Xosé González Martínez, que traballou na sede da ACV e incorporou a un grupo de mozos da Asociación Cultural o Castro, formados polo Padre Seixas, considera que a ACV tivo unha praxe transversal da que saíron iniciativas dirixidas a toda a sociedade viguesa. Aquela pluralidade asociativa permitiu que «as experiencias cursadas no seu local fosen novidosas e capaces de artellar un discurso galeguizador», que explica que a folga de 1972 estivese tinguida de ideoloxía nacionalista.
Entre estas experiencias sociocomunitarias, Xosé González, bo coñecedor da historia íntima da ACV, cita a creación da primeira cooperativa de consumo de Galicia (COGALCO), que chegou a contar con varios milleiros de socios e varios centros de distribución de alimentos, entre eles un de tres andares en Travesas, constituíndo unha moi interesante experiencia de economía social. Como arriscada e novidosa foi a organización o 20 de decembro de 1970 do «Festival da Nova Cantiga Ibérica» no vigués pavillón do Carme, presentado por María Xosé Queizán, contando coa participación da Coral Universitaria de Coímbra, Luis Cilía, Paco Ibáñez e Voces Ceibes, que coincidía coa celebración do Consello de Guerra de Burgos e do secuestro do cónsul alemán pro ETA. Como lembra Xosé González que a noite anterior ao Primeiro de maio de 1971 a Brigada Política e Social rebentou a porta do local de López de Neira, ademais da doutras entidades relacionadas coa ACV, como a Fundación Penzol, a Alianza Francesa ou a imprenta Numen de Luis Noia en Velázque Moreno.
Non hai dúbida ningunha de que a ACV polo seu dinamismo e pluralidade foi un centro de formación política e cultural para toda unha xeración da esquerda galeguista e nacionalista viguesa. Unha experiencia de asociacionismo importante, aínda que pouco coñecida como merecen os seus protagonistas, como Nogueira e Ferrín, para os que reclamamos unha vez máis sexan distinguidos coas honras da cidade.




Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir